Rituais serodios aos pés de Santa Tegra

Última actualización o 9 / Decembro/ 2010


Francisco Padín desenterrando un dos potes. Todas as imaxes do post foron cedidas polo autor

Durante o pasado Congreso Internacional do Reino Suevo, compartín mesa de presentación de comunicacións co amigo arqueólogo Francisco Padín, autor dun coidado blog, Novas de arqueoloxía. Agora “retirado” do traballo de campo e dedicado á educación, Padín comunicou aos presentes os resultados dunha escavación do ano 2007, ata ese momento inéditos, levada a cabo aos pés do mítico castro de Santa Tegra. O achado, humilde pero fermoso e atípico, capaz de achegar cor a unha época da que sabemos moi pouco, impactoume. Pedínlle a Padín que me deixara contalo, malia estar aínda inédito, antes de que saian as actas do congreso. De todo corazón agradézolle que me pasara o material para compartir os datos desta fermosa e pequena historia convosco, ocorrida no inicio da nosa serie Repúblicas de Homes Libres, ao final do Imperio Romano e os inicios do Reino Suevo.

No ano 2007, un equipo de arqueólogos estaba a realizar unha escavación de urxencia no lugar de Saa, na parroquia de Camposancos, no concello da Guarda, entre o río Miño e o castro de Santa Tegra. Diferentes achados ao longo do tempo indicaban que a zona mantivera unha ocupación en época romana. Nunha finca, os arqueólogos foron abrindo cadrículas de escavación ata que deron, nunha, cun muro romano que, mercé a un anaco de lucerna atopado nel, puideron datar entre os séculos II e III d.C. Sobre el, había un nivel de derrubo con numeroso entullo e cachote, que Padín puido datar como de época tardorromana, dos séculos V e VI.

A sorpresa chegou cando nunha das catas localizaron un pote cerámico completo “nunha estraña disposición: boca abaixo e sen terra no seu interior”. Eran potes sinxelos, nada luxosos, de aparente produción local, como seguindo o ronsel dunha antiga tradición indíxena, aínda Padín é moi crítico coa súa clasificación. E na outra banda da mesma cata apareceu outro pote máis, baleiro de terra no seu interior. E pouco máis tarde apareceu un terceiro alí ao carón. Os tres coincidían no mesmo: foran depositados moi coidadosamente, posteriormente ao derrubo no que estaban soterrados. Alguén retirara algunhas pedras do derrubo, encaixara os potes boca abaixo no seu interior e volvera tapar o derrubo por riba. Permaneceran séculos así: cando os arqueólogos os retiraron, no seu interior aínda estaba preso dentro -literalmente- o aire da Galicia do século VI. Mercé á presión da terra e das pedras durante 1500 anos, os potes crebábanse ao seren retirados, pero puideron ser recuperados. E apareceu un cuarto pote. Un cuarto pote cunha sorpresa no seu interior.

“Ao levantar o cacharro, depositados no interior, aparecieron anacos de ósos minúsculos nun pequeño montón. Eran diminutos e moi fráxiles, e desfacíanse en pó ao contacto co ar. Dentro daquel cacharro había un animaliño morto”

Sempre me abraiou ese momento, que nunca vivín, se cadra porque en min ficou gravado unha pasaxe que lin, de pequeno, naquela pasaxe de Deuses, tumbas e sabios, o gran libro de divulgación arqueolóxica de C.W. Ceram, e o momento da exhumación dun xoven guerreiro de Micenas que se converteu en cinza segundos despois de abrir en sartego. Así pasou co animaliño que durante uns breves intres os arqueólogos puideron ver baixo Santa Tegra.


Un pote na súa posición orixinal e outro tras ser recomposto en laboratorio.

¿Que era aquelo? Padín contounos que, posiblemente, estabamos ante un ritual ben documentado en época romana: o mundus, un ritual vinculado á fertilidade da terra ou mesmo á fundación de novos lugares. Alguén depositara sobre unhas antigas ruinas de varios séculos atrás catro potes en posición invertida. Para Padín:

“coidamos que en Camposancos achamos restos dunha ceremonia de libación, pola cal se fixo unha ofrenda, contenida nestes recipientes, a unha divinidade ou forza sobrenatural, e que unha vez derramada nun burato na terra, os recipientes foron enterrados como parte do ritual. É posible que esta libación supuxera, polo menos nun caso, o sacrificio dunha vítima, un pequeno animal, que foi enterrado baixo un destes recipientes. O coidado co que foron colocados, cara abaixo, para ser despois cubertos por terra, deixando no interior unha cámara de ar, dá a entender que quizais esta desventurada vítima estivese viva”.


O deus Apolo realiza unha ofrenda tipo mundus.

Posteriormente, o seguinte equipo arqueolóxico atopou na prolongación desta zona de escavación unha tumba de inhumación que podería vincular estes humildes catro potes a un ritual funerario.

Pero o achado fai pensar doutro xeito na Galicia da época e pon en contexto o famoso sermón De correctione rusticorum de San Martiño de Dumio, no que a base de poñelos a parir, San Martiño ofrécenos un abundante catálogo de prácticas pagáns realizadas na Galicia do momento. Naquel momento, sabemos que o cristianismo tiña unha ampla penetración na Galicia urbana, que mesmo exerce, desde a periferia, de canteira de pensadores cristiáns como Idacio e Orosio, dous dos grandes cronistas do momento da caída do Imperio romano e a entrada dos bárbaros. Pero lonxe deses focos de irradiación cultural e do poder, atopamos ancestrais rituais que evocan certo tipo de resistencia cultural. Rituais pagáns coma estes, mantidos na Galicia rural do momento. É o tempo dos castella tutoria, da plebs galaica, dos que se enfrontan aos suevos e os obrigan a pactar, trala caída do Imperio romano.

Non podo deixar de pensar que son grupos que parecen ter a súa propia autonomía, cando menos cultural ou relixiosa, con independencia das turbulencias dun mundo con rápidos cambios de poder. Grupos que, se cadra, son un poder en si mesmo, ata agora escasamente contemplado pola historiografía, que habitualmente só se basea na documentación dos poderosos e que pode distorsionar a nosa percepción do momento nunha Galicia complexa que puido reartellar antigas instancias de poder prerromanas trala caída do Imperio, como aconteceu en Britania. Por iso é importante prestar atención á arqueoloxía para entender este periodo, e deixarse só de interpretar e reinterpretar os textos. Porque de súpeto poñemos caras, obxectos e prácticas a ese outro mundo. Este inverno cru e duro que estamos a padecer non impide a nosa viaxe a través de traballo de campo ata este tempo, pero traballos como o de Francisco Padín apórtannos unha cor e un sentimento absolutamente necesarios para entender este distante mundo.

8 Comentarios

  1. 6 / Decembro/ 2010

    Non hai de qué, amigo Manuel. Non foi máis que unha modesta achega dunha información que ademais é de todos.

  2. siso
    8 / Decembro/ 2010

    Ja tivera a sorte de escoitar ao senhor Padín na súa comunicaçom destes achádegos no Congreso do Reino Suevo em Pontevedra, e dá gusto ler aquí de novo sobre algo tam interesante. Gracinhas tanto a el coma a Manuel por difundilo.

  3. 8 / Decembro/ 2010

    Parabéns polo teu mágnifico blog. Non deixas de obsequiarnos habitualmente con anotacións estupendas e interesantes coma esta. É sempre un pracer facer unha paradiña nel.
    Un saúdo.

  4. 9 / Decembro/ 2010

    Grazas, Herba!

  5. Marimanta
    18 / Decembro/ 2010

    Acabo de descubrir este blog e estou verdadeiramente surprendida polo que se diz dos castelos. Eu fixen há uns trinta anos uma modesta tese de licenciatura sobre castelos medievais e pensei que nao havia mais ninguém interessado no tema. Ainda mais, eu já esquecera todo isto.
    Eu tinha advertido a diferença entre as construçoes que apareciam em topónimos “torre” e as que apareciam em “castelo”; neste útimo caso dava-me a impressao de que o topónimo era outra maneira de dizer “monte”, pois quase nunca se achavan restos neles. A respeito disto, lembro ter lido muito mais tarde que havia restos duma construçao circular nun dos Castelos que aparece perto de Bando, en Santiago.
    O castelo de Outes de que falas noutro posts non sei se é o mesmo que visitei eu aquando da minha tesinha, e tenho un esquema do que aparecia ali daquela.

  6. 18 / Decembro/ 2010

    Marimanta, en Outes hai varios identificados. No blog fálase de dous: o castelo de Ínsua e o Bico do Castelo Grande. Pero ti ao mellor refíreste a un do que aínda non publiquei nada, o coñecido como “Castelo de Outes”, unha fortaleza do XV disputada pola facción dos Altamira contra o Arcebispo compostelán. Está ben localizado, aínda que o acceso actual é case impracticable.

  7. Marimanta
    18 / Decembro/ 2010

    O que eu digo está na estrada da Serra de Outes para Sande, numa aldea que se chama Castelo. O monte chama-se A Torre. Penso que é o que se cita no preito Tavera-Fonseca porque é “roqueiro”.

  8. 19 / Decembro/ 2010

    Si, ese é o coñecido como “Castelo de Outes” ao que me refería antes. Esa fortaleza ten unha boa historia -algo ominosa, e mesmo nalgúns aspectos no mellor estilo escocés-. Un día, cando nos acheguemos aló a tentar facer unhas fotos no medio da matogueira, contareina. Como digo, de todos os xeitos, en Outes hai uns cantos castelos máis que non están na documentación medieval, ou cando menos ata agora non aparecen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *