A escavación do castelo de Portomeiro revela novos datos sobre a Alta Idade Media galega
Repúblicas de Homes Libres
A primeira vez que subín a Brandufe, por empinadas rampas rectas, todo aquel monte estaba cheo de neve, e os muíños de vento parecían cortar o aire máis que mexelo; seguimos as indicacións e achegámonos ata o Castelo Grande. Un poste de telecomunicacións non parecera afectar moito a este pequeno e impresionante xacemento arqueolóxico. Alí viamos, co cachote caído, como unha pequena fortificación fora vencida polos ventos e o tempo pero continuaba alí, relativamente transparente. O paralelo mellor conseguido no seu estado de conservación era Luania, aquel espectacular castelo en Noia. Brandufe estaba alomenos tan ben conservado como Luania porque se beneficiara da mesma condición: a súa gran distancia con respecto a núcleos habitados. O durísimo clima de alta montaña destes montes mazaricás da Ruña tamén impedían que a vexetación sepultara absolutamente o sitio arqueolóxico. Eis o castelo, posiblemente, a máis altitude da provincia da Coruña.
