No corazón do xigante (e III): a Terceira Fortaleza do Pindo

Subindo os montes, descubrimos que as lendas sempre, sempre agochan a realidade. Acompañados polos membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural recoñecemos unha das realidades arqueolóxicas máis enigmáticas e fascinantes da nosa Historia, e das que levamos falando tempo en Capítulo Cero: os Castelos Baleiros.

Os seguidores da serie Repúblicas de Homes Libres lembrarán sen dúbida a referencia aos Castelos Baleiros. Desde o principio da serie queriamos salientar a existencia na costa galega dunha liña de estrañas fortificacións de dimensións enormes e superiores, de longo, a calquer outro tipo de resto arqueolóxico de Galicia. Murallas ciclópeas de mampostería que rodeaban as coroas de montes, e que supuxeron un auténtico enigma para todos aqueles que se achegaron a elas. Desde logo, é nestes momentos, ao meu ver, unha das grandes incógnitas da arqueoloxía galega. Tres destas fortalezas ofrecen materiais inequivocamente romanos ou tardorromanos en superficie: Aloia, Castro Valente e o Faro de Budiño, e outras, coma o Castelo do Galiñeiro, corresponden posiblemente á mesma época. A hipótese que propoño na serie Repúblicas de Homes Libres é que estas fortalezas descomunais son os castella tutiora, as “fortificacións máis seguras” nas que a poboación galaicorromana resistiu os avatares das invasións bárbaras e que puideron ter sido empregados posteriormente ao longo de varios séculos para acoller, en tempos difíciles, á poboación dun basto territorio. Unha das claves da hipótese estaba, precisamente, no factor ‘galaicorromano’.

Toda vez que estas fortalezas eran obras que requirían un considerable esforzo colectivo, parecía suxerente a hipótese de que tiñan que ver cun sentido da organización militar e cidadana moi determinada na Historia en Galicia. Castro Valente ou Aloia están ubicadas en dúas áreas cunha forte romanización, ao carón de localidades administrativas de fundación romana de tamaño medio, como Iria Flavia, Tyde ou a área -en expansión en época tardorromana- de Vicus (Vigo). A existencia de fortalezas similares e cronoloxías tamén idénticas na Meseta ou na Auvernia francesa afianzan esta idea. O noroeste ibérico, segundo autores como Blázquez, presenta a maior cantidade de cidades fortificadas a partir do século III de todo o Imperio Romano. O interesante -ou abraiante- do caso galego é que ese proceso de fortificación se puido aplicar a outros contextos: os do mundo rural galaicorromano. Ante a imposibilidade de fortificar convintemente pequenas vilas no medio dos vales, a poboación da pars maritima Gallaeciae respondeu de xeito maxistral.

Estes Castelos Baleiros serían, xa que logo, a síntese de dúas culturas: o coñecemento e os usos da montaña e da súa topografía por parte do ancestral mundo galaico e dunha capacidade de organización e planificación colectiva influenciada, sen dúbida, polas institucións romanas e do que quedaba delas. Toda vez que sabemos que as divisións territoriais de época castrexa trascenderon ao propio Imperio e chegaron ao mundo suevo, suponse así mesmo que a conquista romana baseouse, en certo xeito, no mantemento de parte do entramado institucional galaico e a súa adaptación aos usos e mandatos do Imperio. Cando o Imperio se debilitou, parte dese antigo mundo galaico continuaba aí e permitiu artellar reaccións defensivas ante a inestabilidade coma os espectaculares Castelos Baleiros. Así pasou, por exemplo, en territorios como as Illas Británicas e o xurdimento de sociedades de xefatura de carácter céltico tras a caída do Imperio, e que deixa ver a historia do Rei Arturo.

Sen embargo, estes días visitamos un novo Castelo Baleiro, ata agora non identificado como tal, que introduce unha maior complexidade a este fenómeno. Trátase da fortaleza do Monte do Pindo. Comprende unha parte significativa do monte e vouvos introducir nas súas características, toda vez que moi pouca xente -mesmo xente que ten visitado o Pindo- se poderá imaxinar que esta extraordinaria paraxe puidera ter sido un dos refuxios seguros dos nosos ancestros, unha “fortaleza no aire”. Aínda que a existencai de muros ciclópeos foi advertida por numerosos cronistas do Pindo, só o intercambio de información a través de Internet, en certo xeito, permitiu intuir a natureza de aquelos estraños muros no monte.

Dous lectores de Capítulo Cero mandáronme, en momentos diferentes, fotografías do mesmo espazo. David Pérez e Elixio Vieites mandáronme fotografías de numerosos muros que parecían pechar valgadas do Pindo. Ambos os dous recoñeceran neses muros as fortificacións que viñamos publicando en Capítulo Cero. Un rápido intercambio de correos coa Asociación Monte Pindo Parque Natural puxéronnos en acción para botarlle unha ollada ao que tiñamos no Pindo.

Acompañados por Xilberto, Mario e Xosé, achegámonos ata os montes do Pindo. Tomamos notas, enviei marcas GPS repetidamente ao meu correo electrónico desde o monte, e os carnotáns leváronnos entre valgadas, ensinándonos os tesouros dun monte que aman profundamente e que mamaron desde pequenos.

O que vimos alí comprendímolo ao momento; aparecían murallas en todas as diaclasas que facía o monte por onde camiñabamos. Ao chegarmos a casa, e volcar xuntos todos os puntos GPS, levei unha sorpresa.

Google Earth, ao reducir o ‘ruído’ derivado da accidentada secuencia de penedos e representar os grandes trazos nun modelo 3D sinxelo, permitía apreciar o que non viramos aló: a coherencia da disposición das murallas. Todas as murallas conformábanse cunha lóxica excelente, formando un circo perfectamente delimitado na topografía cun carácter eminentemente defensivo. Era como un castro xigante, dunhas vinte e catro hectáreas no seu interior -aínda que boa parte delas inútiles, desde o punto de vista de hábitat e prados, non creo que chegue ás 4 hectáreas ‘útiles’-, totalmente determinado pola topografía do terreo. Este circo, que aproveita e se define por grupos de penedos que exercen de barreira natural, alberga no seu interior varios valciños; non é exactamente, como ides ver, unha chaira, xa que descende ao longo de toda a secuencia, pero a disposición orográfica do sitio arqueolóxico é máis que interesante.

Dous cortes permiten apreciar a coherencia do recinto dentro da orografía da área. O rectángulo punteado indica a localización do sitio arqueolóxico.


Levantamento planimétrico do Monte Pindo no eixo N-S


Levantamento planimétrico do Monte Pindo no eixo O-E.

O que vemos aquí é o espazo delimitado pola fortificación. Unha estensa muralla de carácter intermitente que chega a alcanzar un desenvolvemento superior aos 1800 metros. O feito da intermitencia é relevante: do mesmo xeito que en fortalezas coma o Galiñeiro, a muralla clausura os acceso doados ao recinto e converte ao mesmo monte granítico nunha imponente muralla.


Un exemplo de como funciona o sistema. A muralla clausura os pasos.

Sen embargo, hai salvedades interesantes que permiten acreditar, aínda máis, no carácter defensivo da fortificación.

Por exemplo, na posible área de entrada. Unha importante muralla duns 2 ou 2 e pico metros de ancho pecha o acceso ao coñecido coma o Campo dos Coellos de Abaixo.


Muralla que clausura o acceso este do recinto.


Muralla do bastión


Un exemplo do paramento no bastión

Pero o interesante é que pola banda sur deste acceso, a fortificación avanza por enriba das penedías -non do prado- para construír un bastión que protexe o avance ata a posible porta de entrada do recinto. É dicir, o seu uso non é desde logo, gandeiro. O enorme investimento de esforzo para construír esta muralla compleméntase, ademáis, cunha planificación defensiva clara das áreas máis débiles. En xeral, a area este é a que reviste unha maior monumentalidade. Por exemplo, aterrazamentos coma este:

Os construtores da edificación fixeron aterrazamentos entre as penedías e a muralla para poder desplazarse con facilidade por esta parte do recinto. O paso do Este é determinante. Hoxe segue a ser o acceso máis doado ao cumio do Monte Pindo, desde a aldea do Fieiro. O interesante é que, nese camiño cara o cumio, existía o topónimo Os Casteliños. Habería Casteliños?

Por suposto que si.

Nunha área estreita por onde avanza o camiño natural ao monte observamos aterrazamentos e fortificacións de cachote pechando o acceso á área. Aquí podedes ver a topografía do lugar.

Os Casteliños funcionan como un avance no camiño máis doado de acceso ao recinto fortificado, ubicados nun importante punto que tamén responde ao mesmo patrón defensivo de combinar a topografía con intervencións humanas selando aquelo que non pode ser defendido desde as rochas.

O recinto defende unha serie de pequenos vales ricos en auga, mesmo no verán. Aqueles vales, a diferencia da muralla, si xogaron un rol posterior na vida das xentes do que os actuais veciños do Pindo chaman “a Montaña”, as aldeas do interior de Carnota. Deste xeito, o Campo dos Coellos alberga aínda restos de edificacións -posiblemente pastorís- e unha interesantísima tradición que nos conta aquí Xilberto Caamaño:

Xilberto percibe o noso entusiasmo polo que está aparecendo.

-Vouvos levar a un sitio no que o muro este vese moi ben.

Imos camiñando, fóra dos camiños, ata a parte norte deste circo fortificado. Cando chegamos arriba, abraiámonos.

Esta muralla, aillada do tránsito, ocupa uns 2,5 metros de ancho. Para facervos unha idea, é o ancho máximo que ocupa a Muralla de Hadriano, construída polo Exército Romano para protexer Britania dos Pictos escoceses. A muralla de Hadriano oscila entre os 1’8 metros e os 2’5 devanditos. Grazas a este lenzo ben conservado e ao que vimos no Leste, no acceso posiblemente principal, podemos facernos unha idea aproximada da estrutura da muralla.

Aquí, na área norte, a muralla protexe unhas acusadas rampas naturais. Sole comeza a descender por elas.

-Alí hai máis.


Posible gabia/foxo baixo a segunda muralla do norte.

E velaí topamos outra evidencia do carácter defensivo destes muros. Nunha das rampas de máis doado acceso ao recinto, os construtores edificaran dous muros que interrumpían a valgada. O inferior, ademáis -habería que botarlle unha visual detida- parece contar tamén con algún tipo de gabia ou foxo un pouco máis abaixo.

Un aspecto interesante da fortificación do Pindo -e que comparte con outras como o Aloia ou Castro Valente- é a existencia dunha antiquísima igrexa ubicada nun estremo do recinto. Neste caso, é a ermida de Campo de Cortes, perdida nos tempos. A súa única mención podería ser do século X-XI, pero onde están as antigas ruínas, teñen aparecido materiais e inscricións do século XIII. Un aspecto interesante é que ao seus pés parece haber tamén restos de edificacións.

A ermida do Campo de Cortes ten outro estremo ben intrigante. Parece estar estreitamente vinculada cunha pequena cova que está por riba dela. A cova, protexida por un muriño e orixinalmente -polo que recordan na tradición oral- cun enlousado, foi posteriormente ocupada polos escapados da Guerra Civil. Algunhas inscricións antigas -do 36- superpóñense coas que fan algúns cachondos actuais. É alucinante ver aló os restos do medo.

Seguimos camiñando, accedendo á zona sur do recinto. Estamos no Campo da Raíña Lupa e Xilberto Caamaño cóntanos unha versión máis que intrigante da Raíña Lupa. O Monte Pindo está moi vinculado á esta lendaria figura de Compostela. Pero o estraño é que a Raíña ten dúas tumbas no monte.

Unha delas está no Castelo de San Xurxo.

-Baixo a soleira da porta do Castelo de San Xurxo disque está soterrada a Raíña Lupa -dinos Caamaño- pero teño escoitado outra variante. Baixo a soleira da porta do Castelo de San Xurxo está soterrada a Raíña Lupa co seu home.

Interesante matiz o dese home anónimo.


Muralla no Campo da Raíña Lupa

E a outra Tumba? Un aspecto interesante é que a segunda Tumba da Raíña Lupa está nesta estraña muralla que protexe o alto do monte. Aquelo está nun campo chamado da Raíña Lupa, e nese caso, o enterramento mítico tamén está cabo da porta. Deixemos que nola conte Xilberto:

No podo negar que me pareceu fascinante esta estraña relación entre a Raíña Lupa e as portas das murallas. Inmediatamente lembrei unhas importantes escavacións para coñecer aos pobos galaicos e astures: as que dirixiu Ángel Villa no Chao Sanmartín. Alí apareceulles algo sorprendente, algo único no noroeste da Península, pero que conectaba co universo de crenzas do mundo atlántico na Idade do Ferro.

Baixo a porta do castro do Chao de Sanmartín, apareceu unha cista, unha arqueta.

E nesa arqueta estaba soterrada a cabeza dunha muller.

Os arqueólogos asturianos datan este depósito votivo ao redor do Bronce final. Unha muller que protexe a entrada do castro.

Unha raíña soterrada ás portas das murallas míticas do Pindo.

Conclusións?

Cal é a cronoloxía desta fortificación? Non é doado sabelo. Este tipo de fortificacións deberon ser empregadas, na maior parte dos casos, de xeito moi coxuntural, e respondendo a situacións moi graves. A muralla do Pindo veunos a certificar, con todo, a presenza dun importante fenómeno cultural que non ten que ver coa conformación do feudalismo na Alta Idade Media. Coñecemos bastante ben a capacidade económica dos primeiros aristócratas e como se materializaban en pequenos, moi manexables castelos. Isto é outra cousa: responde a outro modelo de sociedade.

A muralla do Pindo leva moi ao Norte a existencia destas fortificacións, que ata o momento tiñamos restrixidas ao sur do río Ulla, e introduce novas cuestións. En primeiro lugar, porque non están tan próximas a áreas claramente romanizadas. Se ben é certo que non é difícil chegar deste a importante poboación de Brandomil -a antiga Grandimiro dos textos romanos- parece que o Pindo nos fai pensar neste movemento de fortificación -se cadra tardorromano e altomedieval- como algo que vai máis alá da resposta vilega ás fortificacións das urbes romanas da Gallaecia.

O Pindo, o mons sacer altomedieval, cambia a súa fisonomía. De dous castelos nas súas estribacións, pasamos a unha gran coroa central rodeada de dúas pequenas fortificacións, se cadra sucedidas no tempo e no espazo. Todo o mundo sabía da existencia destas murallas que aparentemente non tiñan sentido. Pero para comprendelas había que subir montes, percorrer cordilleiras, atopar outras montañas. Comprender é comparar. Saber é viaxar. Viaxar sen parar, de xeito incesante.

Non hai conclusións para a fortificación do Pindo e as xentes que a construíron e a habitaron. Pero despois disto imos tentar ir máis alá. Elaborar documentos formais que permitan iniciar liñas de investigación para tentar comprender unha das realidades máis enigmáticas e sorprendentes da nosa Historia. E teño a sensación de que parte da Historia galega se alumeará aquí, no Monte Pindo.

26 Comments

  1. 12 / Setembro/ 2011

    Fascinante, ao igual que as outras entregas das tuas viagens pindescas. E particularmente maravilhosos me parecêrom os detalhes míticos que topastes relativos à Rainha Lupa. “Sete milhons de ouro na cabeseira e sete milhons de ouro aos pés…” De seguro que nom achego nada novo, mais essas “Tumbas da Rainha Lupa” lembram-me o tema da Tumba da Orca Velha, sobretodo quando falais de que a Rainha Lupa está “soterrada com o seu homem” (tem o seu equivalente no pastor que constrói a tumba de Orca Velha e que acaba soterrado vivo com ela). Ainda que a ORca Velha sempre me lembrou mais a Cailleach Bhearra irlandesa e a Rainha Lupa, em troques, as rainhas irlandesas do tipo Medb…
    Sobre a cabeça feminina na entrada de Chao Samartim, veu-se-me à imaginaçom um dos Mabinogion galeses, concretamente o protagonizado polo gigante Bran Vendigeit, pois a cabeça deste herói foi soterrada também no alto de um monte para proporcionar-lhe protecçom mágica à ilha de Bretanha. E por aí anda também, cavilo eu, o tema da cabeça de Santiago Apóstolo, nom?
    Saúdos.

  2. 12 / Setembro/ 2011

    Moi interesante a próxima lenda da Orca Vella, Ulmo! A verdade é que non reparara nesa curiosa relación. Para quen non a coñeza, aquí se conta:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/10/05/a-orca-vella-de-fisterra-unha-brutal-lenda-da-noite-dos-tempos/

    O mito da Raíña Lupa foi estudado desde moi diferentes perspectivas. Autoras como Mar Llinares considerána como unha invención plenamente xacobea, pero pola contra outros autores como Antonio Balboa ou García Quintela, apostan por unha tradición de longa distancia, de raíces mesmo prerromanas en moitos elementos. O certo é, como teñen sinalado especialistas na formación de Compostela como López Alsina, é que hai unha pulsión nos bispos composteláns do século X en construír mosteiros e castelos nos lugares vinculados claramente coa Raíña Lupa na tradición oral: Monte Lobeira, o Pico Sacro, O Pindo…Aínda que o mito de Lupa aparece por escrito no XVI (corríxanme se me equivoco), a cousa cheira que vén, cando menos, desde o século X por estas razóns anteditas. A maiores, eu estou con Balboa e Quintela en que o mito xacobeo narra un ciclo con partes claramente cristianas e lugares e mesmo acontecementos míticos que nos levan a un universo de crenzas anterior.

    Sobre o do soterramento na porta, eu non son un especialista; no meu caso, é a primeira vez que escoito esas versións e creo, francamente, que non son casuais, aínda que non sei se conectarán con algo tan antigo como unha tradición funeraria e votiva do Bronce, ou serán algo posterior que chegou aí desde outra dirección. Eu creo que si hai algún tipo de vínculo. Como digo, descoñezo se hai máis tradicións orais de soberanas/soberanos soterrados en Galicia á porta de castros ou castelos. Se alguén sabe algo, agradezo que o manifeste, porque o tema é ben interesante.

    No caso do Pindo, o aspecto máis interesante é que se conecte á Raíña Lupa con esta muralla que pecha o cumio, xa que iso sitúa á muralla nun terreo mítico interesante.

  3. Xabres da Teixeira
    12 / Setembro/ 2011

    So podo decir: MOITAS GRACIAS.

  4. 12 / Setembro/ 2011

    Ulmo, dese “lugar inaccesible” tamén escribiches ti nalgures hai non moito por algún lugar perdido na rede. Un lugar que ten paralelos noutros sitios… Aí che queda a intriga, polo de agora. Non penso falar del ata que consumemos. :-)

    Xabres, moitas grazas a moita xente. A clave deste novo xeito de abordar a historia do noso país é a colaboración colectiva. Sen David nin Elixio eu prestaría atención -ata que non as visitara- ás murallas do Pindo. Foron eles os que puxeron ao foco ao norte do río Ulla -todas as grandes fortalezas ata agora estaban ao sur. E a colaboración de Monte Pindo Parque Natural tamén foi notable, sobre todo ao conducirnos ata a muralla máis alta da banda norte, especialmente ben conservada.

    Agora toca elaborar un documento formal para documentar estas realidades arqueolóxicas, con especialistas e comezar a abrirlles tamén un espazo claro na investigación galega. Nestes sitios todo, todo está aberto aínda e o único que sabemos, teño a percepción, é como na caverna de Platón.

  5. 13 / Setembro/ 2011

    http://certo.es/index.php?page=na_cripta

    Xa sabemos que os curas teñen “interese especial” en levar á Raíña Lupa polo seu rego. Pero, por se servira de algo, acabamos de lembrarnos desa señora (outros herexes falan de Lupa como prostituta romana, de onde “lupanar”, pero non pode ser que unha dama tan importante andivese nesas, aínda que nas tradicións relixiosas nunca se sabe. Mirade o caso da Magdalena, por exemplo ;)

  6. 13 / Setembro/ 2011

    Bom, algo de vinculaçom com a sexualidade brutal e libérrima sempre tenhem estas damas, chamem-se Lupa, Medb ou qualquer outra rainha/senhora que responda aos arquétipos célticos. Alonso Romero soubo vê-lo na aproximaçom que fijo a esta figura, e onde via conexons com a própria Orca Velha. Logicamente, essa sexualidade céltica, vinculada à mulher soberana e totalmente desprovista de conotaçons morais, tinha de ser reconduzida pola ideologia cristá por vias como a prostituçom.
    E “Pepa a Loba”? Sempre me ficou a dúvida de se foi umha personagem 100% histórica ou se algo pervivia aí da velha rainha Loba…

  7. Elixio Vieites
    13 / Setembro/ 2011

    Ulmo, se te queres achegar a figura de Pepa a loba recoméndoche o libro “O Doutor Livingstone, supoño” de Carlos G. Reigosa, ed. Xerais. No Apartado III: de antropoloxía, xeografía e Historia, ( páxina 155) adicada un apartado a súa figura. Comeza así: “Pepa a Loba é a figura cume do bandoleirismo galego, conforme sentencio Xavier Clevell en “Bandoleirismo, Romerías y jergas gallegas”. Actuou entre o 1860-80 polas terras de Xermade e Vilalba.

  8. 13 / Setembro/ 2011

    Cóntovos unha cousa ben curiosa. Nun grupo de cabanas “de pastores”, dos moitos grupiños de cabaniñas circulares que inzan a serra do Barbanza cabo dos regatos, hai unha laxe con moitas coviñas -artificiais-, algúns cruciformes, e unha enigmática inscrición: LVPILA.

    A Raíña Loba está por todas partes. :-)

  9. LUCHO
    14 / Setembro/ 2011

    De PEPA A LOBA, o máis recente é PEPA A LOBA de CARLOS G. REIGOSA , edic. Xerais 2006. O nome de loba é porque de pequena cazou unha loba cunha forcada e levouna pola aldea para cobrar, xa que daquela dábanche esmola por lobos ou raposos cazados.

  10. 17 / Setembro/ 2011

    Deixando dito de antemão que Angel Villa Valdes é um dos “meus heróis” e o trabalho feito no Návia simplesmente exemplar tenho que mostrar aqui algumas dúvidas sobre o caráter feminino ou não do crânio do Chão, explico-me:

    Vai anos recordo certo documentário sobre a famoso “crânio” de Hitler que estava em poder dos soviéticos, o caso é que do crânio -supostamente original- só quedava precisamente a calota craneal a mesma parte que temos deste crânio, o documentário centrava-se em averiguar não só se o crânio formava parte desta personagem senão se mesmo era um crânio masculino ou feminino (seria de Eva Braum e não do ditador?). O caso e que vão a Moscu dois estudos do tema dos ossos, antropólogos físicos e espertos em traumatologia a examinar o anaco de crânio, e chegam a conclusão de que é impossível sequer definir em base só a esta parte do crânio -isto é a calota- mesmo se o individuo e feminino ou masculino, pois parez que na calota craneal polo visto não há nenhum rasgo distintivo que tal permita definires a diferença de noutras partes do crânio onde sim que há certo dimorfismo

    Confesso que oir isto, conhecendo previamente o caso do crânio do Chão no que só se conserva unicamente a calota, atribuída sem mais explicações a um indivíduo feminino (polo seu tamanho??)- meu causou uma profunda perplexidade.

    Em resume parez -pelo que em tal se dizia- que o cacho de crânio do Chão tâo pode ser de mulher coma dum home.

    Sem vir ao caso, com todo teno o que engadir: o já citado Angel Villa, escavador do Chão e profissional modelico, esta sofrendo de dois anos a esta parte uma autentica persecução do mais sordido e ignominioso que se possa imaginar, e que se posse ver perfeitamente descrita nesta carta publicada em La Nueva España, por Camino Mayor -outro dos puntais da arqueologia do Principado nos últimos anos- e que recolhim num dos meus bloges vai uns meses:

    http://archeoethnologica.blogspot.com/2011/06/dies-irae-castigo-politico-ao.html

    Pareçe forte, mais é assim. Em fim, pais :-(

    Um Saudo

  11. 17 / Setembro/ 2011

    Concordo totalmente coa ideia dum substrato institucional e organizativo “latente” (por dizi-lo dalguma maneira ;-)), penso que ao respeito e muito interessante a síntese que vai sobre este tema e outros Nicola Terrenato no seu capitulo dum livro traduzido recentemente e que cito neste post:

    http://archeoethnologica.blogspot.com/2011/08/roma-que-nunca-foi.html#comments

    Com todo a minha postagem, tenho que reconhecer, não lhe faz justiça ao artigo do Terrenato, aguda, brilhante e a ratos simplesmente “demolidora”

    Por contra, no extremo contrario do mais clássica das clássicas visões à maior gloria das Glorias de Roma, o que dim alguns por aqui:

    http://elprogreso.galiciae.com/nova/96142.html

    Em fim as comparações …

  12. 17 / Setembro/ 2011

    E agora sim, Boas Noites a todos

  13. 17 / Setembro/ 2011

    Sobre o xénero do cráneo, remítome basicamente ao que dixeron os investigadores e escavadores que publicaron o asunto. Aproveito para poñer unha ligazón ao artigo orixinal, que me esquencera de publicar no post, onde se poden consultar os detalles do depósito e a interpretación que fan os arqueólogos responsables:

    “Depósito funerario y recinto fortificado de la Edad del Bronce en el Castro del Chao Samartín: argumentos para su datación”.

    http://tp.revistas.csic.es/index.php/tp/article/view/86

  14. 17 / Setembro/ 2011

    “¡Lo que tienen es envidia!”. Inmenso!

    En todo caso, Marcial, o fascinante destes recintos é que, obviamente, hai moitas cousas que non entendemos. O que a min me custa máis comprender é, substancialmente, a estrutura social que está detrás. Podemos ter conxeturas pero, obviamente, por agora, só son conxeturas. E cústame comprender porque o rexistro arqueolóxico adoita amosar -non tanto nos achados excepcionais, senón na coherencia dun modelo que se repite máis ou menos ao longo dun territorio- a estrutura social que está detrás del. Así que nas enormes dimensións destes recintos hai cousas que non entendo. En que medida a fortificación tamén obedece a criterios non só militares senón simbólicos? Quen é o responsable dela? Quen a paga? Quen é quen de defendela? Estamos ante unha obra comunitaria ou dunha serie de edificacións feitas a instancia dun poder que organiza?

    Como en todo, hai que estar moi abertos e evitar os xuízos apriorísticos. Por exemplo, ata agora tiñamos ben localizadas as fortificacións en altura nas proximidades de aglomerados medios. Unha opción lóxica -e mesmo acabo de escribilo nun artigo que sairá publicado proximamente- era pensar en que se trataba da mesma resposta defensiva que estabamos vendo nas cidades romanas da Gallaecia. Como sinalou Blázquez, na Gallaecia atópase o maior número de cidades amuralladas de Baixo Imperio, e iso non é ningunha coña, está amosando algo que tampouco acabamos de comprender. Parecía que nestas fortificacións en altura viamos, de algún xeito, algo similar, pero economicamente máis eficiente para unhas comunidades galaicorromanas moito máis reducidas e dispersas. É dicir, viamos isto coma un produto tecnicamente romano. Desde o punto de vista arqueolóxico, ademáis, o caso de Castro Valente é o máis interesante, xa que é o que conserva en planta trazas dunha estrutura de torreóns moi estilo Roma III-IV d.C., e atópase nas proximidades de Iria, un bispado que sabemos que mantivo bastante actividade durante a Tardorromanidade e a primeira Alta Idade Media. É dicir, parecía unha muralla de Lugo, pero en cutre.

    Pero claro, aparece a muralla do Pindo, e aparece nun lugar no que o aglomerado medio coñecido máis próximo é Grandimiro (Brandomil), e está en liña recta (a orografía é máis complexa) a vinte quilómetros do Pindo. Así que faino inhábil como un refuxio de emerxencia para a xente de Grandimiro. E aí aparece outra vez un mundo indíxena do que non sabemos comprender ben por agora. En todo caso, non deixa de ser tamén unha convención. Falamos de galaicorromanos sen saber moi ben que significa iso a altura do século V ou VI en termos de poder e estrutura social.

    Estamos con iso, con todo. A ver se poñemos todo iso ben por escrito nestes meses.

  15. 17 / Setembro/ 2011

    “Su gracilidad y el escaso grosos de las paredes
    parecen indicar que se trata de una mujer” o mesmo poderia aplicar-se a um cranio de adolescente?, pero re-visto e re-lido o artigo vejo que ha um chisco mais de cranio que a calota …meu Teutatis!! e lim este artigo para o meu DEA vai uma porrada de anos

    A verdade, sabendo porque os ingleses e holandeses (sobre tudo) pero também Alemães, alguns franceses etc, dim o que dim, que me digam que todo isso se basa em um ressentimento ancestral dos velhos bárbaros agora convertidos em novos ricos, e que por isso lhe tenhem mania aos estudos clássico, …em fim que me explique daquela porque os dous criadores da ideia de “romanização” são um inglês (Haverfield) e um alemao (Mommsen) e que me explique que pintavam um Winkelmann e um Schliemann andando por Grécia e Roma.

    A mistura que monta entre coisas que não tenhem absolutamente nada que ver é impressionante, e a ratos da a impressão de estar ao respeito do tema mais perdido que um pinguim do ártico num garajem

    Por engadido cuida-se muito de dizer nomes e fala em abstrato de “investigadores americanos” (eu que saiba os americanos não tenhem especial protagonismo nesta polemica, pero em fim como malos oficiais os yankis dam o pego bastante bem, e sobre todo se o publico da conferencia não se entera do tema), porque se dissera que um dos que dim cousas pelo estilo e Simon Keay , por ex.,(e sabendo quem é dentro da arqueologia romana este senhor) a sua postura quedaria bastante em ridículo

    Animo co do Pindo, ainda que já sabes que me temo que vas sofrer o fenómeno do que precisamente falava cum amigo onte -falávamos de petroglifos pero va-le para o caso- e que afeta a todo o estranho e novedoso com respeito ao que se da por aceitado num período histórico determinado, e é que vai haver sempre indivíduos com posto e “prestigio” no período, setor, especialidade, etc., que vam insistir em que falta bibliografia ao respeito (é que o que não esta dito em entre 5 e 105 artigos antes -as vezes- semelha que não pode existir), e sobre todo, e, penso eu que sobre tudo, porque essa bibliografia não a escreverom eles

    Por ponher um ex. e volvendo a Angel Villa quando ele empeçou a escabar o Chao, em asturias os castros eram oficialmente jazigos “romanos”, logo a el lhe deu por excavar debaixo da fases romanas do Navia … e o resto é já historia

  16. 17 / Setembro/ 2011

    Si, son consciente diso que comentas. En todo caso, o tempo é unha virtude que aprendín dos lugueses e aquí vaise con calma. E eu son divulgador, non investigador, así que estas cousas vou con calma.

    Xa adianto que o seguinte paso é, desde o punto de vista científico, unha publicación eminentemente descritiva dos xacementos e os puntos en común entre eles, así como as diverxencias. Pouco máis se pode facer para comezar: máis que interpretación hai que comezar cunha boa descrición, achegando precisión, creando modelos dixitais . Xa andamos niso.

  17. 17 / Setembro/ 2011

    Pergunta chorra: “-Eso no significa que no hubiese existido una cultura anterior a la romana, la castrexa.
    Resposta: “-Tácito escribió que los pueblos de Germania eran grandes. Estrabón, en cambio, dijo que estaban muy segmentaditos, pero era una visión más interesada y subjetiva. Se podrían unir unos y otros, pero al final no lo hicieron, no tuvieron fuerza.”
    Dito doutro jeito: “¿Cómo te llamas? Manzanas traigo”. Parece-me umha entrevista típica das de El Progreso quando se tratam temas deste tipo. Seguramente (segurissimamente) as linhas básicas do discurso de Pereira Menaut, na linha do “Menosprecio del bárbaro y elogio de la romanidad”, estám bem representadas nas suas respostas, mais eu lembro que, na apresentaçom de um livro, certo jornalista de El Progreso veu fazer-me umha entrevista e quando a vim publicada, aquelas respostas das que termava o papel pareciam-se tanto às que eu lhe dera como um romano a um bosquimano (já que de etnias carismáticas vai o tema). E noutra que me figéram para La Coz de la Malicia já nom havia nem por onde colhê-la… À inexatitude na transcriçom das respostas unia-se umha autêntica antologia das mais disparatadas gralhas ortográficas. Disto saberá o Manuel mil vezes máis do que qualquer de nós, mais a incogruência entre o conteúdo da pergunta e o que o entrevistador decide plasmar por escrito da resposta do entrevistado é um mal comum e que amiúdo distorsiona as cousas de um jeito lamentável (já nom sei se intencionado ou nom).
    Mais insisto, o discurso de “tabula rasa” e “don’t touch my Roman” está perfeitissimamente plasmado.
    Saúdos e muitos ánimos!

  18. 17 / Setembro/ 2011

    A todo isto, sempre lembrarei a “definiçom” que se fazia da cultura castreja numha reportagem de El Progreso sobre o Arde Lucus, com motivo da celebraçom das vodas celtas: “En realidad la cultura castrexa no era celta, sino que era una mezcla de pueblos celtas, indoeuropeos y mediterráneos”. E volve por outra! XDDD

  19. 4 / Outubro/ 2011

    Por suposto, Luis, e benvida sexa a súa memoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará