Petróglifos e un mar de cachote no Castelo de Nimo

Last updated on 15 / Xuño/ 2010

Hai uns meses, despois de xantar na Casa Barqueiro de Negreira, decidimos leirear ata onde nos levaran as pistas. Sen saber onde estabamos, o conducir errático dirixiunos ata unhas aldeas no alto dunha serra: Busto de Frades e Vilardante. Non sabiamos onde estabamos, non había un ser humano visíbel en quilómetros á redonda, pero a paisaxe, austera, era a típica das serras galegas. Toxo, xesta, penedías graníticas, horizontes sen árbores, cabalos bravos. Nun cordal, distinguimos unhas penedías máis sobresaíntes. Facendo zoom coa cámara, confirmamos o que sospeitaba véndoo desde abaixo. Entre os grandes penedos naturais había numeroso cachote artificial. Ao seguirmos pola estrada, a nosa sorpresa foi saírmos en Toxosoutos, a aldea de Noia na que está o mosteiro do mesmo nome.

Tardamos pouco en volver. Tras deixar o coche no alto da Costa de Ballo, cresteamos polo estreito cordal do monte ata aquel lugar. Aínda que sospeitaba pola toponimia que ahí había un xacemento (chamábase o Monte do Castelo), non agardaba atopar o que alí vimos. Ao gabearmos polas penedías, amosáronsenos, incribelmente ben conservadas, as ruínas dunha fortificación romana ou, máis seguro, altomedieval. Quen teña visitado o Castelo de San Xurxo no Pindo, pois é unha cousa relativamente similar. Alí enriba, o pedrugallo amoreábase permitindo comprender as diferentes partes da fortificación, que foran caendo cos anos, sen que os veciños levaran a pedra para as súas casas. Toneladas de cachote granítico, de pouca calidade, permitían distinguir, alomenos, tres estruturas e, se cadra, un ou dúas muralliñas polas bandas longas do lugar.

Rapidamente entendimos a finalidade da fortificación xa no momento. Ese cordal de montes está nun lugar espectacular, sobre a famosa devesa de Nimo, un espeso bosque tradicional que sube polo río Tambre. Este castelo non pretendía observar o río, e non se situaba no estremo do cordal, senón observar o serpeante e espectacular devalar da ría de Muros, desde a Ponte Nafonso ata Monte Louro, escollendo para iso a mellor zona de penedos e perdendo visibilidade sobre a zona de Nimo e o río Tambre. Covas verticais cortadas a coitelo (de xeto natural), penedos labirínticos, rodean ao espazo arqueolóxico.

Pero había máis. Na banda sur do castelo, xusto no borde da plataforma de habitación, atopei unha pedra con cazoletas labradas. Serían as primeiras, pero non as últimas.

Continuamos polo prado na cara oeste do castelo. Nun grupo de pedras, atopamos unha curiosa cova que chamou o noso interese. Ciscando por alí, Xurxo de súpeto chamoume excitado. Fun ata o lugar e nos atopamos, por riba da cova, isto. E vou calar a miña opinión e vouno describir unicamente como isto, aínda que, a quen lle interese, se cadra lle conveña saber -e se pode apreciar na fotografía-, que ao carón do profundo suco xorde o lombo de algo similar a unha serpe…

Non tardaron en aparecer máis cazoletas, nunha laxe dese conxunto de penedos pero tamén noutros do mesmo prado.

Cazoletas e estes estraños círculos labrados na rocha, por todas partes. Todos artificiais. Tamén houbera moito traballo de canteiros por aló no seu momento. Un manantial no que bebían os cabalos nacía na parte de abaixo do prado. E seguiamos vendo cazoletas por todas partes, en diferentes pedras. Alzamos os ollos e descubrimos a aldea de Nimo alí abaixo. E, ao carón de nós e da aldea, moi preto, un castro, tamén observando o grandioso espectáculo do sol que morre na ría.

¿Por que tantas cazoletas e círculos aos pés dese castelo? Non o sei. Estiven buscando información na rede sobre o Castelo de Nimo e os petróglifos desa área e non atopo absolutamente nada. Terei que buscar en analóxico, pero se alguén sabe algo, agradeceríalle que me contara algunha cuestión. No vindeiro mes, tentarei visitar as aldeas da zona e o castro de Nimo a ver se obtemos algún dato máis de traballo de campo que nos aclare tantas dúbidas dun lugar tan espectacular.

Polo de contado, aquí tes a localización aproximada dos elementos máis singulares deste espazo. Prefiro ir publicando aínda que non teño todos os datos porque sentín por aí que o concello de Noia estaba cismando en crear un “mirador” no Castelo (ou sexa, con posíbeis elementos: estrada asfaltada, cemento, bloques de pedra, asadores). Igual convén que se fora sabendo que estamos falando dunha estación arqueolóxica cunha relevancia que deberan dictaminar os especialistas

. A nosa impresión, emocionados, é que este é un lugar moi especial. Seguiremos informando.

13 Comments

  1. 25 / Maio/ 2009

    Polo que vexo no mapa, este lugar está xustiño na outra banda de outro monte do Castelo (do concello de Outes, coido), ao que se chega desde a estrada de Ponte Nafonso a Negreira. A este segundo monte do Castelo chégase por unha pista de terra, e tén unha caseta de vixianza no alto.
    Falando de castros e montes… no Castro Valente (ás beiras do Ulla, xa sabes) están facendo (non sei se a remataron) unha pista que soborda toda a montaña e dá a impresión de que debe chegar bastante preto do cumio. Coido que é para repoboación, despois do incendio de 2006… o que non sei é se a pista será moito ou puco “respetuosa” co que hai polo castro. A pista sae desde a estradiña que vai de Sinde á igrexa de San Xoán, para máis señas.
    Saúdos

  2. 25 / Maio/ 2009

    Si, Ricardo, alí hai esoutro castelo ao que lle chaman Cando, creo.

    Outra pista máis no Valente? Ese monte está inzado delas. Un par de pistas forestais escachan xa sen rubor o parapeto. Como estean facendo unha nova, dese lugar non vai ficar ren.

  3. Anónimo
    25 / Maio/ 2009

    Cando é a parroquia á que pertence o monte Castelo, no concello de Outes.

  4. carlos
    25 / Maio/ 2009

    S. Manuel , S. Xusto é do concello de Lousame o cal ,creo recordar,publicou (editou?) algo sobre castelos.

  5. 25 / Maio/ 2009

    Carlos libro que hai máis recente sobre o medievo na zona é O castelo de Outes e os monumentos medievais do Barbanza , publicado en Toxosoutos por Xesús Antonio Gulías. Non sei se te refires a esa publicación. Téñoo na casa. No devandito libro, o autor detalla como era o castelo de Outes -que fica nuns montes por riba da capital actual dese concello- á luz das testemuñas do preito Tabera-Fonseca. E tamén fala dalgunhas igrexas e pazos da comarca. Pero non do Castelo de Nimo do que aquí falamos.

    Tras consultar a algunha xente e peneirar a Biblioteca Xeral da USC, aínda non din atopado ningunha referencia bibliográfica editada sobre a fortaleza medieval ou dos petróglifos adxacentes. Fáltannos tentar acceder á catalogación arqueolóxica oficial da Xunta e do Concello de Noia, a ver se aí. Jorge Guitián visitou o lugar, por certo, para a elaboración da súa tesiña e localizou outros petróglifos.

    Polo de agora, por raro que pareza, aínda imos ser os primeiros que falemos publicamente deste lugar! Non saio do asombro, así que se alguén me quere quitar de tal situación, agradecería calquera referencia bibliográfica ou da tradición oral da zona. Creo que o sitio se está a poñer máis e máis interesante.

  6. 25 / Maio/ 2009

    Ademáis, o castelo está na demarcación municipal de Noia. Pero non se fala nada del no web municipal. Estamos pendentes de consultar o catálogo municipal, a ver que conta.

  7. jmillares
    25 / Maio/ 2009

    No “catálogo” do pxom de Noia non aparece. Tampouco nas normas subsidiarias nin no Restauro. Nesa zona, o único castro catalogado é o Castro Lampreeiro (ou croa do Castro), na aldea do mesmo nome. Está a un quilómetro (máis ou menos) da central hidroeléctrica, seguindo o curso do Tambre cara a súa desembocadura.

  8. 25 / Maio/ 2009

    Abraiante, jmillares, moitas grazas. Eu estaba convencido que algo tería que haber no PXOM de Noia ou nalgún outro instrumento de planificación coma os que nomeas. Xurxo vai tentar buscar estes días no Catálogo da Xunta de Galicia, a ver se atopa algo aí, pero xa me comeza a escamar. Se alí non hai nada, todos estes lugares poderían ser inéditos a nivel legal (e, polo tanto, moi sensibles a accións de algún tipo, como pistas ou parques eólicos).

    Resístome a crer que este lugar non fora publicado previamente. O amoreamento de cachote do Castelo é ben visible desde as aldeas próximas, e está a toponimia… Outra cousa pode ser que ninguén teña apreciado os petroglifos…

    Sigo facendo un chamado por se alguén coñece bibliografía sobre este lugar, ou sabe algo máis sobre este lugar.

    Moitas grazas polas vosas opinións, están a ser de moita axuda!

  9. 25 / Maio/ 2009

    Certo, Montse. Creo que teño o estudo a man. Mañá botareille unha ollada. Gran idea!

  10. Anónimo
    1 / Abril/ 2018

    Hai moitas cousas sen descubir eu coñezo eso moi ben conta as lendas k ali vivian os morros e no castelo do medio hai una cova

  11. Miguel da Pobra
    23 / Abril/ 2018

    No outro Castelo de enfrente, o Castelo de Cando, hai tamén moreas de pedra no cume, aínda que non tanto coma no de Nimo. A zona debeu de ter moito uso medieval (cfr. libro de Ed. Toxos Outos sobre as pesqueiras de lamprea no Tambre). É de todo punto de vista sorprendente que non se rexistrara. Eu pasei por alí hai 2 décadas e o monte “cantaba” desde lonxe), Pensei nos restos dunha actividade mineira..ignorante de min..en calquera caso o lugar é moi coñecido na zona como O Castelo

  12. 25 / Abril/ 2018

    Si, no de Cando alí onde está a caseta, tamén había unha torre. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará