Na procura dos Lordomani (III): viquingos e aristócratas

Last updated on 8 / Xullo/ 2010

Se no post anterior da serie viamos como os labregos galegos se aliaran cos viquingos para ceibarse dun aristócrata opresor, o noso novo post vai rastrear as relacións entre nobres e viquingos en Galicia alí onde atopamos referencias. Coma no anterior, non é doado acceder ás voces dos nobres: coidaron bastante menos o seu patrimonio documental que os cregos.

Coma sempre, presento aquí un resumo da investigación nas fontes, procurando ser fiable nos datos pero tamén atender ao principio da divulgación, que é, en primeira instancia, manter o ritmo e o fío argumental e pensar, sobre todo, no lector. Na futura publicación -de a cabalo entre a divulgación, a ficción e a investigación- que estou a preparar e que se derivará deste fío de posts da Repúblicas de Homes Libres traballaremos algo máis, nos apéndices, moitos dos detalles e decisións sobre a interpretación dos textos. O que vedes aquí, xa que logo, é un texto moi orientado á miña narrativa persoal sobre a cuestión; calquera outra persoa pode ver matices e lecturas diferentes á miña nas fontes orixinais; neste texto hai moito de traballo e visión persoal sobre o asunto e, xa que logo, de creación. Agora ben, como veredes no anexo documental, non me invento nada, só o enfoco e explico desde a miña posición que é, conscientemente, máis xornalística que historiadora.

Como inimigos ou aliados, as ducias de textos que levo lido dan a entender unha cousa: houbo unha presenza viquinga bastante constante no país. Con independencia das vagas puntuais e masivas que contan as crónicas, todo indica que posiblemente greis de normandos ficaron por Galicia como soldados de fortuna, bandoleiros ou noutras actividades. Hai unha frase do bispo compostelán Cresconio -un dos bispos guerreiros que tomaron cargo da sede do Apóstolo de acabalo entre os milenios, e que organizou un gran exército para expulsar a Ulf o Galego- que parece evidente: Cresconio fala na Historia Compostelana que toma medidas para expulsar aos invasores “de raíz”. É dicir, completamente. A diferencia da Igrexa, que saibamos, os nobres non dubidaron en botar man dos normandos para aproveitarse da súa bravura guerreira.

Hoxe imos contar aquí dúas escuras historias sobre nobres galegos e guerreiros normandos:

I. A bubela da morte de Sigurd

A nosa primeira historia ten que ver co rei de Noruega Sigurd Jorsalafar, o organizador da maior expedición viquinga a Terra Santa. En outono de 1108, tras pasar o inverno anterior hospedados na corte de Henrique I o Bastardo en Inglaterra, chegan a Galicia, onde pensaban facerse ricos a base do saqueo.

Eis o verso:

O monarca do pobo que fixo
mover tantas riquezas na terra,
na Terra de Santiago se asentou
para pasar o seguinte inverno.

E aquí chega a nosa historia. Imos avanzar a través dos versos da saga:

Eu escoitei que o xefe do exército castigou
ao insolente conde polo seu débil carácter.
O sangue do mal caudillo
deulla a beber á bubela.

Os vikingos pactaron cun conde o establecemento dun mercado de provisións para a flota. Pero o conde, debido á febleza das terras, non puido manter o mercado ata máis alá do Nadal, e os viquingos atacaron o seu castelo, moi mal defendido, tomaron vituallas e continuaron camiño. Antes, mataron ao conde. O verso da bubela é enigmático, pero aparece no texto orixinal en noruego. ¿Sería un animal emblemático de Sigurd? O poema do vate alude ao ritual pagán do sacrificio trala batalla. O conde galego non só ficaría morto, senón tamén sacrificado e o seu sangue entregado como tributo aos apoios sobrenaturais de Sigurd. Por certo, sempre me chamou a atención que a bubela, no Barbanza, adoita ser un paxaro de mal agoiro. E chamoume a atención porque en certo xeito contrasta coa súa fermosura (aínda que o seu cheiro bote para atrás).

Tras aprovisionarse, os normandos continuarían camiño cara o sur da Península e protagonizarían moitas aventuras, mesmo o famoso episodio da cova de Formentera.

II. Vikingos e Vascos nos Castelos de Rupis e Labio

A historia máis fascinante que imos contar hoxe, e que moi poucos coñecen, acontece no rural do Concello de Lugo. Eu non creo no historiador de salón: é preciso viaxar aos sitios para comprendelos. Para entender as relacións de poder, as distancias, as facilidades e durezas hai que camiñar in situ o escenario dos feitos. Posteriormente, por suposto, no despacho, deben aplicarse as técnicas históricas necesarias. Pero hai que procurar o escenario, mesmo entrevistar ás fontes. Si, en Historia. Hai que preguntar polas cousas, aínda que pasaran hai mil anos. Ás veces pode funcionar.


Fotos: Sole

Imos á historia. Hai unha parroquia no concello de Lugo moi afectada polo despoboamento, Labio, con espesos bosques nos que sobrancean algunhas aldeas moi, moi vellas. A igrexa parroquial, que debeu caer nalgún momento, nunca chegou a erguerse de novo de todo, e conserva a antiga fachada coma un adro. Alí sucederon feitos tremendos hai mil anos. No horizonte do cambio de milenio, o Reino de Galicia, Asturias e León estaba sumido nunha guerra civil pola loita dos territorios de Castela. Non é doado explicar a cuestión en termos de política, pero varios aristócratas galegos erguéronse contra o Rei Bermudo III. Foi un levantamento complexo, duro e con consecuencias inagardadas. Nun documento no que doa o Castro Lapio ao bispo de Lugo, no ano de 1032, o rei mesmo explica os feitos. O Conde Suero Gundemariz e outros cómplices erguéranse contra el e fortificáronse nos altos, nos montes e outeiros. Bermudo acudiu cun exército e refuxiouse na cidade de Lugo, desde a que presentou combates; na comarca do arredor os montes estaban tomado polos rebeldes, que fortificaran rochas e penedos. Á fin o Rei puido vencer aos sublevados. Obrigounos, di o documento, “qui fuerant in superbia fabricatos ad terram redigere“, é dicir, que dos altos nos que construíran as fortalezas volveran a vivir nas chairas.

Entre estes castelos había un: o de Labio, que se mantivo en pé e que debía pertencer de sempre ao rei. Administrábao o titular do Condado Flamoso, un tal Veremundo Vegilaz, pero non era a única fortaleza do territorio do Castrum Lapium. Naquelas terras sucederon feitos tremendos como consecuencia da revolta. Un grupo de vascos -non sabemos como chegaron aí, pero posiblemente fora unha cuadrilla enviada polos aliados navarros de Bermudo III- acuarteláranse nun castelo próximo, sostido nunha grande pena, nun lugar que o rei chama “Alpes Rupis“, é dicir, no monte Rupis. A crónica narra que os vascos cometían asasinatos, roubos e tiñan toda a terra devastadas. Un dos condes rebeldes ao rei Bermudo III, Rodrigo Romániz, escoitou aos monxes, abades e xentes de Labio que solicitaron auxilio. Nalgún momento entre o ano 1028 e 1033 o conde, os seus cabaleiros e -aquí vén o noso- unha Gens Leodomanorum (Grupo de Normandos, Clan de Normandos), atacaron ese castelo roqueiro ubicado no Monte Rupis. Os normandos debían ser mercenarios ao servizo do rebelde Rodrigo Romániz, aínda que non sabemos os termos da alianza. A súa presenza coincide no tempo coa expedición viquinga de Ulf o Galego, que permaneceu durante varios anos -non sabemos se tres ou dez- saqueando Galicia de oeste a leste (chegou ata os Alpes Eccebrarium, din as crónicas, é dicir, ao Cebreiro). Ao mellor o propio Ulf comandaba a ese clan.

O recordo dos vascos debía ser duro: o conde queimou, arrasou, desfixo o penedo para que non quedara nada del. No documento real, ademáis, Bermudo III pide ao bispado de Lugo expresamente que levante naquela ruina de fortaleza unha igrexa dedicada a Santa María e realice a consagración deste lugar. Parece que está esconxurando algo. O Alpis Rupis, di expresamente o Rei, non pode volver ser fortificado. No documento, o rei realiza tamén a doazón expresa do Castro Labio, unha fortaleza un tanto misteriosa. Bermudo alude a ela como un “lugar santo”, e parece santo á antiga, antiquísima usanza. Labio é o centro dese pequeno mundo do Condado Flamoso. No seu “giro“, ao redor del, di o documento, están numerosas aldeas, das que o Castro Labio parece ser límite. Se cadra tamén por algunha cousa que non sabemos, os feitos sucedidos na área de Labio deberon ser moi graves: a teima en santificar, en desmontar o lugar, repítese continuamente no documento. Hai que evitar, di o rei, que calquera “barbaro temerario” desexe posuila; hai que facelo non só fisicamente, destruíndo as súas defensas, senón consagrando e santificando o lugar, ou sexa, esconxurándoo.

¿Poderiamos reconstruír esta topografía bélica mil anos despois? Interesábame enormemente por dous motivos: o primeiro, coñecer o lugar dos feitos. Labio e o Monte Rupis é o lugar máis tanxible do Reino de Galicia no que sabemos que operou un grupo de mercenarios viquingos. O segundo, conseguir datos clave para a nosa aventura cultural: coñecer castelos de finais do século X e principios do XI. Ter un modelo arqueolóxico, unha referencia clara e exacta dunha fortificación adscrita a unha época concreta, a partir do cal poder interpretar outras fortalezas das moitas que levamos mirado.

Comezamos polo Castro Labio. Tiña localizado dous topónimos Monte Castelo na parroquia. ¿Estaría trabucada a cartografía?

Ao carón da igrexa, unha vella sinaloume con precisión o Monte do Castelo.

-Máis enriba, máis enriba, detrás daquela lomba.

Seguimos por pistas, deixando atrás os lagos de Teixeira. Subimos montes ata que o vemos.

O Castelo de Labio erguíase claramente nunha mota sobre o terreo, no punto máis alto de toda a contorna. Ao lonxe, distinguíanse Lugo e as murallas. Este é o Loco Santo, o Lugar Santo do que falaba o Rei [localización], o castelo do Condado Flamoso. Hoxe en día hai numerosa tella, na que se mestura a dunha caseta forestal que xa non existe coa tella medieval, moi abundante. Polas pedras hai numerosas marcas de asentamento, pero nunha delas podemos observar unha pía duns 40 centímetros acompañada de dúas grandes cazoletas en liña.

Desde o castelo estendíase un chan ermo, con grupos de penedos dispersos. Botámoslle unha ollada a aqueles aos que puidemos chegar. Nun deles aparece unha gran pía traballada no borde dunha pedra rebaixada.

Así que este era o lugar santo do rei. Pero, ¿sería o lugar atacado polos vikingos? Baixamos a Rubiás, ao carón do outro Monte Castelo marcado na toponimia (próximo, por certo, a un Montecelo, que xunto cunha referencia no documento, evidencia a existencia dun mosteiro acó). Non é doado distinguilo: todo é bosque. Unha muller nos dá a clave.

-O monte Castelo era onde había unha pena, unha pena moi grande. Abrírona para traer a pedra para as casas da aldea.

Alucinei. A fonte, mil anos despois, contestábame o mesmo do documento: a prominente pena que definía o lugar no que estaba o castelo seguía sendo a clave para identificar o lugar, o Alpes Rupis, é dicir, o monte de Rubiás. Alá nos fumos. Non hai camiño para chegar alí. Hai que seguir un cortalumes e despois subir unha ladeira chea de silveiras, toxos e fentos. Pero de súpeto, sabes que estás no lugar [localización]. Hai un chan. Hai un promontorio, mesmo se distingue unha plataforma que parece rodear de xeito regular o recinto, definido sobre todo polos grandes penedos que enriba fan unha plataforma. E hai o que queda dunha pena, fendida polos canteiros. Sole avisa desde atrás: “Hai tella vella”. Así que aquí estaba o lugar maldito, desde o que os vascos mataron, cometeron secuestros e roubaron.

Imaxínome isto fumegante, co cheiro doce do sangue, despois da batalla, co mesmo silencio que hai agora. Aquí enfronte, apenas a vinte metros, a un grupo de nobres galegos e unha grei de normandos ven arder as madeiras dos muros desta pequena mota medieval. Atrás nosa, entre os piñeiros, penduran os corpos aforcados dalgúns dos malfeitores. O Conde Rodrigo olla para outro lado, marchando monte abaixo cos seus baróns, cando os pagáns nórdicos fan axeonllarse a tres ladróns maniatados, aínda vivos, e con dous golpes precisos e rituais, escachan o seu cráneo mentres chaman á Bubela da Morte para que veña cobrarse a súa presa.

Ao volvermos, chégome onde a vella que nos indicou tan ben como chegar a este lugar sen camiños, maldito para a eternidade, aínda que ela non o sabe. Lembro o que me ensinaron uns bos amigos: hai que devolver o que te dan, hai que coller o que eles saben e devolverllo co que ti sabes. Cóntolle esta historia, para que lla repita ao neto adolescente en canto chegue á casa, e prender outra vez a memoria de hai mil anos en Labio. A cara dela, Sole fotografiouna, é de abraio, de sorprenderse co que lle están a revelar. Nunca sospeitou que tal cousa pasara ao carón da súa casa.

E o que nos quedará sen saber para sempre.

Da localización destas dúas fortalezas puidemos extraer algunhas boas pistas arqueolóxicas. Ambas as dúas, con independencia dos traballos de cantería posteriores que nelas se deberon facer -no castelo de Rubiás foron intensísimos- eran extraordinariamente parecidas. Pequenas motas roqueiras con plataformas superiores, con traballos de levantamento terreo dalgunhas zonas para mellorar a fortificación. En superficie, localízanse múltiples anacos de tella, pero non aparecen masas de cachote. Eran fortificacións construídas, na súa maioría, seguramente con madeira, como era normal noutros puntos da Europa atlántica nese período. Pero hai unha diferencia lóxica. O Castelo de Labio é unha fortificación en altura, lonxe de todo e, á súa vez, no medio de todo, dividindo parroquias e lugares. É o Lugar Santo refirido polo rei. Pero o castelo dos bandidos vascos está no medio do val, ao estilo das fortificacións baixomedievais. Está onde lle resulta máis cómodo para os fins delitivas dos seus habitantes.

ANEXOS DOCUMENTAIS

Saga of Sigurd the Crusader and His Brothers Eystein and Olaf

4. OF KING SIGURD’S JOURNEY.

In spring King Sigurd and his fleet sailed westward to Valland (A.D. 1108), and in autumn came to Galicia, where he stayed the second winter (A.D. 1109). So says Einar Skulason: —

“Our king, whose land so wide
No kingdom stands beside,
In Jacob’s land next winter spent,
On holy things intent;
And I have heard the royal youth
Cut off an earl who swerved from truth.
Our brave king will endure no ill, —
The hawks with him will get their fill.”

Outra versión no orixinal noruego que difire un pouco:

Folkekongen som rådde
for rike gjævest på jorden,
i Jakobsland sitt tilhold
tok så neste vinter.
jeg hørte at hærkongen straffet
svikferd fra frekke jarlen.
blod den raske høvding
hærfuglen gav å drikke.

It went thus: — The earl who ruled over the land made an agreement with King Sigurd, that he should provide King Sigurd and his men a market at which they could purchase victuals all the winter; but this he did not fulfil longer than to about Yule. It began then to be difficult to get food and necessaries, for it is a poor barren land. Then King Sigurd with a great body of men went against a castle which belonged to the earl; and the earl fled from it, having but few people. King Sigurd took there a great deal of victuals and of other booty, which he put on board
of his ships, and then made ready and proceeded westward to Spain.

Documento do Castro Labio


Nota importante: Non controlo moito de latín medieval, así que agradecerei enormemente calquera corrección sobre a miña interpretación do texto.

37 Comments

  1. Pablo
    5 / Xullo/ 2010

    Apaixoante este tema…

    Outro dato:
    Googleando un pouco encontrei a aldea abandonada (ou destruída, no século XIV) de Abuín, na parroquia de Leiro, concello de Rianxo, Algúns a relancionan co asentamento de Lodemanos (mencionado nun documento do século X) e pensan que Abuín foi unha aldea de descendentes de vikingos asentados depois dun pacto co bispo… ata que se lles ocurriu volver ás andadas e roubar no mosteiro de Armenteira.
    Por desgracia, a fama da aldea de ter un tesouro escondido deixouna con pouco máis que as paredes de pedra.

    Castelao xa falara dela, pero supoño que descoñecía a suposta orixe vikinga: http://www.manuelrivas.com/cousas/caminho.htm

  2. Fran
    5 / Xullo/ 2010

    Vaise poñendo a cousa máis emocionante a cada post novo! Por se pode serviche de axuda nesta ou noutra serie: <a href="".

  3. 5 / Xullo/ 2010

    Grazas, Fran e Pablo pola info! Pablo, sobre Abuín hai moitas historias O certo é que a aldea abandonada debe ser do século XIX, pero a lenda de Armenteira é ben chamativa, sen dúbida; o interesante destas cuestións tamén é todo o que provocan a nivel lendario, tanto na cultura de masas como na cultura popular actual.

    Hai un vídeo de Íker Jiménez sobre Abuín co que se pode un botar unhas risas:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/12/10/iker-jimenez-e-a-aldea-maldita-de-rianxo/

    Non hai unha tradición popular sobre os normandos en Abuín, que eu saiba. Pero o lugar tamén é fascinante, sen dúbida.

  4. 5 / Xullo/ 2010

    Por certo, se queredes visitar o castelo de Rubiáns (o da batalla de galegos, normandos e vascos), un aviso: o cortalumes ESTÁ CHEO DE CHINCHES. Xa van quitadas unhas quince do meu corpo. Ide ben tapados.

  5. Pablo
    5 / Xullo/ 2010

    Vaia, e eu que pensaba que xa tiñamos aí un asentamento permanente!! A relación con Lodimanos vina neste post (parece que recente) de Enrique Rajoy (disque notario e primo do inefable Mariano), pero descoñezo o rigor histórico que lle bota o home ou as súas fontes.
    http://blogs.que.es/18285/2010/5/24/abuin-pueblo-abducido

  6. 5 / Xullo/ 2010

    Si, si, é tremendo. Que conste que o ciclista Rajoy este fai mención a outro sitio noutro post no que estou interesadísimo. Ata cheguei mesmo a planear unha excursión.

    O blog ese, por certo, é divertidísimo. Grazas por postear a ligazón, Pablo, -eu tíñaa perdida nalgún remoto lugar do delicious-; seguro que moitos dos lectores de Capítulo Cero vanse divertir con el.

    Un día teremos que ir facer unhas boas fotos a Abuín.

    Na Pobra do Caramiñal temos outra destas aldeas abandonadas, e que xa está fóra da memoria dos labradores do lugar: nin ten nome nin folclore vinculado. Habería que procurar a referencia na documentación. Está metida nun bosque, sen camiños, e hai que orientarse de memoria, e cando chegas alucinas: as paredes que aínda están en pé -dun cachote de peor calidade que o que hoxe se emprega para as casas desa zona do Barbanza- sopórtanse miragreiramente nos troncos das árbores.

  7. 6 / Xullo/ 2010

    Ola a todos.

    Xusto hoxe mudei o sitio das Cousas de Castelao a un wordpress para axiliza-las modificacións, así que a ligazón que puxo Pablo no primeiro comentario non vai. A boa é http://manuelrivas.com/cousas/camino-esquecido/

    Por favor, non sexades crueis ca páxina (pero si críticos, que teño que mellorala).

    E grazas pola ligazón :)

  8. carlos
    6 / Xullo/ 2010

    D.Manuel mire por Bacariza(xunqueiras),Isorna…….

  9. 6 / Xullo/ 2010

    Vaise sorprender, Don Carlos, asegúrollo…

  10. Moncho
    7 / Xullo/ 2010

    Que hai nas xunqueiras da Bacariza e en Isorna??
    Non nos deixedes así!

  11. 7 / Xullo/ 2010

    Teña paciencia, Moncho, e aguante o xantar ata o postre. :-)

  12. Galeguzo
    8 / Xullo/ 2010

    Fico com a boca aberta com esta história :-O E digo eu, esses bascos teriam sido massacrados ou quedaria algum descendente? Sempre me chamou a atenção na zona a existência da linhagem dos Legaspi, apelido inequivocamente basco e que ninguém sabe dizer quando chegaram… Suponho que será já outra história :-P

  13. 8 / Xullo/ 2010

    Non sei, Galeguzo. Hai que imaxinar un grupo de 30/40 vascos, e non máis. Quería ver in situ as fortalezas para saber de que dimensións tiña todo, de como había que imaxinarse as cousas. Non creo que puideran entrar no Castelo de Rubiáns un número maior de persoas: eran motas moi pequenas. Que quedara algún vivo? É posible. Pero os Legaspi puideron ter chegado en calquera momento posterior. :-)

  14. 8 / Xullo/ 2010

    ola!

    Moi interesante o post, vaia historia!!

    Interesame moito a pegada dos normandos na nosa terra, quizais por vivir nunha zona, O Hio, que esta chea de familias de “roxos” e tamen por ter unha dorna, embarcacion que se di de orixe viquinga. Que opinades desta suposta orixe? De ser certa, a presenza normanda tivo que ser continuada e pacifica.

  15. david
    8 / Xullo/ 2010

    lavesedo
    unha das últimas invasións :) ;) na Illa de Ons, neste vídeo

    http://vimeo.com/3962842

    eu coma Moncho son larpeiro que será iso de Isorna?,

    “A Romeiría de Gelmírez” de Pedrayo, o rapaz, xograr que acompaña a Gelmírez a Roma, é de Ysorna, Xohán de Ysorna, hai aí un cap. ao comezo (creo lembrar) que sucede nas Torres do Oeste moi chulo: polo contrario a estupenda novela de Anxo Angueira “Pensa Nao” remata tamén nas Torres, esta vez de maneira ben triste.

    isto para un spotify literario

    Que terá que ver isto cos vikingos, pois eu que sei, nada, invasións da memoria

  16. Pablo
    8 / Xullo/ 2010

    Os topónimos Bascos/Bascós/Bascois/Bascuas, este último o máis frecuente parece que teñen que ver con asentamentos bascos. Hai mesmo un evidente Bizcaia en Sober.

  17. Galeguzo
    8 / Xullo/ 2010

    Seguramente vinhessem depois, Manolo, mas decerto estes Legaspi chegaram antes do século XIX (muitos bascos vinheram na revolução industrial), ao menos à vista da ampla estensão do apelido (mais de 600 ocorrências), se bem nucleada eminentemente numa clara faixa da Marinha até Lugo (ver apelido “Legaspi” e “Legazpi” em http://servergis.cesga.es/website/apelidos/viewer.asp). Não deixa de ser curioso que tenha uma distribuição mais de cinco vezes maior do que um apelido galego como… Uz :D

    Quanto à toponímia, não sei se será algo arriscado meter no mesmo saco Bascos/Bascós/Bascois/Bascuas.

  18. Moncho Angueira
    8 / Xullo/ 2010

    David, creo que pode ter que ver algo con isto, que aparece en varias páxinas de información sobre Catoira e a Romería Vikinga.

    “Tanto la “Historia Compostellana” como el “Chronicon Iriense” coinciden en la descripción de un lugar llamado Xunqueira, donde los implacables invasores pusieron el pie para penetrar hasta el final de la ría, por tierra, recorriendo su banda derecha antes de arrojarse con ferocidad contra Iria Flavia desde un campamento establecido en la Bacariza.”

    Veña, oh! Unha pistiña,:-D que esta fin de semana estou por Dodro e aproveitaría para facer unha visita…

    (Algo na Illa de Bexo?)

  19. artabris
    11 / Xullo/ 2010

    nada que engadir, pero levo xa por varias veces querendo enlazar dende o principio o tema dos Lordomani e nada, que non sei como, a ver se botas unh man ho!, poñendo os enlaces do comezo deste relato… que estou súper intrigada

  20. artabris
    19 / Xullo/ 2010

    graciñas ho! pois xa intentara o que me dis, pero non me saían, en serio! (debe ser o espíritu burlón do meu aparello) agora que teño algo máis de tempo leerei toda a serie.
    Un saúdo!

  21. breoghain
    3 / Setembro/ 2010

    Em algum trabalho que agora nom lembro colgado na rede fala-se de Viascon como topónimo relacionado com os bascos. e nom essa trapalhada que aparece de alguns autorzinhos que falam de “viascon” como derivado de “via-escon-dida” !!!! (por passar por esta paróquia de Cotobade o vieiro romano número 19 “Item a Bracara Asturicam” que unía Braga com Lugo, por certo em um estado de conservaçom e sinalizaçom lamentável igual que o famoso petroglifo de “Portela da Laxe”, entre outros na própria paróquia).

  22. eU
    16 / Xaneiro/ 2011

    Magnífico traballo. Un apunte: Conde Flamoso sería o Conde de Chamoso, un dos once condados de Lugo.

  23. Antón do Corsario
    9 / Febreiro/ 2011

    Acabo de ler, nun dos volumes do bonaerense “Almanaque Gallego” de Manuel Castro López, que Benito F. Alonso di que estes vascos… son en realidade ciganos!!

    Aínda que non sei de onde saca o autor a referencia, se contamos que un dos condes sublevados chámase Romaniz e a sona de picheleiros dos ciganos, non deixa de ser curiosa a nota.

    Los Gitanos. Su abolengo en Galicia
    Almanaque Gallego 1903 Volume II. edición PDF. páx. 713
    http://consellodacultura.org/mediateca/extras/almanaqueII.pdf

    Un saúdo

  24. 9 / Febreiro/ 2011

    Uf, Antón, non sei se liches ben ese texto que mencionas, pero o certo é que é moi da súa época pero non moi axustado a datos. Certamente, aínda que non é doado afirmar nada, creo que ten máis sentido que eses bascos chegaran acó no contexto das loitas dinásticas que poucos anos antes houbo nos reinos cristiáns. Agora ben, recoñezo que a min me segue a escamar o “Bascones Galleciae”. Ese Galleciae…

  25. Antón do Corsario
    9 / Febreiro/ 2011

    xa, xa… eu apunto o dato, que me semella pavero.
    Un saúdo

  26. 9 / Febreiro/ 2011

    Ando detrás dunha historia que está, de algún xeito, relacionada co que comentas. Pero aínda teño que redondeala.

  27. 20 / Marzo/ 2011

    Impressionante história, e com o cenário tam perto da minha casa… E quantas micro-epopeas como esta nom ficarám à espera de serem encontradas nalgum códice, ou na memória dalgumha velha, ou em sagas remotas… Simplesmente impressionante!
    Tocante à toponímia, com efeito Bascos/Bascós/Bascois/Bascuas remetem para a mesma base etimológica, e fam referência aos bascos, a assentamentos mui antigos a julgar pola estrutura linguística desses nomes de lugar. “Báscuas” está amplamente documentado como BÁSCONES, com acentuaçom proparoxítona (o sufixo átono -ones é prelatino, de aí o que dizia sobre a presumível antiguidade destas formaçons), como o “Báscunes” asturiano. E “Bascos” pode ser também resultado (o mais lógico, aliás) de BÁSCONES, ainda que também pode ser simplesmente de BASCOS. Aí a documentaçom medieval tem sempre a última palavra.

  28. breoghain
    21 / Marzo/ 2011

    Ulmo, o apelido Bascuas que origem pode ter?? Tenho alguns dos meus antepassados apelidados Bascuas da segunda metade do XVIII. Algum deles casou pola zona da Estrada (segundo actas paroquiais).

  29. 21 / Marzo/ 2011

    Olá Breoghain. Pois etimologicamente esse Bascuas é um antigo etnónimo BÁSCONES, que fai referência a gentes de origem basca que lhe dérom nome a um determinado lugar em que se assentaram. Posteriormente, como em tantos outros casos, o topónimo virou apelido, como indicaçom de procedência geográfica. Se introduzes “Bascuas” neste buscador: http://toponimia.xunta.es/Buscador, vas ver que é um topónimo bastante frequente em Galiza. Para farejar a sua distribuiçom e as áreas de concentraçom, que também som mui significativas como poderás comprovar, podes utilizar estoutra aplicaçom: http://servergis.cesga.es/website/apelidos/viewer.asp. Sobre as razons polas que os bascos vinhérom a Galiza em época altomedieval de seguro que o Manolo Gago tem muitos e valiosos dados, assim que nom me vou aventurar. Mas sim que che podo dizer algo sobre a evoluçom de BÁSCONES a Bascuas: umha vez que cai o -N- intervocálico temos umha formaçom intermédia *Bascoes; esse -e final deveu-se reinterpretar por parte dos falantes como resultado do relaxamento de um antigo -a final, fenómeno mui frequente na toponímia, e hipercorrigiu-se como Báscuas. Há muitos casos similares, vários deles com esse mesmo sufixo -ONES implicado: Cánduas foi antigamente CÁNDONES, Brántuas foi BRÁNTONES, Treos deveu ser TRÍDONES etc.
    Espero ter-che sido de ajuda. Um saúdo.

  30. Nuno André
    19 / Xaneiro/ 2014

    Felicidades polo teu fantástico traballo de investigación.

    Respecto ao latín empregado no documento de Labio, existe unha versión comentada nunha colección dimplomática de Vermudo III.

    http://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/670252.pdf (páxina 89)

    Por outra banda, como xa comentaron, en efecto Flamoso refírese a Chamoso. Indícase nun apéndice do anterior documento que corresponde a tres parroquias do concello do Corgo (indicando os seus límites).

    Apertas!

  31. 20 / Xaneiro/ 2014

    Grazas polo comentairo, Nuno!

  32. Nuno
    21 / Xaneiro/ 2014

    A ti polo teu traballo! ;)

    Outra pista a rastrexar que entronca directamente con esta historia:

    Parece que existe un documento altomedieval falsificado que afirma que un tal Aloíto e a súa dona Icka fundaron a igrexa de “Santa Colomba de Flamoso” no 745.

    Ao parecer estes Aloíto e Icka existiron, mais no 993, e o citado documento forma parte da loita que os señores laicos mantiñan contra os eclesiásticos.

    Icka, dende logo, ten reminiscencias nórdicas e, de feito, conseguín atopar en Google algunha que outra Icka nórdica na actualidade.

    http://books.google.es/books?id=3Fa6M7RhfDIC&pg=PA278&lpg=PA278&dq=Thompson,+E.+A.+(1980).+The+conversion+of+the+Spanish+Suevi+to+Catholicism.&source=bl&ots=p_sr3ssN3Z&sig=Dw_dyhcAvP4gtNj50IEZaY8PYPY&hl=gl&sa=X&ei=4tLeUpWqOtK7hAfn_IHACA&ved=0CFkQ6AEwBQ#v=onepage&q=icka&f=false

  33. Nuno
    22 / Xaneiro/ 2014

    Non digo, por suposto, que haxa unha causalidade (ben puideron coller eses nomes ao chou), pero non deixa de ser canto menos curiosa a coincidencia dese feble vencello nórdico con Chamoso xusto nesa época.

  34. Esteban
    15 / Xaneiro/ 2018

    Felicitacións polo traballo, vivo na zona, e ata fai pouco non escoitara nada de isto, pero nun paseo por alí encontrei unha pena, chamada a pena da ermita, que che faltou por ver, ou eso creo, e o lugar mais impresionante da zona, ainda se conserva a maior parte da pedra, as escaleiras, e ten unha cruz labrada nela, se algún día volves pola zona non dudes en poñerte en contacto, po meu enterder e o enclave máis impresionate que podes atopar, está a 1’5 km do castelo, direccion este, no monte chamado de San Fitoiro, ten unha forma circular e fai visera todo o arredor, e polo que comenta a xente maior da zona, alí había unha cova debaixo que foi tapiada, así como tantas pola zona, que lles servía de refuxio o bando republicano.
    Un saludo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará