
O versículo máis sabio da Biblia é o primeiro. Ao principio estaba o Verbo. A partir de que lle damos nome a algo, todo xorde, todo se enfía, todo de se desencadea. E iso pasounos a nós.
¿Lembras a historia que contei do Castelo de Nimo a principios da semana? Pois, por raro que pareza, ese post foi a primeira vez -agás que apareza algún artigo que descoñeza- que se publicou a existencia dese castelo e desa estación de petroglifos. No ano 2009, un lugar coma este era case descoñecido para académicos e totalmente descoñecido para a administración. Non quero dicir que non teña estado ninguén antes alí. Nin sequera quero dicir que non se teña investigado parcialmente (fíxose, irémolo vendo), pero nunca se amosara de xeito público. Unha semana despois, sabemos que non está no Catálogo Arqueolóxico da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, nin nos instrumentos urbanísticos de Noia, o termo municipal onde se atopa. Non figura na bibliografía arqueolóxica. Para coñecer este lugar, tivemos que viaxar no tempo nove séculos, e ver un breve relampo del nos documentos medievais. Por agora, é unha misteriosa sombra da Historia. O que quero dicir é que vós, os lectores de Capítulo 0, fóchedes os primeiros en ver imaxes deste lugar, e iso emociónanos moito.
Pero imos por partes. No post pedín axuda para tentar saber algo sobre este lugar, despois de peneirar bibliografía e bibliografía sen que apareceran referencias. Nos comentarios, Ricardo falou doutro castelo xusto enfronte, que outro usuario Anonymous precisou que pertencía á parroquia de Cando, Outes. Carlos achegou bibliografia, mencionando o libro O Castelo de Outes. jmillares buscou no PXOM de Noia, nas normas subsidiarias e no Restauro do concello. Non atopou nada, comunicóunolo e aínda non estrañou máis. E Montse, a redactora desta reportaxe de La Voz de Galicia sobre os castelos galegos, deume a clave pola que tirar: falar cun dos autores dun gran proxecto de investigación que localizaba as fortalezas galegas. Carlos Andrés González Paz, historiador e investigador do Instituto Padre Sarmiento do CSIC, amábelmente proporcionoume o dato clave, cousa que lle agradezo de maneira especial porque estaba liadísimo coa organización dun congreso, e que foi o nome do castelo e en que publicacións estaba referenciado. E a partir do nome, todo comeza. Os vellos papeis, as escasas referencias á súa existencia, son claras. Chamábase o castelo de Luania. E a primeira mención a este lugar está nun documento moi valioso: o Tombo do Mosteiro de Toxosoutos, nun documento asinado por Afonso VII, o famoso rei galego e emperador de Hispania. Foi no ano do Señor de 1135. O Tombo está publicado polo Consello da Cultura Galega, e hai anos fun eu quen o subín á rede (si, podédesvos rir das casualidades).
En 1135, dous cabaleiros ao servizo do Rei, Froila Alonso e Pedro Muniz de Carnota, deciden retirarse e fundar un mosteiro. O Rei concédelles un couto no corazón dunha antiga Terra hoxe desaparecida, Luania, e no documento demarca a extensión dos primeiros dominios do mosteiro:
uidelicet per [caput] Montis Alti et inde per lacunam de L[uan]ia et per illas mamulas de Caballo Sicco // [et per alias mamul]as de Elsende et peruenius Auellanedi, [et de alia parte per illum parietem antiquum qui] uadit contra agrum de Dea qui diuidit cum [terminos huius monasterii et terminos Sancti] Pelagii de Lauar et per Togos Altos et per aliud ne[mus] de La[amir, et inde per terminos] Sancti Martini sicut uadunt usque ad castellum de Luania [et] inde [ad Villare de Anta] et inde ad capud Montis Alti.
As marcas do couto do mosteiro de Toxos Outos parecen percorrer a xeografia mítica desta terra hoxe esquencida: Luania, e centrar o mosteiro no medio das referencias. Unha lagoa, hoxe seca, as mámoas do Cabalo Seco, as mámoas de Elsende, o Monte Alto, o Castelo de Luania e a aldea de Vilar de Anta, hoxe Vilardante (repara en que unha anta é un dolmen). O novo cenobio está no medio dun antigo territorio de orixes inmemoriais, ao redor de lugares míticos, antigos e abandonados. E a miña hipótese é que o castelo, no ano 1135, xa se convertera en parte simbólica do espazo, xa estaba en ruínas e abandonado, toda vez que non aparecen outras mencións nos documentos medievais do convento ou, en principio, nos grandes documentos da catedral que López Ferreiro foi transcribindo. Pero vexamos máis: Luania era unha estensa e montañosa terra na estrema do antigo Condado de Postmarcos (actual Barbanza), e comprendía a actual parroquia de Luaña, e tamén as de Vices e Cornanda. Case sempre que no Medievo se fala desta terra, se lle apón o termo monte. Por exemplo, no ano 935, un século antes, o rei galego Sancho, cede a aldea de Busto -próxima ao castelo- ad monten Luaniae. Unha terra que hoxe atravesamos cando imos a Noia, despois da subida de Urdilde e cruzando unha zona de chans e o desvío ao monte Culou ata baixarmos a Toxosoutos.
Cunha copa de Algueira (ben, con dúas ou tres), repaso os documentos do pleito Tabera-Fonseca, todas as declaracións das testemuñas sobre as fortalezas da Mitra Compostelana derrubadas por irmandiños e nobles. Baixo aínda máis, e busco na documentación do bispo Sisnando, o guerreiro compostelano morto polos viquingos. Nada. Repaso as dixitalizacións da documentación medieval. Leo tumbos, libros locais da área. E aparecen máis indicios e pequenos detalles que nos revelan a terra, ermidas e mosteiros perdidos na devesa que rodea o Tambre, aldeas que xorden da brétema milenaria dos tempos. E aínda hai máis: Jorge Guitián andivo eses montes para a súa tesiña, e na área dos petróglifos atopou outro que nós non viramos, do mesmo xeito que el non vira os que nós atopamos hai unha semana. Un petróglifo curioso que xa vos ensinaremos. Xurxo Salgado e máis eu continuamos a buscar indicios por todas partes.
¡Cantas cousas marabillosas poden acontecer cando propicias que sucedan! Subimos a un monte e descubrimos o vello mundo de Luania, unha terra por explorar, sepultada nun escuro pasado, máis alá do século X, cun castelo na súa parte máis elevada. E, en parte, grazas á vosa colaboración. Irémovolo contando en Capítulo 0, do mesmo xeito que vistes, por primeira vez de xeito público, imaxes do vello castelo e a gastada serpe que parece repousar na pedra por detrás da súa cova, como en tantas lendas ao longo do país.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 4 trackbacks }
{ 17 comments… read them below or add one }
A todo isto, supoño que alguén se preguntará polo significado do topónimo Luania. Vou buscar un especialista que me axude con isto. Pero os máis frikis do lugar xa suporán as miñas hipóteses, e se non as supoñen, sempre poden navegar e adiviñalas a ver que te parecen.
Seguro que así entenderás por que me interesa tanto este tema.
¡Oes!, eu cando sexa grandes quero ser coma voçe.Gostoume moito o enlace de lugano, luania .
Gracias polas túas ensinanzas.
Xa sei que non ten base científica ningunha, mais precisamente por iso creo que a acharás interesante:
A orixe etimolóxica do vocablo Luaña ten que derivarse de lúa, e ven ser un lugar onde a lúa loce máis -primeiro- ca noutros, e deiquí debe derivarse a coñecida frase “Mira pra Luaña”, empregada xa fora dos estritos límites comarcáis. Sen dúbida, á xente das aldeas da comarca agrádalle -e débelle de agradar aínda- contemplar os esmorecidos raios da lúa nova de xaneiro que caían sobre os montes de Luaña, e dahía saíu aquelo de que cando unha persoa está sen facer ren mirando vagamente ao infinito, dise que “está pasmada -engaiolada- mirando pra Luaña”.
Luaña: Mitos, costumes e crencias dunha parroquia galega
Pasmados ficamos lendo a entrada precedente e máis esta. Queremos máis.
Isto outro xa é para o trebón de ideas:
Luaña, praia de Cantabria. Luía, parroquia do esteiro da Ría de Ortigueira.
As raíces *luba e *lupia asócianse con hidrónimos, como en Lubián e Lobios. Nesa mesma zona, na marxe dereita do Tambre temos Lovios e Lueiro.
Anselmo López Ferreiro fai subir a Via Per Loca Maritima desde os arredores de Noia (Ad Duos Pontes) por Santa María de Roo, pasando por Luaña, para atravesar o Tambre en Ons e tomar despois cara a Brandomil (Glandimiro).
Curiosidades:
O lobo é un dos símbolos do escudo de armas da Casa de Altamira, cuxos dominios se estendían até o Castro Lupario. A confusión/asociación *lup- con *lupus=lobo é moi común.
En Laíño (Dodro) temos un Imo, en Catoria un Dimo, e aquí Nimo. Neme relaciónase con nemeth, bosque sagrado celta.
Lois, apelido e antigo nome de concello que corresponde ao actual Brión.
Grazas, señores.
Si, o de Luania é moi interesante. Fáltate outra raíz máis posible para Luania: Lugh, como en Lugo. E se te fixas nas ligazóns que puxen, é curiosa a definición en Irlanda de Luania como un antigo lugar de reunións.
En fin. Que estamos investigando. E xa temos cousas novas que contar, algunha bastante sorprendente. Estamos preparando un pack para o vindeiro fin de semana, se todo vai ben.
Magnífico!
Por certo, na zona de Noia e Lousame, Vilardante, ben “O Vilardante”, é (aparte do topónimo) o nome dun tratante de cabalos; unha persoaxe case mitolóxica neses montes.
si mo permitides, e soio porr levar a contra, vou dicir qque pode vir da raiz LUP (pedra) por que9, pois por que, non esquezamos, que case todos os toponimios mediavais adaptavanse as linguas romances so para darlles un significado compresible para eles, non tendo en conta significados etimologicos. O que se fala no comentario sobre antas e petroglifos, fai pensar en duas cousas, un moi antergo asentamento human, quen sabe se fortificado, e a pressencia de pedra…moita pedra, por iso digo o que digo, iso si…fago so por levar a contra.Saú dos
Sinto moito corrixilo na cita do comezo do artigo. É o principio do evanxeo de Xoán, o máis profundo e críptico dos catro.
O resto do artigo é impresionante coma sempre…
Grazas señor Magago.
Ai que ben! noraboa e grazas pola referencia
Parabéns. Encantoume o artigo.
Perto da aldea de Nimo, nas beiras do rio Tambre tamén hai restos (non sei se quedará algo) de dous mosteiros.
Polo que contaba a miña avoa penso que eran San Martiño e San Gregorio. Non sei se existe algunha documentación ao respecto.
Grazas pola información, Xosé. Si, queremos ir á procura desas ermidas. Faláronnos deses dous lugares, perdidos no medio da Devesa. A ver se os damos atopado.
A túa avoa coñecía o Castelo, aí enriba? Tiña algo de tradición oral? (imos comezar tamén coa pescuda etnográfica)
Tiña moitos contos si, de feito contaba dunha persoa que se metera por uns pasadizos e fora dar a unha gran sala.
Eu de pequeno teño subido ao Castelo, e recordo moita tella rota ciscada polo chan. Recordo tamén as cazoletas.
Por certo na baixada que hai ao entrar en Nimo, a man esquerda hai unha pedra, unha pequena laxe da que lembro que xogabamos botando auga nunha cazoleta e mirando como corría a auga por un rego que saída dela e baixaba pola pedra.
Saíndo de Nimo polo camiño onde está o muiño da aldea (hoxe abandonado) chama a atención o empedrado do camiño e dos valados. Como o que nos leva de Nimo a Corensa, que é onde se atopaban os restos do mosteiro. Antes víanse perfectamente as estancias e as lápidas (moi gastadas).
Grazas, Xosé! ¿Corensa non se comería as ruínas, non? (dime que non).
A verdade é que hai moito que non vou por aí, a última vez, xa hai anos, aínda se podían distinguir, pero xa empezaban a estar bastante cubertas de silvas e fieitos.
Por certo estes restos non estaban no que eu coñecía como os prados de Corensa, se non na metade (máis ou menos) do camiño que ía de Nimo ata estes prados, agora cubertos de eucaliptos.
Ah! Corensa é o rego que aparece nos mapas como Cuarenza, non? (pensaba que era unha granxa de polos)
Ok, con estas indicacións xa sabemos por onde tentar buscar.
Ah, claro, polo de Coren S.A.
Si supoño que será o que figura como Cuarenza, que co seseo da zona pois dá algo parecido ao que dicía eu.