Repúblicas de Homes Libres: Barcas e frades de pedra en Portocelo

Last updated on 19 / Febreiro/ 2011

Da Praia de Portonovo a un frade de pedra no mar e del á historia dun crego de Coímbra fuxido da invasión musulmana. Nas Repúblicas de Homes Libres todo se complica máis que en Lost!

Como xa mencionei anteriormente, as Repúblicas de Homes Libres pasaron de ser un fío de posts cun eixo temático a unha auténtica aventura cultural, e como todas as aventuras culturais, as cousas suceden ás veces conectando entre si cousas que aparentemente non tiñan conexión. Este é un caso.

Tras publicar o outro día un post sobre as esculturas enigmáticas da praia de Portonovo, en Viveiro, meu pai remitiume unha foto realizada por Brais Preto, un compañeiro seu de traballo que é da Mariña. A foto detalla unhas peculiares formacións rochosas chamadas as Santas, no cabo Morás, preto da entrada ao porto de Alumina-Aluminio, en Xove. É a foto que ves ao principio do post. Os mariñeiros chamaban o Frade a esa figura con cabeza que parece encabezar a comitiva mariña.

O frade?

Na miña cabeza activouse o piloto automático. ¿Frade, dixemos? Lembrade a hipótese que manexamos na República de Homes Libres, a historia de Os Monxes Vixía: a de que existe unha vinculación directa entre moitos mosteiros altomedievais e unha estrutura defensiva e de control visual, situada no punto máis elevado nas proximidades do cenobio. Uns e máis outros parecen realidades complementarias. Ademáis, sinalabamos que se repetía determinada toponimia simbólica ou funcional nas proximidades dos mosteiros: nomeadamente o Monte Celo (O Monte do Céo) e, ás veces,a Granxa (a lóxica explotación agrícola vinculada aos mosteiros).

Abrín o Sixpac. Mirei e xa me deu a risa.

Aquelo cheiraba a mosteiro coma un mundo. Comecei a investigar. E atopei unha historia fascinante. A dun fuxitivo.

No ano 787 un diácono chamado Rodrigo asina un testamento chamativo. O crego lembra, no testamento, as súas orixes. Como fuxiu de Coímbra trala invasión musulmana, sendo parte do conxunto de cregos, e chegou a asentarse na pars maritima Gallaeciae, na costa galega. O diácono leiga os seus bens a un grupo de monxe e monxas -de aquela, en Galicia, os mosteiros seguían a vella institución de seren dúplices, neles convivían homes e mulleres-. Eses bens son os tres mosteiros que el fundou coas súas mans cando se instalou naquela terra mariñá: San Xoán Bautista, Santo Tirso e Santo Estevo. Carlos Andrés González Paz, no seu traballo El Diácono Rodrigo de Coimbra: fundador de tres ecclesiae en la Galicia del siglo VIII, sitúaos en Celeiro e nestas dúas parroquias veciñas, Santo Tirso de Portocelo e Santo Estevo de Sumoas.

Centreime nese Santo Tirso de Portocelo, onde aparece ese castelo e todo o aparello toponímico celeste que parece seguir a estes mosteiros. E atopeime o que non agardaba. A mítica lenda da barca de pedra. A lenda compartida co mundo atlántico. Alí hai unhas ruínas dunha igrexa de Santo Tirso, aínda ben apreciables, que na memoria oral se vinculan á antiga parroquia, aos pés do Monte Castelo. Esta é a disposición, a habitual de acordo co patrón que enunciamos nos posts anteriores. Castelo enriba e ladeira abaixo do monte, o mosteiro:


No círculo inferior, as ruínas da igrexa de Santo Tirso. No superior, o cumio do Monte Castelo. Foto: Mariña Patrimonio


Interior das ruínas. Foto: Mariña Patrimonio

¿Sería esta a ubicación do antigo mosteiro altomedieval? A tradición da zona fala de que no mar, na praia de Portocelo, está a barca de pedra na que chegou Santo Tirso e algunhas pegadas nos cons. Outra lenda contraditoria, fálanos de que a barca de pedra era dun marqués que vivía no mítico illote de Ansarón, enfronte da ermida, e que viña nel cando visitaba o santo. Por certo, a praia de Portocelo, lugar onde repousa unha cidade mítica desaparecida, tamén segundo as lendas locais. Todo, todo, todo…

O documento fai tamén referencia á villa de Cellario, tamén vinculada ao herdo de Rodrigo. É a actual Celeiro, a estrema do territorio de Rodrigo, delimitada perfectamente con antigas mámoas, pedras relevantes e unha antiga vía que leva ata Portocelo. Así que un dos mosteiros estaba en Celeiro. Vale. Imos botarlle unha ollada a Celeiro, xa que estamos:

En fin…o máis interesante, con todo, é que o documento nos ofrece unha datación, unha das primeiras referencias temporais que conseguimos (mediados do século VIII) para ubicar unha relación entre os castelos e os mosteiros. Non sabemos que estivo antes e que estivo despois, se castelos e mosteiro. Pero xa sabemos algo máis.

Pero, ¿que e como protexerían estes castelos no século VIII ou IX? Diso trataremos na seguinte entrega da Repúblicas de Homes Libres.

16 Comments

  1. 27 / Maio/ 2010

    En Morás estivo unha das últimas factorías balleneiras de Galicia. Penso que desapareceu aló pola década dos setenta do século XX.

  2. Pancho-lapatianco
    27 / Maio/ 2010

    ¡Manda truco!.

    O que che é porse a fiar cousiñas daquí e dalí. Tantos anos indo por aquelas vilas e tan cego. Se non hai como poñerse a mirar e facerse preguntas.

    Estouche seguro que has volver por esas terras sen tardar moito.

    E agora que falas do teu pai, ¡coido que xa todos sabemos de onde che pode vir o verme ese que te come por dentro!

    Saúdos.

  3. Andrés López
    27 / Maio/ 2010

    Pero ese Monte Castelo non ten que ver co de Burela, non? Ou é o mesmo?
    E unha dúbida que se me presenta, xa que andamos case por eses séculos: Rosendo, ou San Rosendo, que ten que ver con estes castelos? eran os sitios dende onde vixiaban as invasións piratas ou estoume adiantando? En Vilar de Barrio, en Padrenda (Ourense), tamén hai outro Monte Castelo, con torres que tamén estaban a cargo deste Rosendo e da súa familia…
    Moi interesante, teño gaña de máis! Parabéns

  4. Pancho-lapatianco
    27 / Maio/ 2010

    En canto ó outro monte Castelo na ría de Viveiro non sei de mosteiros que puideran estar ós seus pés. A non ser que a igrexa de San Pedro do Naseiro, ata onde eu sei a máis antiga do val e da ría (lembra a xaneliña prerrománica) houbera sido cenobio ou mosteiro naqueles primeiros séculos da Edade Media.

    O dito, que xa te vexo subindo por eses montes a non tardar moito.

  5. 27 / Maio/ 2010

    Andrés, efectivamente o de Burela é outro. Toda a costa está inzada deles, e tamén algunhas zonas do interior.

    Sobre o de San Rosendo: se miras toda a serie de posts verás a argumentación que vemos aquí: que hai unha relación practicamente inédita entre os castelos e os mosteiros altomedievais. De aí que o tema Rosendo poida ter que ver con iso, entre outras cousas.

  6. Brigantium
    28 / Maio/ 2010

    Para cando unha excavación arqueolóxica?, así polo menos poderíase confirmar a cronoloxía, ou xa se fixo algunha nalgún dos castelos? Interesantísimo!!.

  7. 28 / Maio/ 2010

    Outro monte “Castelo” con posible mosteiro está no Valadouro. Non moi lonxe dese “Castelo”, un pico impresionante dende o que se domina case todo o val, parece que hai restos do que debe ser un mosteiro, ao que chaman a “Santa Ana” ou “A Santana”

  8. 28 / Maio/ 2010

    Fascinante! E hai que ver como fala a toponimia… Como un auténtico libro aberto.

    Cada vez me interesa máis esta serie; seguiremos atentos a ver como prosegue.

  9. 28 / Maio/ 2010

    Por certo, Manuel Miranda remítenos amablemente unha ligazón á súa galería fotográfica sobre o Cabo Morás, na que tamén aparecen fotos do frade e de caprichosas formacións graníticas. ¡Grazas!

    http://picasaweb.google.es/manuelmirandaruiz/Moras?feat=email#

    Faragunde: pois agora vén a parte pola que máis estabas a agardar.

  10. Brais Preto
    30 / Maio/ 2010

    As formacións rochosas do cabo morás son “As Antas”, e o nome da pedra que parece que vai caer dun momento a outro é “A pucha do frade”.

    Un saúdo.

  11. jose
    31 / Maio/ 2010

    este d’As Santas é o meu primeiro lugar preferido de Galicia, e teño moitos outros, pero neste hai algo especial.
    senón recordo mal (tou falando de recordos de hai bastantes anos atrás), na zona do monte Castelo hai o que parecen 3 murallas con foxos, se volvo por alí intento atopalas e informo.
    saúdos

  12. Anónimo
    31 / Maio/ 2010

    que rabia, tíñache un cometario ben bonito e saínme da pax. alá o vai polo río abaixo, coma as linguas marmuradoras das cantigas

    era porque por esas terras nordesías caeches nas mans do demo da toponimia

    a min aí gustábanme dous contos (como sabes eu aínda non dei o paso do mito ao logos e reservo o cientifismo e a mala ostia para a sociolingüística),

    por outra parte, para datacións e traballos de campo e investigacións rigorosas con equipos interdisciplinares etc xa hai universidades e patrimonio e, mellor calar etc;

    eu mentres imaxino eses frades aos que chega a morte violenta pola torva man da Cruzada contra Albixenses aí no medio do mar, tan lonxe de Roma, de Xerusalén e da Provenza: e estamos falando claro da Illa da Coelleira:
    http://patrimoniodovicedo.blogspot.es/1250179560/ “Tampouco deixa de ser unha hipótese o atribuír a fundación a uns monxes provenientes do mosteiro de San Claudio de León que conseguiran escapar á persecución do rei Leovixildo que invade Galiza no ano 585 e destrona ao derradeiro monarca, Andeca, anexionando o Reino Suevo á monarquía visigoda.”

    e 2 A Punta da Muller Mariña, en Bares (que lugares… buenos para tomar un arrós de nécoras, santiaguiños, lumbrigante… ai meu amigo, alá van 25 anos diso, na Marina); máis alá das cousas do famoso Coído, ese nome Punta da Muller Mariña é un soño el só: http://tinyurl.com/3yvnnlz

    pero tamén, (como andas aos castelos), uns que quizais son ou non son, que tal e que sei eu, na fermosa e descoñecida Ribeira do Carro

    e outras cousas, que nomeo co temor do que non sabe ren, pero fan que se quente a cabesa: http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2000PDF/2000_201_228.pdf “Pero a bibliografía, ou as tradicións, fan que a presencia templaria se estenda por un amplo territorio. Así, tamén hai quen pensa que en San Vicente da Illa, illa pertencente á parroquia de Santalla de Ladrido, concello de Ortigueira (A Coruña), existiu un convento xa no século VI, que sería posteriormente ocupado polos templarios, e, ao abandonar estes o lugar, serían substituídos polos franciscanos.” Tamén cos seus casteliños sigpac por aí perto

    e así, unha aperta

    (se tivese cartos mercaba unha canon eos desas e ía con vós de escudeiro por eses camiños de deus a filmar “da nobre e xentil arte de rebuscar castelos” (non sempre ben querida nas cancillerías da historia, todo hai que dicilo, esta arte ou habilidá que a poucos é concedida))

    parézome cada vez máis a un troll amable, que son os peores, outra aperta

  13. david
    31 / Maio/ 2010

    ese Anonymous de arriba son eu

    será a vellez

    ou a naturría

  14. 31 / Maio/ 2010

    Amigo David. Tócasme a Coelleira. Eu xa che anticipo que teremos Coelleira dentro dun tempo. Pero cada cousa en orde. :)

  15. Pancho-lapatianco
    2 / Xullo/ 2010

    Este domingo poida que vaia por terras de Triacastela cuns amigos.
    Unha vez alí mirarei de subir (non dependerá de min) ó cercano castro de Formigueiros. Buscando información sobre o mesmo, atopei, entre outras cousas estas notas sobre castros reutilizados:

    http://arqueologia-patinho.blogspot.com/2008/08/las-excavaciones-de-formigueiros.html

    Éche moi posible que xa as coñeces, por este ou por outros medios, de cando visitaches este emprazamento, pero non deixan de ser interesante as aportacións que ten, e que veñen moi a conto desta serie de artigos teus.

    E mirando un pouco máis, a toponimia dos montes arredor deste Formigueiros tenche moito aquel tamén.

    Xa che contarei, se finalmente podo subir.

    Saúdos.

  16. 2 / Xullo/ 2010

    Pancho, moitas grazas pola ligazón! Venme moi, moi ben. Vou ver se por piedade alguén publicou a memoria de escavación na rede. Ademáis, mañá ao mellor imos por Lugo e mesmo nos podemos achegar alí a facer unhas fotos.

    Cerca de Formigueiros está un sitio que te pode encantar: a necrópole de Santa Mariña, un dos poucos campos de mámoas declarados ou en proceso de declaración de BIC. Eu non estiven pero irei en canto teña a oportunidade de achegarme ao Incio, concello que me encanta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará