Pagáns e neopagáns en Adai
8 / Maio/ 2012 – 9:03 p.m. | 42 Comments

Nun bosque próximo a Lugo, levántase un intrigante conxunto de vestixios arqueolóxicos de diferente forma e condición. O sorprendente é que hoxendía levan unha discreta vida cultual.

Le a historia completa »
Home » Destacado, Notas arqueolóxicas, Roteiros

Unhas misteriosas figuras na remota praia de Portonovo (Viveiro)

24 / Maio/ 2010 10 comentarios

Hai case un ano, Pancho Lapatianco remitiume unhas fotografías e díxome: «sei que te van interesar». Fiquei pampo co que estaba a ver nesas imaxes enviadas por correo electrónico. Na pedra arenisca dunha remota praia, aparecían unha serie de representacións relixiosas entre columnas, sometidas a unha forte erosión pero aínda visibles. Desde entón, soubemos que nos tiñamos que achegar alí para ver in situ o lugar.


A praia agochada de PortoNovo

Este domingo, canda Carlos Nuevo, Pancho, Lucía, Sole e máis eu fumos procurar estas estrañas esculturas. Atópanse nunha remota cala do concello lugués de Viveiro chamada Porto Novo [localización], aos pés do monte Faro, aberta ao mar, solitaria e cos núcleos de poboación a bastante distancia. Hai que baixar por unha pendente considerable, por momentos convertida en cantís, en furnas, e nela hai un illote ou península conectado con terra. Ata o medio do illote -fixádevos no dato, porque xa sabedes que ultimamente nos está a pasar con todo o que visitamos- chega a demarcación do concello de Viveiro, que limita co de Xove. Na base do promontorio atópanse estas estrañas figuras, sometidas aos elementos e aos tremendos temporais desta costa.


Parapeto e terraplén na zona superior do promontorio e as figuras, baixo o saínte da pedra

Son catro pantasmas que emerxen dunha rocha arenisca, enmarcados por arcos románicos ou góticos. Noutra banda da praia hai algunha máis. A súa ubicación, ademáis, debe ser ben consciente: as esculturas están enmarcadas, na zona superior, por un pequeno telladiño de pedra e, xa que logo, están algo dentro dunha cavidade que non conseguen deter a bravura do tempo.


Apreciade o capitel á dereita da figura.

O clima está a esborrallar os seus rostros, tanto que dá medo tocar estas figuras por medo de que se caian a cachos. Entre as columnas distínguense figuras, non sabemos se femininas ou masculinas, con melena en dous dos casos, aparentemente con túnicas. Unha delas seguro é un santo. Outra figura de trazos máis elementais aparece entre as outras dúas. Están enmarcadas por capiteis. As figuras miran para a praia, para a zona limpa de pedras que debeu dar nome a este lugar, o Porto Novo. ¿Porto de quen? ¡Isto está lonxe de todo!


Figura na cara oposta da praia, case esborrallada.

E iso é o estraño. Como outra cousa, tamén: este plantel de figuras está xusto baixo un parapeto de terra e un terraplén aínda apreciable, no alto do illote, e ao carón do camiño que debía subir ata o alto del. A erosión tamén deitou, hai pouco, algo do conxunto do parapeto. Hai moita area arriba, e algo de cachote, pero non son apreciables outras estruturas nunha mirada moi superficial.


Ubicación do principal conxunto escultórico

A pregunta, claro, é ¿quen fixo isto? ¿cando? Pois é, polo de agora, un enigma. Á vosa imaxinación e especulación queda. Puido ser calquera iluminado vacacional, os hippies dos 70/80 (esta praia pensouse converter nunha zona naturista regulada, polas súas especiais condicións de illamento) ata algo anterior, posibilidades mergulladas no maelström máis novelesco da Historia: alguén -el sabe ben quen é- faloume dun barco da Armada Invencible que foi varar -ou agocharse, desertando, aquí-. Alguén tamén me insinuou un refuxio de piratas -que terían aquí a súa capela dos mares e un pequeno e oculto establecemento protexido con esa empalizada aínda visible. Imaxinade. O lugar -o seu topónimo, o resto das defensas existentes, a relevancia de ser «limite» entre concellos, as figuras mariñas que o tempo devora- ben merece a nosa imaxinación. ¿Ou non?

En todo caso, calquera das máis explicacións, da máis cotiá á máis fantasiosa, son válidas para ensoñar neste lugar.

Postpost: unha recomendación. Se queredes visitar o lugar, ide antes deste inverno. Como veña duro, non me estrañaría nada que se vira abaixo.

Fotos do post: Sole Felloza

10 comentarios »

  • Folerpa di:

    Porque os de Lost non sabían desta localización, que se non ;-)
    E abraiante, outro descubrimento que che hai que agradecer. Parabéns!
    Queda apuntado para unha visita estival

  • Alberte di:

    Os relevos semellan ser unha adoración: á dereita de todo Xosé (coa aura sobre a cabeza), ó seu carón a virxe co neno en brazos (ou iso me parece), e algo afastado un rei mago (os outros igual fóronse abaixo). Gran descubrimento!

  • O'Padín di:

    Concordo co da Virxe. Certamente parece que a figura do medio leva algo (un meniño) no colo. A figura da dereita é por forza un santo (San Xosé), porque a aureola non ten dúbida. En canto ás liñas e perfiles (pouco máis se pode decir) parecen moi «románicas», pero dubido que un oratorio altomedieval non deixase ningunha pegada documental, nin sequera na toponimia. Penso que ben poden ser anteriores. Qué pasaría aí?

  • Manuel Santos di:

    Eu estiven hai anos nesa praia, fun a propósito para velas figuras. Están esculpidas no xabre, polo que é un material doado de traballar, pero ó mesmo tempo moi erosionable. Paréceme difícil que resistiran moito tempo a erosión. A min parécenme moi recentes.

  • magago di:

    Como dixen no post, é parte da incógnita e un bo lugar para desatar o maxín, que é o que me parece o máis relevante do lugar, con independencia da época na que podan estar adscritas.

    Non son xeólogo, pero estiven botándolle unha ollada á veta da pedra que está por riba do xabre das esculturas. Había moita pedra derrubada aos pés do retablo, procedente desa veta. Posiblemente foi caendo parte do que rodeaba ao propio retablo nas últimas décadas.

    O mesmo acontece, por certo, co parapeto, na zona sur. Está sobre un precipicio e debeu ceder moito no último ano. Un par de invernos igual ca este e vai ter o golpe de graza.

    E, por certo, non hai como mirar moitos ollos! Alí non vimos o neno, aínda que pensabamos que a figura central era unha muller. Agora, ollando as fotos, grazas a vós tamén o podo ver.

  • lapatianco di:

    Qué boa a compaña para visitar estes semirelevos. Pero a verdade é que quedei un tanto descolocado ó ver o grao de erosión das mesmas.

    Como che contei, coñecín as imaxes de marras sobre o ano 96 ou 97, se non lembro mal, cando lle saquei as primeiras fotos. A ultima visita fixerallas hai uns tres ou catro anos, e o deterioro non fora demasiado evidente (tamén lles saquei algunha foto desa volta). Pero nestes poucos anos ¡buf!!. Vaia deterioro. Pero sempre nos quedarán fios para tecer un deses contos de Sole.
    E, ¿porque non? incluso poden ser realmente antigas, ¡¡como pensaría un vinteañeiro, se é que foron feitas nos 70!!

    Se o ves pertinente, podes poñer algún enlace ás imaxes que che mandei.

    E para outra vez haberá que escoitar máis historias de Carlos Nuevo.

    E xa andamos a artellar aquelo outro do que falamos. A ver se cae nos próximos meses.

    Saúdos.

  • magago di:

    Paréceme moi ben, Pancho. Entón esta foto entendo que debe ser do 2006 ou así.

  • artabris di:

    quitando o da antigüidade (dubido que vaia moito máis aló do s.XX sen acoutar moito máis, tendo en conta a dinámica dos procesos de meteorización que deben ser bastante acusados, polo que si foran medievais para min que terían máis que desaparecido) disto a min interésame tamén a sorpresa da súa plasticidade, nunha contorna tan máxica (malia o carácter cristiá das imaxes) dende logo un aplauso a quen o fixera!

    Por certo a imaxe aérea da punta é case cuspidiña a outras que albergaban castros… falades de terrapléns…así que 1+1=castro.

  • jose di:

    ola, parece ser que os gravados foron feitos hai uns 60-70 anos por un home que viviu na praia nalgunha das pequenas furnas que existen por alí. Pode que este home tivera cartos xa que tiña coche nos anos 40-50, e viviu na praia coma un ermitaño, non sei se permanentemente ou por tempadas.
    A fonte son uns señores maiores que gardan un vago recordo do tal home. Non os coñezo, pero a historia chegoume por medio da súa filla que llo contou á irmá da miña parella (de Viveiro).
    saúdos

  • magago di:

    Moitas grazas polo dato, Jose!

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.