Vikings: estética turbia, tramas escuras

Que debe ter unha serie histórica para que funcione a estas alturas de século? Esencialmente, dúas cousas, as dúas indispensables. A primeira, e fundamental, é que unha serie histórica é forzosamente unha proposta estética, algo que se diferencia do convencional e que de algún xeito establece unha proposta visual diferenciada dunha narrativa do presente. Todas as series históricas que teñen triunfado nos últimos anos son series dunha estética fina e delicadamente traballada, dunha construción que non fica na ambientación, senón moito na postprodución. Por outra banda, o segundo elemento fundamental é de perogrullo: a serie histórica debe ter unha historia. É dicir, debe ter unha serie de tramas consistentes que, en certo xeito, se esquenzan das grandes liñas mestras trazadas polos acontecementos coñecidos e comecen a camiñar por si soas ao carón das grandes preguntas e os grandes dramas do ser humano, deixando atrás os manuais.

Nin que dicir ten que a serie Vikings ten a primeira, a estética, desde o primeiro segundo do primeiro episodio: unha liña visual moi interesante que se plasma xa de xeito maxistral nesa turbia cabeceira que é unha delicia, con ese achado visual enorme que son os barcos vistos desde o fondo do mar. Sen embargo, ata este episodio cuarto que veño de ver non lle acabei de ver o punto á historia que se contaba. Se cadra a expresión hienesca do protagonista, interpretado polo australiano Travis Fimmel, que resultaba certamente desacougante cos seus risos no medio dos espectáculos de tensión, non acababa de ser entendida, pero é o que o argumento patinaba. Resulta imposible crer que os vikingos descoñecen a existencia dos pobos do Atlántico e prantexar, desta volta, ao protagonista coma un novo Colón que se basea en novas tecnoloxías para chegar á abadía de Lindisfarne, e facer bascular as tramas a partir de aí. Ou manter un elenco de personaxes se cadra demasiado plano. No cuarto episodio todo parece cambiar: as personaxes evolucionan, medran e fanse considerablemente complexas a través do primeiro gran nó da trama, o enfrontamento entre Ragnar e o conde, un enfrontamento conducido ao inevitable. A partir dese momento a serie parece prosperar, e ser capaz de harmonizar o que ten que contar: a viaxe como forxa dun líder entre a Idade do Ferro e a Idade Media, e o gran movemento bélico e histórico que bateu a Europa atlántica e mediterránea da Alta Idade Media.

Aquí vai o trailer:

9 Comments

  1. 15 / Maio/ 2013

    A ver, eu xa estou enganchado á serie, pero custoume catro capítulos. Pensaba eu mesmo que non ía ser tan repunantiño ;-)

  2. 16 / Maio/ 2013

    Pois se só custa colher-lhe o truco quatro capítulos, vou-lhe meter o dente!

  3. Luis
    17 / Maio/ 2013

    Pois eu levo dous días intentando colgar aquí unha reseña, e non hai xeito…

  4. Luis
    17 / Maio/ 2013

    A verdade é que a serie é recomendable. Pero a pesar diso, vou ser un pouco o contrapunto e falar dos que -para min- son os puntos débiles.
    A ambientación é moi boa, pero ás veces se toman licencias nunha liña case “Conan o bárbaro”: a apariencia da muller do conde, dos anglosaxóns, todo o relativo ao entorno relixioso dos últimos capítulos…
    Outra cosa que non me chega a convencer son os combates. Se abrimos a mente, podemos pensar nunha especie de homenaxe a esas sagas nórdicas ou cronicóns medievais, nos que cen derrotaban a cen mil, e nos que os vencedores sufrían dez baixas (a metade, por accidente) e os vencidos, dez mil. Pero o certo é que máis ben fai pensar no Hollywood de cartón-pedra dos anos 50: dous ou tres piratas ingleses, que con espadas e saltos acrobáticos derrotan compañías enteiras de soldados españois cobardes e inútiles.

    Pola súa parte, Ragnar é unha figura demasiado totalizadora. É un “emperador de todas as cousas”: é el quen coñece as técnicas para poder navegar en alta mar, como construir un barco que se adapte a navegación non costeira, a existencia de terra no oeste… parece que se Ragnar non existise, os vikingos non terían saído de Escandinavia. Incluso o ataque a Lindisfarne é anacrónico: Ragnar viviu realmente un século despois.

    Un guerreiro moi valente, moi forte, moi astuto, moi intelixente, con grandes coñecementos técnicos… só lle falta unha avoa que lle diga que é o máis ghuapo.

    Incluso os protagonistas dunha serie de ficción como “Xogo de tronos” resultan máis cribles. Os Stark e os Lannister, coas súas debilidades, temores, vicios e incertidumes parecen moito máis realistas que Ragnar.

  5. 17 / Maio/ 2013

    Xa está. Por algún motivo consideraba a túa crítica spam. :-)

  6. karl
    26 / Maio/ 2013

    Chegaron a Melgaço , polo Miño, que é isto das cabezas dos viquingos?

    entreominhoeaserra.blogspot.com.es/2012/07/ha-alguns-anos-foram-descobertas-no.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *