Casas de Tiermes e o edificio das termas na zona superior. Fotos: Sole Estamos en…
Notas arqueolóxicas
Recuperando unha peza importante. Ao abrir unha cadrícula dunha excavación, proponse un enigma, un coidadoso…

Na parroquia de Trasalba -si, a do pazo de Don Ramón, no concello de Amoeiro- atópase, mergullado nun inmenso mar de xestas, un interesante escenario da nosa prehistoria. Un escenario, coma sempre, inconcluso, aberto a múltiples hipóteses, con interrogantes de todo tipo. Moitos seguramente oístes falar do petróglifo astronómico do Chan da Ferradura, en Amoeiro, xa que apareceu en La Voz de Galicia referenciado en dúas ocasións. A orixe da hipótese está neste traballo (pdf) dos profesores da USC García Quintela e Santos Estévez.
A interpretación céntrase en que, nun abrigo chamado O Raposo, ubicado no Chan da Ferradura do concello de Amoeiro, alguén rachou e desprazou unha pedra no interior dun minúsculo abrigo rochoso, para aliñala coa saída do sol no día exacto do solsticio de inverno. Segundo García Quintela e Santos Estévez, ese petróglifo podería representar exactamente a paisaxe que se ve enfronte: o Monte de San Trocado -de gran riqueza folclórica local- e mesmo unhas voltas do río Miño. Ao mesmo tempo, a sombra do mencer provoca unha sorprendente sombra que apunta ao veciño Coto do Castro imitando a mesma forma. Fran, un lector de Capítulo 0, estivo alí o día do solsticio de inverno do ano pasado (21/12/2007) e envioume unha ligazón (¡grazas!) á súa estupenda galería fotográfica na que se pode apreciar o que alí acontece:

A luz entra pola fenda do abrigo e alumea o petróglifo. Foto: Fran

A sombra do abrigo, ese día, apunta exactamente cara o Coto do Castro. Foto: Fran
Nós estivemos alí onte visitando o lugar. Ao longo dese Chan da Ferradura, aparecen sortes de penedos cheos de cazoletas, por todas partes. Ao chegarmos ao Abrigo do Raposo, resulta sorprendente a proximidade entre a forma debuxada no petróglifo e a paisaxe de enfronte, co monte e o río. A Ferradura podería ser algo así coma o noso Stonehenge, o noso espazo astronómico prehistórico, pero tan só un pouco. Porque non hai nada no Raposo que resulte monumental, nin espectacular a nivel visual e iso é o que máis me fascina. A natureza tan só foi alterada de xeito mínimo para que todo se produza de xeito habitual, e o que puidera ser unha secuencia de fenómenos naturales (a luz entrando por unha fenda un día determinado, a sombra do abrigo apuntando ao castro), cobra un enigmático sentido cultural tras a acción de gravar un petroglifo, rachar a pedra e desprazala uns centímetros no interior dun abrigo. No veciño Castro da Zarra, por certo, outros investigadores atoparon un petróglifo moi parecido, tamén dentro dun abrigo, así que a cousa vólvese máis sorprendente.
O Chan da Ferradura vén a ser unha especie de tesouro arqueolóxico ao que o tempo está a devorar: cabos de alta tensión, a liña do gas natural, as xestas que inundan os vellos camiños e fincas. Próximo ao abrigo, camiñas ata unha laxe na que están gravadas ducias de pegadas, o que se chaman podomorfos. Os podomorfos, combinados con serpes e cazoletas, forman un enigmático espazo. A investigación arqueolóxica que se levou a cabo no 2006 revelou aspectos importantes sobre este petróglifo, como a existencia dun pequeno enlousado ou que en moitas fendas da pedra, e nun rebaixe artificial que se fixera nela, alguén fóra incrustando anaquiños de cuarzo. Segundo García Quintela, este tipo de pedras con pés son habituais nos centros de soberanía no mundo celta: o rei tomaba posesión/contacto/casamento coa terra en rituais que simbolizaban a alianza entre homes e terra.

Os podomorfos da Ferradura.
Este lugar, Trasalba, en Amoeiro, o occidente da provincia de Ourense acaba por ser unha cebola que pouco a pouco se vai destapando. Xusto cando acabamos de volver deste discreto Stonehenge, lemos un fascinante artigo no Cuaderno de Estudios Gallegos (pdf) que nos vai ter que facer volver en breve.
Como nas alcaldías do rural galego é de mal gusto poñer sinalizacións, localizar os dous petróglifos no Chan non é nada doado. No interior do post publiquei un mapa para quen queira visitalos.
