Italia

Si, eu de aquela non sabía. Pero precisaba saber.

Estabamos no restaurante italiano da rúa do Franco, en Santiago. Despois de repasar por arriba e por abaixo a carta, díxenme que esa tiña que ser a derradeira vez.

-E miren -pregunteille ao dono do restaurante cando veu tomar nota- ¿e logo o único viño italiano que teñen é este lambrusco?

Eu non sei ti, pero a min o lambrusco, e as súas burbulliñas, e o seu aspecto dozón, mátame. Empalágame. Antes de que chegue a comida, ese subviño párteme as forzas, súbeme os coloretes e déixame o estómago sensíbel coma unha cara recén lixada.

-¿A que se refire? -preguntoume estrañado.
-A que se teñen algún viño tinto…sen burbullas. Algo así como un Ribera del Duero, ou un Rioja.
-Aaahh, si hai algúns -o italiano levou os dedos á boca sinalando o excelso da súa evocación-, pero carísimos (quería dicir, caros para ti). Os Barolos.

Despois souben que para nada tiña razón o maître: hai miles de viños italianos sen burbullas e de todos os prezos, nunha sorprendente, rica, inabranguíbel diversidade. A explicación de que todos os restaurantes italianos de miras básicas da nosa xeografía só dispoñan dun perigoso arsenal de lambruscos de dubidosa calidade era máis pragmática, un problema de distribución e custes. E, se cadra, de falta de gusto dos propietarios.

Por suposto, tamén hai moitas burbullas na oferta enolóxica italiana. Os que teñen algunhas (nivel auga con gas) chámanselle frizzantes. Os achampañados son como en portugués, spumantes. E os viños sen burbullas son os fermos (pechados). É importante telo bastante claro, porque hai unha certa tendencia nalgunhas zonas nas que teñen instalado por defecto o frizzante no sistema operativo e…ben, tenche que gustar ese carbónico xogando aos coches de choque nas túas foxas nasais.

Pero a min interésanme os viños tintos sen burbullas. E para iso, nada mellor que comezar un periplo enolóxico pola zona do Chianti, no corazón da Toscana.