Last updated on 26 / Agosto/ 2007

Fragmento de A primavera, de Sandro Botticelli
A ollada. É sorprendente como cambian os nosos anos, percorrendo os mesmos espazos en tempos diferentes. Na miña primeira visita á Galería dos Uffizzi, en Florencia -unha das principais pinacotecas de Italia-, perdera tempo e tempo na sala de Sandro Botticelli, mirando abstraído as súas loiras renacentistas e pagás, con transparencias. Por suposto, era arte, pero non nos chamemos a engano: a súa Venus, ou estas Tres Gracias, están como queixos. Beleza perfecta, tan perfecta como irreal, só existente na cabeza de Sandro. Volvín a perder tempo nesa sala, por suposto, pero a cabeza e o corazón cambiara nesta década que pasara entre as visitas.
Mareándome no resto da galería, coa treboada inmensa rebotando nos cristais vellos da galería, atopeime, por fin, con algo que levaba tempo querendo ver. A pequena parte da obra de Artemisia Gentileschi que se conserva nesta galería. E alí estaba esta tremenda obra:

Fragmento de Xudith decapitando a Holofernes, de Artemisia Gentileschi (ampliar)
Artemisia foi unha das primeiras pintoras recoñecidas na Historia. Unha muller de carácter, influenciada polas luces e sombras de Caravaggio, que tras terríbeis acontecementos, foi a primeira muller en ingresar na Accademia del Disegno de Florencia. Pintou esta perturbadora Xudith despois ser sometida a un ignominioso proceso de tortura (podes ler a historia aquí) para demostrar a veracidade da súa acusación de violación contra o pintor Agostino Tassi. Artemisia pintou este cadro en 1620, con 27 anos, e moitos ven nel unha tremenda venganza e as pegadas do proceso. Aínda hoxe, estar diante de Xudith, observar a fría cara dela e da eficaz criada, sobrecolle; no momento debeu provocar calafríos. Despois deste episodio, Artemisia tivo unha riquísima vida artística.
Debe ser a idade: pensei. Porque agora prefiro máis estas morenas de Artemisia Gentileschi que as loiras de Sandro Botticelli.

Coñecín a Artemisia Gentilleschi hai anos nun curso de coeducación que nos impartiran no cefocop. Quedei impresionada pola forza da súa pintura. Cando me informei máis sobre a súa vida, comprendín mellor esta obra.
Eu coñecina hai tempo, Peke, e tamén non daba crédito. Foi nunha publicación de estudos de xénero, creo, e pareceume pasmante que non aparecera máis claramente nos manuais de arte. A única mágoa é que se conserva moi pouco da súa obra -menos de 40 traballos-, xa que foi destruída ou perdida ao longo do XVII ou XVIII. Unha mágoa.
Eu ando á procura da correspondencia que mantivo, ao longo de moito tempo, con Galileo.
Respecto ás mulleres boticellescas, están todas inspiradas na súa namorada, da que non recordo agora mesmo (non son horas) o nome.