Ves comigo ás Terras da Loba Branca?

O amigo Xurxo Salgado está a organizar un interesantísimo programa de visitas culturais ao longo de todo o país, que inclúe roteiros en lugares moi distintos de Galicia, pero sempre baixo o eixo temático da cultura e, sobre todo, da Historia. Son roteiros gratuítos (con inscrición previa) e todos están feitos por xente que vive o territorio, as xentes e a historia dos lugares con paixón e que coñece cada centímetro cadrado do lugar que van amosar. Dito doutras maneiras, un luxazo que se pode disfrutar poucas veces. Botádelle un ollo á web e, sobre todo, aos roteiros.

Eu propóñovos facer comigo un roteiro o 23 de setembro de 2017. Chameille Polos dominios da Loba Branca, porque alude á zona que, se cadra, é a menos coñecido do Barbanza. Abrupta e aillada, a área do Outeiro dos Corvos, Outeiro Murado, Pedra de Noceda, etc., ficou fóra das explotacións eólicas, as pistas irracionais, etc. Sen embargo, é unha zona fermosa para quen lle gusten as penedas de granitos e agacha unha importante explotación mineira, fortificacións lendarias (algunha delas aínda sen catalogar), petróglifos e un misterioso camiño tallado na rocha.

Podedes consultar datos, zonas de quedada e sobre todo, inscrivirvos, no web de Rutas de Historia.

Unha cousa importante: este roteiro non é como outros, que se vai por camiños máis ou menos trillados ou homologados para sendeirismo, etc. Aquí a metade do roteiro farémolo como se poida, en zona un pouco abrupta (non perigosa) e con algunhas zonas de maleza. Esta semana imos ir limpar un amigo e máis eu, fouciños en man, as zonas máis terribles, pero se vos apuntades (que me encantaría), vinde preparados para toxeirada, que vai haber algunha. Eu…xa aviso! ;-)

E nesta ligazón podes consultar a serie de posts Tras o ouro dos mouros, que escribín en 2011, relacionadas con esta zona.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *