Tras o ouro dos mouros

Así que velaquí estamos. Un val solitario. Un val tan solitario que sabemos -literalmente- cando pasou por alí unha persoa porque o percibes sobre o terreo. E, nun estremo, un gran petróglifo con alomenos 42 pegadas, representadas de xeito insistente sobre tres pedras, ao carón dunha antiga explotación mineira.

Hai un problema.

Non son as únicas.


Fotos: Sole / Gago

O meu irmán sinaloume a montañosa zona entre a Portela e o Castelo de Vitres, presidida polo Outeiro dos Corvos.

-Hai a base dunhas cabanas redondas por aló -díxome.

Un dos aspectos máis fascinantes e menos estudados da serra do Barbanza son os pequenos grupos de cabanas redondas que se atopan, ás veces, en lugares recollidos do vento e do frío e a carón dos pequenos regatos. Pouca xente os coñece, pero son arqueoloxía agrícola fascinante. Trátase das bases de cabanas feitas con materiais perecedeiros que se adoitan interpretar, malia non teren sido nunca excavados, como “refuxios de pastores”, de cronoloxías indeterminadas. A dureza das condicións metereolóxicas da serra permitiu a súa preservación.

Cando, hai anos, camiñabamos errantes pola serra, cando aínda non estaba torturada por pistas e eólicas, chegar entre a brétema ás ruínas destas aldeas de círculos sempre supuña a sensación de entrar nun mundo que descoñeciamos. De adolescente, moito me asombrei cando lin en O sabueso dos Baskervilles, de Conan Doyle, como Sherlock Holmes e Watson pasaban por lugares similares nos paramos de Dartmoor. Só que alí se consideran, a maior parte deles, da Idade do Bronce.

-Imos buscar esas cabanas! -dixen.

E aló nos adentramos, sen saber o que nos iamos atopar alí.