O secreto escondido na Pedra Leirada (II): o petróglifo agochado

Si, tiña que telo escrito antes, como prometín. Pero a vida vai moi rápido e estes meses teño o blog a baixo ritmo porque estou preparando cousas de moito alento, que requiren moita atención, e que agardo que poidades disfrutar comigo nos vindeiros meses. Pero estou, vaia se estou. Aínda que coma os vellos, xa calo máis que digo, cando menos ata que remate estes proxectos de longo alcance aos que destino o pouco tempo libre que teño.

E agora volvemos á Pedra Leirada, na Pobra do Caramiñal. No episodio anterior, que te recomendo que refresques se non te acordas ben, contabamos que a Pedra Leirada é un petróglifo cheo de cruces na aba do Monte Curota, cunhas impresionantes vistas sobre a Ría de Arousa. A clave do episodio anterior era que viamos como a Pedra Leirada non estaba soa, senón vinculada a outras pedras que conformaban un conxunto de grandes penedías con gravados cruciformes, distribuídas ao redor do camiño tradicional de acceso ao monte por parte das aldeas do interior da Pobra.

A revelación, o achado, o fermoso era que a través da técnica fotogramética desvelabamos que a pedra tiña unha dilatadísima tradición, conforme á elevada densidade de lendas que a rodean. O fascinante era que as cruces estaban distribuídas pola pedra ao redor de motivos xa inapreciables, pola erosión, a simple vista. Un conxunto de gravados prehistóricos conformados alomenos por motivos circulares e un intrigante motivo inspirado neles, pero con volume aplicado. As cruces falaban co vello encanto:

Pois ben, xa sabedes que onde hai un petróglifo prehistórico hai máis. Lembrei unha pedra que vira de pequeno, cando Miguel e máis eu andabamos polo monte e coñeciamos todos aqueles camiños vellos de memoria. A pedra estaba nun fragueiro que se conservaba na miña memoria con tanta precisión que a penas dubidei en metros en localizala de novo despois de vinte anos. Había algo fermoso para min: volver a un lugar no que non retornaches en vinte anos, pero sendo ti un home distinto, e percibindo de maneira distinta todo. E alí estaba a pedra. Nunha sorte de plataforma natural, excéntrica con respecto a aquel camiño da Pedra Leirada pero indubidablemente dentro do mesmo contexto. Un novo petróglifo para a Pobra do Caramiñal e unha nova estación para este interesantísimo conxunto.

Chamémoslle Petróglifo da Canteira Vella, porque se atopa moi preto da explotación, xa abandonada hai varias décadas. Se cadra a canteira vella levouse por diante tamén algunha outra estación, pero esta sobreviviu e é convencional e cun punto interesante tamén. Os lectores de Capítulo Cero ou de Herdeiros pola Forza saben do ‘mal das pías’: esa inmensa paixón por visualizar petróglifos onde a pedra é naturalmente caprichosa. Moitas veces con petróglifos así movémonos en terreos ambiguos, pero neste está clara a intervención artificial. Hai na comarca outros así. Aquí o podes ver en tres dimensións.

Iso si, o petróglifo, volto a ver vinte anos despois, cobra para min unha nova dimensión. Agora sei que é habitual que haxa estacións de arte rupestre a media altura nas abas dos montes, que mesmo haxa certa especialización de motivos. Se cadra a Curota mereza unha revisión máis ampla e poidamos atopar máis sorpresas. Polo de agora, sabemos que este lugar era importante no pasado, o suficiente para ir enchendo de petróglifos unha determinada zona do monte. O máis fascinante da arqueoloxía e do pasado é como este é capaz de outorgar, de súpeto, novos sentidos a un accidente xeográfico como a Curota, que sempre estivo aí, pero que gardaba moito máis do que esperabamos.

Aquí tes a localización e ficha en patrimoniogalego.net

2 Comments

  1. Miguel
    22 / Marzo/ 2016

    Moi boas. Como sabedes que non é natural? Graciñas

  2. 22 / Marzo/ 2016

    Pola forma, a relación entre profundidade, o modo no que se define o borde ou o contexto de alveolos naturais que hai nas proximidades. Cun pouco de práctica distínguense bastante ben. Por exemplo, na infografía da Pedra Leirada vense coviñas naturais. Outra cousa que ten moita coña é cando deciden mesturar coviñas artificiais con naturais, ou xogar cun alveolo natural rodeándoo de coviñas, coma nun dos petróglifos máis altos do Barbanza, preto do Coto da Moureira. Iso fainos reflexionar sobre a fronteira entre o natural e o artificial nas culturas prehistóricas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *