Unha viaxe ao corazón dos castros: a sauna de Castañoso

Última actualización o 19 / Novembro/ 2015

Nunha escavación arqueolóxica sempre hai un sentido do tempo moi emocionante. Especialmente, cando atopas unha peza que, de súpeto, fala da humanidade do seu propietario, centos de anos atrás, ou a disposición dun lugar, ou un anaco dun obxecto particularmente expresivo. Pero poucas veces a arqueoloxía pode conseguir iso da arquitectura: que simplemente cunha ollada, un edificio desvele tantas cousas.

Chegar ao Castelón de Castañoso, na Fonsagrada, require estar en boa forma física. O descenso por Silvachá require dun 4×4 para achegarse ao lugar, e aínda despois hai que andar uns vinte ou vintecinco minutos ata chegar ao lugar. O equipo de arqueólogos de Terra Arqueos levou o seu traballo, a recuperación da sauna de Castañoso, con auténticos tintes épicos. Cargar toda a ferramenta, incluída unha pesada estación total, ademáis dos sacos de morteiro para a rehabilitación e consolidación do monumento, día a día, foi unha tarefa brutal. Nós baixamos por Castañoso, o que require uns trinta e cinco ou corenta minutos de descenso espectacular, ata que comezas a rebasar os foxos espectaculares que aíllan o castro do seu contorno, e que aínda hoxe cumpren perfectamente a súa función. A subida de volta é das de abrir o peito.

Pero como dicía, se cadra polo difícil camiño, polas condicións de difícil acceso do lugar, o castro gardou como un tesouro esta construción excepcional: as saunas castrexas son edificios singulares da Idade do Ferro. Son auténticas xoias prehistóricas, únicas na súa configuración en Europa. En Castañoso apareceu a sauna mellor conservada da antiga Gallaecia. No 2011, cando fixemos a nosa primeira visita, podíase intuír (paga a pena ver o vídeo para comprobar as diferencias co espazo xa escavado), pero agora é espectacular, chea dese sentido de lugar, desa dimensión existencial que nos aproxima, home e muller a home e muller, a través dos séculos. A sauna de Castañoso permítenos achegar á dimensión espiritual destes monumentos: a sensación de calor, de opresión, o chan húmido e esvaradizo, deliberadamente pulimentado, que segue aí.

Anímovos a ver o vídeo (seleccionade a opción HD 1080, vese moito mellor) que acompaña este post e nos acompañedes nesta viaxe ao corazón dunha antiga cultura que nos fala desde este monumento recén exhumado, e que agora podedes ver neste vídeo. Un monumento importante, que debía xogar un papel relevante na vida emocional e espiritual dos galaicos.

Esta tamén é a primeira comunicación pública da rede Consiliencia, unha unión de grupos universitarios da USC e da UDC que procura o vínculo entre as diferentes disciplinas das ciencias sociais e naturais. Durante este outono veredes outras pezas que ilustran o traballo e os intereses do grupo.

16 Comentarios

  1. Antón Malde
    13 / Setembro/ 2015

    Precioso, que bon!

  2. Brigantium
    13 / Setembro/ 2015

    Que pasada! Coñezo o forno da santa de Allariz a de Borneiro a de Espasante e as portuguesas pero da tipoloxia do norte por así dicilo, e a millor conservada sen dubida (estiven en Coaña e recordo unha especie de pías pero non recordo o monumento con forno). Lastima que estea tan difícil de chegar gustaríame levar o neno a vela. Gracias Manolo polo video. Unha auténtica chulada!

  3. Brigantium
    13 / Setembro/ 2015

    Unha pregunta, soname algo dunha sauna na zona de Foz ou Ortigueira que descubriuse o afundirse un camión nun solar a principios dos setenta ou oitenta, pero que quedou sen estudiar e que o burato volveuse a tapar e que asi quedou o tema esperando a redescubrilo. Sonavos algo deso? E posible que me sone incluso de aquí.

  4. Laura
    13 / Setembro/ 2015

    FONSAGRADA….SAGRADA….AUGAS SANTAS…ALLARIZ
    …PARESIDAS….ESA MAIS INTEGRA….ENCANTARONME AS DUAS….

  5. 13 / Setembro/ 2015

    Berto, cantos anos ten o neno? O camiño é precioso, pero cunha forte pendente. Pensamos que a partir de seis anos podes baixalo (iso si, subilo valo ter que subir ti).

  6. Anónimo
    14 / Setembro/ 2015

    Manolo cumple sete o mes que ven.

  7. Marco
    14 / Setembro/ 2015

    Da sauna de Foz teñen dado algunha nova os de Mariña Patrimonio, consulta no seu sitio web. Eles parten de novas publicadas na prensa da época, a raíz de un accidente ou un afondimento do térreo e unha descripción confusa que ben poidera ser unha sauna. En todo caso está sen excavar e é millor que permanezca así ate que se produzca unha intervención con garantías técnicas.
    En Ortigueira está a sauna do castrp de Punta dos Prados perfectamente visitable e restaurada tal vez con un pouco de forza de mais, pero non ten perda.
    Saúdos
    Marco

  8. 14 / Setembro/ 2015

    Con sete anos, eu creo que igual na vindeira primavera xa podías levalo (con algo de coidado) e asumindo que ao mellor tes que cargar con el á volta. ;-)

  9. Brigantium
    14 / Setembro/ 2015

    Malo sera entón, ademais e lixeiro, neso saiu a nai jjjjjj….

  10. 14 / Setembro/ 2015

    Encantoume a túa nova publicación. É apaixoante coñecer o significado agochado da sauna no mundo castrexo. Nunca tería pensado que saír dunha sauna podía simbolizar o nacemento, ou quizáis “re-nacemento”. Grazas por compartilo :)

  11. 14 / Setembro/ 2015

    Grazas, Luis!

  12. 16 / Setembro/ 2015

    Entrada e saída estreita, frecuentemente con pedras formosas, chan esvaradío, sensación opresiva coa calor e humidade… Évos un útero, abofé!

  13. Marga Vázquez
    16 / Setembro/ 2015

    Grazas polo video, é fantástico.

  14. 19 / Setembro/ 2015

    Moitas grazas, Marga!

  15. Roberto
    22 / Setembro/ 2015

    Parabéns Manuel!

    Pouco a pouco, vaise facendo.

    ¿Cómo pode chegarse ata él? ¿Cal é a súa situacion?

    Grazas e un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *