Unha sauna castrexa en perigoso equilibrio [vídeo]

Last updated on 15 / Decembro/ 2011

Hai corenta anos que ninguén entraba aló. A impenetrable vexetación e o aillamento do castro ou castelón de Castañoso con respecto ao seu contorno facía case inaccesible este lugar. Hai uns meses, a Xunta e o concello da Fonsagrada decidiron abrir un roteiro entre a vexetación para conseguir acceder a este lugar e ver se o que escribiran dous curas bastante intrépidos -Enrique López Fernández e José Argul Folgueiras- nunha guía de Everest nos anos 70 era certo. Aqueles dous curas falaban da existencia de unha -e mesmo dúas- saunas castrexas no castro do Castañoso.

E era certo. Aquí vai o vídeo que fixemos aló.

Foi o aillamento e unha curiosa simbiose entre a agricultura tradicional do país e os restos arqueolóxicos o que motivou que chegara, ata nós, un auténtico monumento castrexo con partes da súa estrutura aínda en pé. Durante séculos, os labregos empregaron algunhas das edificacións do castro -vivendas, terrapléns, a sauna- como o que se coñece na Fonsagrada como curripas, e noutras partes do país como ericeiras. Esas pequenas construcións nas que se depositaban os ourizos das castañas para De seu, é a sauna castrexa sen escavar mellor conservada do país. Unha xoia da arqueoloxía galega.

Un pouco de contexto para entender o asunto


Reconstrución dunha sauna castrexa.

As saunas castrexas son edificios comunais enigmáticos. Durante moito tempo non se sabían para que servían. Hoxe a hipótese máis estendida pasa pola análise da súa estrutura. Conducións de auga, un forno e unha cámara á que se accede por un paso estreito permitía aos galaicos acceder a ese espazo cálido. A xulgar polas espectaculares pedras formosas -grandes laxes talladas horizontais, a xeito de fachada do complexo, todo parece indicar que non só era un espazo para xuntarse os colegas a beber birras ao xeito finlandés, senón que tiñan algún tipo de finalidade cultual ou ritual. Na Galicia actual este tipo de edificacións eran moi escasas, e pódense contar cos dedos dunha man. Cito de memoria: a de Santa Mariña de Augas Santas, a de Borneiro, a de Punta dos Prados (Ortigueira) e se cadra exista tamén unha no castro de Atalaia (Cervo). Recomendo esta entrevista que lle fixen en 2008 ao arqueólogo Ángel Villa, un dos maiores especialistas nestes monumentos para entender a problemática e as características destes edificios.

Nunhas recentes xornadas arqueolóxicas organizadas polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo en Xinzo Ángel Villa inclúe o edificio galaico do que imos falar como unha sauna “máis que probable” e a inclúe dentro do catálogo de saunas entre o Eo e o Navia. Podedes ver a referencia neste vídeo, a partir do minuto 34.

A sauna castrexa do Castañoso


O castro de Castañoso atópase no espazo central desta fotografía, nesa especie de outeiro estirado. Fotos: Sole

Chegar ata o Castañoso non é doado. Nós fixémolo da man de Óscar, que nos baixou ata media ladeira da Serra do Corno do Cervo, desde onde fumos baixando polos bosques e cruzando os regatos que nos levaron ata este espectacular castro. Estamos falando dun lugar excelentemente conservado, como unha cápsula de tempo. Se baixaramos desde o lado contrario, accederiamos a el pola Rúa dos Mouros, un estreito camiño con desfiladeiros a ambos lados, ben perigoso. O castro está defendido por tres liñas de foxos e dispón dun bastión-torre na súa entrada. No interior do castro, varias liñas de terrazas interiores revelan un urbanismo ordenado. Varias casas acadan doadamente máis dun metro de altura.

É emocionante.

Tanto como chegar. Unha vexetación desbordante, luxuriosa. Incrible, con fervenzas que caen por todas partes. Subimos pesadamente pola ladeira do castro, a piques de esvarar entre o barro e as follas de castiñeiro.

Estrutura agrícola. Unha curripa para castañas. Sostén a estrutura actual da sauna pero non é parte do monumento orixinal, ollo. Seguramente foi feito coas pedras do propio monumento.


Outra vista da curripa. A sauna comeza aquí, nesta zona superior. Debido á pendente, a zona que cedeu é a que está ladeira abaixo


Forno (parte final da sauna)


Cámara abovedada.

Velaí está. A sauna conserva parte da súa estrutura orixinal aínda en pé, e cando chegamos a ela decatámonos do motivo. Foi empregada como curripa, e aos labregos veulles moi ben a súa estrutura abovedada para maduraren as castañas. De feito, a falsa bóveda da cámara está mantida por un muro posterior.

A sauna de Castañoso está moi próxima, arquitectonicamente, á do Castro de Pendia, que se atopa nesta zona, se ben do lado asturiano. Aquí podes ver a sauna do castro de Pendia. Fíxate no parecido do forno.


Aquí pódese ver o precario equilibrio da bóveda da cámara, sostido por unha reutilización posterior da curripa. Se esa columna de pedras da esquerda cede, véñense abaixo máis de dous mil anos de Historia.

Muros orixinais do castro vs. Muros agrícolas

Nestas fotos podes ver a diferencia entre os consistentes muros castrexos de Castañoso, feitos para casas que debían ser vividas e habitadas, e os muros agrícolas. Deste xeito pódese entender ver a diferencia entre as dúas estruturas que compoñen a sauna. Abráiate do estado de conservación dos muros orixinais.


Castrexo


Castrexo


Castrexo


Agrario posterior

Que facer?

Varias organizacións e institucións da área van reclamar nos vindeiros días unha intervención urxente para reclamar á Dirección Xeral de Patrimonio unha intervención urxente ante un monumento único no país, que se atopa nun envexable estado de conservación. Pensen en cantos edificios en Europa coñecen con dous mil ou máis anos de antigüidade que chegasen a nós con parte do teito orixinal aínda en pé. No caso galego, estes edificios -os máis singulares da cultura dos castros- son escasos, únicos e moi valiosos para comprender o máis difícil: o imaxinario, a relixión e a cultura dos galaicos.

A sauna castrexa do Castañoso chegou ata nós como un tesouro. Salvouse de casualidade porque empatou coas necesidades agrarias dos aldeáns do Castañoso. Agora é a nosa responsabilidade preservala e investigala para o futuro. Hai que agradecer intensamente a Manuel Miranda a súa teimosía por preservar e defender este monumento. Se houbese 15, só 15 Manueles Miranda en todo o noso país o estado do noso patrimonio cultural sería moi distinto.

O aviso fica escrito. Agora, entre todos, debemos facer porque se difunda e as administracións tomen conciencia da necesidade de preservalo.

25 Comments

  1. Nemigo
    12 / Decembro/ 2011

    non sei se se menciona a sauna costeira que din os vellos hai preto de ribadeo. Ameazada pola especulación urbanistica e pendente de ser redescuberta

  2. 12 / Decembro/ 2011

    Si, esa é a do Castro da Atalaia, pero as fotos que temos son de varias décadas atrás. Habería que verificar se é ou non.

  3. Antonio de la Peña
    12 / Decembro/ 2011

    Comprobo con satisfacción que o Manolo Miranda segue tan furafollas coma sempre. Para alegría dos probos funcionarios de Patrimonio, que tanto o aprecian ;-D
    Meus parabéns.

  4. Celtius
    12 / Decembro/ 2011

    Manuel, como sempre es xenial!, un aténtico luxo para este pais!. Precisámoste, nunca o esquezas. Grazas de verdade, de corazón.

  5. Esperanza Abelairas
    12 / Decembro/ 2011

    Noraboa Manuel Miranda, levas tempo loitando para que se coñecera este tesouro de Castañoso na Fonsagrada. Agora apoiaremoste no que podamos dende tódalas asociacións, museo etc para que non o deixen caer.Segue así

  6. 12 / Decembro/ 2011

    Certamente moito lle hai que agradecer a Manuel Miranda os seus continuos esforzos. Como dixen no post, con 10 ou 15 Mirandas ben repartidos polo país a xestión pública do patrimonio cultural galego sería ben distinta.

  7. Pancho-Lapatianco
    13 / Decembro/ 2011

    Unha dúbida que me entra con esta magnífica entrada. Visitado varias veces o “forno da Santa” de Armeá, temos que a estructura da “sauna” castrexa foi modificada durante a construcción da cripta da igrexa inconclusa que cristianiza o lugar. Ben.
    Pero o que é o “forno”, ó fondo desa construcción, segue a ter unha falsa bóveda enteira. Poida que refeita, pero seguindo trazas castrexas ¿ou me trabuco e non se pode considerar tal?. Entendo que este de Armeá é un caso de bóveda completa.
    Entende esta nota miña como dúbida, sen para nada baixar a calificación da estructura do Castelón de Castañoso.
    Do que estou seguro é que pouco a pouco han ir aparecendo máis “saunas” castrexas dentro do actual territorio de Galicia.
    Noraboa a Mariña Patrimonio, e a ti por contárnolo ó teu xeito, que tanto nos gusta, sen esquecer a Lugo Patrimonio pola parte que lles toca.

  8. Pancho-Lapatianco
    13 / Decembro/ 2011

    Blog Xegundés-fonsagradino no que tamén ten cabida o Patrimonio. Coido que moi interesante. Non fala directamente do Castelón de Castañoso, pero si doutro na parroquia de Xegunde, e fai referencia ó traballo de campo deses dous cregos que falaban da posible existencia desta sauna castrexa:

    http://xegunde.blogspot.com/2009/11/o-castro-i.html

    http://xegunde.blogspot.com/search/label/patrimonio%20cultural?updated-max=2009-12-21T06:33:00%2B01:00&max-results=20

  9. 13 / Decembro/ 2011

    Agora mesmo falo de memoria, así que descúlpenme os erros. Creo que a parte orixinal do forno da Santa é o “forno”. Vin por aí algunha teoría de que en realidade a pedra formosa que preside a cámara desprazárase desde máis adiante. En todo caso, todo o contexto está moi, moi alterado.

    Sei que está en preparación un artigo sobre saunas, pedras formosas e todo este contexto cultural por parte de varios investigadores. Vendo o interese existente, poreino aquíen Capítulo Cero cando se faga público.

  10. 13 / Decembro/ 2011

    Moi interesante….si estuvera datada sería sensacional

    noraboa polo traballo

    pako

  11. 13 / Decembro/ 2011

    É unha boa cuestión, Pako. Pero se é como a de Pendía (que se parece moitísimo), estamos falando de algo moi antigo (bastante antes da romanización). Haberá que ver se se deciden a recuperala.

  12. ALVAREZ
    14 / Decembro/ 2011

    Moi bo e documentado artigo e moi boa feitura do video.
    Gracias pola fermosa achádega. Outro motivo para visitar as terras altas da Fonsagrada.

  13. Nenoso Ortiz
    15 / Decembro/ 2011

    Grazas pola vosa perseveranza.
    Non sei se o Concello está a facer algunha xestión con patrimonio. Se precisades de min para algo, avisádeme. Nenoso Ortiz

  14. Xerardo
    15 / Decembro/ 2011

    Shalom esta e Galicia maxica que tanto namorou a Cunqueiro e a sua grande imaxinacion para narrala e contalo con todo agarimo, esta podia ser mesmo unha delas se estivera aqui connosco, pero de todas todas temos a sua memoria e o seu saber gracias polo artigo parabens

  15. 15 / Decembro/ 2011

    Pois resulta ben útil, moitas grazas!

  16. Nemigo
    15 / Decembro/ 2011

    @Xerardo
    pra cunqueiro galiza non era celta. Difícilmente o podería namorar unha proba de isa vinculación

    فيما يتعلق

  17. 15 / Decembro/ 2011

    Ei, Xerardo non fala dunha Galicia celta, non? Fala dunha Galicia máxica.

    Por outra banda, Cunqueiro faise eco das teorías de moda no momento no que se fai esa famosa entrevista en TVE.

    A min, a verdade, faríame bastante chiste ler un artigo de Cunqueiro sobre as saunas castrexas. De aquela o tema non estaba moi de moda, de feito non se tiña demasiado clara a súa función. Pero estou convencido de que ao noso escritor lle resultaría ben simpático este asunto para sacarlle graza.

  18. Nemigo
    15 / Decembro/ 2011

    tería a súa graza no seu momento. Cando cunqueiro falaba do mito do celtismo (dito tal cual) De feito en portugal os castros non son celtas.. son lusitanos

    As razóns polas que cunqueiro negaba o celtimos da galiza ou porque fraga presionaba políticamente pra negar a vinculación celta da galiza saberanas eles perfectamente. Franquistas agradecidos como cunqueiro sempre houbo

  19. elixio
    17 / Decembro/ 2011

    En galicia somos “celtas sen filtro”, non hai máis que vernos. E “aghradesidos”, da democracia, tamén os hai agora oh!… e por enriba escriben pior que Cunqueiro e publican igual…. (tamén na prensa)

  20. 18 / Decembro/ 2011

    Uff Nemigo,non mesturemos allos con bugallos nin política con arqueoloxía. Fraga era/é celtista, e os maiores anticeltistas na actualidade (véxase Calo, da UPG) son nacionalistas galegos.

  21. Sevas
    21 / Decembro/ 2011

    Muchas gracias por la información. Da gusto leer y ver así. La cosa está jodida para quien pretenda mantener ésto de la Arqueología y la Historia fuera de oportunismo políticos, siempre erráticos y contradictorios. Que yos dén…
    Con el lío, cuando menos, alguien prestará atención a un edificio que lo mínimo que merece es que lo estudien. Sobre la semejanza con el castro asturiano de Pendia nada que decir, basta ver las fotos del yacimiento en la página de los amigos del Navia: http://www.castrosdeasturias.es/castros/13/19/11/.-el-castro-de-pendia

    Enhorabuena.

  22. Marco García
    1 / Xuño/ 2012

    Hola,
    El pasado lunes 28 anduvimos por allí guiados por Manuel Miranda, Óscar López y Miguel. El sitio es impresionante como paisaje, las fotos, las de Gago o las nuestras, no pueden hacerle justicia (nosotros tuvimos mejor tiempo, parece.
    Era un día de calor, pero llevadero a la sombra de los carballos y se oía constantemente el rumor de los dos arroyos que corren a este y oeste de la cresta donde está el Castelón.
    Impresionante la arquitectura tradicional, no solo la “curripa” para las castañas, también los recintos (no recuerdo el nombre) para colmenas con defensas para protegerlos de los osos.
    En cuanto a la sauna, con adosado de curripa, parece clara por ubicación, construcción y orientación. Era la última que visitamos después de hacer todas las del Miño-Douro y las del Navia-Eo con Punta dos Prados y Borneiro.
    La única duda es la forma ovalada, más que semicircular muy cerrada, que parece presentar el forno. Naturalmente en una apreciación a simple vista y en un lugar afectado por trabajos de esa arquitectura tradicional.
    Hay una ruta de senderismo que pasa por allí y merece la pena.
    Salud
    Marco

  23. Upertam
    20 / Agosto/ 2012

    Parabens polo voso labor! Ainda queda moito por facer nesto das saunas. Unha pregunta que me fixen eu moitas veces é se en saunas romanas que se atopan en sitios “pouco” romanizados non habería xa antes unha sauna castrexa… Como exemplo a sáuna de Bertoa en carballo…
    Unha aperta!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará