Explorando o Muro (e III): eses Brittunculi do demo

Last updated on 8 / Setembro/ 2014

Vindolanda é unha das xoias do Muro: un campamento onde os voluntarios son benvidos e os romanos aínda nos falan desde as súas tabletas.

Tradución do cartel de arriba, que te recibe nada máis entrar en Vindolanda:
A experiencia dunha vida. Miles de persoas teñen tomado parte como escavadores voluntarios en Vindolanda. Certamente é unha experiencia excitante e desafiante. Cada ano, a Fundación Vindolanda dá a benvida a caras familiares e novos voluntarios ao equipo de escavación, todos conectados por unha paixón pola arqueoloxía.

Seguindo a estrada cara o oeste, deixamos atrás Housesteads e non moi lonxe, hai que desviarse a Vindolanda, que está metida entre os campos de cultivo e os prados; chégase a ela a través dun mínimo carreiro que dá lugar a unha agra enorme onde está todo o complexo arqueolóxico. Vindolanda é un xacemento arqueolóxico de gran parecido a Housesteads, se ben o seu emprazamento non é tan espectacular: a media altura nun pequeno val que descende. O certo é que o que Housesteads ten de escénico e visual, co Muro do emperador cortando horizontes, Vindolanda o ten de máxico, ou máis ben de físico e químico.

A composición do solo británico, a turba, ten para os galegos amantes da arqueoloxía esa sorte de fascinación un tanto envexosa. O solo británico preserva os restos orgánicos estupendamente, o cal permite facer revelacións incribles, preservar momias conservadas en turba, madeiros, postes, mangos de armas, o que se queira. A acidez do solo galego devora todo canto material orgánico se deposita nel: esa voracidade leva o tempo, e imposibilita, a maior parte das veces, acceder a unha visión integral dunha cultura. Iso obsérvase ben cando escavas un castro: é como se tiraras un retrato a alguén e só aparecera a roupa coa que está vestido. A escavación dun castro ofrece cerámicas, anacos de metal corroído, industrias líticas, ducias de muíños de pedra, e poderosas cabanas e murallas. Ten un silencio estraño, a escavación: o silencio dos ausentes, magnificado porque moito deles desaparece comesto pola química do solo.

Pero os galaicos deixaban atrás moitísimo máis: cando Rafael Rodríguez escavou o poboado da Lanzada, que ficara no seu momento cuberto pola area, accedimos a unha visión da prehistoria de Galicia radicalmente distinta. A area si preserva ben o material orgánico, e de súpeto apareceu aí un mundo cheo de restos biolóxicos. Ósos de fauna, marisco, espiñas de peixe, cunchas, todo estrado e ciscado por todas partes, berrando a evidencias a vida humana que alí houbo, amosándonos que a visión dun castro na Idade do Ferro non había de ser, non moito menos, impoluta, porque mesmo a noción de desperdicio, de lixo, é diferente á do mundo contemporáneo. Aquel impresionante rexistro de lixo proclamaba os olores que habían atafegar os fuciños do viaxeiro que visitara un destes poboados.


Nova área aberta en Vindolanda


Esa lameira chunga de aí dentro é onde aparecen todas as marabillas de madeira, lenzo…do campamento

Esta turba, este medio hipóxico, é dicir, con baixas condicións de osíxeno no que a auga e a terra preservaron as condicións de determinados materiais é o que fai única a Vindolanda. Posiblemente, se estivera en ladeira como Housesteads, a auga tería corrido ao fondo do val, pero aquí non acontece, fica acumulada nas ruínas. En cada área escavada do campamento, pódese observar un solo anegado, un barrizal negro e turbio que é o maior tesouro de Vindolanda.

Porque aquí, neste campamento, esa turba ten custodiado durante case dous mil anos armas, aperos de labranza, zapatos, roupa. Por atopar, este verán atoparon mesmo unha tapa de inodoro de madeira e estaban buscando a spongia que clausura este cotián acto íntimo. Así de impresionante é o tema da preservación de materias orgánicas.

O máis importante desta condición excepcional do solo é que ten legado unha das maiores coleccións de cartas orixinais conservadas do Imperio Romano, entre elas, a primeira carta que conservamos escrita por unha muller, Claudia Severa, a muller de Aelio Broccho, comandante dun forte próximo sen identificar, a Sulpicia Lepidina, convidándoa a unha festa de cumpreanos. As cartas de Vindolanda, remitidas entre funcionarios, soldados, comerciantes, conseguen transmitir o que as pedras non poden: a vida do día a día, os prezos, as necesidades, os intereses e o mesmo pensamento dos que habitaron neste lugar. Hai reportes da intelixencia militar dando conta dos modos de loita da cabaleiría britana, cartas de recomendación, listas da compra. Matices importantes, como a visión denigratoria do conquistador sobre o conquistado, resumida nunha palabra: Brittunculi, que se traduce como estes ‘cativos bretóns’ ou ‘britonciños’ nun sentido despectivo.

En Vindolanda podes ver perfectamente como se sacaban da terra estas tabletas. É certamente parecido a enzoufar nunha lameira coma un cocho. Estás metido no barro, e vas sacado paladas cadradas de terra e barro que son delicadamente peiteadas para ver se nelas queda algún tesouro orgánico. Malia os traballos tan delicados que se rexen en Vindolanda para rescatar algunhas das máis prezadas xoias cotiá que teñamos visto do Imperio Romano, a Fundación enorgullécese dos voluntarios.


Tradución do cartel (tamén na recepción de Vindolanda):
Arqueoloxía activa. De abril a setembro este é un sitio arqueolóxico activo. Cada ano sabemos máis de Vindolanda grazas ás nosas escavacións, que se engaden á historia do sitio. Interesado en botar unha man? Por que non solicitas escavar nun dos principais sitios arqueolóxicos romanos de Gran Bretaña? A Fundación Vindolanda ten aceptado voluntarios nas súas escavacións desde a súa fundación en 1970. A Fundación recoñece a contribución substancial que os nosos escavadores voluntarios fan para o noso coñecemento do sitio e da Bretaña Romana como un todo. En Vindolanda, estamos comprometidos coa idea de que os escavadores voluntarios deberan ter a oportunidade de compartir a experiencia de traballar nun dos máis excitantes sitios arqueolóxicos de Europa Occidental, e parte do sitio da Muralla de Hadriano, Patrimonio Mundial.

Cando entras no edificio de recepción, varios carteis suliñan como Vindolanda leva décadas sendo un lugar de acollida para xentes de todo o mundo, amantes da arqueoloxía, afeccionados, que se achegan ata alí para experimentar, de primeira man, o desafío de escavar un forte romano. Os voluntarios de Vindolanda pagan, e ao facelo axudan ao Trust, a fundación privada que sostén o campamento, a continuar coas escavacións, pero tamén espallan unha experiencia que, a xulgar polo que un atopa pola rede, márcalles para toda a vida. E todo iso fano, obviamente, baixo supervisión técnica, nun dos xacementos máis delicados de época romana en Europa. Toda unha lección fronte aos discursos falsos e interesados que ás veces nos atopamos en Galicia. En Vindolanda traballan arqueólogos porque hai voluntarios. Vindolanda florece como un lugar de ciencia, de profesionais, e de xentes do común que atopan alí unha resposta a unha paixón.

E hai máis. Unha señora maior, voluntaria, amablemente se achega a nós, e sinalando ladeira abaixo, dinos:

-Lembren pasar polo museo. Que moita xente marcha sen velo!

Supoño que o di porque o Museo está escondido, recoleto, nun pequeno canón dun río, pero paga velo tanto ou máis que as propias ruínas. Un bosque coidadísimo, un xardín británico no que todo está planificado ao milímetro para que pareza natural e salvaxe, acolle o complexo dun muíño que mercou nos anos 30 o arqueólogo Eric Birley, canda o propio terreo do forte, para acoller alí a que sería a paixón da súa vida. A sorpresa é que Vindolanda, que está estruturada como unha Fundación sen ánimo de Lucro, continuou a ser escavada polos seus fillos Robin e Anthony e nestes momentos o director arqueolóxico é o seu neto Andrew Birley, un rapaz relativamente novo que está ao comando do equipo de arqueólogos e voluntarios da escavación. Unha familia consagrada durante tres xeracións a un sitio arqueolóxico que tamén é un modo de vida!

Como digo, paga a pena baixar á Casa-Museo. O río corre vizoso e humidísimo, un templete romano nun apacible meandro e unha serie de réplicas de aras, que acaban por conformar un conxunto máis victoriano que latino. E a casa. Xúrolles que é o mellor museo arqueolóxico que teño visto na miña vida. Xeralmente, cando un museo ten grandes pezas, abandona moitas veces o discurso museográfico, a arela de contar, de xenerar unha narrativa a través das pezas. En Vindolanda teñen pezas incribles, marabillosas e emotivas. Por exemplo, a maior colección de calzado orixinal romano que teño visto na miña vida: de neno, de señora, de militar. Que queres roupa romana? Tamén a tes. Que queres ver como é un almacén arqueolóxico e un laboratorio? As portas son de cristal e están incorporadas secuencialmente no discurso correspondente. Nunca vin tan poucos metros cadrados tan ben pensados e aproveitados.


Perdoen que flipe tanto co calzado, non son fetichista, pero nunca tal vin!


As salas de “evidencias”, ou sexa, os almacéns, como parte do concepto museográfico. Brillante!


Humanidade desbordante nun pequeno medallón

O despacho do señor Birley (o vello) anda polo medio, coma un módulo de Ikea, cos seus mobles de madeira, e os seus bocetos de escavación. Unha sala escura presenta a parte da colección de tabletas que se conserva en Vindolanda, cun excelente gráfico e apoio visual e de cores para interpretar e ‘navegar’ polas palabras latinas. A outra parte, a que está depositada no Museo Británico, está amontonada nunha vitrina no medio dunha sala, sen máis explicación. A lección é directa e clara: non basta coas pezas. Hai que atopar o núcleo e as ponlas desa historia.

Vindolanda déixanos marcados, déixanos pensando, nesta viaxe de ida e volta.

Fotos: Sole Felloza

One Comment

  1. jose alvarez
    29 / Agosto/ 2014

    Coincido con vostede ate na emoción que sentimos nese museo e noutros, sobre todo nos palacios do national trust. Esa perfección e sinxeleza na exposición, ese coidado e cariño nos minimos detalles…..Nos o asociamos como unha posta en escea teatral, no mellor senso da verba, do que os ingleses sonche uns maestros, non sei, é un decir.
    Saude e sigan disfrutando na nación dos ingleses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *