A arqueoloxía confirma o campamento romano da Granda das Xarras


Campamento na Granda das Xarras

É un espazo arqueolóxico espectacular. En 2011 contamos en Capítulo Cero o achado dun gran campamento romano de 5,5 hectáreas nun territorio montañoso na confluencia entre León, Asturias e Galicia, por parte dun equipo de novos arqueólogos asturianos. O achado era moi relevante para comezar a comprender que as cruentas Guerras Cántabras tiñan un radio de acción, e teatros de operacions máis amplios e occidentais do que determinada historiografía viña considerando ata o momento, e que ese radio de acción chegaba arqueoloxicamente ata as montañas occidentais da actual Asturias e a actual Galicia.

Agora, outro equipo do CSIC, dirixido por Javier Sánchez-Palencia e Almudena Orejas está intervindo no sitio, limpando a maleza, realizando catas, sondaxes e prospección, e xa confirman que se trata dun campamento romano, aínda que non se poden establecer cronoloxías con fiabilidade (e as cronoloxías son importantes. É un campamento do tempo da guerra ou da inmediata posguerra, por exemplo?).


Localización de A Recacha (esquerda) e Granda das Xarras (dereita)

O asunto interesante aquí é a participación de concellos leoneses, asturianos e galegos en achegar fondos para investigar non só a Granda das Xarras (o campamento grande) senón A Recacha (unha especie de fortín auxiliar), xa en territorio galego. Son os concellos de Ibias (Asturias), Candín (León) e Navia de Suarna (Galicia). O que é o mesmo, tres administracións de tres autonomías distintas chegan ao acordo de recuperar un auténtico teatro de operacións de hai dous mil anos.

Aquí podes ler máis información. E lembra tamén a nosa proposta de campamento romano para o gran sitio arqueolóxico de O Cornado (Negreira).

3 Comentarios

  1. Xosé Mª
    21 / Setembro/ 2013

    OOOH!!! qué sorpreeesa máis ghrandirma! ;-)

  2. 21 / Setembro/ 2013

    Pois non te creas, Xosé Mª, nada é o que parece e carallos máis grandes se teñen levado. :-)

  3. Zoupeiro
    28 / Febreiro/ 2014

    Concellos leoneses… ¡¡¡¡¡vaia insulto!!!! O terreo que pon de León é en realidade do Bierzo, e o Bierzo é León por imperativo legal. Son concellos bercians
    O Bierzo ten entidade propia recollida no Estatuto de Autonomia de Castela e León. Por poñer Bierzo non lle van caer os aneis ao autor do artigo. Por culpa dos historiadores existen estas provincias que non teñen pés nin cabeza. Estes véndense ao mellor ofertante co fin de manter o sistema político e territorial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *