
Pois con moito orgullo presentamos a vindeira barferencia da Torre dos Mouros: “A ameaza do Océano: 800 anos de piratería na Costa da Morte”. Será este venres 27 de xullo, ás 20.30 h., no Pub O Pirata, de Caldebarcos (Carnota), ao carón dunha monumental cheminea na que seguramente, hai un século, se contaron parte das mesmas historias mariñas, brutas e aventureiras que imos recrear na tardiña do venres.
Para esta ocasión, contaremos con dous conferenciantes: eu mesmo, que falarei sobre a piratería medieval na Costa da Morte e na que ofrecerei, en primicia, dúas interesantes novidades aínda non publicadas na serie Repúblicas de Homes Libres. Exploraremos a Costa, os seus refuxios, os ataques vikingos e musulmáns e as evidencias arqueolóxicas vinculadas a este tempo dramático, entre os séculos IX e XII.
Pero despois teredes a oportunidade de coñecer outra fascinante historia da piratería da Costa da Morte, moi pouco coñecida e investigada. O investigador Jano Lamas, posiblemente o mellor coñecedor dos avatares da Guerra da Independencia na área de Corcubión, vainos adentrar no mundo dos corsarios da Costa da Morte a finais do XVIII e principios do XIX, cando Corcubión era unha auténtica ‘illa Tartaruga’ onde se vendían os botíns obtidos dos buques estranxeiros que se arriscaban polas costas galegas. Teremos corsarios, teremos armas e buques corsarias, os seus nomes, ata os seus pazos. Unha historia tan pouco coñecida como fascinante e novelesca. É para min unha honra compartir unha charla con don Alejandro Lamas.

Be First to Comment