Carnota, un pouco máis rica

Hoxe a noticia da catalogación da fortaleza da Torre dos Mouros publícase en La Voz de Galicia. Pedíronme unha pequena colaboración sobre o lugar e aquí está:

Os carnotáns poden estar orgullosos: hoxe o seu concello é pouco máis rico. Se cadra non o noten nos orzamentos municipais, pero hoxe teñen máis dunha riqueza que ninguén lles vai expropiar, que non se vai devaluar e que ninguén vai depositar en accións preferentes: son máis ricos en patrimonio cultural. Unha nova fortificación, pendurada dos ventos, nos montes de Lira, incrementa o atractivo turístico e científico dun concello especialmente interesante da Costa da Morte.

As mellores historias con respecto ao patrimonio cultural do país teñen que ver coa xenerosidade das persoas que queren compartilas. Hai que agradecer a unha confluencia de factores de boa vontade –a xenerosidade de Jordi Tato, o dinamismo da Asociación Monte Pindo e do seu presidente Xilberto Caamaño, a boa disposición do arqueólogo Luis Cordeiro e á ilusión dos que colaboramos en patrimoniogalego.net– que esta nova e enigmática fortificación do Monte do Castro poida ser visibilizada e incorporada ás figuras de protección legais necesarias para a súa conservación e disfrute para xeneracións futuras. Os comuneiros de Lira souberon preservar este leigado para que chegue nun bo estado de conservación ata o século XXI.

Cientificamente é un espazo arqueolóxico do máis relevante: a súa atipicidade fainos pensar nunha cronoloxía que pode variar desde a época castrexa ata os refuxios de época altomedieval fronte ás invasións normandas, todas historias épicas dos nosos devanceiros. Nos vindeiros meses seguiremos o ronsel de quen nos precedeu na fascinación por este monte, desde Carré Aldao antes da Guerra ou Alonso Romero na pasada década, para tentar esclarecer o misterio. Agora, o Monte do Castro teranos que contar, como un recén chegado á aldea, de quen vén sendo (en termos culturais, se do mundo castrexo ou do medieval).

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *