Repúblicas de Homes Libres: A mota de O Cubelo e as decisións de emprazamento

Last updated on 27 / Marzo/ 2012


Mota de O Cubelo (Tabeirós, A Estrada)

Cando o outro día visitamos a mota de O Cubelo, en Tabeirós (A Estrada) e identificamos o pequeno espazo fortificado, que case parecía de manual, un de nós exclamou expresivamente, con sorna.

-Vai ser que en Galicia hai destas a fodelas.

En Galicia é frecuente facer xeneralizacións ao redor dos temas que se descoñecen, nos que se descartan a existencia de tipos de xacementos arqueolóxicos simplemente porque non se teñen atopado ou publicado. Un deles é con respecto á existencia de motas -fortificacións altomedievais terreiras construídas ao redor dun montículo principal-: sempre se afirmou que a súa presenza era mínima en Galicia. Desde hai dous anos, estamos identificando algunhas destas fortificacións altomedievais. Non só existen, senón que son máis abundantes do que pensamos e nos colocan en interesantísimos problemas metodolóxicos ao redor da súa función. Un caso é esta mota do Cubelo, na Estrada, da que nos informou o arqueólogo Eloi Saavedra (grazas!). No interior do post tes máis información.

Dous amables patróns que andaban polas fincas próximas déronnos o nome do lugar: O Cubelo. Aínda que eu pensaba que cubelo era algún tipo de topónimo ao redor de usos agrarios -o seu uso é ben abundante- fiquei sorprendido cando todos os volumes compilados no Diccionario de Diccionarios outorgaban significados similares ao termo: “Cubo. Especie de torre militar de defensa” (esta vén do diccionario galego-castelán de Leandro Carré do ano 1933).


Primeira e segunda muralla (con “torreóns”(?) e zona de acceso).


Foxo do recinto interior.

Malia sufrir un proceso de concentración parcelaria, a mota de O Cubelo consérvase en relativamente bo estado, só un estremo do parapeto exterior viuse afectado pola pista. A existencia de leiras ao redor da fortificación impídennos apreciar se polo exterior este parapeto estaba complementado con algunha medida adicional de defensa, como foxo. Si, pola contra, no interior está ben claro. Tan só a 10 metros da entrada dese primeiro recinto, érguese propiamente a mota. Un foxo pequeno, de metro e medio de ancho na actualidade moi colmatado, rodea o segundo parapeto. Trátase dunha elevación térrea notable, artificializada, que ocupa en boa parte do seu volume interior o propio grosor do parapeto. Ten unha rampa de acceso con dúas elevacións de terra cinguíndoa. Aínda que puido ter sido construída esa rampa con posterioridade, a existencia desas dúas elevacións de terra ao seu carón ao meu ver están indicando se cadra o acceso orixinal; tamén hai outra rampa similar que facilita o acceso ao primeiro recinto. Na Ulloa hai unha mota coa mesma solución. No interior do recinto da mota, malia a vexetación, parece localizarse unha estrutura habitacional ou defensiva que sempre lles chamou a atención aos paisanos. As nosas dúas fontes referíronse a ese oco, furado, ou espazo do interior sen precisar a súa utilidade. Cómpre mencionar tamén un factor decisivo na elección do lugar: a existencia dun regato que incentiva a pendente pola banda W do xacemento. Obras agrarias alí desmontaron parte do peche do parapeto exterior. Desde a banda sur podemos ver como o parapeto descendía en dirección ao regato pero nesa área está desmontado.

As dimensións do sitio arqueolóxico (60 metros N-S, 50 metros O-E), son tremendamente reducidas. Máxime se pensamos que a maior parte do espazo interior son as defensas. A mota apenas terá no seu interior dun reducido espazo habitacional (15 metros de longo N-S). A escasa monumentalidade das defensas, as reducidísimas dimensións habitacionais do recinto interior, coa existencia dun foxo previo, lévannos a propoñer para este lugar unha cronoloxía altomedieval e unha función posiblemente militar; o topónimo O Cubelo pode estar aludindo tamén de xeito claro á función deste lugar. Por suposto, hai folclore asociado. O propietario dos terreos falounos da tradición de que alí “acampaban” os mouros e identificou o recinto superior como “baluarte” (notas collidas por Xosé Gago e Xurxo Salgado).

O desafío cronolóxico e funcional

Obviamente, vendo estes muros térreos é moi complicado chegar a enlazar unha cronoloxía para este lugar. En todo caso, a súa disposición podería ser anterior ao século XI, meténdose de cheo na cronoloxía da Alta Idade Media. Pero hai algo raro aquí que aínda non dou aclarado.


A mota do Cubelo no seu emprazamento. Ao sur o inicio do Monte Cabalar.

Europa vive a partir do século IX e especialmente no X un proceso intensísimo de incastellamento que revela o xurdimento de numerosos poderes feudais. Galicia non é allea a este fenómeno: os datos revelan que o proceso ocorre ao mesmo tempo que no resto do occidente continental; nos arquivos galegos consérvase numerosa documentación do século X, cando monarcas, bispos e condes transaccionan con castelos, que uns doan, ceden ou conquistan a outros. Esta tupida rede de castelos permítenos ter claras algunhas nocións de onde prefería a aristocracia e a monarquía edificar castelos: no alto dos montes, en espazos cunha visibilidade ás veces enorme; o castelo convírtese nun referente visual dun territorio moi amplo. Non é casual, ao meu ver, que moitos castelos que o rei elixe como cabeza dos condados nos que estaba estruturada a Galicia medieval están situados en espazos moi altos, que hoxe serían considerados inhabitables, no alto das montañas. Estou convencido que neste proceso de elección da ubicación non só se puñan sobre a mesa cuestións defensivas ou de control, senón tamén simbólicas: establecer unha xerarquía sobre o territorio. Nas Repúblicas de Homes Libres coñecemos ben estes castelos e nos facemos continuamente preguntas sobre eles.

Sen embargo, estas motas están ausentes da documentación dos séculos IX e X. Iso pode querer dicir dúas cousas: ou ben estas motas pertencen a unha época na que non había rexistro documental, ou ben pertencían a individuos que non deixaron constancia nos rexistros escritos. Sobre o primeiro caso, non é doado de saber, porque non está escavada case ningunha. En Toques fixéronse catas nunha castronela chamada O Castelo nos anos 80, e a súa datación ofreceu materiais (pobres) moi “tardíos”, dos séculos V-VII. Aínda que unha castronela non é unha mota (na castronela presuponse unha función non só militar, tamén habitacional, como unha granxa ou a vivenda dun señor). Pero si teñen un importante factor en común con estes outros exemplos, e é a existencia dun patrón de emprazamento claramente diferenciado con respecto aos castelos aristocráticos do século IX-X. Estas motas están ubicadas no fondo dos vales, xusto nas estribacións máis baixas dalgunha montaña, no medio das terras de cultivo e da paisaxe agraria e dispoñen dunha visibilidade relativamente reducida, limitada ás terras próximas e a un radio de 2-3 quilómetros máximo. Fíxense que este modelo tamén aparecerá en Galicia de novo co feudalismo consolidado: é o do Castelo de Soutomaior ou o de Pambre, xa nos séculos XIV-XV: o señor quería controlar as terras. E outro detalle: aparentemente (habería que facer un estudo histórico máis en detalle), estas motas do interior de Pontevedra están ubicadas nunha posición excéntrica en relación ás grandes vías de comunicación de época romana e medieval e mesmo en relación á distribución humana. Esta cuestión pódenos facer pensar na existencia dun interese moi local na decisión do emprazamento. Os castelos medievais galegos sempre son construídos en relación á distribución de territorios, feudos e posesións dos aristócratas, constrúense cunha visión estratéxica do territorio (visibilidades, vías de comunicación, recursos, enfrontamento con outras familias, etc…). Aquí non parecen existir estes factores.

A través dun modelo dixital de elevación imos ver tres casos:


Ubicación da Mota do Cubelo (Tabeiros, A Estrada)


A Mouteira (Fixó, A Millarada, Soutelo de Montes)

A Mouteira, da que xa temos falado en Capítulo Cero, está moi próxima á do Cubelo e parece seguir o mesmo tipo de emprazamento, a escasa distancia dos montes que pechan o val pero nun outeiro artificializado por todas as súas partes.

O seguinte exemplo é O Castelo (Melide, Toques), ubicado tamén nas estribacións dun val. Esta é a única castronela da que eu coñezo unha datación arqueolóxica. Parece compartir o mesmo criterio de ubicación das motas.

O Cubelo revélanos dous interesantes suxestións sobre as fortificacións altomedievais en Galicia. A primeira é considerar que, se cadra, o factor de elección do tipo de fortificación (mota, castelo roqueira) era máis unha decisión técnica que cultural. O modelo da mota existía en Galicia, pero só se empregaba en territorios nos que non hai outeiros rochosos e agudos que, sen dúbida, son unha solución defensiva máis eficaz. En Normandía, por exemplo, as terras son baixas, chas e sen afloramentos rochosos. É normal que prevalecese ese tipo de fortificación. En Galicia dáse o contrario, pero cando o construtor da mota considera determinante o factor ubicación e nesa ubicación non hai outeiros rochosos dispoñibles, podería recorrer a este tipo de solucións.

Outra cousa, como digo, son os propietarios. Quen mandaba na mota do Cubelo? É unha boa cuestión. Se estas fortificacións son contemporáneas das fortificacións en altura, estas motas poderían corresponder a pequenos propietarios ou comunidades ausentes do rexistro documental. A ubicación das fortificacións ao fondo dos vales, pero no medio das paisaxes agrarias actuais (e posiblemente, xa agrarias de aquela) poderían estar respondendo a esta cuestión. Máis que un punto de control (non parecen estar vinculadas a camiños importantes), poderían ser un punto de protección a escala moi local e un solución paralela, máis modesta e coxuntural, aos castelos roqueiros. Pero hai unha cousa clara: a estratexia e intereses dos seus creadores é claramente diferente.

Outra opción pode ser retroceder dous ou tres séculos no tempo e instalarnos nos reinos xermánicos ou na Antigüidade Tardía, e estar vendo as pequenas fortalezas que possessores, propietarios rurais, constrúen nas proximidades das súas propias casas, en espazos ad hoc. Ao mellor estamos vendo unha sorte de pequenas tullas que permiten almacenar o excedente agrario con seguridade. Na medida en que descoñecemos a organización das comunidades humanas do reino suevo, unha opción como esta mota permitiría responder a uns tempos duros, escuros e sobre todo, conflitivos. Deste xeito, tecnicamente o Cubelo non sería unha “mota” (está establecido que xurden a finais do século X), senón un modelo local de castronela máis orientada á defensa…

Calquera das opcións (e desde logo pode haber outras) é fascinante.

6 Comments

  1. 26 / Marzo/ 2012

    Moi boa entrada cabaleiro! Paréceme moi interesante o tema das motas, como diría o axente Mulder: a verdade está ahí fóra.

    Acabo de lembrar algo que quizá xa coñezas, e de non ser así probablemente che interese. En Guntín (Lugo)creo recordar que hai un lugar chamado “A Mota”, e ademáis a uns kilómetros do centro de Guntín hai un lugar chamado Cuvelo (esta vez con V) que pode atoparse continuando pola estrada que vai cara a Palas de Rei.

    saúdos !!!

  2. 27 / Marzo/ 2012

    Os topónimos Cubelo/Cuvelo som problemáticos porque, embora podam referir-se com efeito a “cubo” (e desenvolver a acepçom de que falas, ‘torre para uso defensivo’), também podem ser derivados de covo/cova (como Covelo, Covela…).
    Umha referência que pode ser útil: “Covelo, covela, cubelo, cubela: un problema grático e etimolóxico”, de Antón Santamarina. Está na colectánea de homenagem a Xosé Luís Couceiro.
    Saúdos!

  3. elixio
    27 / Marzo/ 2012

    Manuel, a ver se imos ter outra en Ames, aparte da destruída do Lamascal en Santiago. O sitio chámase “Moutón” e está ao lado dunha “Devesa do Rei”, hai castro e houbo asentamento no bronce, está nun altiño e o monte según o sigpac non está parcelado. en fin…. un sin vivir. Hai que ir alá , eu fun, pero eu miro e non vexo.

  4. 27 / Marzo/ 2012

    Ás veces non son doadas de ver. Fíxate que moitas delas non están nos catálogos municipais!

  5. 27 / Marzo/ 2012

    En todo caso, e aínda que soa un pouco ‘corte de rollo’, esas poéticas Devesas do Rei son bosques que a Coroa emprega no XVI,XVII, XVIII para proveerse de madeira para a Armada.

  6. elixio
    27 / Marzo/ 2012

    No catálogo non está, a veces, nin o propio catálogo. O sitio, é chulo nada máis, e chámase Moutón, e é un pico que sobresae un pouco. E aí está.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *