Repúblicas de Homes Libres: o eslabón perdido do Casón

Last updated on 13 / Febreiro/ 2012


Fotos: Sole

Nunha espectacular localización sobre a ría de Ortigueira atópase un dos poucos castelos altomedievais galegos que foron escavados nalgún momento. Iso converte ao castelo do Casón nunha sorte de valioso lugar para comprender a transición entre modelos de fortificación na Alta Idade Media. Foi o arqueólogo Emilio Ramil quen fixo unhas pequenas sondaxes neste lugar no ano 1998. Eu non atopei ningunha publicación destas sondaxes, pero polos carteis que aínda sobreviven no castelo, cóntase que Ramil desenterrou na escavación anacos de cerámica que lle fan situar a cronoloxía do lugar ao redor do século XI, pero hai que ter en conta que o avance dos estudos sobre cerámica medieval foron amplos nos últimos dez ou quince anos e ao mellor levan a cronoloxía para diante…ou para atrás.

O que vemos é un interesantísimo recinto que lembra a un castro, aínda que ten curiosos detalles que te farían sospeitar da súa cronoloxía. Atópase nun estado de conservación espectacular, e ten unha notable complexidade de fortificacións. Un foxo corta a dorsal no que se ubica, despois chega un terraplén de terra -moi similar como elemento defensivo ao doutros castelos altomedievais, como o de San Xurxo do Pindo- e que me fan pensar mesmo nunha orixe anterior do lugar, como castro, e por riba dese terraplén, unha notable muralla de pedra de dous metros de ancho que cingue a croa superior. Dentro dela, está o motivo polo que eu titulo así o post: unha curiosa muralla interna que divide de xeito transversal a croa.


O último reduto no castelo do Casón

Creo ver nela algo que posteriormente tamén estará na gramática das fortalezas baixomedievais europeas, como Pambre: o donjon, o último reduto, a Torre de Homenaxe. Aquí, ao redor do ano 1000, as Torres de Homenaxe non existen como tales: o que fan os construtores desta impoñente fortaleza é dividir a croa e separar o tramo máis alto da fortificación da outra a través dun muro transversal. Aínda que sabemos moi pouco, inmediatamente lembreime de outra divisoria transversal nas croas, tal cal esta: está no Castro Lupario, que sabemos que tivo ocupación na Antigüidade tardía ou na época altomedieval, aínda que alí ao mellor se traducía nunha empalizada de madeira. Se cadra haxa que imaxinar da banda máis alta as casas do señor, e da banda máis baixa deste muro o gando, ou as casas dos soldados. A propia croa parece evidenciar non só un último recurso defensivo, senón tamén unha diferencia social. Fascinante.

O Castelo do Casón evidencia, unha vez máis, a particularidade arqueolóxica da Mariña: este tipo de fortificación altomedieval é bastante diferente ao que teño visto máis ao sur do país. Pero tamén é certo que, despois de ver o Casón, con certeza debemos ter confundido moitas veces castros -ao mellor non tan ben preservados, ou máis cubertos de frouma- con fortalezas como esta: só os achados arqueolóxicos e un estudo máis en profundidade poden dar as evidencias de ocupación temporal. Que pouco sabemos aínda!


O plano do Casón

One Comment

  1. Andrés
    9 / Febreiro/ 2012

    Toda una importante labor, en cuanto al estudio realizado, para poder facilitar una información rica en contenido grafico.

    ¡¡¡Felicidades!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *