Pena Furada: Un secreto dentro das xestas

É un vídeo moi sinxelo, pero non é un vídeo menor. Antón, Elisa e José Francisco Castro están xa en fase da última definición topográfica do sitio arqueolóxico de Pena Furada, e o que se vai ver aquí é bastante importante. O sitio arqueolóxico foi fendido na súa banda norte por unha pista forestal inútil nos 80, pero esta pista forestal separou os terreos de propiedade municipal (nos que está o groso do conxunto arqueolóxico) dos terreos privados da outra banda da pista. Pois resulta que xa durante o noso traballo directo na Pena, comezamos a decatarnos de que o sitio arqueolóxico podía estar estendéndose un pouco pola outra banda da pista, pero alí non se limpara xa que eran terreos privados. Así que é unha mágoa que esas pequenas partes exteriores non fiquen, cando menos, indicadas na planimetría final que hai que entregar no informe.

O que vedes é a negociación con propietarios e responsables da comunidade de montes para limpar esas áreas externas. Son os propios propietarios os que se comprometen a limpar os seus montes para que poidamos botar unha ollada! Pero o máis intrigante é o que acontece a partir do minuto 3, e que no seu momento José Francisco e Santi Fernández xa sospeitaban tras andar na área. Xusto aos pés do outeiro, no interior das xestas, os nosos dous aventureiros localizaran pedras traballadas e a posible existencia dun muro, pero algo máis. Desde o interior da xungla, os vellos lembran a existencia dunha…fonte, “hai moitísimos anos”. Xusto na base do outeiro de Pena Furada. Case de manual! Non poden deixar de ver, no vídeo, a cara de José Francisco cando lle responden os vellos.

Veremos o que acontece cando se limpen esas xestas, veremos se esa fonte ten algo que ver co sitio arqueolóxico ou é posterior. Pena Furada non para de dar sorpresas.

7 Comentarios

  1. Antón Malde
    28 / Novembro/ 2011

    Certamente o vídeo é moi simples; pensámolo moito antes de publicalo. Mais reflicte algo do que estamos moi satisfeitos; unha das consecuencias da intervención e da estratexia de comunicación: a reconsideración, valorización e involucración dos viciños neste espazo singular.

  2. 28 / Novembro/ 2011

    Tendes o vídeo ou a presentación en powerpoint da muñeca que aparece ao mediodía e desaparece ao solpor?

    A vin o outro día no TED e quedei abraiado!

    Saúdos!

  3. brigantium
    28 / Novembro/ 2011

    Buenop, veña, ¿cando collemola sacha?

  4. 28 / Novembro/ 2011

    hahaha! Si, estamos todos picados. A ver que aparece baixo esas xestas, que ten moi boa pinta.

  5. kas
    29 / Novembro/ 2011

    O normal nom seria interrogá-los mais sobre a fonte? xD É que vendo o vídeo dizia: pero pergunta-lhes mais que quero saber! hahah

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *