Última actualización o 11 / Setembro/ 2011

Asistentes á XV Xantanza de Blogastrónomos Galegos. Andrés Medici e o seu equipo ao fondo. Fotos: Sole
…e o mar galego volveuse xaponés. Así foi a XV Xantanza de Blogastrónomos Galegos, que celebramos no restaurante Oh Sushi! de Vigo. Hai xa algún tempo coñecín este magnífico espazo gastronómico comandado polo arxentino Andrés Medici, e que sen ningunha dúbida é o mellor restaurante xaponés de Galicia (e desde logo por riba da media a nivel español). Andrés, que é un cociñeiro divertido, irónico e xoguetón, entrounos ao trapo da oferta e preparou un estensísimo menú cheo de sorpresas, sabores incribles, delicadeza, elegancia, e algún momento un tanto gore para a mentalidade occidental.

Aínda que se comenta moitas veces na teoría, o magnífico foi ver a demostración práctica da fusión total entre o produto galego e a cociña xaponesa -desde as algas das Cíes ata a robaliza, desde a xarda ou o xurelo-. E aí está o prodixioso: un concibe o peixe como unha forma de ser cociñado. A gastronomía xaponesa -e de aí me fascina a min-, nolo devolve no seu estado orixinal. En Galicia poderíase cociñar do noso xeito, pero tamén perfectamente coma no Xapón, país de augas frías como as nosas. Para min, comer os pratos de Andrés Medici non é exactamente xantar exótico, senón xantar o noso mar doutro xeito: non preciso sentir que vou lonxe, senón que fico aquí mesmo. A maridaxe con cervexas xaponesas, e viños galegos (un Ribeiro moi interesante, Alberte) pegou excelentemente con este menú pleno de sabor mariño.
Todo ao centro, coma no xeito tradicional xaponés, pero tamén como lle gusta a Medici.
Aquí van os pratos, de acordo da lista que nos traduciu Andrés a partir do menú orixinal.


Aperitivos:
Alga hijiki (salteado de algas hijiki con atún e cenoura)
Tokoroten de unami (fideos de xelatina feitos cos ingredientes que máis unami achegan na cociña japonesa, setas shitake, alga kombu e katsuoboshi (bonito seco rallado)



Suimono (avinagrados):
Sunomono de polbo (ensalada de polbo, alga wakame (das illas Cíes) e cogombro)
Ankimo (fígado de rape ao vapor)
Aji no tataki (tataki de xurelo)


Sashimi:
Ise ebi ikisukiri (sashimi de langosta viva). Este é un prato para o que hai que estar preparados, porque a langosta, digamos, móvese. Así que mentres ti comes no seu abdome, o bicho move a cabeza. Digamos que como mínimo sínteste o malo de Alien.
Susuki no sashimi (sashimi de robaliza)




Sushi:
Saba no sushi (niguiris de xarda)
Unagui no kawa roll (rollo de suhi envuelto en anguía, recheo de tortilla xaponesa e aguacate)
Spyce tuna chirasi (ensalada de atún picante con arroz de sushi)
Saké no kawa niguiri (niguiris de pel de salmón teriyaki e mandarina)



Yakimono:
Gindara saikio miso (bacallau negro, marinado en miso ao forno)
Cha soba (fideos soba de trigo sarraceno e té verde)
Ise ebi miso shiru (sopa de miso con langosta)



Postres:
Dorayakis recheos de azuki(doce de xudía vermella)
Té verde sencha
Sake Kagatobi junmai ginjo

Para min, hai poucas comidas máis satisfactorias, máis plenas, que a cociña xaponesa. Cando rematas, déixate cheo de sabores e recordos pero co andar lixeiro. E agora, ás 12 da noite, cando escribo isto, sentaría sen ningún problema de volta en calquera sitio a que Andrés nos dera outro recital gastronómico ata as tres ou catro de mañá. Parabéns a Andrés Medici, pero tamén ao seu excelente equipo de sala e cociña. En serio volo digo, hai que estar orgullosos de que en Galicia haxa un xapo deste nivel.
Unha gozada, coma sempre, compartir xantar con estoutros tolos da gastronomía, os Blogastrónomos, canda Carmen Albo e María Fernández Tesouro, que tamén nos acompañaron. Teño que rematar a crónica citando a Makeijan, que desta vez foi o autor das Primeras Impresiones. É un chiste interno, derivado da preparación da cea a través de Twitter e no diálogo entre o cociñeiro e os comensais. Busquen a ver se lle atopan sentido ;-)
Por buscar un defecto, faltou a panga. Agardabamos ese delicado bocado e as lonxas non nos quixeron desta volta, para compensalo aforraron moito en enerxía (gas, electricidade) na preparación da maioría dos pratos.

Son as oito e media da mañá pero comeríame agora mesmo todo sen dubidalo, ainda que o da langosta viva dame un pouco de repelús e pena, sentimental que é unha. Vigo non me atrae coma cidade pero estou pensando ir só para comer alí, gracias por amosarnos este repertorio de sensacións, case noto o sabor do peixe na boca.
Asegúroche que un almorzo con sushi nada máis espertar é dos maiores praceres que se pode dar un na vida.