A enigmática estrutura do Cabo C, en Corcubión


A pesca no cabo C. Fotos: Sole

Moi próximo ao Cabo C, ou Cee, en Corcubión, está unha zona de pequenos cantís e mar axitado ao que van os pescadores retirados pescar robalizas. Nesa zona está proxectada a construción dunha piscifactoría, a pé mesmo de litoral, nun encrave privilexiado. Coma sempre, dilapindando os escasos recursos naturais que quedan no país. “Por que ninguén fala da piscifactoría do Cabo C?”, preguntábanse no diario dixital Que pasa na Costa, achegando datos sobre o proxecto.

Hai un tempo tamén apareceu unha información sobre un lugar bastante estraño ubicado exactamente no lugar no que van facer a piscifactoría. Aínda que a especulación foi ampla con respecto ao sitio, nos últimos meses varios amigos pedíronme que me achegara ata aló a ver o recinto. Así que aproveitando que estaba nas proximidades metímonos polas pequenas pistas do Cabo C para ver que é o que tiñamos aló.

Trátase dunha curiosa estrutura [localización] de 100 metros de longo no eixo N-S e algo máis de media hectárea de área na súa pranta principal. Aquí pódese ver a estrutura desde o aire e como existía na foto do 56.

Ollo, porque a fotografía aérea engana, con todas as parcelacións. In situ existe, na área que está libre de maleza, unha maior complexidade morfolóxica. En concreto, cara o leste esténdense estruturas murarias similares ás do óvalo central, ligadas ao meu ver ao mesmo conxunto. Aproveitando que estabamos na zona, achegámonos ata alí a ver in situ o conxunto.


Muro de terra que demarca o recinto, coa existencia da rara gabia interior.


Primeiro plano da gabia interior do muro.

Un comprende por que o recinto está tan ben demarcado desde o aire. Un muro de terra delimita o recinto demarcando esta estrutura circular; hoxe en día é visible con claridade pero está bastante baixo, debido a unha intensa actividade agropecuaria. Se cadra en orixe fora máis alto, pero non o sabemos. Nalgúns sitios, pódese apreciar que o muro de terra contén unha base pétrea, aínda que nestes casos, a edificación orixinal do muro parece mesturarse co erguemento doutros muros pétreos para responder ao proceso de parcelación e división interna do recinto desde un hipotético único recinto orixinal. As estruturas anexas do Leste que comentaba tamén se caracterizan por un muro de terra e están delimitadas polo camiño de acceso desde a pista que vai cabo do mar.

De que raio se trata? Unha boa pregunta. Por aí circulara a idea de que se trataba dun campamento vikingo. Eu non o creo, por un motivo: no pouco que sabemos sobre campamentos de campaña dos Lordomani (substancialmente en Inglaterra), a ubicación do lugar é básico: nas proximidades da súa flota. Pero neste lugar non hai condicións de atraque nin de salvagarda de embarcacións. Ademáis, o factor defensivo non está nada claro. O lugar está ao final dunha ladeira, e tal como está na actualidade as condicións defensivas son moi difíciles. Outra cousa é que houbera no seu momento gabias ou foxos, hoxe tapados (na parte norte do recinto ao mellor podería haber algo así). Nun perfil que se pode ver na na praia non fica tampouco claro a existencia dun nivel de ocupación, pero polo que se ve na fotografía aérea, o perfil da praia está por fóra do muro. Non serei eu quen negue tal posibilidade sen dispor de evidnecias, pero hai moitos máis escenarios posibles.

É dicir, non ser vikingada tampouco quita que o recinto non poida ser sexy por outros motivos. A estrutura podería ser a de antigas fincas medievais afectadas, ao longo da historia, pola parcelación, pero hai un elemento ben estraño, que é a existencia dos restos do muro de terra perimetral, delimitando claramente o espazo, e que fan suxerir que esteamos vendo algo máis, algo que non sabemos identificar plenamente e que pode pertencer a épocas moi distintas, desde o mundo do Bronce, algo raro do Ferro ata o mundo altomedieval ou posterior. Esta cousa rara pode ser unha estrutura agropecuaria ou algo máis complexo, algún tipo de recinto de hábitat. Estamos tan acostumados a identificar castros que todo este tipo de estruturas nos resultan difíciles de ver e comprender. Penso, por exemplo, na cousa rara escavada en Barreiros, A Roda, da que xa falamos aquí. En todo caso, esa estrutura de muro de terra + gabia interior + muro non deixou de lembrarme de algún xeito o Refuxio do Pico da Lebre, en San Martiño de Mondoñedo, aínda que bastante máis desmontada (aquí en Faro C, a acción humana debeu ser maior sobre o lugar).

Será unha cafrada montar aí unha piscifactoría, si, pero a decisión é dos políticos-depredadores e a súa conciencia terá que apandar con esa decisión. Sen embargo, construír a piscifactoría sen sondaxes arqueolóxicas cautelares previas neste recinto non é cousa da decisión dun político, senón dos procedementos legais de actuación en calquera obra que contempla a Lei de Patrimonio e que, por sorte, non dependen (en teoría) dun político. E que esta estrutura non estea no Catálogo non exime, desde logo, da cautela á hora de operar con ela. Con respecto a este recinto, como se poden ver nas fotografías, hai cando menos unha dúbida razoable que xustifica abrir tres catas en diferentes áreas e ver que pasa. Aquí queda escrito.

13 Comentarios

  1. venres
    19 / Xuño/ 2011

    E non sería onde plantaba as patacas o antigo fareiro do Faro Cee, é o único sitio viable de aproveitamento agrícola máis cercano. Ahí o relevo é chan. O camiño de acceso parte do Faro. Ti dis que todavía existe uso agrario nunha zona tan afastada.

    É curioso que o nome da parroquia sexa Redonda. Outro tema é que o topónimo da zona é “Posta Herba”. Quen descifre o que quere dicir ese topónimo saberá o que había no lugar.

    Estratéxicamente o sitio é relevante dende un punto de vista militar. Ten dous castelos próximos. Algo de carácter militar de pouca entidade.

    Ou por último, unha “eira dos mouros”, xa que o monte é o Alto da Vela.

    Pero bueno, eu inclínome como unha “améndoa” de uso agrícola vinculada ó Faro. Son moi comúns no agro galego, e confúndense fácilmente con construccións doutro tipo.

  2. venres
    19 / Xuño/ 2011

    acabo de ver no sigpac que existe un regato que vai dar curiosamente a ese lugar de forma transversal, realmente curioso, formando unha especie de estanque ou lagoa no final, de ahí a forma redondeada.É moi posiblemente ese regato permitiu que esas terras foran moi productivas agrícolamente, deberon ser parcelas moi fértiles a carón do mar, porque ahí a auga acumularíase durante séculos. Terréos profundos e chans frente os terreos pedregosos e de acantilado do entorno. De ahí o nome de Posta a Herba.

    Caso resolto, era onde o fareiro dende 1860 plantaba patacas e mantiña algunha ovella ou vaca.

  3. 19 / Xuño/ 2011

    Ollo, que xa se sabía que na zona houbera cultivos -podes velos perfectamente na foto do 56- pero eses cultivos non xustifican, obviamente, a estrutura muraria circular que delimita ese recinto. Os cultivos no 56 están fóra e dentro do recinto. É como dicir que porque hoxe -ou en 1910- na croa dun castro está prantado millo iso xa non é un castro, ou que porque unha mámoa está nun prado xa non é mámoa. De feito, a estrutura muraria debe ser vella de vez porque fai de marco divisor de todas estas leiras do interior. Iso lévanos ao XIX como mínimo.

  4. Jano Lamas
    21 / Xuño/ 2011

    Sobre a teoría de terra de cultivo do “antigo farero do Faro Cee”, teño que dicir que ese faro nunca foi habitable, o farero levaba o mantemento do Faro Cee e o da Lobeira Grande, así como posteriormente o Carrumeiro Chico desde Corcubión. Deste tres, o único faro habitado foi o de Lobeira Grande (dúas vivendas), e durante un curto período de tempo.

  5. artabris
    21 / Xuño/ 2011

    Sabedes exactamente como se chama este sitio? entendín que era “Faro” se este é o topónimo unha intervención arqueolóxica tería que ser preceptiva, ben un control de obra ou mellor unhas sondaxes que xa segundo o resultado levaría ou non a unha escavación.

    Dende o meu punto de vista esa forma de cercar ten que ser anterior ó uso agrícola do sitio.

  6. 21 / Xuño/ 2011

    O Catastro non aclara moito: Prado, Pradiño, Gralleira, Pallagheira…pero o catastro tampouco indica en toponimia a existencia verificada dunha fortificación identificada como “castro” no cabo da Nasa, 1km 200 aprox. en dirección Oeste. Eu non a vin, pero segundo Jano Lamas e outra xente, velaí está. Curiosamente entre o castro e este lugar do que falamos, hai un topónimo no catastro que a min persoalmente me chama moito a atención: Talagra. Creo que en Oleiros hai outra Talagra, pero non o sei seguro, e hai algúns nomes de fincas así en Ribeira e Muros.

    Eu non controlo moito de arqueoloxía da agricultura, pero a min ese muro perimetral tamén me parece ben raro.

  7. artabris
    21 / Xuño/ 2011

    Gralleira e Pallagheira son interesantes, polo de EIRA lugar acotado para realizar a malla, igual reutilizado e poida que con construcións anexas…moi interesante.

  8. 22 / Xuño/ 2011

    Respeito ao microtopónimo Talagra estivem a lhe dar algumhas voltas e quiçá poda explicar-se como um antigo *Trala Agra, de onde *Tralagra e em última instáncia, pola habitual dissimilaçom haplológica das vibrantes, Talagra. É somente umha suposiçom, mais creio que encaixa bem com o contexto agrícola de que estais a falar e com o tipo de elementos léxicos e gramaticais empregues na denominaçom deste tipo de realidades. O recurso à documentaçom particular de seguro que aclararia muito o tema.
    Saúdos!

  9. Jano Lamas
    22 / Xuño/ 2011

    El sitio aparece en algún documento con el nombre de “Posta Herba”

  10. artabris
    22 / Xuño/ 2011

    completamente de acordo Ulmo, semella un “Tra-la Agra”

  11. JOSE MANUEL
    5 / Abril/ 2012

    vendo os comentarios feitos pola xente en ningun vin o nome real do sitio. o lugar coñecese como “PRADO DO MONTE”. “A posta da herba” atopase moi preto pero fora do recinto, e unha zona de pesca. Outros nomes da zona son “SAMARUJA GRANDE” que son unhas pedras que se atopan no mar xusto frente gavia. Os propietarios dos terreos nunca recoñeceron o sitio co nome de FARO C pra eles sempre foi PRADO DO MONTE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *