Última actualización o 29 / Abril/ 2011

Fotos: Sole
Onte visitabamos os impresionantes petróglifos de Auga da Laxe [localización], na Serra do Galiñeiro, en Vigo, unha colección de trinta armas -espadas curtas ou puñais, alabardas, outras estrañas figuras en forma de escudo- que os nosos devanceiros gravaron nun grupo de rochas na serra do Galiñeiro, aos pés do mítico castelo que estamos a reivindicar. Hai algo máis de vintecinco anos que se descubriron eses gravados e os investigadores aínda seguen fascinados por eles: son o principal conxunto de armas prehistóricas gravadas en pedra en toda Europa. Un dos motivos da fascinación é un controvertido asunto: a presenza dunha espada enorme, unha espada que non podes deixar de mirar en canto te pos diante do petróglifo. Nos oscilantes cambios de luz da primavera galega, o panel de armas transfórmase e múdase: moitas das figuras desaparecen ou se fan maxestuosas. Pero ti miras esa espada.

O tema interesante das espadas é que grazas a elas podemos casar o rexistro dalgúns petróglifos onde están representadas coa súa realidade arqueolóxica. Deste xeito, esa paquena parte dos gravados rupestres galegos onde están representadas armas permiten saber que moitas das súas representacións oscilan entre o Bronce Inicial e o Bronce final, case entrando na Idade do Ferro. Este será o tempo destas grandes espadas en Galicia. Ao ver a gran espada da pedra de Auga da Laxe, lembrei unha fascinante historia da que me deu a pista Miguel Losada, unha historia fascinante que conecta a nosa realidade e o mundo das vellas lendas artúricas.
En novembro de 1967, na aldea de Mouruás, concello de San Xoán de Río (Ourense), uns canteiros estaban practicando un dos deportes nacionais galegos: voar con dinamita penedos de castros. Introduciran uns cartuchos nun gran penedo do lugar coñecido como Pena dos Castros e estoupárono. Coa explosión, do aparente interior do penedo chimpou polos aires unha espada. Unha espada fermosa, grande, de coidada e detallada factura. Aquí a tedes:

Foto: Museo Arqueolóxico de Ourense.
A espada atópase agora no Museo Arqueolóxico de Ourense, e aquí tedes unha detallada información sobre ela (en pdf), na que se conta tamén toda esta historia. Para Gonzalo Meijide, un arqueólogo especialista en armamento da Idade do Bronce e do que falamos tamén hai pouco polos gravados do castro de Formigueiros, esta arma ten elementos notables. É do tipo pistiliforme, definición un tanto rara que responde á súa forma, que lembra o pistilo dunha flor. Pero a espada de Mouruás era un gran achado por un motivo moi relevante: é moi antiga. Está datada entre o ano 1100 e o 900 a.C., converténdose nunha das primeiras espadas en Europa desta tipoloxía pistiloforme que procede de Centro Europa e as proximidades do río Rhin, en modelos anteriores coma as Hemigkofen; este novo xeito de forxar espadas de guerreiros expandiuse como a pólvora cara o mundo atlántico, onde proliferou nas Illas e na costa francesa e peninsular. Cando esta espada chega, ou se forxa, en Mouruás, é un tipo tecnoloxica e esteticamente moi avanzado, un novo xeito de concebir as armas, un instrumento moi poderoso, superior ás armas coñecidas ata o momento.
Pero o fascinante é outro detalle: habitualmente estas espadas en Galicia atópanse noutro intrigante espazo. Aparecen depositadas no fondo dos ríos, en contextos acuáticos, e tal cousa ten feito correr ríos de tinta na investigación. A espada de Mouruás non. A espada de Mouruás estaba encastrada na pedra. A espada de Mouruás aguantara tres milenios agachada, agardando por un rei Artur que a retirara.
Xa saben que o que me encanta é procurar a orixe dos mitos, das afirmacións. Interésame a historia da cultura. Por iso non deixa de abraiarme que nun concello da montaña ourensana se atope unha das primeiras mostras rituais do uso dunha Excalibur en Europa, cando menos dunha das partes significativas do ritual. O primeiro chanzo do mito de carácter atlántico, que dous mil anos despois poría por escrito Geoffrey de Monmouth, iniciando o seu exitoso percorrido medieval, pero que xa estaba aí moito antes. Alguén depositou naquel penedo, encastrou, a súa posesión máis valiosa e realizou un rito que despois se perpetuou no imaxinario do noso continente ata hoxendía. Pensade niso: se non vos dá un calafrío quedades castigados a escoitar Carmiña Burana tres veces. ;-)
E non deixo de pensar que no canto dun noviño Artur que erguería de novo a espada, quen retirou finalmente a espada do penedo foi o TNT dunha década fatídica para o noso patrimonio: a do expansionismo construtor dos 60 que transformou radicalmente a apariencia do país. Toda unha metáfora. Vivimos entre símbolos.
Por certo, moi próximo ao Penedo voado no que estaba custodiada a espada de Mouruás, hai tamén esta pedriña, que ilustra tamén o contexto deposicional da espada. A ver se lles soa de algo a feitura.

Foto do concello.
A xeito ilustrativo, inclúo tamén o relatorio A lança na água, a espada na pedra que presentou o arqueólogo Marcial Tenreiro no III Congreso de Estudos Celtas -onde a xente se dedicou a bastantes máis cousas que a falar de xenes, como poden ver- sobre esta ampla temática:

fermosísimo e interesantismo post! noraboa! Por certo, sabes se podem verse nalgumha página outros relatórios deste congresso?
Grazas, Siso. Que eu saiba, aínda non están publicados. Pregúntalle á organización.
http://www.estudosceltas.org/
Ex calce liberatus; nunca mellor dito.
Impressionante, parece mesmamente tirada de umhas páginas de Cunqueiro! Deduzo polo que dizes que a interpretaçom é que a espada chantada na pedra seria um ritual análogo ao das armas depositadas em contextos acuáticos (quer dizer, rituais de passagem para o Além).
Alegro-me de que no congresso se falasse de algo mais que de genes. Para sensacionalismos e simplificaçons já temos a imprensa hegemónica, que o fam mui bem. E quando escuitas o “crítico” de cinema da Telegaita falar da apresentaçom pública do filme “Galacticus” (sic), pois já che dam ganas de colher por banda o TNT e fazer um par de atrozidades…
Por certo, podem ver-se os antecedentes directos de Excalibur algo antes de Geoffrey de Monmouth, pois no Mabinogion já aparece a espada Kaledfwlch ‘a que corta ben’ ou ‘a que corta como o raio’.
Perto desta, apareceu a de Forcas nunha fenda ou cova no lugar de Tucela, no canón do Mao. Eduardo Nieto ten dado co sitio exacto. A ver si este ano podemos estudalo con calma, no contexto do proxecto de Barxacova.
En toda Europa hai depósitos en medios húmedos e secos (wet hoards, dry hoards…) incluso hai os chamados “de ribeira”. A deposición de obxectos de metal en rochas é anterior ao Bronce Final… tamén hai machados, alabardas, etc. Máis sobre relación entre rochas e metal: http://webs.uvigo.es/beacomendador/index_archivos/2009_AlvesComendador.pdf
Que interesante, Bea, grazas por esta documentación!
Seica Robert Graves en “Os mitos gregos” xa comentaba falando de Teseo que: “as sandalias e a espada son antigos símbolos de realeza; ao parecer, turrar da espada dunha rocha formaba parte do ritual de coroación na Idade de Bronce. Odín, Galahad e Arturo tiveron que realizar unha fazaña semellante no seu momento, e na escea dun casamento sagrado esculpido en Hatasus aparece unha espada inmensa, con empuñadura de león e chantada nunha rocha”
Ambas as palestras, a tua e a de Marcial foram muito interessantes, num conjunto, quitando um par de cousas, bastante notável.
Um prazer te conhecer e parabenizar em pessoa por este blogue e iniciativas.
Saúde,
Ernesto
Quantas espadas ficariam polo caminho acochadas em casas de particulares e vendidas no mercado negro de objetos arqueológicos. Suponho que os arqueólogos fazerám umha estimaçom por métodos provabilísticos do número real de espadas e doutros objetos da nossa pre-história/história, de epigrafia, etc que poderiam existir em cada altura. Por que basear as hipóteses e as conclusons dos estudos no número certo de achâdegos evidentes pode levar a erro. E óbiamente quantos deste objetos ficam sem descobrir e inéditos por falta de orçamento.
Parabens por ires botando luz sobre o património já conhecido mas desde os novos paradigmas que podem evitar prejuiços anteriores errados, incompletos ou tendenciosamente manipuladores.
Moitas grazas, Ernesto!
Breoghain, é unha boa cuestión, aínda que sospeito (sen telo totalmente seguro) que é imposible saber canto desapareceu. Sobre todo por unha cuestión: a distribución dos elementos arqueolóxicos polo territorio non é uniforme e, polo tanto, é case imposible establecer patróns estatísticos claros, así que non queda máis remedio que basearse no que hai, non no que non hai.
En todo caso, tense perdido moito, e tense vendido moito tamén. Nas vindeiras semanas amosareivos algunha cousa curiosa neste sentido, algunha peza de colección. Pero tan interesante coma iso, ou máis, é outra cousa: o que se ten, que non se vendeu, pero se cala.
Coñezo casos ben interesantes. Os faiados e os alpendres galegos son portas aos séculos, pero tamén outros recintos máis públicos que atesouran cousas que non se amosan a quen podería nun momento dado levalas. Ese novo sentido de protección, se cadra bastante novo, fai que auténticos especialistas en épocas descoñezan auténticos tesouros diante dos que teñen pasado miles de veces. Xente que se leva moi ben cos veciños, pero ao que nunca lle amosaron un obxecto determinado.
Ás veces, cando ando por aí, eu tamén teño a sensación. Diante ou por riba de que cousas alucinantes terei eu pasado sen sabelo? :-)
Fran, sen dúbida é un dos grandes mitos do continente, e por iso este tipo de achados son tan especiais: conectan as lendas co mundo real de xeito moi estreito.
http://bp2.blogger.com/_T-N8jGRV49E/SJQvSunGheI/AAAAAAAABC4/-tjlaBePiOI/s1600-h/imag.jpg
Xa sei que cambio de póla, de tempo e tal, e que non ten que ver moito, e xa é sabido, pero aínda perdura en min o asombro e a indignación da primeira vez que as vin hai anos. Como nos poden privar disto? Con que dereito? etc. Pódense ver na expo “Domus Iacobi” estas dúas obras mestras do Mestre Mateo, nas que eu sinto o alento e a arte dos grandes (Miguel Anxo, O Aleijadinho, Rodin…), e que son (aínda son? pregunto) propiedade da familia Franco.
http://portico-patinho.blogspot.com/2008/08/los-franco-exhiben-su-patrimonio.html
Manolo, dacordo. O que si poderiam fazer as administraçons públicas se estiverem interessadas em proteger o património que fica em maos de particulares, etc, seria incentivando ao “homo económicus” que levamos dentro mediante algum tipo de procedimento administrativo que animara a comunicar ao organismo correspondente de Património a possessom de algum objeto susceptível de valor arquológico, que tras umha comprovaçom por un serviço de inspeçom científico pudera ser adquirido para a sua catalogaçom, estudo e exposiçom pública.
Ao particular poderia-se lhe oferecer algum tipo de recompensa a estudar.
Claro está tendo coidado de que a recompensa nom incentive ao contrário: ao saqueio de jázigos com o típico detector de metais…
Desconheço se existe nalgum lugar este procedimento.