Repúblicas de Homes Libres: As espadas “que brillaban como a auga fría”

Última actualización o 27 / Decembro/ 2010

A forza desa imaxe poética repíteseme continuamente na cabeza, como un soniquete, desde que o outro día publiquei a nova entrega da serie Repúblicas de Homes Libres: As Fortalezas Invisibles dos labregos. Se lembrades, falabamos das fortalezas “informais” e naturais que poden poboar os montes galegos, refuxios ancestrais de xeracións de labregos das áreas próximas á costa e coas que nós cremos que nos estamos a atopar. Falabamos dun poema, “Polo camiño eí vén un home”, un estraño poema que aludía a un grupo de persoas que fuxían aterrorizadas a uns penedos para refuxiarse dun ataque. Pensabamos que podía ser a única voz dos protagonistas da fuxida -aínda que se cadra terciada por algún eclesiástico que potenciou os aspectos máis sobrenaturais do texto-. Trala publicación do post, Damián Suárez, lector de Capítulo Cero, tivo a ben remitirme o orixinal, o facsímile dixital do artigo no que Manuel Murguía publicaba por primeira vez ese mítico poema dos nosos Séculos Escuros (grazas, Damián!). O texto editouse no xornal “Los lunes de El Imparcial”, o 19 de abril de 1880. Aproveitei para ver que é o que se contaba o bo de Murguía sobre o texto e atopeime cunha fermosa e poética sorpresa.

No texto Murguía fala do romance de Padrón. Tratábase doutro poema popular sobre os piratas! Na vida escoitara del! O patriarca a penas nos proporciona dúas mínimas referencias do romance, nos que describen a algúns destes invasores, e son tan imprecisas como poéticas. Os atacantes levaban espadas “que brillaban como a auga fría” e vestían capas “brancas e longas”. Quen eran? Onde chegaron? De onde viñeron? Que conta o romance?

Síntoo, pero na miña cabeza formouse a imaxe daqueles homes, enfundados en roupa branca e con espadas brillantes, fulgurantes.

As Repúblicas de Homes Libres son unha aventura, sobre todo, cultural. E as aventuras culturais non só sucede no alto das montañas, senón nas profundidades da nosa herdanza cultural, tanto a popular como a culta. A través desta serie viaxamos á cerna do galeguismo, e como se conformou o que hoxe coñecemos como cultura galega a partir do Rexurdimento. Moitos dos temas que nós tocamos, tamén os tocaron os pais da cultura nacional, e despois ficaron no esquecemento.

Espadas que brillaban como a auga fría.

Fixen algunhas consultas, chequeei algúns manuais do romanceiro. Aquelo non parecía figurar por ningures. Contactei con dous dos grandes especialistas do país no romanceiro popular: Antón Santamarina e José Luis Forneiro. Respondéronme moi rapidamente (moitas grazas), e os dous coincidían na súa resposta: non coñecían ningún romance popular co contido que aludía Murguía. E os dous compartían un consello: coidado con Murguía.

¿Coidado con Murguía? No século XIX as identidades nacionais conformábanse a partir dunha serie de instrumentos: unha literatura, unha historia, uns símbolos e…un romanceiro popular. O romance, o discurso poético que relata grandes feitos, tamén era fundamental para asentar a identidade dun país. Murguía inventou romances para construír a identidade nacional. Escribiu e reescribiu o imaxinario. Forneiro cóntao ben neste artigo de Vieiros, aludindo a un dos romances que se creu, durante máis tempo, como de orixe popular: o de Don Gaiferos de Mormaltán, no que se recrea a morte do Duque de Aquitania fronte o sartego do Apóstolo Santiago. En realidade débese ao xenio de Murguía.

¿É todo este artigo de El Imparcial e son as referencias a este poema, froito da imaxinación e da creación literaria do insigne historiador? Foi, en certo xeito, a construción dun imaxinario sobre os piratas que non existía e que el consideraba necesario crear para Galicia? Ou é un poema certo e de base real, recollido nas veigas de Padrón? Se mirades no parágrafo do facsímile, observaredes que Murguía alude a que este poema forma parte dun futuro libro, as Rimas Populares de Galicia. Murguía nunca o publicou. Aínda en vida del houbo quen tiña ben claro que Murguía nunca daría publicado este libro.

Estará o romance de Padrón entre os textos inéditos de Murguía, perdido nalgures? Será real? O historiador xogounola ben, máis de cento e pico anos despois. Pero non descarto nada, e animo a calquera a que comparta a información que dispoña ao respecto.

A memoria popular é estraña, e os procesos de transmisión son intrigantes.

Aínda lembro un día frío e chuvioso, hai moitos anos, nunha fraga do Valadouro. Un vello viña cun bastón por unha corredoira rodeada de fentos. Pregunteille por aquel pico de aló ao fondo, un niño de aguias penedento. Díxome que era a Frouseira, o castelo da Frouseira. Como nos quedamos mirando para alí, aquel vello comezou a recitar:

A min chaman Teodomira,
Señora do gran tesouro,
Por razón estrelecida
Xago neste Valedouro

Mais treidor foi que un mouro
O vilao que me vendeu
Que de Lugo a Rivadeu
Todos me tiñan temor

De min, a triste Frouseira,
Que por treizon son vendida,
Derribada na riveira,
Ca xamais se veu vencida.

Por treizon tamen vendido
Xesus noso redentor,
E por aquestes treidores
Pero Pardo meu señor

O romance, o Pranto da Frouseira, contaba os feitos dramáticos da captura de Pardo de Cela que aconteceran hai cincocentos anos. E alí seguían, recitándose nas fragas do Valadouro.

Ao lembralo, decateime de que se cadra hai algo que conecta o proceso poético, capaz de crear fermosas imaxes como a “razón estrelecida” coas espadas “que brillaban como a auga fría”. Un luminoso alento poético que eu teño sentido, ás veces, no medio dos traballos do mar e do campo. A pervivencia dun poema que alude a uns feitos reais é posible alén dos cincocentos anos.

Se cadra, un día, escoitemos de viva voz, outra volta, a memoria de aqueles tempos.

13 Comentarios

  1. Anonimo
    26 / Decembro/ 2010

    “¿Coidado con Murguía? No século XIX as identidades nacionais conformábanse a partir dunha serie de instrumentos: unha literatura, unha historia, uns símbolos e…un romanceiro popular. O romance, o discurso poético que relata grandes feitos, tamén era fundamental para asentar a identidade dun país. Murguía inventou romances para construír a identidade nacional. Escribiu e reescribiu o imaxinario.”

    Está ben que se diga coidado con Murguía, mais estaría mellor que eses mesmos que din “coidado con Murguía” dando por sentado a súa intervención na construción do discurso poético nacional/identitario, non digan, non queiran dicir, ou só digan coa boca pequena e en petit comité esas mesmas palabras referidas a Menéndez Pidal ou a outros tantos na construción do discurso poético nacional/identitario español. E con isto non sinalo a Santamarina e Forneiro en particular, nin moito menos.

    En fin, país…

  2. 26 / Decembro/ 2010

    Anónimo, seguramente o din. En todo caso, non sei se entendeu ben o contexto, que era unha discusión sobre un xénero moi concreto, os romances, nos que sabemos como operaron algunhas das figuras da época ás que lle interesaban estas materias. Claro que Menéndez Pidal tamén, home, e por toda Europa outros coma el. Pero aquí estabamos falando do Romance de Padrón e a posibilidade de romances sobre piratería en Galicia, non tertuliando en aberto sobre os Rexurdimentos do XIX.

    Creo que ambos os dous fixeron moi ben en advertirme, desde un punto de vista técnico, sobre estes procesos de invención (nos 2 sentidos) / modificación /adaptacion dos romances, nos que está constatado que Murguía interviu, nalgúns casos, con procesos de re-redacción ou directamente de invención. Tampouco hai que ir máis alá, ho.

  3. Ensaladilla rusa
    27 / Decembro/ 2010

    Supoño que xa saberás da existencia deste libro de ANTÓN XOSÉ MEILÁN GARCÍA O “Mito” do mariscal Pardo de Cela, Historia, lendas e literatura.
    (http://www.biblosclube.com/seccion_anteriores.asp?seccion=10&pag=24). Para min apaixoante, pola reprodución-difusión de moita documentación da época. Como simple aficionado á nosa historia medieval bota moita luz sobre a figura do Marechal (tremenda tamén a historia da súa filla Constanza. Visitar a torre da Caldaloba onde resistíu o asedio quita o alento) Tamén sobre o papel que xoga o pobo na transmisión oral das imaxes.

    Noutras entradas teste laiado -é compartido- do pouco valorada/aproveitada que temos a nosa propia historia, mesmo as boas películas que se poderían facer para coñecermos/compoñermos o noso pasado. Para cando un digno filme sobre Pardo de Cela? Supoño que tamén coñecerás a novela Apocalipse dos Condes galegos. SANCHEZ-ANDRADE(LAIOVENTO) Hai base xa, para meterse a facer un guión -a obra O Marechal de Cabanillas e Vilar Ponte sería unha boa base, xunto coas citadas obras e outras moitas. Tamén documentación, escenarios, actores, directores… Faltan os cartos.

  4. Ensaladilla rusa
    27 / Decembro/ 2010

    Ah! E despois outra peli sobre Noalla… Parabéns pola República de homes libres. Somos terra de faros e acendiches un que está seguindo moita xente.

  5. 27 / Decembro/ 2010

    Grazas, Ensaladilla. Toda a historia de Pardo de Cela ben merece unha peli, pero penso que hai que construír a historia ao revés. Non deberiamos facer pelis (ou libros) porque é necesario, senón porque nos interesa e cremos que pode interesar a historia. O resto dos adxectivos xa llos porán a posteriori, non?

  6. Anónimo
    27 / Decembro/ 2010

    Pois eu estou mais na liña da Ensaladilla rusa.
    Cando nun eido non se xestiona, a xestión non fica suspendida, non, seguen a acontecer cousas; pode inda que alguén xestione na vez do xestor auténtico. Ademais a mellor xestión é a difusa, a que ven da vontade colectiva de xestión como acaeceu en tempos no mar ou no monte galegos.

    Compre construirmos ou outros han construir por nos ó xeito que mais lles conveña. Ou xestionámolo noso ou imos ser, seguir a ser, carne de aculturación.

    Digo que compre contármolas nosas historias, o interese virá logo, cando se saiba delas, e se fale para rebatilas ou postealas.

    Ti mesmo o dixeches, magago, ” construir a historia ” e eu digo que sí, que é necesario facelo, artellar o discurso dos feitos nunha perspectiva fundacional como a de Murguía e demais. O xenio criador de Murguía non era Ex novo, traía conta dunha tradición. Non se trata logo de “invención” senon de “modelos de utilidade”

    O que estamos a vivir é un momento fundacional, todos o son en tanto que o pasado ten que estar conectado coa actualidade sempre, ou será esquecido e substituido por un discurso dispoñible. É ecoloxía.

    Si, é necesario ter unha visión galaica do mundo para sermos, E pra iso pelis e libros e demáis deberían facerse por seren imperativos categóricos.
    Se antropolóxicamente non funcionan serán desbotadas polo corpus social, mais se as acolle é por resonancia, por estaren na mesma onda.

    Facer pelis ou libros é necesario, si, xa que hai fame delas como demostra o consumo, ad hoc, doutras mitoloxias.

    Saudos
    O Miguel Losada

  7. 27 / Decembro/ 2010

    Que si, ho, que si. Pero insisto: eu estou canso das historias que son “necesarias”, e que adoitan ser un peñazo. Dos libros “necesarios”, dos documentais “necesarios” e das películas “necesarias”. Este é un vello debate xa na cultura galega.

    Hai que reconstruír o xeito de narrar todo isto, e hai que facelo nun mundo que está cheo de ficción por todas partes, en filmes, libros, series, videoxogos, etc.. A ese discurso hai que darlle a volta, porque se non, non saerá de pequenos círculos. A clave é a historia, e posteriormente a Historia. Precisamente é o que tento eu nas Repúblicas: trasladar determinadas técnicas non usadas habitualmente na narrativa histórica do país a el, evitar lugares comúns e devolver á xente o pracer de disfrutar, de entreterse co seu propio espazo. O resto xa deciden eles ata onde queren chegar, non eu. Só fodería que estivera contra a produción de libros ou pelis sobre o noso imaxinario ou Historia: o que non quero é ver unha secuencia de aburridos lugares comúns e escaso esforzo argumental.

    Mira, non ten nada que ver, ou si, pero hai moitos anos eu vivía nunha residencia castelánfalante e moi reacia ao mundo da lingua e da cultura galega en xeral, que consideraba vinculada a unhas opcións políticas que non compartía ningún desta xente. Organicei unha velada con Kiko Cadaval, o contacontos e director de teatro. Pasárono de medo, e algunhas das suspicacias e prexuízos contra o galego perderon forza. A clave é que Kiko Cadaval, do que se preocupa, é das historias. E iso pode ter (ou non), estupendas consecuencias secundarias. Aprendín moito esa noite.

  8. Anónimo
    27 / Decembro/ 2010

    Hai un retrouxiño inglés que acae moi ben

    Un camelo é un cabalo deseñado por un comite

    Claro que eu tamén prefiro bestas como Ouleante, (Bayard) o cabalo negro de Guillerme antes que os camélidos.

    Mais compre termos en conta que a situación da sociedade nosa é a que é. A conexión ca identidade remota esvaece, e a presión osmótica doutros ambitos culturais é magnífica.

    O congreso sobre o reino suevo penso que compría facelo, por necesario tamén.

    O esforzo argumental que ben sinalas é exixible e polo tanto ten que haber argumentos, recursos, ben elaborados e previos. Cada cousa no seu ámbito. se unha obra “necesaria” resulta ademais un “peñazo” pois que se foda, é un fracaso.

    Claro que non penso que estés contra a producción neses termos. Mais ten que ocupar o seu sitio, normalizado e de calidade.
    No deserto que atravesamos tamén nos compren, inda, eses chepudos. Inda que insisto en que tamén me prestan mais as bestas bravas do monte.

    Sei que estamos ó mesmo.

    Saudos
    O Miguel Losada

  9. 27 / Decembro/ 2010

    Ao fío do que comentábades nuns posts máis arriba.
    Nunha conferencia do profesor Sánchez Reboredo sobre Patrimonio inmaterial, veu dicir que é certo que nos procesos de patrimonialización sempre se “manexa” o produto, eleximos unhas cousas que nos identifican, descartamos outras, etc. e ten todo o de artificial e humano que lle queiramos dar -o cal sempre nos fai dudar da validez do proceso no que estamos-. Pero que non nos enganemos, que ou nos inventamos nós, ou nos inventan. E está claro que a mellor opción é a primeira.
    A min naquela charla o profesor Sánchez Reboredo abriume os ollos en moitas cousas.

    Así que ánimo ca República de homes Libres!

    Apertas,
    Cástor

  10. ensaladilla rusa
    29 / Decembro/ 2010

    O de “necesario” non o escribín eu, aínda que non vou negar que pode ser un sentir real de moitos galegos. E coincidiremos en que esa “necesidade” pode ser tanto unha rémora como un pulo; sen ese afán por cumprir unha “necesidade” non teríamos visto o que fixo Atila en Galiza, por exemplo. Necesario? si. Obra de arte? tamén. Tamén era necesario musicar poemas galegos e fixéronse cousas que mimadriña…

    O que quería dicir co meu comentario é que hai neste momento unha potencialidade enorme para conectar a quen sabe contar historias con quen coñece a Historia. Como é teu caso e o que fas coas Repúblicas polo país adiante. É de valorar altamente. Por iso mesmo só quería animar máis que obxectar.

    Un saúdo.

  11. 29 / Decembro/ 2010

    Si, o de necesario é colleita miña, pero responde a que é unha frase que leo moito, por exemplo, na crítica literaria galega. O certo é un tema amplo e creo que todos levamos razón (e non é unha frase salomónica, ou para quedar ben). Creo que todos estamos no mesmo, como di Losada: chamar a atención sobre o noso propio pasado. As técnicas e as estratexias poden ser algo diferentes en cada caso, e iso é esencialmente o positivo.

    Moitas grazas polos ánimos, Serxio!

  12. Miguel Losada
    29 / Decembro/ 2010

    Si, a min tamén me amolan esas obras feitas cunha filosofía de intervención
    nas que o continente é un mero exconxuro, e por eso van na categoría de “necesario/a”, mentres que o contido fica fraco e insustancial.
    Eu pido lume, figurado; dialéctico, contra eses simples enunciados exconxurativos que veñen a encher un furo e non fan o traballo que cumpría facer en perxuizo do que quixera vir logo cunha proposta plena.

    Son como especies invasoras que compiten polos recursos, (económicos; lectores, espectadores…) co autóctono. Madeira que logo medra mais non pega do faio. Lume de carozo. Contra eses “necesarios” tamén estou eu.

    Saudos

    O Miguel Losada

  13. Miguel Losada
    29 / Decembro/ 2010

    Dice José de Lucas Labrada, “secretario de la junta de gobierno del Consulado de la Coruña” en 1804 pg. 194

    http://books.google.es/books?id=GMhB0V7gWfEC&dq=descripcion%20galicia%20labrada&pg=PA194#v=onepage&q&f=false

    http://books.google.es/books?id=GMhB0V7gWfEC&printsec=frontcover&dq=descripcion+galicia+labrada&hl=es&ei=NoQbTYurK87pOa2bxOcI&sa=X&oi=book_result&ct=result&resnum=1&ved=0CCYQ6AEwAA#v=onepage&q&f=false

    ” En lo largo de las costa de este ( el Reino de Galicia) hallamos los más claros vestigios de lo mucho que ha padecido por las citadas invasiones de cuyos malos efectos no tocaría poca parte a nuestros buque y marinería. Son aquellos los castillos y fortalezas que defendían las costas; no encontrándose ordinariamente a la lengua del agua, sino ya más ya menos internados en sitios elevados, es claro que su objeto no era impedir los desembarcos, cuanto el contener sus progresos y rechazarlos después de verificados; y en tal catástrofe los buques se encontrasen en los puertos, o serían la presa del agresor, o de la voracidad de las llamas; y la población nunca podría ser considerable en parajes tan arriesgados”

    Polo demais recomendo unha ollada mais polo miudo deste libro a quen, coma min, goste das ucronías. O autor critica o xeito trapalleiro da viticultura; fala do cáñamo e da seda galegas; dos bosques de carballos…

    Saudos
    O Miguel losada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *