
Foto: Tumba 21 A Lanzada. Blanco Freijeiro, M Fusté Ara e García Alén en Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXII (1967), paxs 129-155.
Se che gusta a serie Repúblicas de Homes Libres seguramente lembrarás este morto. Publicámolo o 11 de maio dest ano, quentando motores para a proveitosa escavación de A Lanzada. Póñote en situación: sobre un antigo castro, na Lanzada está unha das necrópoles mellor preservadas de Galicia. Os mortos galaicorromanos apareceron mesmo cos cravos das sandalias nos pés. Olalla López, antropóloga física que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre estes mortos da Lanzada, explicou a súa investigación durante unha das charlas lanzadeiras de Noalla. Os datos son fascinantes: aqueles homes e mulleres eran grandes e robustos, coa media de altura superior de toda a Península Ibérica para ese período, homes de 1’65 metros de media. Xigantes, en comparación, por exemplo, cos romanos que aparecen en Pompeia, e moi robustos e musculados polo traballo duro, mesmo as mulleres. Marca do país, isto último.
Pero había algúns mortos estraños, coma este home da foto, maniatado e tirado boca abaixo. Lembrades que eu vos dixen: “eu só digo unha cousa: quedádevos con el”. Pois agora vouvos contar o resto. Canda este home, de época galaicorromana (aproximadamente do século IV a.C.) apareceron dúas mulleres, tamén enterradas con desleixo, unha delas mesmo embarazada. ¿Que acontecería aló?
Non o sabemos.
Porén, para as Repúblicas de Homes Libres interésanos outro morto a maiores que tamén estudou Olalla López. Apareceu nos anos 70 no Campo da Lanzada, pero a certa distancia da necrópole, máis cara o interior, cara a actual zona de escavación. Aquí os traballos de Olalla López centráronse en entender o que pasaba, como unha antropóloga forense do CSI. Tamén estaba guindado aló, aparentemente sen un enterramento lóxico. E a aquel home acontecéralle algo brutal.
Olalla foi capaz de reconstruír a secuencia da súa morte a partir do cráneo e o corpo. O seu asasino puxérase diante del. Primeiro degolárono desde diante, pero sen separarlle a cabeza do corpo. Despois, por atrás, cunha arma moi pesada, fendéronlle o cráneo de enriba abaixo. Afortunadamente, puidose facer a proba do carbono 14 coa vítima. A datación ofrece uns séculos determinantes: ese home morreu entre o século VIII e XI.
¿Foi este home asasinado polos normandos? Obviamente hai que ser cautos, pero non é unha morte normal: degolamento/decapitación seguida da fendedura do cráneo desde atrás, xa que esta última semella aparentemente gratuíta trala primera acción. O estraño é que coincide con evidencias arqueolóxicas localizadas noutros lugares atacados e invadidos polos vikingos, como na illa de Man, e noutros puntos do norte de Europa, como podes ler aquí. Degolamentos e fendeduras de cráneo aparecen nalgúns casos en contextos sacrificais. Sexamos prudentes, pero a historia ten chicha. ¿Será a primeira vítima dos ataques vikingos que localizamos en Galicia?
Posteriormente, o bispo Sisnando de Compostela erguería unha fortaleza na Lanzada para protexer a entrada da ría de Arousa dos vikingos. Estou convencido de que a elección non foi casual e non atendía só a razóns da posición estratéxica desta pequena península. E noutro post, máis adiante, explicareiche por que.

Os bichincos! Aínda lembro ao meu avó chamando así por eles mentres vía na tele a Kirk Douglas co seu ollo chosco.
É curiosa esa ritualización do asasinato, tan aparatosa e tan precisa. Debía requerir certo adestramento, como o swing dun xogador de golf. E non sei qué me dá que non debía ser unha execución demasiado solemne. Será por ler demasiado Astérix, pero estou seguro de que mentres rebanaban a gorxa deste infeliz, imaxino a uns normandos tipo Grosembaf botando sonoras risadas, e queixándose de non poder beber calvados no cráneo deste vencido, porque o machadazo vai estropear a vaixela.
Si, Padín, estou convencido de que o autor debeu practicar en numerosas ocasións previamente con pescozos distintos, para que o corte fose realmente serio.
Xa sabemos aquel dito dun xefe vikingo moribundo en Greenland cando os indios lle acertan cunha flecha no bandullo e os compañeiros lla sacan. “Esta terra ten fartura, mira canta graxa teño embaixo da pel”.
que interesante esta serie da Lanzada! Podería ser execucións exemplarizantes destinadas a algún tipo de líder que achantara posteriores resistencias.
Chamoume a atención na tele unhas asociacións vikingas actuais en Noruega que quería dar a coñecer outros aspectos, culturais, sociais, relixiosos, á marxe da violencia asociada a ese pobo: piratería, saqueos, asasinatos, violacións… Hai quen di que eran especialmente destructivos nos símbolos relixiosos que atopaban. Este comportamento puidera ser decisivo para retratar un mito sanguinario e cruel.
Roi, nesa cuestión hai un detalle curioso. Algo que pouca xente sabe é que aquí practicaban o secuestro. Levaban aos secuestrados ás barcas e pedían rescate. Pois ben, a coña é que os paisanos de aquí podían entregar o rescate aos viquingos e recuperar aos secuestrados só diante das autoridades eclesiásticas, tiñan prohibido entregalo pola súa conta. O motivo de tal cousa non a teño clara, pero non me estrañaría nada que a Igrexa vira aos lordomani como perigosos pagáns e temera algún tipo de contaminación.
Sen embargo, como xa teño dito outro post, coidado coa imaxe que nos chegou dos lordomani. En Galicia procede primordialmente dunha fonte moi afectada, a Igrexa. E se lembrades, aquí mesmo na serie de posts vimos tamén outro tiipo de reaccións. Quero dicir, claramente non eran unhas irmanciñas da caridade, pero o panorama puido ser máis complexo.