Metodoloxías para estudar a defensa na tardorromanidade no Congreso Internacional “1600 anos do reino de Galicia”

Mañá, mércores 6 de outubro, farei unha presentación sobre aspectos metodolóxicos e tipolóxicos ao redor das nosas Repúblicas de Homes Libre no Congreso Internacional “1600 anos do Reino de Galicia”, que explora durante toda esta semana a historia do gran esquencido, o Reino Suevo de Galicia. Será de 17 a 19 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A miña comunicación, que será máis ‘académica’ que as conferencias-show para público xeral que impartín sobre o tema en Noalla e Pontevedra, discutirá aspectos da metodoloxía de investigación, especialmente sobre o traballo de campo, a tipoloxización das fortalezas que estamos analizando, e as relacións co seu contorno. En concreto, centrareime nos sitios arqueolóxicos máis vinculados á tardorromanidade e a época sueva que levamos investigado máis en detalle. Traballaremos ao redor da relación entre os ‘aglomerados medios’ romanos e as súas posibles estratexias de defensa activa e pasiva no contexto do final do Imperio: Castro Valente, Cessuris e Iria Flavia, as fortalezas do sur de Galicia próximas a Tyde (Tui), o complexo espazo cultural, económico e cultual da área de Fecha e Portomouro preto de Compostela, e a relación co sistema viario no caso de Grandimiro (Brandomil).

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *