
¿Estás máis perdido que en Lost ou en Twin Peaks coa serie Repúblicas de Homes Libres? Queres poñerlle cara aos frikis que andan papando toxos e fentos polo monte adiante na procura de muros derrubados, inscricións e invasións bárbaras? Queres ver unha nova perspectiva multimedia, global, tridimensional e fascinante sobre o que levamos de investigación? É para min un pracer convidarte á primeira conferencia sobre as Repúblicas de Homes Libres. Será o día 29 de xullo ás 20:30 horas na Casa das Canteiras de Noalla [localización], no concello de Sanxenxo, dentro do ciclo de Charlas Lanzadeiras que organiza o CSIC e a Comunidade de Montes de Noalla. A entrada é, por suposto, aberta e de balde. E pode ser unha gran escusa para achegarse antes ata a Lanzada (onde vai estar esa tarde parte do equipo de investigación) a ver os progresos da escavación que, ademáis, se está a poñer interesantísima.
Aquí vai o abstract da charla:
Repúblicas de homes libres: fortificacións e atalaias entre o Imperio Romano e a Baixa Idade Media
Moitas montañas galegas gardan nos seus cumes as ruínas de humildes fortificacións, atalaias, puntos de avistamento e mesmo, nalgúns casos, grandes recintos fortificados. Son construcións moi descoñecidas para a Arqueoloxía e Historia galega actual, pero a súa traza é intensa na microtoponimia do país: en gran medida, parecen estar ausentes da documentación histórica, e cando figuran -nas fundacións dos mosteiros do século XI ou XII- fanno como antigos lugares abandonados que delimitan os límites dos seus coutos canda as mámoas, as lagoas e os ríos. O noso traballo de campo polos montes de Galicia -aínda en curso- permite revelar certa coherencia e diversidade nos seus modelos construtivos e mesmo patróns de ubicación que achegan suxestivas propostas para analizar un dos periodos máis convulsos e descoñecidos da Historia de Galicia: a Alta Idade Media.

Postpost: os fotogramas pertencen ao primeiro capítulo da maxistral serie A History of Scotland. O día en que alguén filme os nosos montes co mesmo agarimo e coidado que esta xente porei con gusto fotogramas de aquí.

Pero ese que está de costas é Xurxo Ayán, ou! Ou prestoulle a silueta a alguén?
hahaha! Pois a verdade é que ten un aire. É un arqueólogo escocés, Neil Oliver.
Non sei onde poñelo así que aproveito este post. Hai un erro no video das segundas charlas lanzadeiras, no 7:15 deixase de oir, supoño que será un erro o subilo a rede.
Grazas por avisar. É bastante misterioso, porque o vídeo está correcto pero na conversión Vimeo interrompe a pista de audio. Xa subiu unha segunda vez e dá problemas igual. Mañá tocarémolo a ver se damos coa solución. Avísote cando o teñamos outra volta enriba.
Bos días! É unha mágoa, pero eu non poderei asistir á conferencia. Estou seguro que me encantaría escoitar cada unha das explicacións e teoría que tedes sobre as Repúblicas dos Homes Libres. Só quería dicirche que fas un bo traballo, moi interesante, e que engancha dende o primeiro post. Noraboa. Por certo, xa convencín aos meus amigos a facer unha pequena excursión ás ruinas do Castelo de Cedofeita, non creo que o atopemos, pero polo menos faremos unha boa andaina ata aló. Intentei atopar toda a información que poiden sobre o castelo, ou torre, ou simple fortificación, aínda que é difícil!
Por certo, sigo o teu blog, aínda que non adoito deixar comentarios, son un pouco preguiceiro :S Saúdos!
Grazas, Luis, por tentares ir á conferencia e por comentar, aínda que sexa unha vez! ;) Eu aínda non fun a Cedofeita, pero interésame moito. Dentro das Repúblicas de Homes Libres, hai moitos castelos que están fóra da documentación medieval, pero este figura desde moi cedo nos textos: é un interesante caso para ver un castelo que pertence, claramente, á aristocracia e que participa en accións bélicas documentadas desde ben cedo.
Eu tamén teño que ir por alá, que tampouco o visitei nunca. Xa me contarás ben por onde se sube. :-)