Last updated on 27 / Xuño/ 2010

Foto: Sole Felloza
Onte tiven a oportunidade de compartir unha charla con Paco Nadal, un dos poucos xornalistas especializados en viaxes que hai no Estado, columnista habitual no suplemento El Viajero, de El País e no programa Hoy por Hoy, da Cadena Ser, ademáis de moitos outros medios e revistas, e que mantén un magnífico blog en El País. Paco Nadal está en Santiago convidado por este luxo tardoprimaveral que está a ser o Encontro Internacional de Literatura de Viaxes -sería unha intelixente decisión da Administración o conseguir que se repetira todos os anos, e que consolidara a Santiago neste ámbito igual que Xixón ten a novela negra. Na conversa previa, Paco contounos que pasa ao redor duns 200 días ao ano viaxando, e que adora os voos intercontinentais, de 16 horas, nos que non hai nada que facer agás o que un se programe.
Do traballo de Paco gústanme moitas cousas: por unha banda, a súa polivalencia técnica, a capacidade de traballar en diferentes rexistros, de centrarse no pequeno e no grande, e de resolver estupendamente tanto os desafíos gráficos como textuais ou audiovisuais dunha reportaxe de viaxes, que non é cousa doada. Pero ademáis, é un excelente escritor que non se prodiga tanto como quixeramos: o seu último libro, Pedro Páramo ya no vive aquí, seis crónicas de viaxes de México que son como a min me gustan: fuxen dos tópicos, mergúllanse no entripado contemporáneo e ancestral deste país que me flipa e están escritas cunha poderosa e rica linguaxe.
Con Paco tiven a oportunidade de manter unha conversa que gravamos en vídeo ao carón da feira, na que falamos de México, da literatura de viaxes e na que nos recomenda un par de destinos para este verán. Para non perdela:

Sempre que podo sigo a Paco Nadal. Noraboa pola entrevista. Moi orixinal.
¿Con qué camara grabaches isto?
hahaha! Moi perspicaz! Coa Lumix TZ10. Pero espera ao vindeiro vídeo, que sairá hoxe pola noite ou mañá. Vas flipar.
LOL!!! Eu estáballe a pensar nunha das novas reflex que graban de xeito espectacular. Pero está visto que hai aparellos pequenos pero matóns…
Si, mira esta review que publiquei onte:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/06/27/panasonic-lumix-dmc-tz10-unha-gran-camara-todoterreo/
Por certo, tamén estivemos probando co vídeo dunha Nikon D300s, unha reflex como as que ti te refires. Efectivamente, é espectacular a imaxe. O son, co micro nativo, como era de agardar, de pena. E teñen un problema curioso: hai que gravar con trípode, porque pesan a diola! Xa falaremos delas tamén.