
Na procura dos castelos das Repúblicas de Homes Libres, estamos tendo que movernos por moitos montes sen camiño, choutando por penedos, enfangándonos en grandes xuntas de toxos, subindo outeiros a pelo. Buscaba unha cámara versátil que me permitira cubrir un amplo rango das necesidades desta aventura cultural e calquera outra na que ando metido. Decidinme, coa axuda de Sole, por unha cámara que moitos recoñecen como a mellor compacta que hai nestes momentos no mercado, a LUMIX TZ10. Levo con ela varias semanas e estou, basicamente, encantado, por varios motivos:
O gran angular. Son 25 mm, e dache unha flexibilidade e comodidade para a composición das fotos que non te imaxinas. Entra moitísimo. Pensa, por exemplo, que ás veces teño que fotografar muros sen poderme botar moito para atrás (porque se o fago caiome penedos abaixo).
A óptica. Na casa xa coñecemos a óptica Lumix de Panasonic. Non defrauda, está moi ben.
O vídeo en HD. Grava vídeo en alta definición a 720p, o cal non está nada mal, e permite cambiar axustes no medio do vídeo. Grava nun formato un pouco raro -AVHCD- que pode dar algúns problemas de visualización iniciais nos PCs (nos Macs, só o admite a última versión de iMovie, ollo con iso). Pero a calidade é fantástica. O micro é estéreo, e algo precario. Unha vez que as compactas comecen todas a filmar video de gran calidade, quero agardar a que comezará a competición por ofrecer un bo audio…O interesante do vídeo é que a electrónica da cámara permíteche mesmo gravar en condicións de moi pouca luz, como vedes nos exemplos de abaixo.
O zoom óptico. Un zoom real de 14 aumentos está moi ben e permíteche reaccionar a uns cantos problemas.
O GPS. Leva GPS incorporado, pero eu creo que non o vou empregar case nunca. O exemplo da propia Panasonic é ridículo. Estás fotografando a torre de PISA e o GPS di: Estás na “Torre de Pisa”. (¡guaaauuu!). Por desgraza, supoño que non será capaz de recoñecer que estou en Citofacta ou en Cuspedriños. En todo caso, pode ter algunha aplicación creativa interesante.
O macro. Como é propio nas Lumix, dá un macro exquisito.
Exemplos:
Estes tres vídeos que publiquei estes días están feitos coa Lumix TZ-10. Son tres exemplos moi diferentes:
Postpost: Non publico exemplos de fotos porque aínda non as procesei. Subirei algunhas estas semanas.

Seguramente poda salvar as coordenadas onde foron feitas as fotos non? así cando queras expicar onde está tomada unha foto ou dende onde se ve certo achádego enlázalo con google maps e pista non?
Efectivamente. O problema do GPS é que creo que el só se pinza a metade da batería, pero obviamente ten a grande avantaxe de que grava en datos EXIF as coordenadas e mesmo a localización (entendida en plan grandes sitios, como digo, non creo que nun turismo galaico avanzado sexa capaz de ter a toponimia das nosas aldeas). Tamén fai algo que pode ser moi suxestivo, que é vincular datos GPS a un vídeo, pero aínda non o probei.
Na práctica cotiá eu prefiro ter máis batería porque por sorte, entre o SIGPAC e Google Maps, se marcas o lugar exacto ás poucas horas non te adoitas confundir no punto exacto do achado, pero pode ser especialmente interesante en xacementos que non se aprecian nada desde o aire ou a toponimia, como as mámoas ou os petróglifos. Indubidablemente, o GPS é unha característica potente aínda que na práctica eu pénsoo empregar poucas veces.
Deron con bo comercial estes de Panasonic.
A cámara ten boa pinta, pero eu lle vexo un gran, moi gran fallo para ser un compacta avanzada. Esta cámara non tira fotos en formato “RAW”…
pois eu teño a tz7 e tamén stou ctento