Queridas pantasmas familiares

Last updated on 21 / Xuño/ 2010

Durante un tempo, crin que as pantasmas do país tiñan costumes máis ou menos similares; para sabelo non había máis que ler a estensísima bibliografía antropolóxica, etnográfica e de creación literaria versada no imaxinario no país e conectalo, ademáis, coa túa propia memoria.

Eu proveño de familias mariñeiras, e iso significa que o meu mundo do alén imaxinario estivo rexido, esencialmente, polos defuntiños e, como moito urcos: os mouros só aparecían tanxencialmente, gardadores de armas de ouro baixo a igrexa de Santiago do Deán. Cando limos na carreira Romeiros do Alén, esa obra mestra da antropoloxía galega que publicou Marcial Gondar en Xerais e que nunca, inexplicablemente, se reeditou (a pesar da gran demanda), moitos de nós, os que viñamos das vilas e aldeas, observamos que, desde a perspectiva marxista da análise antropolóxica de Gondar, todo aquel mundo fantástico tiña sentido e coherencia. Os mortos, para Gondar, en certo xeito, estaban moi vivos: servían aos desaxustes do noso mundo e eran respostas funcionais a problemáticas sociais e psicolóxicas importantes no mundo da Galicia rural e mariñeira.

No imaxinario da morte na Galicia tradicional, substancialmente, había dous tipos de mortos: os familiares directos, con nome e apelidos -xente que volvía do Alén motivados por algún problema, como a pena por mover os marcos, ou a falla de misas, nais que deixaran nenosorfos, ou un préstamo sen devolver, que remataban por marchar despois de incordiar un pouco- e logo a masa comunal e anónima de defuntiños da parroquia, da que todos acabariamos por formar parte. Os teus mortos acudían ao lume do lar en determinadas noites do ano, pero polo xeral, os defuntos, antigos veciños, percorrían a túa parroquia -ou as sete parroquias-, partindo, pasando e chegando por lugares emblemáticos na xeografía mítica do territorio, e a veces por motivos que aínda non sabemos -a crenza en Aguiño de que a Santa Compaña sae dos túneles semisubmarinos do illote arousán de Noro. Así que tiñamos algúns mortos identificables e a gran masa comunal dos defuntos da parroquia. Ducias e ducias de antropólogos estudaron as nosas pantasmas comúns, os nosos defuntos da parroquia.

Co tempo, a vida lévate a diversificar e coñecer a moita xente de ámbitos sociais e procedencias diferentes; mariñeiros e fidalgos, obreiros e burgueses, non se relacionaban moito nas vilas entre eles, pero algúns dos seus descendentes, por sorte, xa non nos escapamos tanto os uns aos outros. En xantares, ceas e cafés, comezaron a xurdir historias que, o outro día, acabaron por callar. Son as pantasmas familiares.

Todos temos en mente a mítica imaxe cinematográfica do pantasma de castelo inglés ou escocés. Un espectro que vaga polas estancias dun antigo e tenebroso castelo durante séculos penando unha traizón ou remorrendo de pena por un abandono. Esas pantasmas eran algo exótico para nós, que tiñamos uns defuntos máis de andar por casa: o tío Pepe ou Brais de Soutelo. Xentiña que unha década antes compartía unha cunca de tinto co teu avó na taberna da aldea. A miña sorpresa é que as pantasmas domésticas, afincadas por séculos nun espazo, tamén existen en Galicia en abundancia, e isto é ben curioso.

Frades, graves homes, nenas de branco, soldados, xenerais, avoas pululan polos pazos galegos e as casas burguesas. Nalgún outro post me teño referido a esa rica tradición fantástica familiar que practicamente se nos perdeu en Galicia: a das familias pacegas, o que eu chamo a segunda tradición mitolóxica de Galicia. Pois ben, ultimamente, cando sei que o contertulio procede dunha vella familia non labrega nin rural -con iso adoita abondar- pregúntolle polas pantasmas familiares e domésticas. E aí están: facendo renxer as escaleiras de caracol tan características do XIX en Corcubión, abrindo as contras das habitacións na Ribeira Sacra, sentadas nos parladoiros na Ulloa, paseando por un faiado en Pontevedra, petando nas portas do solar en Vilalba, asustando nenos na adega no Salnés. Historias transmitidas na tradición oral da familia, que se transmiten de xeración en xeración de xeito ben distinto ás pantasmas populares.

As pantasmas dos pazos e vilas galegas son ben diferentes: teñen nome e apelidos, e adoitan ser figuras reais que habitaron a casa hai cen, douscentos, trescentos anos. É dicir, están lonxe xeneracionalmente dos actuais habitantes e propietarios, pero continúan sendo máis ou menos identificables. Unha característica habitual destas pantasmas domésticas é que non son antigos xefes de familia ou propietarios da mansión; adoitan ser familiares vinculados, familia pero non demasiado nuclear. E ás veces están conectados cos acontecementos cos que a familia se viu envolta: a francesada, a carlistada, a caída da monarquía portuguesa: xenerais que pasean mirando o horizonte, fuxidos que morreron ao partir a comitiva real de Mafra. E o seu mundo, a diferencia da pantasma labrega e mariñeira, é moi limitado. Aparece en dúas ou tres habitacións, coma se a súa existencia dependera dun par de trabes dun teito ou dun pesado armario de castiñeiro. E reiteran algunha acción, día tras día, década tras década. Abrir un armario, mover un cadro, o típico.

Nunca falei con Gondar destas pantasmas, ausentes dos libros de etnografía do país, supoño que por varios motivos perfectamente explicables (a identidade galega construise a partir das clases populares, e os defuntos son fundamentais na identidade do país). Pero seguro que o meu profesor pensará que estas pantasmas tamén están tan vivas como as outras. A casa, a casa non só como elemento familiar senón tamén simbólico, é fundamental para entendelas. Os pantasmas mariñeiros percorren a parroquia, porque as redes familiares se estenden entre individuos que por forza deben apoiarse para sobrevivir e subsistir e que parten dun imaxinario común. Pola contra, estas pantasmas individualistas ou solitarias, atrapadas en si mesmas, non saen dos seus caseróns: parecen representar a familias que precisan diferenciarse non só socialmente, senón tamén fisicamente. A construción da diferencia é moi importante para entender a existencia das clases sociais. Para o burgués e o aristócrata o fogar é o lugar seguro, a cerna da súa prosperidade; nos pazos, a permanencia, a memoria familiar é a clave do mantemento do grupo e da riqueza. Para min, a pantasma de clase alta está contando isto. Xogando algo á fantasía, é como se o propio edificio atrapara aos seus habitantes máis febles nun labirinto de tempo. Casa e pantasma están ligados para sempre.

E aínda unha cousa máis: a pantasma doméstica, a diferencia da humilde labrega, nunca vén a pedir. Non se rebaixa a tanto. Obsérvate altiva ou repite diariamente algún incómodo ritual. As pantasmas parecen contar todo isto. Non marchan porque a casa é o mundo. A pantasma tradicional, pola contra tende a incordiar o menos posible. En canto lle solucionas o apuro, aire.

Eu pregúntome que acontecerá se un día coinciden as pantasmas populares e as aristócratas durante unha procesión. O primeiro destemido defunto que se sobrepoña ao horror de contemplar unha pantasma (porque de todos é sabido que unha pantasma nunca é plenamente consciente da súa identidade anómala) poderíase atrever a preguntar en voz alta (na medida en que unha pantasma pode distinguir entre voz alta e baixa):

-¿E logo ti de que Alén ves sendo?

2 Comments

  1. 19 / Xuño/ 2010

    Eu que non son galega, nin tive nunca a ledicia de vivir na terriña, boto moito de menos as historias de pantasmas no meu arredor.
    Precioso o texto. Quédame a mágoa de non ter eu coñecida á pantasma de “Brais de Soutelo” e máis coma a del. Porque eu prefiero as pantasmas parroquians, non ás aristócratas pacegas.

    Saúdos.

  2. 20 / Xuño/ 2010

    Grazas, Falsirego!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *