
Se despois de visitar Capítulo 0 tes pensado achegarte ata a Torre da Barreira, acabo de desenterrar un novo documento que te pode axudar a entender o lugar.
Para recoñecer a Torre na fraga actual hai que saber ver, quero dicir, que non te vas atopar cun castelo convencional, senón coa súa impronta -sen pedra, só terra- na morfoloxía dun espolón de río: está aí, pero invisíbel. Para facer visíbel na túa imaxinación o lugar, hoxe rescatei un estupendo documento de 1901. O benquerido coengo da catedral de Santiago Antonio López Ferreiro non puido resistirse a escribir un artigo para o primeiro número de Galicia Histórica, unha revista de divulgación histórica editada por el. Titulado La Torre de la Barreira, López Ferreiro ofrece unha valiosísima testemuña gráfica que procede da súa memoria de trinta anos atrás, “antes de que o egoísmo da nosa época tratase de empregar os seus materiais“. Cando o coengo volveu a visitar o lugar, a primeiras do século XX, o castelo xa fora case plenamente desmontado. Levado de algo de carraxe, colleu lápiz e papel e levantounos o boceto que ves ao principio do post.
E dános unha misteriosa precisión que non sabemos se era verídica, ou se mesmo o sobrio coengo foi levado polas lendas do lugar, ou mesmo se a cova da que falamos no anterior post excitaba o maxín eclesial:
“O outeiro que servía de base á fortaleza estaba minado en todas as direccións por camiños subterráneos que ían dar ao río. Algúns deles eran de tales proporcións que permitían o paso a carros ou bestas de carga”.

No estudo que Manuel Mosquera Agrelo lle adica ás torres da Barreira, publicado fai dez anos no segundo número da Miscelanea Histórica e Cultural da Estrada, faise unha descrición detallada dos espazos da fortaleza baseada nos restos superficiais que aínda se poden atopar e en fontes escritas, sobre todo nas testemuñas da revolta irmandiña recollidas no famoso preito Tabera-Fonseca.
Iso si, co plano de López Ferreiro xa me deixaches alucinado. Grazas polo traballo de divulgación.
Alex, si, esta semana faláronme dese número da Miscelánesa pero aínda non o din conseguido, xa que non está na Biblioteca Xeral.
Por certo, ti sabes algo desa condenada cova que está na zona de abaixo? Sabes se hai folclore vinculado?
Da cova non teño noticias, nin de xigantes e doncelas. É posible que o trasego de pedra para a antiga fábrica de papel de Riobó e para as casas dos veciños dos Besteiros fixera remexerse a ánima dalgún canteiro, pero máis alá, segue o misterio.
Para a semana xa che paso o que teño, prometido!