A Torre da Barreira: un secreto subterráneo baixo un castelo invisíbel


Camiño de acceso á Torre da Barreira. Reportaxe gráfica: Sole

Moi preto ao Pazo de Oca hai un lugar máxico. Hai que entrar por unha volta moi pechada do camiño, alí onde se volve máis espeso, baixando cara o Rio Bóo. Baixo a frouma, o bosque de carballos, a humidade, xace unha antiga fortaleza. As súas pedras estouparon como un bigbang por todas as casas vellas da parroquia, pero este lugar aínda conserva os rastros perceptíbeis do antigo lugar para quen os saiba ler. É a Torre da Barreira [localización], na parroquia de Riobóo do concello de A Estrada. Hai parapetos, foxos, plataformas, todas camufladas baixo o espeso bosque. Subindo polas antigas ladeiras do castelo enriba na zona superior estaban as antigas dependencias, a torre da homenaxe: hoxe son un brando e espeso campo cheo de cráteres, pero as alturas, os terraplenos, continúan a existir. A Barreira era como unha cuña de vertixinosas paredes ao redor do río: todos os seus flancos eran inexpugnábeis agás un.


O elevado desnivel desde o alto do castelo


O resto máis grande de muralla

As vellas crónicas permítennos coñecer bastante en detalle este lugar, e investigounas o señor Xesús Gulías no libro A Torre da Barreira. As pedras perdidas da Mitra Compostelá, editado polos veciños, e que aínda non din conseguido. As testemuñas que sobreviviran da Guerra Irmandiña declararon, cincuenta anos despois, nun pleito entre arzobispos sobre este lugar. Falaban dun castelo maxestuoso, con tres patios, torre de homenaxe, unha capela dedica a Santa Mariña da Barreira e outra torre singular torre erguéndose na única banda que cinguía este espolón co resto da terra: chamábana a Torre de Mariña Carreira. A Torre foi sede da xustiza da Terra de Tabeirós durante séculos. Fundada ao redor do século XII, viviu unha estraña historia. No XIV, refuxiáronse nela os Golfíns: tratábase dunha escura caste de cabaleiros salteadores da que me teño que enterar máis, e a Barreira foi o refuxio das súas incursións (permitídime que me queira informar, xa sabedes que . Foron rendidos por batalla, por mandato do rei Sancho, a golpe de guerra nos muros deste bosque. Un século despois, os Irmandiños volveron a tomar grazas á nova tecnoloxía militar da pólvora, usando algunhas das primeiras bombardas deste país, a fortaleza. E aínda foi reconstruída outra vez, ata morrer finalmente, diseminarse, coas súas pedras levadas durante a historia polas aldeas veciñas. As murallas desapareceron, agás nas zonas de máis difícil acceso. E alí están tapadas polo carrizo.

Hoxe o lugar é máxico, e se cadra o máis fascinante estea descendendo ao Río Bo que lle facía de foxo natural, por un caminiño que se desvía antes de entrar no recinto da Torre. Aquí o río baixa encaixado, convertido nun frondoso e húmido canón de beleza máxica. Beireando o río, bordeando a fortaleza, están os antigos muíños, hoxe arruinados, mimetizados co mundo vexetal. As lendas falan de como un xigante acochou aquí, nas ruínas do castelo, a unha doncela secuestrada, e de como este monte estaba cheo de túneis secretos que baixaban da fortaleza ata o río. Pero ninguén nos falara dun lugar, dun lugar alucinante e misterioso que está aquí, se cadra orixe e berce destas lendas.

Seguindo a canle do muíño que vedes na primeira destas fotos, veredes que na segunda foto, por riba do muro e da árbore, ábrese unha fenda escura. Ao subirdes polo muro da canle (moito coidado, pode derrumbarse), descubriredes un estraño lugar. Alí hai unha pequena cova.

Pero aínda que na súa orixe foi unha cova natural, alguén tomouse un traballo extra alí, nalgún remoto momento da historia. Picando, ancheou a cova por dentro, aplanou o chan. A canle do muíño debeu modificar, aló polo XVIII ou XIX parte da entrada orixinal, pero segue aí, intrigante, fascinante. Con cinceis metálicos, no interior da coviña fixeron unha sorte de pequeno asento, gravuras. E, no seu momento, aquela covacha debeu ter algún tipo de porta. En ambas as dúas bandas da cova, hai asentos de trabas e portelos.

¿Que era este lugar? Mirando desde o interior desta caverniña ao bosque e ao río, un decátase de que ninguén podería vivir aquí por gusto: hai demasiada humidade, garantía de tuberculose. Ou se cadra ese era o obxectivo desta caverna, quen sabe. Aí está, para quen a queira ver. E, se queredes un consello, aquí vos vai: cando vos acheguedes ata alí, seguide despois do vello muíño, aínda que non haxa camiño aparente. Chegaredes a un remanso do río totalmente tolkiniano, profundo, rodeado de fragas que se derruban e pedra gris que semella acochar todo tipo de túneis. Aínda estaredes ao pé da vella torre invisíbel e diseminada.

A Torre da Barreira é un lugar evocador: a poeta estradense Anxos Romeo escribiu deste lugar, dun lugar tan remoto e próximo como a Torre da Barreira:

Medo da infancia, do interior
do océano alumeado de Boj

Teño medo, temos medos
abruptamente acuminados nas rúas,
mais non é chuvia,
nin anos reclinados nin coraxes,
é a noiva do sepulcro a estatua
a que ten a inflamada suavidade das pontes,
a Torre da Barreira no pulso frío
do albergue e os cisnes de palla

Somos cor do medo e do silencio, falamos
nun ceo esbrancuxado que se indisciplina ó caer

9 Comments

  1. 27 / Abril/ 2009

    Maxico lugar ..maxicas fotos ..gustame moito teu blog. Bicos

  2. 27 / Abril/ 2009

    ¿Esto no será una campaña viral de LOST? Parece la selva de la serie!!!!!
    Imagino cómo ha de respirarse por esos lugares…… ;P

  3. Miguel
    5 / Febreiro/ 2010

    Fai un tempo eu lin neste blog que alguén preguntaba por un libro que se editara sobre a historia da torre da Barreira. Eu creo que sei dunha persoa que os pode ter.

  4. Felix
    12 / Decembro/ 2011

    Faime moito ben o leer sobre a Torre da Barreira posto que me sinto plenamente identificado con ela. Son nativo de zoa e coido que a que foi a miña casa materna e a mais preta do lugar. Son testigo presencial de cando de alí se sacou toda a pedra xa traballada para construir o grupo escolar da parroquia. Moitas horas da miña infancia transcurrirón con ledicia neste lugar recordando os contos dos ancians referidos, algunas veces, os habitantes da torre.
    Dos muiños que se fala eiqui non dubido da sua certeza; si ven aproximadamente entre os anos 40 e parte dos 50, este edificio era unha industria da madeira. tornos movidos por auga donde se fabricaba, entre outras moita cousas, algo tan enxebre coma un prato do polvo.
    Non me estendo mais para non aburrir, e perdoade porque o meu galego non e académico, simplemente popular.
    Existe un libro editado no 2007.

  5. manolo
    13 / Decembro/ 2011

    estupendo

  6. Susi
    10 / Xuño/ 2012

    Moi interesante Manuel a recomendación desta visita. Importante poder ver a levada ou canalización de auga para o muiño que circunda a parte baixa da muralla, resultaría doado limpiala para poder recuperar o seu uso. Increíble que non esté sinalizada a fortaleza, asi nos vai na Galiza. Interesante tamén a papeleira da Barreira a poucos metros rio abaixo. máis info http://dspace.aestrada.com/jspui/bitstream/123456789/459/1/pg_381-422_estrada10.pdf

    Noraboa pola georreferenciacion que fai doado atopar os lugares que recomendas.

  7. María Luisa Cobián Vázquez
    8 / Setembro/ 2015

    Mis antepasados son todos de Riobo, para mi La Mota
    Siento no poder escribir en Gallego por haber vivido lejos de Galicia
    Actualmente ya hace años que paso temporadas en Riobo, lugar mágico y maravilloso
    Todo el mundo que lo conoce se queda asombrado de la belleza de sus paisajes y casas
    Es una pena que actualmente en sus prados verdes se estén plantando cantidad de castaños ya que cambiara en breve todo su fisonomía
    Yo he ido muchas veces a lo que se dice que es la Torre de la Barreira, pero yo nunca la he visto, aunque el lugar es fantástico
    Invito al que quiera que visite esta Parroquia
    Pues su Pazo de La Mota, sus casa señoriales, sus casas campesinas y su Iglesia Románica son preciosas
    Pero lo más impresionante de este lugar son sus gentes, sus buenas gentes, esto te transporta a un mundo amable y acogedor donde la vida es más fácil y sencilla
    Os recomiendo que visitéis la Parroquia
    María Luisa Cobian

  8. 8 / Setembro/ 2015

    María Luisa, o destino levoume a min tamén a ter unha propiedade en Rioboo, e estou encantado da parroquia, a xente e a paisaxe do lugar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará