Ese restaurante ao que levarías a un amigo estranxeiro

Dinme conta do paralelismo cando estabamos comendo unha incríbel carne á brasa con preve de xenxibre. Había unha noite calurosa e L’Antico Portale quedaba ao carón do noso estupendo camping, en Bucine, no sur rural da Toscana, así que decidimos quedar alí. A carne era dunha calidade excelente e a orixinal e arriscada nota do xenxibre dáballe un punto ácido e picante á carne realmente interesante. L’Antico Portale é fantástico: ben decorado, cunha base de carta na cociña tradicional toscana, racións de calidade impecábel e abundantes en xénero e unha vizosa adega, cun servizo informado e disposto a informar sen tentar colocarte os excedentes.

E decateime de que L’Antico Portale pertence a un xénero de restaurante que, afortunadamente, estase a impoñer en moitas rexións e países cunha cociña de forte identidade. Trátase do “restaurante ao que levarías a un amigo estranxeiro”. ¿Un pouco rebuscado, verdade? Pero exacto. Trátase de restaurantes que inventan un concepto enxebre ma non troppo, que recuperan a cociña tradicional da zona con certa vontade de escapate rexional e toques ilustrados, pero a prezos contidos e asumíbeis para unha clase media, a redor dos vinte e poucos euros, e que coidan a adega como unha parte fundamental do negocio. Sitios de confianza aos que ti levarías a un amigo estranxeiro para amosarlle a nosa gastronomía básica.

Un non sinte estes restaurantes exactamente como tradicionais, senón como continuadores. Por iso están tan cheos de forasteiros como de locais, son populares, sempre están cheos. Teñen cociña tradicional (con algunha chiscadela ou invención moderna) pero unha mise-en-place, unha organización moderna, con tecnoloxía, con tempos controlados, camareiros eficientes, presentacións brillantes e cociña menos saturada en graxas, preves e pesadeces do que a veces é a tradicional. L’Antico Portale facía auténticas marabillas, ata o punto de non querer marchar de aí. Á segunda noite, un xa se sentía como en casa no lugar.

Europa ten, por sorte, un bo feixe de lugares así. E no noso ámbito tampouco faltan: O Dezaseis, en Santiago; o Palacio de Canedo, de Prada a Tope, en Cacabelos (Bierzo); a Posada San José, en Cuenca; o Narru Jatetxea, en Elorrio…

2 Comments

  1. eula
    7 / Setembro/ 2007

    Pois eu ós meus amigos extranxeiros adoito levalos a sitios mais enxebres coma o Fogar de Santiso, ou mesmo míticas pulperias coma o Catro Ventos .

    Nunca vin a ninguen tan abraiado coma un finés nun lugar destas características :)

  2. 7 / Setembro/ 2007

    Tamén, tamén, eu tento compensar tascas populares, enxebres ma non troppo e se o amigo é gourmetófilo, algún lugar máis creativo, cando hai tempo e lugar.

    Se teñen pouco tempo, prefiro os enxebres ma non troppo. Non me fallan. E, desde logo, son indispensábeis cando falamos de coñecido de traballo. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *