Posada San José, en Cuenca: unha viaxe gastronómica á mestizaxe cultural

pousada_san_jose.jpg

Sole quería amosarme a Posada San José (969211300, sobre 22 euros), un antigo hospicio dos nenos do coro da Catedral de Cuenca reconvertido á hospedaxe e á gastronomía. ¡Que lugar! Só vos direi unha cousa que nunca tiña feito ata o momento: recuncamos á cea do día seguinte para rematar de probar toda a carta que se ofrecía no restaurante, tan rico, tan sorprendente e saboroso estaba todo. Na Posada San José un ten unha visión fidedigna sobre a gastronomía típica conquense, e é unha marabilla. En poucos lugares se pode apreciar con tanta intensidade a fricción, a mestizaxe entre a cultura, o medio, a historia e a alimentación. O resultado, a fusión entre os pratos ibéricos, cristiáns, musulmáns e xudeus, emociona intensamente, do principio ao final. O queixo curado manchego e os embutidos, para comezar, o morteruelo conquense, ese potaxe historicamente feito coas sobras da lebre, da galiña e da perdiz, cociñado e batido con carne picada, xamón serrano, fígado de porco e panceta, moi picadiños, o pisto, que sorprende en como a hortaliza pode xenerar tanta caloría e intenso sabor, o gazpacho pastor; emocionoume especialmente o zarajo, que vén sendo un novelo de tripa de año enfiado ao redor de sarmentos e pauciños de fruta que lle engaden sabor, e asados.

zarajos.jpg
Os zarajos

Un imaxinaba os pastores árabes, pola noite, cociñando os zarajos ao lume do ermo. Tamén é sorprendente o ajo arriero, chamado finamente atascaburras. Un paté feito con bacallau, pataca, pan e ovos cocidos. ¡E que dicir de rematar de postre co alajú! Puro Magreb en forma de torta de mel e almendras, recuberta de oblea. Se vas por Cuenca, a Posada San José é unha cita que non podes faltar. O único e importante: se queres quedar a durmir alí -unha opción económica e recomendábel- tes que saber que o coche vai ter que quedar un pouco lonxe. A Posada está no máis intrincado do casco histórico.

2 Comments

  1. 30 / Xaneiro/ 2007

    Vexo que hai outro convencido. A cociña tradicional manchega é, para min, unha das máis auténticas e sorprendentes da península. Por certo, os zarajos eu faigos fritos n abundante aceite (mellor na fritidora) e non asados. Son deliciosos.

  2. 30 / Xaneiro/ 2007

    Pois mira, xa me diches unha idea para experimentar o fin de semana! :P

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará