Repúblicas de Homes Libres: o castelo de Brandufe e os “ollos do mar”

Last updated on 2 / Decembro/ 2013

Nos montes da Ruña (Mazaricos) presérvase un dos castelos altomedievais máis espectaculares cos que me teño atopado. Preservado polo seu aillamento, nunha auténtica paraxe de breixo, lagoas e unha friaxe aguda en case todas as estacións do ano, o castelo de Brandufe, ou da Ruña, é un auténtico enigma histórico.

A primeira vez que subín a Brandufe, por empinadas rampas rectas, todo aquel monte estaba cheo de neve, e os muíños de vento parecían cortar o aire máis que mexelo; seguimos as indicacións e achegámonos ata o Castelo Grande. Un poste de telecomunicacións non parecera afectar moito a este pequeno e impresionante xacemento arqueolóxico. Alí viamos, co cachote caído, como unha pequena fortificación fora vencida polos ventos e o tempo pero continuaba alí, relativamente transparente. O paralelo mellor conseguido no seu estado de conservación era Luania, aquel espectacular castelo en Noia. Brandufe estaba alomenos tan ben conservado como Luania porque se beneficiara da mesma condición: a súa gran distancia con respecto a núcleos habitados. O durísimo clima de alta montaña destes montes mazaricás da Ruña tamén impedían que a vexetación sepultara absolutamente o sitio arqueolóxico. Eis o castelo, posiblemente, a máis altitude da provincia da Coruña.

Formalmente, hai algo que me interesa moito do castelo de Brandufe ou da Ruña, desde os seus fermosísimos topónimos xermánico e prerromano con suxestivas acepcións que deixo para os lingüistas, ou a súa configuración militar. A diferencia de Luania, a peor ubicación deste castelo en relación ao seu contorno fíxoo construír unha muralla e un foxo que definen unha área na que é posible loclaizar algunha que outra dependencia. O foxo, que corta en dous o afloramento rochoso no que está o castelo, serviu como canteira para o propio xacemento; a técnica de cortar un anaco do afloramento rochoso téñoa observado noutros enigmáticos castelos desta época de Galicia. Se cadra o caso máis espectacular sexa a rúa da Raíña Lupa no Castro Lupario, pero non é o mesmo que isto que estou a falar.

En canto ao emprazamento, un fica embruxado polo lugar. Unha ladeira suave, e ti ves desde enriba o Monte Pindo, cunha silueta da cresta dunha cabeza de monstro mitolóxico debruzada sobre o mar. Ficamos tempo contemplándoa, pero sobre todo tentando comprender o enigma de por que alguén decidiu crear aquí, non sabemos en que momento, unha fortificación, nun clima certamente hostil, durísimo.

Hai que ter en conta, ademáis, que é unha fortificación articulada para a defensa, non é unicamente un posto de vixía. Dispón dunha sólida muralla para repeler agresións. No seu interior, os muros derrubados permiten entrever no núcleo central dúas ou tres estancias. Hai varias cabanas anexas entre o recinto principal e a muralla.


Cabanas anexas ao corpo principal e ao carón do “foxo”

A pregunta é quen o construiu e por que. Este monte ten, ademáis, un enigma. Hai dous outeiros elevados que marchan o cumio desta montaña da Ruña, pero os edificadores escolleron o que, a priori, a nivel militar, defensivo, e da lóxica dos castelos, parecía o menos axeitado dos dous. Fixádevos no mapa:

Como vedes, o castelo edificouse no promontorio da esquerda. O promontorio da dereita é máis alto, cunha superficie habitable maior e, indubidablemente, cunha conca de observación maior para todas partes. Mesmo para o mar. Pero tiña que haber unha diferencia entre os dous. Fumos ao Castelo Pequeno, que é como lle chaman a este promontorio antes baleiro, e agora cheo de antenas e torrentes. Efectivamente, víase todo, agás un detalle tan intrigante como difícil de manexar: o monte Pindo. Había tamén un factor que fai pensar por que o castelo está aí: no suposto de que a Ruña fose unha zona de cruce desde o mar cara o interior, a área máis accesible deste complexo montañoso está exactamente, nesa ladeira que vedes ao norte do castelo.

Unha análise da visibilidade do sitio arqueolóxico

Decidín realizar un análise de concas visuais e apréciase nela claramente algo do que está a pasar. O actual promontorio no que está o castelo ten menos visibilidade, pero controla de xeito case maxestuoso o contorno inmediato do monte Pindo e, en xeral, o acceso do mar e a desembocadura do Xallas, como podedes ver nas seguintes capturas (o anaco de mar que vedes aí é o Ézaro, a desembocadura de Xallas, o monte Pindo).


Análise de conca visual desde o Castelo de Brandufe.


Análise de conca visual desde o Castelo Pequeno (promontorio rochoso máis alto e mellor posicionado, pero sen evidencias arqueolóxicas)


Excelente panorámica da área de Mazaricos desde o Castelo Pequeno, a penas observada desde Brandufe

O problema é que iso parece non ter lóxica feudal. De feito, se os construtores tiveran escollido o promontorio do Castelo Pequeno, estarían controlando un vastísimo terreo cheo de vizosos cultivos e aldeas; sen embargo, preferiron un espazo peor defensivo, cunha visión máis controlada, pero no que a diferencia clara é o control do monte Pindo e, se cadra, un pouco de mellor control no camiño de acceso ao monte. Quen di o Monte Pindo, refírese por suposto aos seus castelos medievais: Peñafiel, San Xurxo, a enigmática muralla central e o camiño desde o mar…

Quen erixiu Brandufe debeu escoller entre controlar e exercer dominio visual sobre vastas e ricas terras de labradío ou atender a un camiño e un mundo incerto chegado do Océano ou o propio Monte Pindo, que tanto ten excitado as fantasías do noso país.


Esta vista desde o Castelo Pequeno permite ver coma o Castelo de Brandufe tapa a mole do Pindo.

A análise da paisaxe amósanos bastante claramente que escolleu o segundo: o mundo que viña do mar, un mundo máis enigmático e perigoso que xustificaba que unha guarnición pequena de soldados tolerase os terribles ventos e fríos imposibles dos montes da Ruña.

Localización: consulta a ficha de patrimoniogalego.net

11 Comments

  1. elixio
    2 / Decembro/ 2013

    Interesante Manuel, un dos sitios que máis me gustou dende sempre. Non sei se te fixaches que o paso do norte deste monte, a 500 m de altitude, chámase O Alto da Besteira ( bésta= arma do besteiro), podería vir de besta , pero…aí queda. Por certo isto será Castro ou Castelo https://twitter.com/ElixioVieites/status/407265182105075712/photo/1

  2. 2 / Decembro/ 2013

    Grazas, Elixio. A min esa Besteira paréceme bastante cabalar…

    Por certo, aproveito para aclarar unha pequena confusión que alguén que lera o libro sobre o Pindo de Barreiro Barral pode ter. A Barreiro Barral non lle gustaba nada que o monte Peñafiel fose o castelo que estaba sobre a fervenza do Ézaro así que, con alegría, chantouno neste monte da Ruña. Nada máis lonxe da realidade. Está ben documentado polo Tabera-Fonseca que Peñafiel era o castelo sobre o Ézaro. Desde, do de Brandufe, aínda non localizamos documentación medieval.

    Con respecto ao que me mandas, onde está?

  3. maceirax
    2 / Decembro/ 2013

    Pode ser o “Castelo de Xallas” que si aparece en documentación anterior ao Tabera.

  4. 2 / Decembro/ 2013

    Non, o castelo de Xallas estaba en Xallas de Castriz, onde hoxe está a igrexa. A igrexa está no interior dun vello recinto fortificado do que se conserva aínda parte da estrutura. Nas casas da aldea hai bastante pedra procedente del. E seguramente antes de castelo xurisdiccional debeu ser castro, a xulgar polo topónimo. O “condenado” castelo de Xallas (dígoo porque mira que hai xente na zona buscando por el) está aquí:

    https://maps.google.es/maps?q=Xallas+de+Castriz&hl=es&ie=UTF8&ll=43.0743,-8.774718&spn=0.003315,0.004823&sll=43.053649,-8.724089&sspn=0.02653,0.038581&oq=xallas+de+castriz&t=h&hnear=Xallas,+A+Coru%C3%B1a,+Galicia&z=18

  5. elixio
    2 / Decembro/ 2013

    O anónimo era eu, vaia

  6. 2 / Decembro/ 2013

    De verdade? Non o tería sospeitado…;-)

  7. Martin R
    21 / Decembro/ 2013

    Non sei se cabería considerar non só a visibilidade dende o emprazamento cara abaixo, senón no sentido oposto, dende abaixo cara o castelo. Porque os poderosos de antano tamen gostaban de chufar de poderío…

  8. 21 / Decembro/ 2013

    Martín, é unha posibilidade interesante, pero hai unha diferencia de altura criminal. Máis de trescentos metros de altura entre ela e as aldeas do oeste (A Figueira, Arcos…) nunha ladeira bastante longa. Tería que miralo, pero eu creo que se ve pero non demasiado. Ese sitio éche todo un misterio, Martín!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará