Guidoiro Areoso: unha vergoña que se nos desfai nas mans

Last updated on 28 / Xuño/ 2013


Anacos de ósos de posible fauna prehistórica obtidos na praia de Guidoiro Areoso. Foto: Totó Fernández

Nos últimos días, estou recibindo unha chea de correos de persoas preocupadas e alteradas por un novo capítulo na destrución dunha das xoias arqueolóxicas máis valiosas de Galicia, o illote de Guidoiro Areoso, no centro da ría de Arousa. Coincide con que todas esas persoas viron o vídeo Unha viaxe á Illa dos Mortos, que publicamos o 14 de xaneiro de 2012, no que informaba sobre o achado dun gran dolmen baixo a area neste illote e o contextualizaba á luz das intervencións arqueolóxicas levadas a cabo na illa nos anos 80. No vídeo falaba dun elemento arqueolóxico único que existe nesa illa: é menos espectacular ca un dolmen ou unha cista pero se cadra, a nivel científico, igual ou máis valioso. Era o paleochan, unha placa de terra solidificada baixo a area na que se preservaban, como un miragre, restos de fauna e cerámica datada na Idade do Bronce. No vídeo amosaba como identificar esas placas de paleochan e en que consistían.

Así que cando estes visitantes de Guidoiros, paseando pola praia, atoparon o que imos a falar, inmediatamente conectaron o visto no vídeo co que tiñan diante dos ollos e decatáronse da catástrofe. O paleosolo nalgunhas áreas da illa estaba a ser comido polo mar, e aparecían numerosos restos de cerámica e ósos de mamíferos e doutro tipo incrustados polo medio. Estamos falando, con moita probabilidade, dun dos repertorios de fauna antiga máis antigos de Galicia, e posiblemente un dos máis abundantes, de 3000 ou máis anos de antigüidade porque, como sabedes, as condicións de ph do solo galego habitualmente consumen todo resto de materia orgánica. Agás en casos do litoral como Guidoiros, a nosa terra papa todo resto de materia orgánica e garda moi ben silencio sobre o pasado. O seu estudo detido reportaría importantísimos datos para coñecer a evolución da fauna, da gandeiría e da ecoloxía dun periodo especialmente opaco da nosa Historia nese aspecto.

Vou citar (e traducir) da última publicación científica sobre Guidoiro Areoso, dos arqueólogos da Xunta José Manuel Rey e Xosé Ignacio Vilaseco: Guidoiro Areoso. Megalithic cemetry and prehistoric settlement in the Ría de Arousa (Galicia, NW Spain) [consultar PDF]:

Aínda que unha sedimentación natual cubre a maior parte da illa, dificultando a observación de restos arqueolóxicos, é habitual atopar pequenos anacos de material nas praias do sur de Guidoiro Areoso, como resultado da acción mareal. A presenza de ósos de animais e cunchas tamén é habitual. Están sempre vinculadas á emerxencia dos paleochans, situados baixo a zona dunar da ribeira e na zona intermareal. É probable que a súa presenza na zona norte da illa estea enmascarada pola activa duna de area.

A relación dos achados prehistóricos con estes paleosolos foi claramente establecida coas catas abertas en varios puntos do illote durante a investigación de 1988, e sempre foron atopadas no solo soterrado de cor negro, variando entre 5 e 30 centímetros de profundidade. Todas elas poden ser relacionadas coa Prehistoria recente; considerando algúns fragmentos recuperados nas sondaxes, e un gran fragmento dun pote decorado atopado ao sur do túmulo 4 en 2011, é posible que houbese un asentamento contemporáneo ao túmulo 2, da primeira metade do III milenio a.C.. Pero a ocupación ocasional ou permanente do sitio duranto cando menos ata os inicios da Idade do Bronce.

Os ósos atopados corresponden a estas áreas definidas. Nas fotos obtidas polo grupo arousán Pandulleiros pode observarse claramente que os ósos están no contexto do paleochan prehistórico:


Enorme anaco de cerámica do paleosolo

Como se pode apreciar, este auténtico tesouro científico, unha memoria privilexiada da vida humana e animal no occidente atlántico de Europa durante o Neolítico e a Idade do Bronce, está sometido ao desgaste do mar e da area. A parálise de investigación e preservación deste lugar é algo tan obsceno, algo tan dramático, que é imposible estar calado e non denuncialo nin explicalo con claridade. O problema, ademáis, é calquera cousa menos económico: calquera persoa con dous dedos de frente sabe que é tremendamente doado obter o financiamento económico, mesmo nestes tempos, para escavar un dos espazos máis atractivos para a investigación arqueolóxica en todo o Estado español, e comezar por recuperar e documentar aquelo que pode ser perdido, continuando pola loita -máis complexa- pola súa preservación a medio prazo. No futuro, as novas xeracións sentirán vergoña de todos os que permitiron, conscientemente, a desaparición dun dos grandes tesouros científicos do noso país.

Vista a inacción das Administracións, eu animo á xente da ría de Arousa a constituír unha plataforma pola preservación do illote de Guidoiro Areoso, reunindo ideas, pensando medidas para conseguir salvar o que se poida do illote e mirar polo seu futuro. Xente, a xulgar polo impacto e o interese que espertou o vídeo de a Illa dos Mortos, non vai faltar que apoie o proxecto. Xente, eu non poderei estar máis que como membro e como apoio: en bastantes saraos xa estou metido e atópome no meu propio límite. Pero aí queda a idea, e tede por seguro que se vos unirían centos de persoas.

Mentres as Administracións esquecen este lugar, a sociedade, que sempre vai por diante, non o fai. Así, con este marabilloso relato visual diacrónico, expresaron os nenos de Vilanova de Arousa a súa querencia por Guidoiros e os seus dólmenes nunha charla que fun dar ao IES Faro das Lúas o outro día. E tiñades que ver tamén aos nenos da illa de Arousa cunha cara de tristura e abraio ao coñecer o proceso de degradación natural ao que está sometido a súa illa, a súa illa dos soños e das lendas, e saber que ninguén está a facer nada visible por ela.

Unha viaxe á Illa dos Mortos

Para os que non vístedes o vídeo, aquí vos vai de novo:

5 Comments

  1. Miguel
    27 / Xuño/ 2013

    So quero recordar, que NON ESTÁ PERMITIDO acceder ao Areoso en embarcacións a motor.
    Sentidiño!

  2. 29 / Xuño/ 2013

    Tés razón Manuel. Vai sendo hora de que nos deamos conta de que a maioría dos que están ó frente das administracións teñen as cabeciñas postas noutras cousas e que a recuperación e conservación do patrimonio non só non lle preocupa senón que parece que os molesta: “¡Outro xacemento!. ¡Hala!, ¡mais traballo e mais complicacións!”.
    Por eso me parece acertada a proposta de constituir unha plataforma veciñal para tratar de salvar este patrimonio antes de que o leve o mar.

  3. tomas
    9 / Xullo/ 2013

    pero esa cantidade inxente de osos non se deberían recoller antes de que se perdan.Eu atopei ademais un molde de pedra dos machados da idade de bronce,non son arqueólogo pero creo que non me equivoco

  4. Elisardo
    10 / Xullo/ 2013

    Se se fai unha plataforma veciñal, ou algo polo estilo, podería facer unha petición a través de change.org (ou outra plataforma de recollida de firmas) á Xunta para que fagan as escavacións e investigacións pertinentes e tomen as medidas de protección e preservación que necesite o sitio. Penso que coa importancia e co interese que suscitou o tema a cousa podería ter bastante repercusión.
    Saúdos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *