O Coto dos Mouros, un sidh en Rodeiro

Na vella mitoloxía irlandesa, ás mámoas chamábaselles sidh, e eran as portas do Outro Mundo, o lugar desde o que se accedía a terras e reinos máxicos e fantásticos. Algo diso conservamos tamén nos nosos túmulos, puntas de entrada ao mundo dos mouros e mouras. Agora ben, en Galicia nunca tiven tanta sensación de estar preto dun sidh, dun lugar que transita entre un mundo e noutro, coma no Coto dos Mouros de Rodeiro.

O Coto dos Mouros é un impresionante dolmen camuflado entre a vexetación. O seu túmulo, impoñente, enorme, está acompañado por unha necrópole tamén de mámoas que se distingue nas ondulacións dos prados. Estamos nunha zona de serra, nunha zona liminar, pero este dolmen é magnífico, unha auténtica sorpresa. Ao longo dos séculos, os labregos non sentiron a tentación ou a necesidade de levar as súas lousas. Aínda que obviamente debeu ser violado, a súa destrución foi mínima, e parece máis ben que foi o señor Tempo quen deixou a principal pegada nel.


A fenda que permite ver a cámara do dolmen

A sorpresa é que se pode ver un dolmen nun estado como poucos en Galicia. Aínda está subterráneo e soterrado. Algúns furados na masa tumular deixan pasar a luz para unha enorme cámara con pinturas valiosísimas que están a padecer as inclemencias enormemente. Pero a estrutura, subterránea, é impoñente. Hai que axeonllarse, meter a cabeza para abaixo, agardar a que as pupilas, abríndose, descubran como colapsou unha das lousas, e aí está. En silencio, estamos observando o Outro Mundo baixo o sidh. A luz fíltrase por algunhas pequenas aberturas, alumeando os ortostatos.


O corredor de acceso (primeiro plano) e a cámara (atrás)

Desde o Oeste cara o nacente, sae o corredor, tamén soterrado, este invisible aos nosos ollos, pero perceptible nas súas fendas. Está aí abaixo, probablemente máis colapsado que a cámara, ou non. Pero sabes que discorre baixo os teus pés, procurando o nacente.

O resultado é marabilloso, e case único en Galicia, cando menos nos dólmenes que eu teño percorrido: lembra máis a como están aínda preservados algúns dólmenes de Escocia e Irlanda. Unha experiencia fermosa para vivir nun día invernal, cando toda esta terra de Rodeiro mergúllase no silencio e, se cadra, os mouros do sidh decidan saír a ver en que quedou o vello mundo dourado.

Postpost: teñan coidado en onde pisan, porque podedes meter unha perna onde non se debe.

Localización: Descubrino grazas ao traballo de Xandlinarthy en patrimoniogalego.net. Alí tes a ubicación precisa.

7 Comentarios

  1. Airas
    29 / Marzo/ 2013

    Máis unha vez, os meus parabéns Manuel. Desde moi lonxe é para min un pracer poder ver e ler no teu blog o que case non dá atopado en ningunha outra parte e descubrir unha Galiza oculta aos ollos da xente. Por certo, das pinturas tiraches algunha foto? Tes máis detalles.Saúdos.

  2. 29 / Marzo/ 2013

    Moitas grazas, Airas!

    A verdade, non nos metimos na cámara para non andar danándoa. As pinturas son uns fermosos zigzags tan característicos destas mámoas. Nos últimos dez anos a súa degradación parece que se acentuou moito.

  3. Nano
    3 / Abril/ 2013

    Excelente traballo. Durante varios anos estívose publicitando e dando a coñecer a Mámoa do Coto dos Mouros, sita na parroquia do Salto en Rodeiro – Pontevedra, con moito interese, resaltando as súas pinturas. Foi catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) no 2011. Tíñase pensado estudar, investigar, catalogar,…., dende Patrimonio ou algún organismo oficial, pero tristemente a día de hoxe todo quedou en “auga de borrallas”. En fín, unha pena. Algo parecido aconteceu coa mámoa de Vidueiros en Agolada – Pontevedra, que tamén se descubriu, estudouse algo, limpóuselle a maleza e finalmente decidiron cubrila de terra. ¿?. É o que hai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *