#ACunqueiro: mil primaveras máis para a gastronomía galega

Last updated on 6 / Decembro/ 2011

Neste novembro de tolos, Miguel Vila, Soledad Felloza e máis eu decidimos sacar tempo de onde non o había para non rematar o ano sen que houbera unha celebración colectiva dedicada a Cunqueiro e a literatura gastronómica. No Ano Cunqueiro, só houbera outra actividade máis, promovida polo Consello da Cultura Galega, titulada A Cociña Galega con Cunqueiro, e que xuntou ao redor da figura do escritor a cociñeiros de grupos e xeracións distintas, se cadra por primeira vez en Galicia, nunha acción conxunta.

Así que criamos que era necesaria tamén unha homenaxe sinxela pero entusiasta da sociedade civil a este escritor, conformador decisivo da imaxe da gastronomía galega no interior do país pero tamén no exterior. Un grupo de 30 persoas -a cantidade de asistentes estaba limitada a este número por cuestións dos aforos de salas, espazos e o restaurante- percorrimos dando un paseo, na fría mañá deste sábado, diferentes espazos do oeste da capital galega, homenaxeando a Cunqueiro en cada un deles cunha acción diferente. Resumindo ao máximo: pasámolo de medo.Aquí vai unha pequena crónica do acontecido.

Comezamos ás 11 da mañá na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, punto de partida da expedición, así que moitas grazas ao CCG por permitirnos o uso das instalacións. Co sol outonal entrando polas xanelas do Consello, un amenísimo Miguel Vila repasou o Mondoñedo da época de Cunqueiro -cerna da súa inspiración literaria- e a gastronomía na súa obra. Quero agradecer a Miguel que nos deixe reproducir o vídeo da breve conferencia (ao principio falta un minuto) que gravei, porque vos aseguro que é unha delicia. Aquí podes velo:

Xa postos en contexto, baixamos ata a rúa das Salvadas, onde na Asociación de Hostelería de Compostela xa nos tiñan preparadas as súas magníficas instalacións para o vindeiro acto do programa.

A cata titulada: “Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu apelido na man”. Unha viaxe enolóxica á Galicia amada por Cunqueiro. foi deseñada con moita ilusión por Antonio Portela e por min versionando en copas un dos mellores, senón o mellor, texto sobre os viños galegos que se ten escrito na nosa literatura. Fumos seguindo o itinerario trazado pola cunca de Cunqueiro, explicando as súas notas de cata, comparando a época de Cunqueiro coa actual no mundo dos viños e vendo as terras e as fincas xustas das que o autor falaba e das que procedían os viños dos que falabamos. Gustaríanos ter perdido a cabeza cunha ducia de viños, pero os tempos eran os tempos. Así que contamos coa excelente disposición da Adega Rilo de Betanzos, e o seu Castro de Untía, Pezas da Portela de Valdeorras, Dona Lola, en Portas, Forxas do Salnés e o seu escasísimo Goliardo Espadeiro Viña Cazoga en Amandi, no Ribeiro Abadía de Gomariz e Tarabelo, Gomariz e Beade, dúas das importantes zonas históricas desta gran terra de viños. Grandes viños para unha cata: queremos agradecer tamén a María Fechoría, a distribuidora de “bos viños, polo seu apoio na produción da cata, así como a Aser Álvarez, Rafa Triñanes e Isaac Curros, xunto cos camareiros, pola súa xenerosidade e a implicación no evento, que saiu redondo.

Seguimos a Cunqueirada no restaurante Acio, onde Eva Pizarro abriunos unhas botellas dun Ribeira Sacra de corte moi moderno, o Finca Cuarta, e Iago Castrillón presentounos a súa versión do polo con follas de figueira. Alude a unha bonita “receita” de Cunqueiro, na que detalla como levaba o polo frío e o comía sobre follas de figueira cando ía visitar o castelo de Caldaloba, núcleo dunha gran historia de Galicia.

Xa dispostos e con apetito fumos ata o destino final desta aventura cunqueiriana: o restaurante Pedro Roca, onde degustamos un dos mellores menús que teño probado ultimamente, unha mostra de mestría sen igual, de acabalo entre a modernidade e a tradición, baixo o prisma da altísima esixencia de produto que teñen os grandes cociñeiros galegos. E velaí estábannos agardando, ao fondo, Pedro Roca, o Chef Rivera, Flavio Morganti e Marcelo Tejedor (en espírito), dispostos a crear un dos xantares gastronomicamente máis emotivos que teño visto en moito tempo.

Mentres chegaban os pratos, os participantes levantabámonos e iamos lendo as pasaxes de Cunqueiro que aludían a cada parte do xantar. Que vou dicir, que mellor o miredes por vós mesmos:

Foi un menú deseñado á perfección por Pedro Roca coa achega maxistral de Flavio Morganti (rissotto de vaca vella), o Chef Rivera (perdiz ao espeto), e Marcelo Tejedor (rosquillas de feira). Fíxense de que xeito reparten as rosquillas o Chef Rivera e Flavio Morganti. :-)

Aquí todo o mundo levou libros, libros, libros. Esa foi a constante da xornada. E os chefs tamén. Velaquí a Editorial Galaxia agasallou cunha colección de libros de don Álvaro para cada un. Unha delicia!

A tarde rematou (ben tarde) con copas no Vaová Gastro, na espectacular sala do salón de enriba, degustando cócteles coas últimas conversas o que o día deu de si, que foi moitísimo.

Para os organizadores, este día será sempre un motivo de orgullo enorme. Xente que non nos coñeciamos disfrutamos dun día extraordinario ao redor da figura dun escritor galego e da literatura galega, demostrando a actualidade e a vitalidade da obra dun dos nosos intelectuais máis relevantes e a posibilidade de crear, desde a sociedade civil e con orzamento cero, eventos memorables.

Mil primaveras máis para a cultura e a gastronomía galegas!

A xornada cunqueiriana abría hoxe a edición de Cultura de La Voz de Galicia:

P.D. Atención, que o día 22 de decembro teremos outro evento lúdico-gastronómico-tabernario cunqueirán no que poderás participar, posiblemente en varias cidades galegas. Cóntocho nuns días, cando teñamos todo máis ou menos pechado.

8 Comments

  1. 27 / Novembro/ 2011

    Boísima a foto dos 3 cociñeiros… captura perfectamente toda a vehemencia do Chef!!

  2. 27 / Novembro/ 2011

    Tal cal! É un xesto mitiquísimo do Chef Rivera! É como se o estivera escoitando falar!

  3. 28 / Novembro/ 2011

    Vaya post y vaya fotos!!

    Enhorabuena, Maestro!!

  4. Xerardo
    28 / Novembro/ 2011

    Shalom Amigos so Mil, pois eu engadolle tres ceros mais e poño millons en vez de dias, por iso da intemporalidade do tempo, xa sabemos que e relativo, pois como galegos e a Nosa Retranca malo sera que non suceda, ou Si, parabens e saudade

  5. 28 / Novembro/ 2011

    Unha xornada super interesante, mágoa non poder acudir.

  6. 28 / Novembro/ 2011

    Unha xornada super interesante, mágoa non poder acudir. Unha aperta

  7. 2 / Decembro/ 2011

    No iba a comentar…., pero bueno, ¡¡¡lo haré!!!

    ¡Sois unos cabrones! Ahí lo dejo.

    :)))))))))))))))))))))))))))))))))))))))))

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará