Caldaloba e os tres últimos anos da resistencia da nobreza galega

Last updated on 22 / Maio/ 2007

caldaloba_1.jpg
A Torre de Caldaloba

Desde pequeno sempre quixen ir a este lugar.

Falábase sempre que o último episodio da resistencia dos aristócratas galegos á política centralista dos Reis Católicos culminara coa decapitación do Mariscal Pardo de Cela na Praza da Catedral de Mondoñedo. Pero sempre había, en todas as historias que lía, unha pequena postdata de a penas dúas liñas. Si, a resistencia galega acabara en Mondoñedo, pero non totalmente. En realidade, o último capítulo da Idade Media Galega escribiuse no castelo de Caldaloba. E tiña nome de muller. A filla de Pedro Pardo de Cela e Isabel de Castro, Constanza. Despois da morte do seu pai, Constanza de Castro e o seu home, Fernán Ares de Saavedra, acuarteláronse no Castelo de Caldaloba -que ela herdara da súa nai- e resistiron tres anos o cerco das tropas do comendador castelán López de Haro. Posíbelmente non fora un sitio militar coma os que hoxe nos imaxinamos, xa que requirían unha elevada loxística e o investimento de moito diñeiro, senón máis ben unha intensa marcaxe.

Ata a súa rendición, Constanza aturou tres anos alí dentro. Ao achegarmos ao lugar -que corre na actualidade a mesma sorte que outros escenarios desa dramática historia, como o castelo da Frouseira, ou sexa, que están feitos unha mágoa- non agardaba a sorpresa que alí me atopei. Porque Caldaloba, en realidade, é un enorme castro lugués, con catro foxos e impresionantes murallas castrexas, hoxe camufladas nunha espesa fraga. No centro dese bosque aparece, solitaria, a torre de homenaxe do castelo, unha ruína por sorte algo consolidada, rodeada de vexetación espesa. E nada máis. Caldaloba, a finais do século XV, seguía a ser un castro fortificado, sobre o que as mans medievais ergueron unha torre de pedra e, se cadra, modificaron un dos foxos para establecer un perímetro máis seguro arredor da última torre. En todo caso, a principal obra medieval foi a torre. E aqueles soldados de finais da Idade Media enfrontáronse ao exército castelá durante tres anos nunha fortaleza construída mil cincocentos anos antes, en pleno mundo castrexo.

caldaloba_2.jpg
Os foxos castrexos de Caldaloba

Un escritor de épica e fantasía atoparía neste detalle sorprendente unha boa inspiración, comezando polo marabilloso e sonoro nome do lugar: Caldaloba, e a súa liñaxe de mulleres propietarias que foron o último bastión contra o centralismo castelán. Pola nosa banda, camiñando polos foxos, coa calor da primeira hora da tarde, atopámonos sorprendidos con Constanza de Castro e Fernán Ares de Saavedra, tomando o sol. Constanza vestía as cores do estandarte da última batalla da Idade Media galega.

caldaloba_3.jpg

O Castelo de Caldaloba en Capítulo 0 Mapas

7 Comments

  1. 6 / Maio/ 2007

    Lembrar que no seu asedio final durante once meses, dona Constanza bebeu auga choca dun alxibe e morreu (envelenada).

  2. 6 / Maio/ 2007

    Increíble historia. Para que ler a Tolkien tendo relatos coma este na nosa propia historia :)

  3. 6 / Maio/ 2007

    Xavier, que curioso. Eu pensaba que Constanza sobrevivira ao asedio e morrera bastantes anos máis adiante. Non fun máis alá na súa vida en modo offline e a información que hai online sobre ela é moi básica, pero terei que ler máis porque xa me picaches.

  4. 6 / Maio/ 2007

    Pois si, así parece que che foi. Con respecto a Fernán Ares de Saavedra, teño as miñas dubidas, mais creo que amnistiarono en troques de ir loitar a terra de mouros.

  5. Pancho-lapatianco
    3 / Decembro/ 2010

    Tentarei ir por alí dende Lugo para primeiros do ano próximo. Estupenda información.

    Interesante a situación da torre. Aproveitaron antes un castro con moitos foxos mellor que construila no cume do montiño que ten ó carón.

    E outra cousa que chama a atención é que ó lugar o chamen “Coto de Mato”, na vez de “Castro de …”. Nova trasposición de topónimo cando cambia o uso. ¿Cómo noutros “cotos” visitados recentemente?

    Estáche ben atopar estas entradas de hai tres anos e pico e ver a evolución e acumluación do coñecento a través dos teus comentarios.

    Saúdos.

  6. 3 / Decembro/ 2010

    Si, Pancho, ás veces dá vertixe mirar para atrás, pero hai moito agarimo en todo isto. Suxíroche, para flipar, que botes unha ollada ás entradas dos primeiros meses de 2004. Son totalmente distintas ás actuais!

  7. Xose Manuel
    31 / Maio/ 2015

    Un dos dos nosos puntos históricos más emblemáticos permanece abandoado e sin apenas señalización. Urxe unha intervención de Patrimonio que impida que todo acabe nun montón de escombros no chan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará