Patrimoniogalego.net: a Wikipedia do Patrimonio Cultural Galego

O 10 de marzo publiquei un texto: Precisamos unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Nel amosaba algunhas ideas sobre a necesidade de dispormos dunha organización que permitira unha acción de vixilancia e xestión estruturada sobre o noso Patrimonio Cultural e esbozaba un pouquiño as súas funcións. Unha delas era o servizo de Informes, a necesidade de dispormos dunha información en tempo real sobre a situación do noso Patrimonio Cultural, que é vítima continua de agresións.

Nos comentarios do post, Gallaecian Mist propuxo a creación dunha lista no Facebook para debater a idea. A lista xa ten case 200 membros. Durante estes meses houbo discusións ao respecto e un dos temas máis reiterados polos participantes foi o mesmo: precisamos un Catálogo para poder saber o que temos, xa que a Xunta non publica o seu (o noso). E non unicamente por saber que bens temos, senón por outro elemento máis importante: saber en tempo real en que situación se atopan. Continuamente estamos vendo nos medios locais información sobre agresións a petróglifos, pazos, castros, etc. que nunca trascenden. Necesitamos saber en tempo real cal é a situación do noso Patrimonio Cultural.

Así que velaquí está patrimoniogalego.net. Unha proposta de actuación colectiva sobre o noso Patrimonio. Un espazo no que todo o mundo pode informar dos Bens Culturais, Etnográficos, Arqueolóxicos da súa comunidade e poñelo nun escenario global. É unha Wikipedia do Patrimonio Cultural Galego. No interior do post explícoche as claves e contámosche como podes colaborar e unirte ao proxecto.

Hai unha gran cantidade de profesionais e afeccionados que teñen unha exhaustiva información sobre o territorio, se ben de xeito parcial no territorio ou nos periodos. Propoño nutrirnos de todo ese saber para crear o primeiro Catálogo Social do Patrimonio. Un proxecto factible, pero de longa envergadura, que nos permitirá ter información de primeira man sobre a situación dos Bens Culturais no pais. A multitude de pequenos elementos, PXOMs, etc, non fai posible ver exactamente que pasa e que temos.

Moitos de nós sabemos a situación na que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural e, especialmente, o Arqueolóxico. Pero precisamos unha ferramenta para facelo visible á opinión pública, aos medios e aos políticos. Por experiencia, teño observado que moitas agresións ao Patrimonio Cultural nunca pasan de información local. O que aquí se propón é unha ferramenta para loitar contra isto.

Que é patrimoniogalego.net?

patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) construído a partir de WordPress. O obxectivo é elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas, concellos, pero no que tamén podes recuperar a información por tipo de ben cultural, por cronoloxía… Se o conseguimos será un dos mellores SIX en liña de Europa. É como unha Wikipedia do Patrimonio.

Quen pode participar?

Hai dous niveis de participación. Os Editores e os Catalogadores. Os Catalogadores poden ser calquera cidadán que queira rexistrar na base de datos elementos de Patrimonio Cultural e contribuír a unha gran base de datos galega. Os Editores son os responsables do mantemento e da boa xestión dos contidos do web.

Para que vale patrimoniogalego.net?

Un dos grandes problemas do Patrimonio Cultural en Galicia é que non sabemos o que temos. As fichas do Inventario da Xunta están gardadas en carpetiñas na Dirección Xeral de Patrimonio, e carecemos dunha visión global, que é fundamental. A información conséguese mediante trámites burocráticos e moitas veces está incompleta ou é errónea. Patrimoniogalego.net permítenos saber que Bens Culturais existen en Galicia e en que estado se atopan. Calquera pode dar información sobre o estado dun ben concreto. E por primeira vez saberemos, exactamente, a saúde do Patrimonio Cultural neste país.

patrimoniogalego.net pode ser a base de coñecemento na que se apoie a futura Mesa do Patrimonio para os seus informes, denuncias e avaliacións do estado do Patrimonio.

Quen está detrás de patrimoniogalego.net?

Pois un conxunto de xente que esperamos que sexa crecente. Por agora, o deseño e desenvolvemento web é de Manuel Gago, que é o promotor da idea e responsable do sistema. Xurxo Salgado é o responsable de comunicación do web. Franjo Padín e Xosé Gago son parte do corpo de Editores. E Soledad Felloza está en Produción, no contacto coas asociacións do patrimonio.

O hosting do web é xentileza de Dinahosting.

Podo participar en patrimoniogalego.net?

Por suposto. Se queres asumir máis responsabilidade, estes son os postos dispoñibles:

Xestión web. UNHA PERSOA. Dominio de WordPress avanzado (hacking, custom fields, CSS, bases de datos, etc.). Traballará con Manuel Gago.

Textos de explicación sobre o Patrimonio Galego (aspectos xurídicos). DÚAS PERSOAS. Con coñecementos de dereito. Deberán responsabilizarse dos Apartados Lexislación e Como denunciar, elaborando unha breve guía práctica para mortais de como actuar en situacións de agresións ao patrimonio. Con experiencia práctica no ámbito das denuncias sobre patrimonio. Pero tranquilos, que logo non vos imos andar consultando para cada caso que saia. :-)

Grupo de editores. DÚAS PERSOAS. Revisan as novas fichas enviadas. Deciden cambios no modelo de catalogación. Establecen os Bens que pasan á Lista Vermella (bens en máis risco). Dominio do ámbito do patrimonio, traballo de campo, etc. Non se precisa ser profesional, pero si ter certa experiencia asociativa ou profesional vinculada ao patrimonio. Traballarán con Padín e Xosé Gago.

Grupo de Producción. UNHA PERSOA. Xestiona as relacións coas Asociacións polo Patrimonio e contacta con novas asociacións e entidades interesadas en introducir a súa información. Coñecementos do sector cultural e asociativo en Galicia. Traballará con Soledad Felloza.

Grupo de comunicación. UNHA PERSOA. Farase cargo das redes sociais. Coñecementos de comunicación corporativa. Traballará con Xurxo Salgado.

Catalogadores. TODOS OS POSIBLES. Pode ser calquera. O rexistro é gratuíto e rápido. Todos somos necesarios e importantes.

Cando comezamos?

Pois canto antes. O primeiro paso é que o corpo de editores revise a ficha de catalogación proposta, completar o equipo e xerar os manuais para aprender a subir as cousas (é moi doado, pero é bo ter certa documentación). O ideal sería saír para despois das Letras Galegas. Non precisamos moitas cousas.

Na lista e publicamente avisaremos do inicio.

E cal será o seguinte paso?

Verémolo en función de como vaiamos neste procedemento, que é sinxelo e claro nos seus obxectivos, pero que cumprirá un servizo básico en calquera sociedade moderna.

Para min, o seguinte paso é avanzar na consolidación do proxecto. Se somos capaces de facer medrar patrimoniogalego.net, o camiño natural sería a consolidación do proxecto a través dunha entidade que desempeñara as funcións debatidas para a Mesa polo Patrimonio.

15 Comments

  1. manuel
    2 / Maio/ 2011

    Qué boa idea, eu tou disposto a colaborar no que sexa.
    Saúdos

  2. Pancho-lapatianco
    2 / Maio/ 2011

    Bravo Manuel.

    Hai pola rede algunhas webs e páxinas de asociacións que teñen un apartado de denuncias, pero de escasísima repercusión.

    Coido que esta nova iniciativa pode ser un novo referente, que incluso faga que as administracións tomen máis en serio o asunto do Patrimonio, pola difusión que estou seguro vai ter.

    Da vértixe as posibilidades que pode ter en canto a catalogación por áreas xeográficas, épocas, tipos de patrimonio, toponimia, lendas músicas, literatura, e memoria colectiva dos mesmos, e os vencellos entre eles. A posibilidade de, chegado o momento, ver o Patrimonio como un todo para logo afondar nas súas partes. Unha visión holística (e perdón pola cultismo) do territorio. O traballo parcial e desinteresado de moitos para ter unha visión de conxunto. Emocionante.

    Dentro das miñas cativas posibilidades de tempo, postúlome como catalogador xa.

    Noraboa a todos pola iniciativa.

    Pancho-lapatianco

  3. marcos
    2 / Maio/ 2011

    Parabéns pola idea e o esforzo que conleva. Outra vez a sociedade civil vai por diante do minigoberniño que temos que sufrir.

  4. Yago Terroba
    2 / Maio/ 2011

    Hola Manuel,
    Me parece una idea estupenda. Ya va siendo hora de que se actúe de manera colectiva y comprometida para proteger el patrimonio galego antes de que esta tierra se convierta irreversiblemente en una región sin Historia o, mejor dicho, sin la materialización de esa Historia (algo que en Madrid conocemos bastante bien).
    En los últimos años, un progreso desmedido e insostenible ha arrasado, en numerosas ocasiones, con todo vestigio de interés patrimonial que se le ponía por delante. A ver si a través de instrumentos como este conseguimos dar más valor al Patrimonio Histórico, Arqueológico, Etnográfico, y en fin, Cultural de todo tipo, que a las nuevas grandes infraestructuras que ya nos sobran por todos lados. A la vez que conseguir que obras de particulares con beneficio para cuatro personas no afecten a restos de nuestro pasado pertenecientes a miles de millones (empezando por la comunidad local pero también sin olvidar al resto del mundo entero que también forma parte de esta Historia).
    Creo que junto a la lista Vermella debería existir una lista Negra con las cosas de nuestro patrimonio que ya han desaparecido, por haber sido destruídas tanto intencionadamente como por motivos naturales (esto último algo casi inédito en comparación con lo otro).
    Me comprometo a colaborar en este proyecto en la medida de lo posible (que espero que sea grande).
    Un saludo!

  5. 3 / Maio/ 2011

    Moitas grazas!

    Este é un proxecto de todos, así que con calma, e pouco a pouco, imos conseguir poñer na rede un proxecto que pode ser de gran utilidade para a visibilidade e protección do patrimonio de Galicia. A ver se hai sorte, porque ilusión hai moita!

  6. edoarado
    3 / Maio/ 2011

    Otro voluntario para aportar sus pequeños granitos de arena.

    Me ha encantado la idea de un proyecto abierto en este ámbito.
    La web de patrimonio.org que comenta ictioscopio parece olvidada por la Xunta, e igual ocurre con otro interesante proyecto como era petroglifos.org, en este caso un proyecto privado.
    La Wikipedia ofrece la oportunidad de escribir artículos sobre patrimonio, pero puede resultar compleja a la hora de editar (aunque tal vez ese sea un buen mecanismo de filtro) y ya no digamos si pretendes compartir imágenes, con la necesidad de un nuevo registro de usuario y lo enrevesado de los formularios de subida de ficheros.

    Lo dicho. Atento y ansioso por ver el devenir de esta simple pero brillante iniciativa.

    Un saludo

    Edu

  7. breoghain
    3 / Maio/ 2011

    Parabens pola inciativa. Muito necessária.

  8. 3 / Maio/ 2011

    O traballo do Sorriso de Daniel é unha marabilla. Agardamos contar con eles no proxecto!

  9. 5 / Maio/ 2011

    Ayer vi el primer capítulo de A History of Celtic Britain: no sé ni de prehistoria, ni de Bretañas célticas, pero el hecho es que me gustó mucho: muy visual, muy táctil, excelentes imágenes, sitios espectaculares.

  10. A miña máis sincera noraboa pola súa iniciativa. Felicidades.
    Agardo o seu inicio para poder colaborar con vostedes.
    Un cordial saúdo e unha aperta
    Tito Fernández De Témez.

    San Román de Cervantes.Lugo

  11. Castro
    7 / Maio/ 2011

    Muitos parabéns por este wiki-catálogo do Património.
    Como bem disseram por aí: a sociedade civil tem de ir por diante do mini-goberniño e da ‘administración’ que nos “governam”…

    Parabéns!

  12. jose
    12 / Maio/ 2011

    espero colaborar tanto como poida, unha iniciativa necesaria e imprescindible.
    parabéns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará