Precisamos unha Mesa polo Patrimonio de Galicia (I)

Last updated on 16 / Marzo/ 2011

Nos últimos meses tiven a fortuna de contactar, dialogar e conversar de vagar con bastantes asociacións de defensa do patrimonio ao longo de toda Galicia. Xente voluntariosa, habitualmente vinculada a unha comarca, que exercen traballos de defensa activa do patrimonio, pero tamén de concienciación social. Na medida das súas posibilidades, o traballo de toda esta xente é modélico: supón horas de tempo persoal, sacrificio das relacións familiares para achegarse a traballos por veces ingratos e, moitas veces, conflitivos. Esta xente ten un mérito enorme.

Pois ben, sorprendeume a coherencia dunha idea que unha e outra vez se repetía en todas as conversas cos directivos destas asociacións. E sorprendeume porque os meus amigos ben saben todo o que levamos falado, desde hai anos, sobre esta cuestión. A idea é a seguinte.

-Precisamos unha Federación ou Asociación Galega de Defensa do Patrimonio.

Isto é unha cuestión importante. As asociacións, nos seus procesos de traballo interno, decatáronse de que, por desgracia, unha boa parte das decisións sobre o patrimonio das comarcas nas que traballan tómanse fóra das súas propias comarcas. Saben tamén o difícil que é ter repercusión nas súas denuncias, e o importante que é a aparición en medios de comunicación. E saben que hai recursos e posibilidades aos que economicamente non poden chegar.

Nós levamos tempo pensando na cuestión.

Precisamos unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Cada día estamos vendo novos plans de agresións a espazos e lugares patrimoniais importantes. A batalla da opinión pública, especialmente no ámbito local, non está gañada porque ninguén, nin sequera, a xogou. Temos un problema real na ausencia dun liderazgo claro na administración pública en políticas de patrimonio. E moitos máis problemas. Hai que dar un paso máis alá. Porque aínda que pasan os anos, a conciencia política e social sobre o patrimonio non mellora, e mesmo empeora por momentos.

Penso nunha sorte de Federación na que poidan participar todas as asociacións e que permita optimizar e centralizar recursos de cara a protección e defensa do patrimonio de xeito máis deficiente, intervindo alí onde as asociacións son febles. Por facernos unha idea de tres servizos que podería asumir esta Mesa Central.

a) Servizo xurídico. Contratar a avogados especialistas en patrimonio histórico e materias de dereito adicionais que permitan elaborar guías de actuación legal ante as agresións ao patrimonio e tamén facer consultas sobre problemáticas efectivas. Un dos principais problemas, por experiencia teño comprobado, das denuncias sobre unha agresión ao patrimonio, é o escaqueo. Todo o mundo, desde a Guardia Civil, os concellos ou a Dirección Xeral de Patrimonio, tentan escaquearse de responsabilidades ou paralizar os expedientes. Determinar as responsabilidades con rapidez é clave para saber como actuar e contra quen. Os servizos xurídicos permitirían crear unha guía de documentación ao que as asociacións poden acudir para tramitar e xestionar por escrito -que é o que realmente importa- as cuestións.

b) Gabinete de comunicación. Agás que haxa alguén con certa experiencia, a relación entre as asociacións e os medios de comunicación é limitada. O medio só coñece a xente do ámbito local e, dependendo das capacidades e do tempo, o traballo cos medios é máis ou menos amplo. Pero a información que aparece nos medios locais (agás cando falamos de edicións vinculadas ás grandes cidades) basicamente a penas ten incidencia nos políticos (que se poñen máis nerviosos do que imaxinades cando ven cousas no papel. Mirade o cambio de discurso que deu o Presidente do Goberno sobre o tema do castro de Baroña a partir da presión de La Voz de Galicia e El Correo Gallego. Pasou de “que busquen os recursos fóra de Galicia” (!!!) a “a ver o que podo facer”. O Gabinete de Comunicación tería a tarefa, nada fácil, de conectar estas incidencias locais coa súa circulación en medios galegos ou de máis aló. O Gabinete tamén tería que conectar a todas estas asociacións coa gran maré de Internet, apoiando o activismo en redes sociais e xestionando e coordinando o web xeral.

c) Servizo de Informes. O servizo de informes debería facilitarnos información sobre cal é a situación real do patrimonio en Galicia. Ata o momento, só contamos cun informe de incidencias anual, que é o que elabora o Fiscal de Patrimonio de Galicia. Pero este informe só recolle actuacións xudiciais e denuncias, non o impacto efectivo sobre o patrimonio. O Servizo tamén contaría cunha base de datos activa e en liña con todos os puntos en conflicto, ou susceptibles de ser afectados por obras públicas e privadas, e canalizaría a incorporación de novas denuncias e información. O resultado sería un valioso recurso para coñecer en tempo real a situación do patrimonio.

Outras consideracións

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera estar integrada por asociacións pero tamén por membros a título individual. O seu Presidente debera ser unha figura de recoñecido prestixio, pero tamén con capacidade de decisión e xestión. Estamos falando de alguén con tempo libre que dedicarlle á cuestión, apoiado por algúns membros da directiva con capacidade tamén de xestión efectiva. A referencia para a imaxe pública que debe ter esta Mesa é Greenpeace ou Amnistía Internacional: entidades que pola súa reputación son capaces de preocupar aos gobernos e que son recoñecidas internacionalmente como independentes.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debera ter mecanismos importantes para evitar a partidización da entidade, un risco perigoso ao meu ver. O patrimonio importa en Galicia, máis do que moitos pensan. É unha magnífica ferramenta electoral en malas manos. Os titulares da directiva e os membros deberan velar porque na Mesa polo Patrimonio haxa unha integración efectiva de persoas de diferentes ideoloxías. E cando digo todas, non me refiro a integrar á U e ao Encontro Irmandiño. Refírome a que haxa xente de todas partes. Aquí deben caber todos. Debe ser un movemento organizado efectivamente pola base.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia debe basearse no cumprimento das normativas e leis vixentes en relación ao patrimonio en Galicia, neste momento basicamente non aplicadas en moitos casos. Debe exercer unha función de vixilancia da Administración en beneficio da transparencia e efectividade das súas funcións estatutarias en defensa dun dos bens máis valiosos deste país. Non só debe titelar o papel da Administración de cara os recursos, senón a da Administración entre os seus departamentos. Nos vindeiros días escribirei un post sobre esta cuestión, que debe ser analizada máis de vagar.

A Mesa polo Patrimonio de Galicia pode ser interlocutor dos poderes, pero debe evitar caer na tentación de chegar a convenios de financiamento de actividades, etc. coas administracións; en realidade, debera prohibilas por estatutos. Cunhas funcións moi definidas e realistas, debe procurar a autosustentabilidade e a autoxestión evitando situacións que poidan derivar na perda de independencia e credibilidade. Polo tanto, o seu crecemento debe ser moi medido e moi reducido, para poder manterse áxil e evitar o colapso.

A Mesa debe integrar á sociedade civil, pero tamén aos profesionais da arqueoloxía e Historia que queiran participar. Os afeccionados son unha parte capital e histórica, desde hai máis de cen anos, na defensa do patrimonio cultural deste país. E os profesionais permiten dotar de músculo a argumentación. Cómpre vincular o que agora está separado pero durante moito tempo, nas épocas da Xeración Nós e no Rexurdimento, estivo unido.

Coda.

Desde xa autoexclúome da directiva desta Mesa polo Patrimonio de Galicia. Nin estou formado para algo así nin teño tempo, xa que durante estes anos andarei metido en demasiadas guerras. Tamén suliño aquí que, de crearse esta Mesa polo Patrimonio de Galicia e convencerme o resultado, faríame membro sen dubidar e prestaría asesoría gratuíta en termos de comunicación corporativa ou produtos interactivos, que é do pouco que sei.

18 Comments

  1. 11 / Marzo/ 2011

    Un outro que se apunta. Asemblea fundacional?

  2. 11 / Marzo/ 2011

    Parabéns, Manuel, é unha iniciativa que está na mente de moitos. E penso que acertas plenamente no enfoque: un movemento de base, autoxestionario, independente, colaborativo e integrador. É mais, penso que as redes colaborativas son a única estratexia válida para defender os valores sociais, nestes tempos fuscos. Apúntome a calquera cousa neste sentido, dende as miñas modestas capacidades.

  3. Sarmiento
    11 / Marzo/ 2011

    Mágnifica iniciativa.

    O problema do partidismo é moi importante, e o segundo problema é a financiación. Se se superan estes dous problemas a cousa pode funcionar.

  4. Anónimo
    11 / Marzo/ 2011

    No que se poida axudar, para o que queirades.

  5. Pancho-lapatianco
    11 / Marzo/ 2011

    Magnífica idea. Haberá que matinar nela.
    E sobre todo tentar poñela en marcha, sen moitas posturas apriorísticas, que teñen matado tantas boas iniciativas antes de naceren.
    Saúdos.

  6. Gallaecian Mist
    11 / Marzo/ 2011

    Concordo coa idea, botaba en falta dende hai tempo algo así, parabéns por ter dado este paso. Concordo tamén con Pancho Lapatianco no de evitar moitos apriorismos con isto. Na miña humilde experiencia hai moitas cousas que deben tomar corpo cando as persoas cun compromiso real se achegan e amosan nun lugar, coma unha asemblea constituinte, cal é a sua vontade e aportación, até que vemos iso podemos estar facendo moitos castelos no ar. Isto non quita que poidamos aportar ideas sobre o que nos gustaría ver nunha organización así. En calquera caso non vexo que problema habería de ir tomandolle o pulso social a esta idea. Por unha parte xa hai xente, capital humano que está ao pé do canón en asociacións locais ou comarcais de base. Por outra parte hai miles de persoas sensibilizadas con isto e boa parte delas están nas redes sociais, non era mala idea procurar en facebook un grupo ou un acontecemento ou algo que procurara un certo compromiso peroal, que sei eu, algo como “Eu participaría dunha Mesa en Defensa do Patrimonio Galego”. Por ter unhaidea orientativa de que volume de adhesións persoais poidera chegar a ter. O que máis me gustou do texto de Manuel Gago é o de procurar a adscripción de persoas de todas as sensibilidades políticas. Na medida en que se soubese renunciar a protagonismos procurandoa transversalidade partidaria da iniciativa, estaría ao meu entender a clave do éxito desta iniciativa. Así mesmo procurar que unha imaxe publica ou de relacións cos medios fora levada pordiferentes persoas (non unha unicamente) de recoñecido traballo no mundo da cultura do País. Persoas que a poder ser, non teñan sido portavoces doutras plataformas, por moidignas que estas sexan ou foran, poderían ser parte dunha efectiva estratexia de comunicación e relación cos media.

  7. candepalleiro
    11 / Marzo/ 2011

    Isto é facer país!! Noraboa pola iniciativa. Paréceme unha magnífica idea a apuntada por “Gallaecian Mist” de ir collendo pulo nas redes sociais a través dun perfil de grupo.Chegando máis alá nun futurible, a asociación debería reinvindicar o seu protagonismo como ente de consulta sobre a protección do noso patrimonio, participando incluso en órganos que asesoran á Xunta, como por exemplo sucede coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago. Ou, por qué non, como sucede noutros países de gran tradición nestes temas, como Inglaterra, onde as asociacións locais promoven e realizan investigacións arqueolóxicas de seu.Por qué non? Eiquí temos exemplos: o Instituto de Estudos Miñoranos, o Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos,…,ti mesmo, Manuel

  8. 11 / Marzo/ 2011

    Grazas, señores!

    Paréceme unha magnífica idea a do Grupo para pulsar a opinión e ver canta xente está efectivamente interesada. Aquí tedes a ligazón para unirvos ao grupo “Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia”.

    http://www.facebook.com/home.php?sk=group_206218342723445&ap=1

  9. Xabres da Teixeira
    11 / Marzo/ 2011

    Eu tamén me apunto, para o que estea na miña man.

  10. Gustavo Adolfo Garrido
    11 / Marzo/ 2011

    Estou de acordo co que dis, Manuel. É de sentido común que as asociacións formen o núcleo da Mesa ou Federación, e que esta sexa autofinanciada. Para iso estamos todos nós e hai maneiras de financiarse alén da subvención.
    A dirección será a chave do asunto: unha persoa de prestixio, con idade e experiencia, será fundamental, e tamén o máis difícil de conseguir.
    Eu penso que paga a pena o esforzo. Debémosllo a toda esa xente que leva anos adiando o desastre.
    Saúdos.

  11. 14 / Marzo/ 2011

    No concello de Riotorto funciona a Asociación cultural Arrincadeira que ten como obxectivo principal a defensa e promoción do patrimonio das antiguas Terra de Miranda. Nos últimos tempos iniciamos o proxecto Riotorto no Tempo co que pretendemos a recuperación da historia local a partir dun arquivo fotográfico colectivo aportado polos veciños. E un proxecto moi exportable a outro lugares xa que o código está licenciado con Creative Commons. Nin que decir ten que apoiamos a iniciativa de crear unha Mesa pola defensa do Patrimonio de Galiza

  12. conciencia
    14 / Marzo/ 2011

    Como idea está moi ben. Pero é unha idea. Sería necesario moito traballo para poñela en marcha, e finalmente: sería efectiva? sería escoitada? teríase en conta por parte do poder?
    Existe a FEG, Galiza non se vende, multiples federacións, plataformas e coordinadoras por toda a Galiza (Plataforma contra Lei de Augas, Plataforma contra a privatización da sanidade pública, Coordinadora antitaurina, Organización Galega de Comunidades de Montes, Coordinadora galega do transporte público…)
    E son escoitadas? Prima máis a presión que exercen, a súa opinión, ou os intereses económicos, a folla de ruta dos que gobernan?
    Non é por seren pesimista, pero Galiza non se vende, por exemplo, non defenden tamén o noso patrimonio cultural? Só defenden o patrimonio natural?
    Igual do que se trata é de apoiar as entidades que xa existen, en vez de crear novos grupos. Unir esforzos para fortalecer o que xa hai…
    Do que se trata é de defender o noso patrimonio, natural e cultural.
    Se de verdade fora efectiva, sería unha boa iniciativa. Pero sendo realistas: consegue moito a FEG por exemplo, que representa ó ecoloxismo en Galiza? Véxase parques eólicos, plantas acuicultura, encoros…
    Porque ó final, somos unha minoría os que nos importan estas cousas (se non non gañaría o PP!) e se non traballamos xuntos… Porque estamos as persoas para as que o patrimonio non ten prezo e non se vende, e as persoas para o que importa son os beneficios económicos.
    O de “integración efectiva de persoas de diferentes ideoloxías” tamén me parece pouco realista, porque sexamos serios: sen caer nos prexuizos, ou nas xeralizacións, o certo é que as persoas ás que lles importa de corazón o patrimonio soen ser de esquerdas. Os de dereitas, non digo que non lles importe, pero normalmente hai outras cousas que lles importan máis.

  13. 14 / Marzo/ 2011

    Arrincadeira, coñezo ben o proxecto Riotorto e está moi ben tanto a súa execución técnica no web como a filosofía que está detrás. É unha gran noticia saber que está en Creative Commons e mira, unha das funcións desa Mesa podería ser compartir un banco de proxectos de aplicación local, tanto en ideas como mesmo no software.

    Conciencia, precisamente o que se trata de unir a un montón de entidades vinculadas ao patrimonio cultural local ou mesmo de ámbito galego que non están en ningunha desas plataformas que mencionas. O patrimonio cultural ten unha lexislación e unha casuística específica (especialmente o histórico, non tanto o inmaterial) que require un ámbito de actuación especializado, ao meu ver, do mesmo xeito que no ámbito público nas diferentes administracións (autonómica, estatal, europea) tamén está especializado. O cal non quita que non poida cooperar con outras plataformas en determinadas cuestións. A sociedade actual funciona en rede, pero precisamos unha entidade visible e identificable á que poder acudir para asesoría, visibilización e coordinación de políticas. A todo isto, “Coordinadora pola sanidade pública”? “Do Transporte público”…?

    Con respecto ao da integración e o tema de esquerdas e dereitas, non estou de acordo: o asunto do patrimonio é público, está enmarcado en leis que afectan a todos e, polo tanto, hai que pensar en todos cando se deseñan ideas así, porque é a sociedade galega a afectada, a responsable e a implicada. E non só hai que pensar niso, senón que hai que loitar porque así sexa: vai ir moi en beneficio da organización.

  14. XOSE ROBERTO LAMAS PEREZ
    15 / Marzo/ 2011

    No que se poida, tamén se arrimara o ombreiro. Como non podía ser doutra maneira.

    E noraboa pola iniciativa, que seguro moitos pensabamos en algo parello para defender a riqueza do noso entorno, pero non sabiamos cómo.

    E xuntos, sumamos e facemos forza coma milleiros¡¡

    Un saúdo

    PD: Calquera terra é boa para vivirmos: quen a dignifica e engrandece cos seus actos son os seus moradores, non os seus gobernantes (que non representantes)¡¡

  15. 15 / Marzo/ 2011

    A asociación O Colado do Vento tamén se apunta. Boa iniciativa! Rondábame pola cabeza algo así.

  16. Freixo
    15 / Marzo/ 2011

    Avante a Mesa do Património da Galiza!

    Novas como esta som as que alegram os dias a um, canso de tantas notícias sobre destruçom de património. Todo o meu apoio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará