Unha Ribeira Sacra conxelada no tempo (I): o eremitorio de San Gregorio no Tambre

Last updated on 10 / Febreiro/ 2011


Fotos: Sole


Chegando á Central Eléctrica do Tambre

Hoxe había un sol fermoso, pero como todo o mundo sabe, os días fermosos son para tomar cañas nas terrazas, e non para remontar o curso dun engaiolador río, o Tambre, a antiga fronteira. Hoxe é territorio de pescadores e pesqueiras: por este río subiron no seu tempo non só as troitas e as lampreas, senón tamén os salmóns: parte da enemizade manifesta entre dúas figuras importantes da Galicia altomedieval, San Rosendo e Sisnando, foi por un pleito por estas pesqueiras, seguramente ubicadas no mesmo lugar que as actuais.

Andivemos sós nós, e tres ingleses, por un fermoso itinerario, na procura dunha misteriosa ruína. Soubemos dela por primeira vez cando andivemos a investigar a terra de Luania, tras toparmos co seu misterioso castelo. E velaí que desde aquela, comezamos a coñecer algo fascinante: o Tambre fora unha auténtica Rivoyra Sacrata, unha Ribeira Sacra, na época altomedieval. Alí, da marxe praestamárica do río, hoxe noiesa, floreceran numerosos pequenos cenobios e eremitorios; algúns deles están desaparecidos, outros acochados na frouma. A diferencia da Ribeira Sacra ourensá, a maior parte deles nunca chegaron a atesourar bens nin grandes edificios, pero para os amantes da numerosa arquitectura conventual esta zona podería resultarlles abraiante: Santo Estevo, Santa Cristina de Ribas de Sil ou San Pedro de Rocas, nos seus inicios, antes do ano 1000, deberon ser como estes pequenos eremitorios perdidos. É dicir, temos a fase inicial, ou a segunda, do monasticismo galego aquí conxelada baixo as fragas.

Uns mosteiros que non agromaron alén das pequenas chouzas anexas ás ermidas, estrañamente. A Rivoyra Sacrata do río Tamaris non callou, e se cadra niso teña moito que ver a fundación de San Xusto de Toxosoutos no século XII ou, máis posiblemente, a crecente presenza do bispado compostelán na zona a partir do século IX. Sería preciso investigar máis para sabelo. Aquí, baixo a aldea de Nimo e o castelo de Luania, había cando menos tres ou catro pequenos mosteiros, dos que se conservou unha certa tradición oral. Do carón da actual central de Palacios consérvase a memoria dun mosteiro no que estaba a Inquisición. Tres ou catro frades, conta a lenda, subían de aló ás aldeas nun arrepiante coche de farol cun candil de aceite, que desde aquela funcionou na comarca coma o anuncio do coco. Os frades chamaban á porta dos acusados e dicíanlles: “Meu fillo, chámate Deus. Vén connosco”. De moitos non se volvía saber. Dese misterioso cenobio non parece quedar nada, pero máis alá, adentrándose no bosque, había máis cousas. Son as que estabamos buscando.

No seu libro Luaña: mitos, costumes e crencias dunha parroquia galega, Andrés Suárez contaba como no interior da Devesa de Nimo estaban agochadas dúas cousas:

Dentro da dita fraga áchanse as ruínas de dúas igrexas ou capelas medievais, ou cecáis máis antigas: San Martiño de Cuarenza e a de San Marcos de Ortigueira.

San Martiño de Cuarenza está agora inzado de xestas e toxos. Témolo procurado como puidemos, pero non damos cunhas ruínas que os veciños recordan ben, e a sensación de que damos voltas ao redor do lugar sen localizalo. Precisamos, con mellor tempo, levar a algún señor de Nimo a que nos ensine o lugar preciso. Pero os da fraga… Hai un tempo, Xermán García Romai, que fora garda do río Tambre, tivo a ben indicarme a localización da ermida de San Gregorio, tamén cabo do río. ¿San Gregorio? Non era das que falaba Andrés Suárez, e aparentemente parece estar enfronte, da outra banda do río. Pero Xermán era claro. Trala escombreira están as ruínas dun edificio, ao que os vellos chamaban San Gregorio…

O río Tambre aquí baixa ancho e azul. Ao internarte desde a antiga central construída por Palacios, a uns 40 minutos, se vas a bo paso, e a unha hora se vas con calma e tirando fotos, entrarás primeiro na Devesa. Saberalo porque o carreiro, tralo refuxio de pescadores, vaise facer máis pequeno, e vaise vestir dun carrizo fosforescente; aparecerán lianas, loureiros, árbores enormes, vistas impenetrables, e o río de súpeto vai amainar para dar paso a unha coroa sonora chea de chíos de paxaros. Un tempo despois, un tempo de subir, baixar, subir, baixar, tras superar a escombreira da central, entrarás nunha zona máis chan, na que se distinguen aterrazamentos agrícolas, hoxe cubertos polo bosque. Estamos chegando á confluencia do Tambre con dous ou tres ríos. Um, sospeito. ¿Seguirá o noso mosteiriño o mesmo patrón de ubicarse na xunta de ríos que tantos outros mosteiros altomedievais e lugares arqueolóxicos en Galicia desde a Idade do Ferro? Apenas uns metros máis adiante, á dereita, unha acumulación de cachote é moi sospeitoso. Achegámonos ata alí: é o lugar. Por suposto que o segue.

No medio do bosque podemos ver as ruínas dun antigo e pequeno eremitorio. Tirados polo chan do bosque, esquencidos, están os restos de arcos de dúas épocas distintas, dos dinteis da porta; no interior os muros mantéñense en pé entre 50 e 75 centímetros de altura. Localizamos un pequeno adro previo e, moi importante, un edificio anexo á igrexa que parecía estar dividido en dúas estancias. Un pouco máis atrás, parece nacer unha fonte que foi procurada ou preparada. Volvo entre as silveiras e os bidueiros ata as ruínas, e volvo ver os arcos tirados no chan. Que país que temos. Ao examinar en detalle o lugar decatámonos de algo evidente pero crucial: o edificio foi reedificado nalgún momento. Inserto no muro están as trazas dun arco, un arco que a xulgar polo ángulo da curva tan pouco acusado, debeu ser moi grande. Outros anacos deste arco están ciscados á porta da ermida. E un arco moi distintos a outro que está tirado no medio da capela.

Desde aquí pido a colaboración dalgún especialista en Historia da Arte para ver se nos pode botar unha man coa datación destes restos que se poden apreciar en superficie. O resultado da capela, reconstruído en plan boceto podería ser algo así:


(Atención: empresas de xestión cultural con poucos escrúpulos e técnicos de cultura descoñecedores do rigor e dos dereitos de propiedade intelectual ABSTERSE de collela para os seus fins porque simplemente “está no Interné”).

As proporcións e algúns elementos non están reseñados, pero é para que vos fagades unha idea cando vaiades ao lugar, se non tedes práctica en ver ruínas deste tipo. Aquí tamén podes baixar o ficheiro KMZ para ver a capela, na súa localización exacta, en Google Earth. Un truco: mirade pola fiestra aberta da capela, a ver que vedes. :-)

Na humidade, no carrizo, cabo do río que aquí baixa manso, facémonos mil preguntas. Este lugar en ruínas está cheo de densidade cultural, cheo de referencias. Dise que aquí había unha ponte que permitía superar o Tambre. E que este alonxado lugar, fóra de todo o mundo, perdido nun bosque denso e antigo, foi refuxio de fuxidos durante a Guerra Civil. Aló enriba oíanse os tiros na aldea. As súas orixes poderían remontarse á noite dos tempos. O profesor Marco García Quintela recoméndame facerme unha pregunta cando chego a estes lugares: “¿quen é o santo?”. O santo de advocación é un marcador moi interesante das orixes da capela. Por iso moitas das capelas máis antigas que estamos a percorrer están adscritas a santos que foron mártires no Imperio Romano: eses santos estiveron de moda entre os cristiáns nos séculos inmediatamente posteriores. E San Gregorio? Resulta que hai moitos Santos San Gregorio, que comezan tamén no século III. Pero o grande, vala a redundancia, foi San Gregorio Magno, que morreu no ano 604. Estaremos falando dun perdido mosteiro do século VIII ou VIII? Ou será algún tipo de sucursal do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos?

Ao chegar a casa papeime o Tombo de documentación medieval do mosteiro de Toxosoutos, gran señor desas terras. Aínda que aparecen algunhas ermidas, Toxosoutos nin menciona este lugar. O misterio continúa.

32 Comments

  1. 6 / Febreiro/ 2011

    O teu entusiasmo lémbrame aqueles versos de Pablo Neruda que din

    … me gusta el pan, lo muerdo,
    y entonces
    veo el trigo,
    los trigales tempranos,
    la verde forma de la primavera,
    las raíces, el agua,
    por eso
    más allá del pan,
    veo la tierra,
    la unidad de la tierra.

    Bendito inconformismo, e como sempre, Grazas por compartir.

  2. Anónimo
    6 / Febreiro/ 2011

    Concordo que a advocación é unha pista importante. A min as dovelas ciscadas parécenme baquetóns de arquivolta, e pensaría máis na época románica, quizais no Císter, pero sen saber máis, non me arrisco. E o santo, talvez sexa San Gregorio Ostiense, santo do século XI, que despois de ser bispo de Ostia en Italia, foi enviado a Navarra polo Papa Benedicto IX para esconxurar ás plagas de gafañoto. Alí andou en compaña de Santo Domingo da Calzada, e tras a súa morte, é de supoñer que o seu culto se extendera ao longo do camiño, promovido polos monxes bieitos como santo “da casa” e tamén como protector contra insectos maliciosos devoradores de colleitas.

  3. 6 / Febreiro/ 2011

    Por certo, o anonymous de antes era eu, pero este trebello non gardou memoria da miña identidade.

  4. Xosé Antonio López Silva
    7 / Febreiro/ 2011

    Un priorato de Toxosoutos, tal vez? Tentarei pescudar algo preguntando a unha amiga que coñece bastante a documentación e que é unha experta medievalista. Un saúdo moi afectuoso!

  5. Xosé Antonio López Silva
    7 / Febreiro/ 2011

    Vou mirar mañá con calma no Yepes…

  6. 7 / Febreiro/ 2011

    No Tombo de Toxosoutos aparentemente non hai nada, non se menciona nada deste lugar, en teoría. Falan doutras “heremitas” (termo latino) que tentaremos localizar, pero non desta. O interesante dos baquetóns é que, efectivamente, parecen terse desprendido da última fábrica. Pero as intrigantes son as dúas pedras que se ven na imaxe: ese arco que está insertado no medio do muro que ten un correlato noutro que está tirado fronte da porta.

    Para máis referencia, esta igrexa xa estaba en ruínas a principios do século XX e a tradición oral fala de que as pedras dela se levaron para facer a ermida de San Xoán do Carballoso, da outra banda do río, que ten unha fonte santa, etc, etc. Aqueloutra ermida ten elementos cando menos do XVIII ou XVII.

  7. 7 / Febreiro/ 2011

    Paco, que fermoso poema!

    O mundo hai que reinventalo sempre, para cabermos mellor nel. Cando mercas un zapato, hai que ilo afacendo á forma do pé. Pois con todo isto, o mesmo. :-)

  8. 7 / Febreiro/ 2011

    Vexo que está exactamente onde me dixera un funcionario do concello de Brión nunha ocasión en que llepreguntei pola Santa Cecía e me dixo que era máis interesante o San Gregorio. Polas fotos de Solo comprobo que se conservan restos moito máis interesantes que na Santa Cecía.
    Cando eu intentei ver o San Gregorio tiven que dar a volta uns poucos metros antes de chegar, porque o regato que se ve perfectamente na túa infografía era imposible de cruzar dada a enorme cantidade de auga que levaba.

  9. david
    7 / Febreiro/ 2011

    serei…
    mira que non fun veces aí cos nenos desde pequeniños
    supoño que se algún día eles volven “aos horizontes incendiados” (Ferrín) da súa infancia, volverán aí e a Baroña
    pero sempre, sempre, nos detivemos na canteira
    hai que ver

    da outra banda do río hai unha pequena central que bebe das augas do regato Xallas, unha devesa polo Xallas abaixo que fai soñar (A Devesa), e os cantís máis fermosos (para min) desa parte do Tambre, onde chaman a Pedra do Soldado
    eu fun desde Forniños, (non hai que que quererlle moito ao coche), un día que andiven por aí polo Alto da Armada, o Monte das Forcas, A Pena Vella, San Xoán, a mirar para o aire como é o meu costume

    xa me tarda o día de volver e andar eses metros máis alá do noso limes familiar, sedúceme tamén o de buscar os asentos desa ponte da que falas

    lástima dun google maps de camiños medievais,e anteriores (non deixa de ser unha idea bonita esta)

    sempre que me achego ao Tambre…
    (non deixedes de tentar visitar o interior, (desde aí podías cortar o sangue enerxético de Galicia: é moi seductor, en plan doctor No galaico, pensar en baixar o machete que leva enriba o nome, Vigo; Coruña; etc, e que se conserva como estaba en un principio etc…), desa catedral tecnolóxica co escudo de Galicia enriba da porta, 1928)
    … penso no que perdemos co fracaso da xeración Nós (xa sei que descontextualizo, misturo e tal, pero é o que imaxino máis alá de distancias ideolóxicas, que habelas hainas) sempre que me achego aí

    hoxe o servicio hosteleiro que alí hai chámase La Pesquería del Tambre, o que me permite entrar e dar sempre a vara dicindo “así que esta es la pescadería del tambre” (que por outra banda, boa cumpla teñen os operarios desa estupidez de nome e boa gana de aguantar ao gracioso cabreado)

    hoxe parezo Alfredo Conde, paro

    o que non entendo é que fai aí dentro do mosteiro un monxe Shaolín :), iso complica moito as cousas Manuel

  10. 7 / Febreiro/ 2011

    Aí está o misterio, amigo. Os máis secretos invasores da Galicia altomedieval. ;-)

  11. Xosé
    7 / Febreiro/ 2011

    Xermán García (o que mencionas no post) dicía isto hai algún tempo no seu blog:
    “Parece ser que cando os monxes franciscanos do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Lousame) tiveron que abandonalo, fundaron o mosteiro de San Gregorio. Deste mosteiro tan só queda o nome do lugar e algunhas ruínas no corazón da Devesa de Nimo”.
    Isto podería explicar que non se fale del no Tombo de Toxosoutos?
    Tamén contaba de como servira de refuxio aos fuxidos na guerra civil, cousa que eu tamén escoitei aos meus avós.

  12. 7 / Febreiro/ 2011

    Falei onte con Xermán para documentarme para o post. Os fuxidos das historias refuxiábanse na Devesa de Nimo, pero non na capela: de aquela xa estaba en ruínas e a tradición oral di que de alí se ten cargado a pedra para a ermida de San Xoán do Carballoso, cruzando a ponte que xa non existe.

    Con respecto ao tema de Toxosoutos, o convento pechou coa desamortización de 1835. Eu non creo que os monxes exclaustrados marcharan para aló, xa nesa época o que menos pensaban era meterse nesas humedades. Ten en conta que a factura das pezas que se ven por aló parecen do XVI ou medievais. Seguimos co misterio. :-)

  13. Miguel
    8 / Febreiro/ 2011

    Sábese quen é o propietario actual do terreno no que están as ruínas?; eso pode dar algunha pista.

  14. Moncho
    9 / Febreiro/ 2011

    Dende que lin no teu blog e nalgunha que outra páxina sobre a existencia do mosteiro de S. Martiño de Corenza, explorar a zona en busca deste eremitorio é unha das miñas visitas pendentes…

    O de S. Gregorio, polo que tiña lido, tamén o situaba na outra beira do Tambre. Agora que, situado na banda do río na que está, o que non imaxinaba é que se atopara tan afundido no canón… Sempre pensei que estaría a metade da ladeira.

    Parécenme demasiado obvios e é máis ca probable que non teñan nada que ver co que estamos a tratar pero, ó norte de onde está situado S. Gregorio, no Sixpac -mellor ca en GE- aprécianse os restos dunhas construccións xusto a media ladeira do monte. Poño as coordenadas, xa que non sei como facer para pór un enlace : 42º 51´ 3,50″ N; 8º 49´ 38,47″W. Tivestes ocasión de botarlles un vistazo? (Teñen pinta de ser bastante recentes…) En Wikimapia alguén tamén situou S. Martiño de Corenza noutra posición.

    Polo demais, como todas, magnífica descoberta e, sobre todo, gracias por compartila con todos nós.

  15. Moncho
    9 / Febreiro/ 2011

    Desculpas!
    Despois de escribir o meu comentario, descubrín a segunda parte deste post, que publicaches onte… Cheguei tarde, pois son os restos ós que eu me refería!

    De todas maneiras, comentarche que non hai moito andiven pola zona e non parecía estar moi pechada… Polo camiño que vai de Nimo a Vilariño, xa na Presa do Tambre, andan bastante os madeireiros e soe haber talas frecuentes co que igual, con sorte, o cacho de monte en cuestión pode estar algo despexado. Ademais, nas fotos parece máis cousa da calidade da imaxe ca de que aquilo se estea pechando coa vexetación…

    Unha cousa curiosa é que nos mapas 1:25.000 do Sixpac aparecen marcados os restos de S. Martiño…

  16. 9 / Febreiro/ 2011

    Farteime a mirar dende a fiestra do mosteiro cara afora, e non miraba máis que toxo. E cando xa levaba unha hora a darlle voltas á capela, foi que me topei cun hare-krisna benedictino. Qué susto!

  17. 9 / Febreiro/ 2011

    Querido Padín, esa é a metáfora de toda esta historia, a referencia moral que pretende ser nun mundo atribulado pola perda de espiritualidade: hai que mirar cara o interior.

    XDDD

  18. candepalleiro
    9 / Febreiro/ 2011

    Seica a arqueóloga noiesa, MªDolores Gil Agra, tiña situado os restos de San Martiño de Cuarenza moi perto do lugar ao que aludides na ribeira do Tambre, aínd que máis ao Sueste, vinculado a un regato afluente do Tambre.Supoño que a arqueóloga municipal, Ana Filgueiras, tamén será coñecedora da súa existenza

  19. 9 / Febreiro/ 2011

    Eu teño entendido que o mosteiro está catalogado, pero por desgraza o concello de Noia non ten colgado o catálogo no web (bueno, non ten nin web, só unha páxina de “En construción”). Pero o que dis, candepalleiro, é moi interesante, porque se lembras, no libro de Andrés Suárez, fálase dun San Marcos de Ortigueira, e nesa ladeira aparece localizada unha Ortigueira. Tamén hai que ter en conta que onde está a central hidroeléctrica (a de Palacios), coñecíase ese lugar como a Horta do Convento. Ou sexa, que nos falta algo.

    En todo caso, os veciños de Nimo identifican claramente o convento ou mosteiro de Cuarenza con un recinto ubicado arriba, non ao carón do río e Xosé, que comentou antes no post de abaixo, naceu en Nimo e lembra perfectamente o lugar que reseñamos con esa denominación. Así que, de haber algo máis á beira do río, podería ser outra cousa (San Marcos de Ortigueira, outra cousa?).

    En todo caso, xa vos adianto que na zona hai moito máis tomate, pero moito máis. Teremos que volver ver varias cousas a ver se conseguimos entender dunha vez que é o que pasa aí.

    Acábaseme de ocorrer unha cousa. Hoxe vemos ese lugar como moi abrupto, pero e se iso foi o paso histórico das terras de Soneira, etc. cara algures, nun tempo no que Santiago non era especialmente relevante? Ou e se toda esta zona entrou en decadencia coa construción da Ponte Nafonso, ría máis abaixo, e o xurdimento de Noia como porto de Compostela? Que sabemos real sobre a construción desa ponte?

  20. Boas

    certo é que a zona do Esteiro do Tambre en xeral, ademáis de gozar de indiscutible beleza e ser considerada como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria), goza de notorio valor ornitolóxico.
    Neste hábitat conviven especies vulnerables e ameazadas en Perigo de Extinción (Emberiza schoeniclus lusitanica, Rallus aquaticus e Acrocephalus scirpaceus)

    Por se estades interesados no avistamento de aves, informo de que temos un espazo na nosa web adicado á ornitoloxía en Galicia, con información bastante concreta sobre qué especies ver, lugares de interés, época máis recomendable…etc.

    Déixovos o enlace coa parte da web que fai mención á zona que estamos a falar:

    http://www.turgalicia.es/turismoornitoloxico/ficha.asp?ctre=turismoornitologico&cidi=G&zona=10

    Para máis información podedes contactar connosco no mail cir.turgalicia@xunta.es

    Saúdos!

  21. david
    10 / Febreiro/ 2011

    ai Manuel, pensando niso do camiño estiven a darlle voltas e, fixémola boa, tachán, brinquei como Vickie o Vikingo porque pasou diante miña a santa compaña dos “Locos marítimos”

    “la pasada semana se localizó un tramo de unos cien metros de la que se cree sería la antigua calzada romana Per Loca Marítima o Vía XX, que desde Braga, en Portugal, recorría la costa gallega hasta Astorga. La zona en cuestión se encuentra entre la aldea de Fornos y San Xoán do Carballoso” http://antiguaymedieval.blogspot.com/2010/01/negreira-hara-un-estudio-arqueologico.html

    debe ser a estrada histórica máis elástica de occidente

    unha ponte que xa non hai, as pedras que as levaron para San Xoán, unha vía romana

    perdoa que o pase tan ben, pero como che dixen máis veces o non ter que ser científico con isto (eu) é un descanso e unha especie de viño quinado Sansón para a fantasía (que é unha elaboración do que existe ou existiu como contaba moi ben don Álvaro Cunqueiro)

  22. 10 / Febreiro/ 2011

    David, é vostede un fenómeno. Por sorte, este blog está cheo de fenómenos.

    Porque se pasa por aí ese camiño vello, calquera que lera algo Capítulo Cero no último ano pode darlle un repaso a todo ese itinerario e darase conta dos dous puntos que se conectan estupendamente, cunha topografía benigna, se trazamos unha vía e a prolongamos ao norte un pouco e ao sur algo máis.

    E se se confirma aquelo que xa falamos vostede e máis eu, de enfronte de San Xoán do Carballoso (permítame deixar na intriga ao resto), e aquelo que está máis ao norte, en chegando a Agrís, o resultado final será marabilloso. Entón esta Ribeira Sacra non só estaría conxelada, senón que tería ficado conxelada case no punto de máximo esplendor.

    A ver que nos deparan eses montes. Teño a axenda de febreiro bastante cuberta pero é difícil non frear o entusiasmo.

    Por certo, que se é a Per Loca ou non dáme bastante igual. Nunca me chistou ese canto de serea. ;-)

  23. candepalleiro
    11 / Febreiro/ 2011

    O da vía romana “per loca maritima” segue a ser un enigma da nosa historia.Hai investigadores que avogan polo seu paso por Noia, de alí a Outes, por Entíns cara ao Norte; hai quen fala do seu paso por Negreira (Nigraria), cruzando o río Tambre non pola Ponte Maceira, construción plenamente medieval, senon por unha vella ponte en Ons (Brión). O propio Codex Calixtinus fala dunha ponte derrubada no camiño a Fisterra. Moita historia por debullar…

  24. Elixio Vieites
    20 / Marzo/ 2011

    Vou aportar algún documento e algunha lenda que siga mantendo dentro do posible o interés pola zona que estades a tratar
    1ª Libro: O Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Pedro Fiaño. Edita Concello De Lousame.D.L.:C-789-93 ISBN:84-606-1176-0 (1993)gráficas Sementeira.Noia-

    Pax 13.CORENZA É importante destacar que Toxosoutos estaba á corta distancia de 3 km de S. Martiño de Corenza(2*), mosteiro este que existía con anterioridadea S. Xusto e que coa súa pouca ou moita actividade disfrutaba da súa influencia abadial e aproveitábase da riqueza pesqueira que o Tambre posuía….”Esto provocou desavenencias, pleitos, peleas (algunhas das cales finalizaron con derramamento de sangue :(3*))e que se nun principio se centraban na posesión de recursos da comarca (montes, pequenas produccións agrícolas,frutais, gando etc.)agudízase máis tarde pola doación feita polo rei FernandoII( rei entre 1157-1188) A Toxosoustos das terras de Entíns e da zona demarcada no Tambre, de Lueiro e Mirou. Debido a esto, aumentou a rivalidade que ao correr dos anos acabou por eclipsar a S. Martiño.”..Os beneficios de Toxosoutos ficaban a crear riqueza en San Xusto. Os de Corenza, como priorato,ían a Santiago a engrosa-las de Antealtares”
    2* :San martiño de Corenza da orde benedictina, que nun principio foi abadía independente e din chamábase S. Pedro, situado na marxe esquerda do Tambre, perto das aldeas de de Vilardante e Vilarfabeiro, frente ao lugar de Insua, anexionouse no ano 990 a San paio de Antealtares(López Ferreiro,Historia de la Santa A.M Iglesia Santiago tomo II,pax. 397)Nel ficou ata 1487,en que ambos se incorporaron a S- Martiño Pinario. A fins do século XVI uníuse a Sta.María de Roo(Cardenal Del Hoyo.Memorias del arzobispado de Santiago.pax.188. Na actualídade a súa pasada existencia pasa por descoñecida.

    ANOTACIóN MIÑA: A frase “pasa por decoñecida” podía ser que non tivera constancia das ruinas da fotografía.Pero na pax. 16 ven un croquis cos lugares doados polo rei D. Fernando II a Toxosoutos. O autor (Pedro Fiaño)
    aprecia como dentro do croquis está ubicado S. Martiño de Corenza. O sitio coincide exactamnete co lugar que se expon nesta web de Manuel Gago.

    3*:Arquivo Histórico do Reino de Galicia- Arquivo Eclesiástico,nº449

    pax 21:”En moitos lugares deixouse de celebra-lo culto divino (13*)e os seus abades e priores gastaban os seus ingresos en usos profanos e pouco edificantes” *13. En 1437 non se celebra culto no mosteiro de S.Martiño de Corenza e o seu prior frei Xil Alonso,que dispuxera dos bens sagrado do dito mosteiro e empeñadp ao veciño de Noia Gonzalvo de Louro o cáliz de prata en 55 maravedís, foi levado preso a Santiago polo abade de Antealtares, pero o dano xa estaba feito(A.H.R.G. eclesiástico, nº 449)

    No referente a existencia dunha ruta non sería moi desarcertado o paso por esa zona,cruzando a tambre pola antiga ponte perto do mosteiro(hai un cementerio ao lado das ruinas do mosteiro (S.Martiño Corenza) onde dín que se enterraban os de Insua ata que un día caeu a Ponte en pleno enterro dunha persoa .Caeron o río con cadaleito e todo, seica houbo mortos.Esto cóntase na zona)logo a subida por Insua. S Xoan do Carballoso, Perto do Castelo de Insua, estratéxico no pico da montaña(hai restos de pedras e contáronme que a xente que ía co gando ,fai moitos anos, entretíase tirando pedras a un pozo moi fondo con escadas, que alí había, para oír caer as pedras na auga(¿o pozo do castelo?) tan en frente ao castelo de Nimo, que parecían entre os dous, vixiar o canon do Tambre, algunha vía importante ou a entrada da ría).Ao lado a pedra Serpal ou do Berveo (¿Culto a Berovio deus celta?) atrevesaría ou baixaría por Cuns ou Cando, cruzando o Río Donas e cruzaría a Esfarrapa (existe un Castro, e atopouse a ara romana de Banzas (museo do pobo Galego), así como uns cultos moi arraigados na S. Adrián o pé do Castro. Virxe do Rial(fonte milagreira) e S. Campio (que curaba mal cativo e outras enfermidades nerviosas e algúns (enmeigados)
    Pero eu son un historiador e esto merecería novas pescudas. Un Saúdo

  25. Elixio Vieites
    20 / Marzo/ 2011

    Perdón quería decir. “eu non son historiador”

  26. Elixio Vieites
    20 / Marzo/ 2011

    En relación ao que di Manuel Gago de que non se menciona o lugar no Tumbo de Toxosoutos, eu diría que sí . na páxina web no Consello da Cultura Galega, pódese baixar en pdf dito Tumbo, e gardalo nunha carpeta do ordenador se queremos. Unha vez analizado (así por enriba, e moi denso en cuestións de documentos e doacións)- Ao final ten un indice de poboacións e persoas que saen no doc.por orden alfabético,e pódese buscar “Corenza” (sea dito que o regueiro que desemboca perto das ruinas, en algúns mapas topográfico,(Sigpac) chámanlle “Rego de Corenza” un pouco más o norde está un camiño que nos mapas chámanlle “camiño oscuro”(que sería ese camiño oscuro?). Bueno ao que imos. no doc. 591 (pax 550 desta versión) di así:

    1224/03/2 “Xoán Páez “Bispo” dóalle ó mosteiro de Toxos Outos a súa herdade na vila de Nimo e nas freguesías de S. Martiño de Corenza e Sta. María de Roo”
    No 586 tamén di algo de Corenza .Un saúdo

  27. 20 / Marzo/ 2011

    Elixio, moitas grazas polas túas contribucións. Vou facer un post agora mesmo ligando os teus comentarios neste artigo e tamén outras informacións destes días sobre Corentia.

    Con referencia ao que comentas de que eu dixen “que non se menciona o lugar no Tumbo de Toxosoutos”, se les ben o post, verás que non me refiro nese texto a Corentia, senón á capela de San Gregorio, o obxecto deste post.

  28. Elixio Vieites
    21 / Marzo/ 2011

    Atopei esta páxina(creo que moi interesante) e se tendes tempo a ler fixádevos onde pon : V Xeración …..http://www.xenealoxia.org/linaxes/a-coruna/1317-garcia-de-seares
    Por se non tendes tempo pon esto, pero hai moito máis, (se seguimos así imos atopar ata quen limpaba o mosterio)
    Dª. Dominga García de Seares. Casou con Juan de Nimo, xuíz da xurisdicción de Toxosoutos, familiar do Santo Oficio, e escríbán, (esto último porque o din as fontes contemporáneas, porque non aparece nos protocolos de Noia). Morador no lugar de Nimo, aldea do couto e priorato de San Martín de Corenza, da voz de San Martín Pinario, e anexo a Santa María de Roo, sobre os montes que bordean o curso baixo do río Tambre.
    D. Alonso García de Seares, irmán menor de idade a morte de seus pais, e do cal coñecese polo testamento de seu irmán máis vello o capitán D. Felipe, que este fíxose cargo de administrar os bens da herdanza que lle tocaban. Casou posiblemente en San Juan de Lousame con Dª María Freire, e ala polo 1700, estaba en litixio co arcebispo polas rendas do mayordomazgo da vila de Noia.

  29. 17 / Abril/ 2012

    O Profesor Francisco Pérez Rodríguez no seu libro sobre os mosteiros galegos -moi ben documentado- recolle unhas breves notas sobre esta casa, que é un priorado de Antealtares; en calquera caso, durante a Idade Media foi un mosteiro moi pequeno, segundo se deduce do Libro do Subsidio (1500) da diocese de Santiago.

  30. karl
    16 / Maio/ 2013

    A Ponte de Insua estaba mais ou menos na actual de Ons a Negreira e caeu, esa historia da ponte non será unha fabulación popular en sintonía coa lenda xacobea da ponte de Insua ?(alimentada pola coincidencia de nomes, das dúas Insuas). Saudos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará