Contra a barbarie: freemos o acoso á Fortaleza do Galiñeiro

Durante este ano que levamos percorrendo os montes do país, poucos teranme visto dar de patadas a un muíño eólico, pero fíxeno. Fíxeno con toda a rabia do mundo, cando na aldea de abaixo, algún vello me falara dun vello castelo no alto do monte: un lugar no que unha vez escoitara tronar unha pedra, e onde entre as vellas pedras había letras gravadas que só o cura entendeu un día e mandou tapalas. Ao subir a buscalo, descubrira como o lugar fora arrasado por unha escavadora, por un muíño eólico froito da especulación, ou por unha caseta forestal, ou por un campo de tiro, ou por un cortalumes, ou polo que fora. O Goberno do meu país destruíndo e autorizando pola miseria mental de quen non era capaz de ordenar unha revisión do espazo das serras antes de chantar os muíños, ou de valorar e comprender o que aló había.

Andrés López, lector de Capítulo Cero, fíxome lembrar o outro día a que se estaba montar xusto uns días antes de eu marchar de ferias, ligando a un texto que escribiu Fran P. Lorenzo no seu blog. A Xunta de Galicia aprobara o anteproxecto para a construción dun parque eólico na serra do Galiñeiro, o emblemático espazo montañoso do sur de Galicia, das mans dunha multinacional. Hoxe contactei con Xosé Lois Vilar, o dinámico arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoranos, para confirmar o que sospeitaba. Ao pouco, Eduardo Méndez, do devandito Instituto, remitiume unha copia dixital dunha simulación do anteproxecto sobre a serra do Galiñeiro, no que figurarán algunhas das torres eólicas máis grandes do país. É a imaxe que encabeza o post. Efectivamente. Os muíños eólicos cercaban e invadían a superficie dun dos xacementos máis espectaculares das Repúblicas dos Homes Libres: a Fortaleza do Galiñeiro. Aquí publiquei sobre este alucinante lugar.

Trátase dun atentado ao patrimonio de primeiro calibre. Nos numerosos castelos e fortaleza que levamos percorridos este ano, estamos conseguindo identificar os tipos de fortificacións e, lentamente e con reservas, asignarlles épocas. Os enormes Castelos Baleiros do sur de Galicia (Aloia, Budiño, Galiñeiro, Castro Valente e hai aínda máis) son un tipo de construción cultural específico e único en toda Galicia e poden ser algunhas das testemuñas máis espectaculares da transición entre o mundo romano e os reinos xermánicos en toda a Península Ibérica. E de todas as grandes fortificacións tardorromanas de Galicia, a que menos sufriu a agresión de axentes públicos e privados é a fortaleza do Galiñeiro. Ata agora.

A isto só se lle chama dun xeito: BARBARIE.

Non podemos tolerar que o noso propio Goberno contribúa a desnaturalizar e cercar un dos xacementos máis singulares para coñecer este periodo. Porque ata agora, en Galicia, pouca xente é consciente da importancia destes lugares, pero dentro dunhas décadas, os nosos fillos ou netos acabarán por valoralos, cando xa non quede nada destas fortificacións efémeras e espectaculares que resistiron como testemuñas dun dos momentos máis cruciais da historia de Europa: a caída do Imperio Romano. O lugar no que os nosos devanceiros atoparon acocho e refuxio nun tempo convulso. Polo que estou vendo nas viaxes e nas miñas lecturas, estes castelos son unha xoia do patrimonio arqueolóxico europeo.

Non sei de onde sacarei o tempo, pero ofrecinme a colaborar coa plataforma constituída xa por 14 entidades da área para evitar este acto de barbarie, para persuadir a cidadáns e institucións de que non podemos permitir a destrución da área desta valiosa testemuña dun dos periodos decisivos da historia do país, canda os outros e numerosos sitios arqueolóxicos desta serra e os seus outros valores xeolóxicos e ecolóxicos. E non vou ser o único: con máis xente, imos tentar de producir un par de cousas para facilitar a comprensión pública deste espazo. E anímovos a difundir e traballar para evitalo entre todos. Estas 14 entidades do sur de Galicia deben sentir o alento de xentes de toda Galicia.

Aquí podes baixar en grande a simulación do parque eólico do Galiñeiro.

Postpost: Indígname que a estas alturas do século teñamos que andar así, a voltas, con cousas obvias. Como puido pasar o filtro este proxecto na Administración? En que cabeza cun mínimo de sentido común cabe?

32 Comments

  1. Alberte
    26 / Xaneiro/ 2011

    Os parques eólicos son un cancro no noso país, por se non tiñamos suficientes. Suponse que temos unha lei de protección da paisaxe, que non sei que carallo dirá, pero se isto non é esnaquizar unha paisaxe, un patrimonio histórico (e de paso a avifauna) non sei que o é.

    Hai que plantexarse en serio este tema, porque por se non fora de abondo, a suposta riqueza que crean os parques eólicos non está quedando en Galiza.

    A este paso acabaremos por plantar kiwis enriba dos petróglifos… oh wait! http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2010/05/06/0003_8465106.htm

  2. 26 / Xaneiro/ 2011

    Eu lévolle uns poucos anos nunha plataforma contra a autovía A-59 (a cousa xa ven de longo) e unha das cousas que máis me entristeceu nesta lideira foi atopar a falta de implicación da «clase ilustrada». Si, danche ou seu apoio, e tal… pero os únicos que se mollan de verdade son os que (a) están comprometidos xa en mil causas e (b) algún paisano que, máis que por perder unha leira, apénase de ir ver desnaturalizado o seu entorno.

  3. Xosé
    26 / Xaneiro/ 2011

    Eu tamén escoitara uns anos atrás que estaba previsto facer un parque eólico no Castelo de Nimo. Non sei se o proxecto seguirá adiante ou non.

  4. 26 / Xaneiro/ 2011

    Nós preguntamos por isto despois de visitar Luania (ou sexa, o castelo de Nimo). En teoría está paralizado, pero si houbo ese proxecto.

  5. Moncho
    26 / Xaneiro/ 2011

    Proxectos hai en mil sitios: no Monte do Castelo (Nimo), como ben di Manuel, ou no Oleirón (Brión-Rois) habíaos e quen sabe se algún día non irán arriba.

    A min non me parece mal que se fagan infraestructuras como parques eólicos, autovías, parques industriais… que, no fondo, son necesarios e fannos a vida máis cómoda a todos. Pero todo na súa xusta medida, nos lugares axeitados e, sobre todo, tentando “disimulalos” na paisaxe, que é algo para o que non se pon absolutamente ningún medio cando se levan a cabo este tipo de obras. Que se note o menos posible que se fixeron e que están aí, vamos…!

    O que non pode ser é que unha serra como a do Candán, pola que andiven esta pasada fin de semana, estea inzada de pistas, garavilla e molinillos destes. O que non pode ser é que dende o alto desa Serra, mires onde mires, vexas parques e máis parques eólicos no horizonte. O que non pode ser é que se aproveite calquera lugar, sobre todo os máis emblemáticos ou os que están máis “á vista” (zona do Pindo, Xiabre, Galiñeiro, Candán…) para enchelos de papaventos…

    Por outra banda, a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia non é máis ca unha simpe declaración de intencións que ben pouco di e que nada aporta para a práctica…

  6. 26 / Xaneiro/ 2011

    Eu apúntome, na miña modesta contribución, a calquera cousa que se faga contra a desfeita. Conta conmigo, Manuel, para o que se che ocurra.

  7. carlos
    26 / Xaneiro/ 2011

    D. Manuel stand by me.

  8. 26 / Xaneiro/ 2011

    Xa o di o Pai Casares “Coida ata o último recanto desta terra”

  9. 26 / Xaneiro/ 2011

    Moitas grazas, señores! Estamos vendo que é o que se pode facer en febreiro. Non hai moito tempo pero imos tentar facelo o mellor posible, colaborando, se así o queren, coa Plataforma.

  10. Pancho-lapatianco
    26 / Xaneiro/ 2011

    Sr. Gago. Non sei porqué pero non aparece un anterior comentario meu. E non levaba enlace ningún.

    Espero que este post teña tanta difusión coma o outro da desfeita do Porto Exterior da Coruña (máis ben de Arteixo, que é onde realmente está). Xa vai tendo vostede certa repercusión mediática, así que agardemos que os medios de comunicación se fagan eco. Inda que o caso é diferente, porque a noticia xa se deu sen máis, sen afondar nas consecuencias.

    Pero a outra diferencia, importante, éche que neste caso o estrago ainda non está consumado.

    Esperemos paralo entre todos.

    Saúdos.

  11. 26 / Xaneiro/ 2011

    Esperemos, Pancho, estou convencido que si.

  12. candepalleiro
    26 / Xaneiro/ 2011

    Estou de acordo co que di Pancho. O impacto mediático da destrución do castro de Cociñadoiro foi tremenda, cando xa pasaran uns anos. Cómpre anticiparse á desfeita e facer unha boa campaña nos medios, é o único xeito de que os políticos reaccionen. O valor arqueolóxico do Galiñeiro é grande,amáis do paisaxístico

  13. Xabres da Teixeira
    27 / Xaneiro/ 2011

    Xa vou grande!, mais eu tamén me apunta as patadas e o que faga falta.

  14. Miguel Losada
    27 / Xaneiro/ 2011

    Eu tamén me ofrezo pra dar a cheda!

  15. 27 / Xaneiro/ 2011

    Moitas grazas! Imos ver como se pode artellar todo isto. A clave, como moitas veces, é a difusión.

  16. Miguel Losada
    27 / Xaneiro/ 2011

    Pois difundiremos.
    Mais madeira! que isto é a gherra!

  17. Miguel Losada
    27 / Xaneiro/ 2011

    Liberdade,bastións nos montes, república de homes libres…Estaba pensando e lembrei a Jünger
    Compre pasar ó modo “emboscado”

    La emboscadura E. Jünger

    “Un emboscado es, pues, quien posee una relación originaria con la libertad; vista en el plano temporal, esa relación se exterioriza en el hecho de que el emboscado piensa oponerse al automatismo y piensa no sacar la consecuencia ética de éste, a saber, el fatalismo.”

    Dos son, pues, las cualidades que en el emboscado se presuponen. En primer lugar, el emboscado no le permite a ningún poder, por muy superior que sea, que le prescriba la ley, ni por la propaganda ni por la violencia. Y, en segundo lugar, el emboscado se propone defenderse; para ello no sólo utiliza los medios y las ideas que son propios de su tiempo, sino que a la vez mantiene abierto el acceso a unos poderes que son superiores a los temporales y que nunca podrán ser diluidos en puro movimiento. Uno puede correr el riesgo de la emboscadura, puede osar emboscarse, si se cumplen esas dos condiciones.

    Emboscadura vamos a llamar a ese giro favorable; a quien lo ejecuta, emboscado. De modo semejante a lo que ocurre con la palabra «trabajador», también la palabra «emboscado» designa una escala muy amplia, pues se refiere no sólo a campos ya modalidades muy diversos, sino también a los diferentes grados de un modo de comportarse. El hecho de que esa palabra tenga ya una historia anterior -es una de las viejas palabras islandesas- no puede ser perjudicial. Aunque aquí, ciertamente, vamos a entender esa palabra en un sentido más amplio. El irse al bosque, la «emboscadura», era un acto que seguía a la proscripción; mediante la emboscadura proclamaba el hombre su voluntad de depender de su propia fuerza y afirmarse en ella sola. Hacer eso se consideraba honroso; y también hoy continúa siéndolo, digan lo que digan todos los lugares comunes que por ahí corren.

    La Libertad, en cambio, aunque siempre se recubra con los ropajes propios de cada tiempo, es inmortal. A lo cual se añade que es preciso readquirirla una y otra vez. La libertad heredada es menester afirmarla en las modalidades que vienen acuñadas por su encuentro con las cosas que históricamente son necesarias.

  18. Omar
    27 / Xaneiro/ 2011

    Pois claro que si, ante a barbarie, difusión…alá vou!

  19. 28 / Xaneiro/ 2011

    Publico aquí un comentario de Pancho Lapatianco, a quen o meu sistema, sen o meu permiso, considera Spam pero o ignora de tal maneira que nin o mete na lista de posibles correos lixo. Pancho, quede claro es calquera cousa menos Spam!

    E digo eu: o dos muiños tan grandes, os máis de toda a península Ibérica, que pensan poñer alí, ¿será para facerlles competencia ós petroglifos con representacións de armas máis grandes de Europa que alí ó carón existen?. Así tería a súa devastadora lóxica, claro. (E non me veña algún con andrómenas, que xa sei que máis vale 4 grandes que 40 pequenos. Pero aquí van poñer 40 grandes).

    Xa en serio, o que me sorprende é que superara calquera estudo de impacto ambiental, incluso o máis permisivo. Non é posible que non afecten na súa área de influencia máis cercana (é dicir, a altura do fuste do muiño en perímetro) os centos de petroglifos que por alí hai, e as dúcias e ducias que faltarán por atopar. Estou pensando mesmo nas cazoletas que hai na base dun horreo do s.XIX na eira da casa duns amigos de Vincios-Gondomar.

    Ou nas moitas pequenas chairas de montaña que hai nesa serra, nalgunha das cales se teñen atopado restos de asentamentos paleolíticos.

    A cuestión principal estará en que a información chegue, sobre todo, á xente que en xeral non se interesa por estes asuntos do patrimonio por andar noutras cousas, pero que cando llelos mostras si toman conciencia delas. O de sempre: coñecer para querer, e querer para protexer. E neste caso os que máis poden facer sonche a cidadanía de Vigo e area de influencia, pois sei que son uns montes bastante queridos por moitos. Que sacaran un artigo no Faro, ou mesmo na Voz de Vigo sería determinante. ¡¡Pero quen sabe os intereses que haberá para que esto último non pase!!.

  20. Xenome
    28 / Xaneiro/ 2011

    Dalle duro. Estou seguro que unha boa historia Tolkeniana como a que hai tralo castelo do Galiñeiro, ben vendida como estás a facer coa serie da “Repúblca de Homes Libres”, vai ter máis efecto mediático que varios informs arquelóxicos sobre a Idade de Bronce.
    Ao final a presión social é o que o vai salvar ou non… é sempre vai gustar máis ver ese monte como escenario épico que como unhas cantas pedras con cazoletas.
    Segue facendo ruido que en brevs temos o monte salvado pola túa serie, e a historia nos suplementos de cultura de El País e El Mundo!

  21. Telmo
    29 / Xaneiro/ 2011

    Todo o meu apoio coas medidas que se adopten para frear esta BARBARIE con maiúsculas.

    O que me preocupa e a resposta da xente á que lle pasan por alto estes temas do patrimonio natural, arqueolóxico, etc. Espero que haxa un apoio masivo en contra deste proxecto e doutros similares que poidan poñer en perigo dito patrimonio.

    Saúdos.

  22. 31 / Xaneiro/ 2011

    Tremendo o que contas. Cada vez teño máis claro que os políticos non se preocupan nin por o futuro do que lles rodea, nin por nós, so se preocupan de que o seu día a día sea bo. Saúdos…deixachesme ben triste. Apertas

  23. 31 / Xaneiro/ 2011

    Non te preocupes. Entre todos faremos porque isto non consiga saír adiante.

  24. Xoubacity
    3 / Febreiro/ 2011

    O que vexo é moi pouca información sobre a andaina que está convocada para o domingo día 20, ás 10,00 h no Galiñeiro.
    Montañeiros Celtas e Pena Trevinca como organizadores e a Plataforma como convocante.
    Por onde anda esa información? non se ve nos medios de comunicación (normal) pero non vexo carteis, redes sociais, etc. Nin as propias webs dos convocantes colocan a convocatoria na páxina de inicio nun lugar destacado.
    Hai información e documentación sobre o Galiñeiro na web do Instituto de Estudios Miñoranos, neste blog, e pouco máis. O resto vaise atopando se un anda perseguindo a información.
    A ver se ainda chegamos a tempo de facer unha boa andaina, anque chova.

  25. 4 / Febreiro/ 2011

    Xoubacity, non teño nin idea da Andaina, non sei nada diso. Se consigo información publicareina aquí.

    Estamos elaborando un pequeno informe sobre o castelo do Galiñeiro que tentaremos publicar dentro de dúas semanas, co obxectivo de que a comunidade local e todos os interesados poida ter boa información sobre a relevancia do lugar, que o poida imprimir, distribuir…Antes non poderá ser. Teño traballo de 09 a 20 h. todos os días ata dentro dese tempo. :-)

    Se te enteras antes de máis detalles sobre a Andaina, agradeceríache moito que os publicaras nestes comentarios e os redifundimos.

  26. Xoubacity
    4 / Febreiro/ 2011

    ANDAINA POLA DEFENSA DO GALIÑEIRO
    Data.- Domingo, 20 de febreiro de 2011.
    Hora.- Ás 10,00 h iníciase a andaina.
    O remate da actividade está previsto entre as 13,00 e 14,00 h
    Actividade.- Paseo por unha pista forestal que rodea a serra do Galiñeiro para solicitar a protección da serra e sensibilizar contra o proxecto de parque eólico. Foto con pancarta no vértice xeodésico.
    Convocantes.- “Plataforma pola defensa do Galiñeiro”, integrada por 20 entidades, de carácter social, cultural, deportivo, de defensa da natureza, etc.
    Organización.- Club Montañeiro Celtas e Club Pena Trevinca, xunto coa plataforma.
    Inscrición.- Non compre realizar inscrición.
    Recomendacións.- Deixar os coches lonxe da zona de saída para evitar acumulación de vehículos.
    Máis información.-
    Na web do Club Montañeros Celtas.-
    http://www.celtas.net/glg/actividades_ficha.php?id=150&tit=ANDAINA POLA DEFENSA DO GALIÑEIRO
    e noutros blogs, páxinas web, reseñas de prensa, etc.
    destaca a información e documentación da web do Instituto de Estudios Miñoranos (audio da mesa redonda, informes, manifesto, etc.)

  27. Xoubacity
    4 / Febreiro/ 2011

    A mín gustoume a documentación da web do INSTITUTO DE ESTUDIOS MIÑORANOS
    (www.minhor.org); inclue:

    Audio da mesa redonda “Pola protección da serra do Galiñeiro”.
    http://www.minhor.org/conferencias-e-obradoiros/artigos/211-audio-completo-da-mesa-redonda-qpola-proteccion-da-serra-do-galineiroq

    Enlace ao artigo “A fortaleza do Galiñeiro: o impresionante refuxio de guerras esquencidas”.-
    http://www.minhor.org/component/content/article/39-novas/226-a-fortaleza-do-galineiro

    Documentación.-
    Folleto.- A serra do Galiñeiro, 5 pp, de Xurxo Pérez Pintos http://www.minhor.org/docs/211_A%20Serra%20do%20Galiñeiro.pdf

    Manifesto.- http://www.minhor.org/docs/211_MANIFESTO.pdf

    Informe sobre a serra do Galiñeiro (COMPLETÍSIMO, CURIOSO, ENTRETIDO).- Recolle un traballo, de 29 páxinas, do biólogo Xurxo Pérez Pintos sobre “A serra do Galiñeiro” (1995). http://www.minhor.org/docs/211_O%20Galiñeiro.pdf

    Tamén me gusta o artigo de El País do 9 de xaneiro de 2011 titulado “En Stonehenge no hay molinos”
    http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Stonehenge/hay/molinos/elpepiautgal/20110109elpgal_7/Tes

    Pois sí que estaría ben que nese magnífico blog que tes, lle deras protagonismo fóra da sección de comentarios, tanto a andaína como a documentación sobre o tema, etc.
    Gracias

  28. 4 / Febreiro/ 2011

    Republicado como post! Grazas!

  29. Andrés López
    4 / Febreiro/ 2011

    Vaia, hoxe enterámonos de que lle deron o título de marqués a Villar Mir. Marqués do Expolio do Galiñeiro, imaxinamos.
    A xente estamos a emocionarnos co que pasa en Exipto e temos aínda aquí a estes camándulas dándose títulos uns a outros. Pero é que non espertamos?

  30. Xoubacity
    4 / Febreiro/ 2011

    Enviei un correo a magago@gmail.com porque non me entraban os comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará