Coto da Amoreira: O lume que nos desvela un misterio

Última actualización o 4 / Outubro/ 2010

Cada oficio, cada afección ten un mal asociado. Os afeccionados á arqueoloxía en Galicia temos o grave risco de sufrir o Mal das Pías™. Consiste en que, despois dun longo día polo pedrugallento monte galego, de súpeto comezas a interpretar os erosionados penedos, con caprichosas formas que esburacan a regularidade do granito, como realizados ou moldeados pola man do home, e non pola acción milenaria da natureza, da auga e do vento sobre o lugar. E comezas a dubidar. ¿E será ou non será? Un dos primeiros doentes do Mal das Pías™ foi Manuel Murguía, e en xeral boa parte dos eruditos anticuarios do XIX e principios do XX. Ficaban atrapados entre os furados, coviñas, pías, covachas e sucos que fan as faias no granito. Se o lugar estaba -como adoita acontecer- nun espazo de gran valor paisaxístico, percibían que alí era un bo lugar para a hierofanía, para o contacto cunha divinidade. Esas Pías, mestura da man da natureza e dos homes, poderían ser santuarios.

Eu mesmo sufro o Mal das Pías™ con algunha frecuencia (pero yo controlo, neno). Chego ás proximidades dalgún recinto arqueolóxico e comezo a ver as caprichosas formas das pedras e teño que mirar para outro lado, porque son como as sereas levándote para Gárgoris e Habidis, a un lugar de perdición, o mundo dos santuarios prerromanos. Uf, mellor non pensar nas pías. Voume centrar na importancia estratéxica, e tal, tendo a pensar. O problema agrávase por dous factores. Os galaicos prerromanos debían ser unha cultura tremendamente relixiosa. Sabémolo porque a metade de todos os nomes de deuses prerromanos da Península Ibérica quedaron rexistrados nas aras romanas que lle tributaron aos seus deuses os galegos. Eran tantos, ou eran o mesmo con nomes distintos: hai teorías para todos os gustos. O segundo problema é que temos moita certeza de que os santuarios prerromanos estaban exactamente aí, en espectaculares lugares naturais, ao carón de grandes penedos que debían ter un importante valor simbólico para os nosos devanceiros. Durante o mundo romano, algúns destes lugares continuaron a empregarse, como o célebre Santuario de Panóias, en Portugal, creando un sincretismo interesantísimo. E claro, nos santuarios seguros e certificados, hai pías, traballadas, pero pías. ¿Como non te vas liar? A investigación no ámbito dos santuarios prerromanos da Gallaecia aínda está comezando, pero é unha liña interesantísima dentro da arqueoloxía galaicoportuguesa dos vindeiros anos.

Fronte ao Mal das Pías™ só hai unha protección: o escepticismo absoluto. Cando vou ao monte con algún amigo meu e ao compañeiro lle comeza a dar o ataque, ensinándome coviñas e sucos erosivos nunha laxe, eu sempre lle digo.

-Cando sexa, saberémolo, tío. Vai ser evidente.

A miña protección é a evidencia clara e absoluta de intervención artificial no espazo. Non me vai mal.

O que non sabía é que ía poñer á proba a miña propia protección no Coto de Amoreira.

Despois da chamada de Xosé Gago da que falaba onte subín a toda rapidez ata aló. Efectivamente, o incendio queimara e arrasara o tupido mato. Aquel castro, camuflado e oculto durante décadas, volvía aparecer diante nosa, agachado diante dos grosos cañotos das xestas e dos toxos abrasados. Eu levaba vinte anos tentando velo sen éxito. Ata o outro día.


Muralla exterior (en amarelo) e aínda se conserva o acceso (en vermello-laranxa). Aquí podes velo en grande. Teño que tintar as imaxes porque senón, con tanto ruído da vexetación, non se poden apreciar as estruturas

Este lugar é o famoso Coto de Amoreira. Está nun espolón dos Chans do Barbanza, preto da zona con maior concentración de túmulos megalíticos de Europa Occidental, pendurado sobre as caídas da serra, o val de cures e a ría de Arousa. Aquí, fronte ao Coto da Amoreira, xuntábanse dúas antiquísimas vías e camiños que se internaban nos chans do Barbanza e permitían un paso relativamente rápido ata Noia.


Muralla superior e na zona laranxa están as vivendas.

Unha análise rápida do lugar revelounos a existencia de dúas liñas de muralla que partían dun estremo e chegaban ata o outro, na zona que daba aos camiños, na menos defendida. Trala liña superior había unha pequena plataforma e nela aínda se podían ver estruturas domésticas, algunha delas con fragmentos de 70 cms de muro aínda en pé. Un privilexio, despois de 2000 anos, que aínda estean de pé. Visto por riba, lembroume á típica estrutura doméstica de barrio castrexo, con varias dependencias asociadas, pero coa cinza que nos pintaba os pantalóns, os zapatos, a cara, non estou totalmente seguro.

Seguimos andando pola croa. De súpeto, ao mirar para un lado, vin algo. Lembrei a intrigante conversa con Xosé Gago. E tiña fresco o artigo Un templo primitivo en el Coto de Amoreira que o padre Celestino García Romero publicou no ano 1922 no Boletín da RAG, narrando as súas visitas ao lugar recén estreado o século XX. Poucas persoas puideran ver aquelo de novo desde 1910. Xa o padre Romero avisaba que todo se pechara, no seu tempo, de toxo.

–Cando sexa, saberémolo. Será evidente. -lembrei a miña propia frase.

A miña cáscara de protección derrubouse. E achegueime excitado a ver o que estaba vendo.

Esta pedra trapezoidal foi desprazada da súa ubicación orixinal. No centro tiña unha enorme cova circular perfectamente moldeada. Xiro ao redor dela.

“Sé escéptico. Non flipes. Acouga”

Doulle voltas ao redor. É unha pedra traballada polos lados, escarvada no centro, desprazada da súa ubicación orixinal para ser colocada nun punto concreto. Canta un mundo. Pero se só fora iso, dubidaría. Ao facerme unha composición de lugar e aínda fico máis sorprendido. Decátome de que o Coto de Amoreira non ten dúas murallas, como dicía, senón tres. Do estremo oriental, de onde parten as dúas filas grandes, parte unha terceira. O forte desnivel do monte aí, decátome, está recheado. Estou, ao carón da pedra, sobre un terraplén circular, como unha escama que sae dos grandes penedos de atrás. A pedra está no centro e no estremo dun recinto circular, contido cun muro sobre a caída e o resto do castro. Ese espazo pequeno está individualizado con respecto ao resto do recinto. E non hai, aparentemente, ningunha edificación no seu interior. Só esa pedra, nun estremo. Aquí o vedes desde lonxe:

Se vos fixades, á esquerda e á dereita da pía pódese apreciar o muro que se despraza de xeito semicircular. Quen fixo isto, quería acotar ese espazo ao redor da pedra. Aquí tedes a foto en grande para velo mellor.

Nestoutra foto de detalle:

Podedes observar a ubicación da pedra, a plataforma en amarelo, o muro de contención derrubado en vermello e a altura con respecto ao recinto interior do castro (en marrón). Tamén apreciades detrás, en segundo plano, a pista pola que ía o camiño primitivo. A pedra parece estar situada para ser vista polos dous camiños que confluían diante dela. O máis abraiante é que esta disposición da pedra en relación a un recinto coincide coa ubicación da pía labrada do Castelo de Portomeiro, que tamén está no estremo dun recinto rectangular perceptible baixo a frouma. ¿Que raios é isto?

Hai outro detalle: na croa do castro tamén hai, cando menos, un petróglifo dun cérvido, pero non o din atopado. E nun monte case inmediato ao Coto de Amoreira localízase un petróglifo moi especial.

Pensen o que queiran con estes datos, visiten o lugar. Eu teño a certeza de que é algo, pero sen escavar non podemos precisalo de todo. Pero sospeito que, consciente ou inconscientemente, hai cen anos, Celestino García Romero, de algún xeito, tivo razón. Se así fora, o achado sería importantísimo: o primeiro recinto sagrado acoutado dentro dun castro. Obviamente, hai que ser prudente. Pero volo digo para que calibredes a importancia desta cuestión.

Nota: debido a certas condicións especiais de vulnerabilidade da área -especialmente a plataforma, na que se aprecian mesmo algunhas estruturas menores que poderían estar vinculadas á “ara”-, será a segunda vez en Capítulo Cero que non proporcione a localización do xacemento no post, como é habitual. Se alguén quere visitalo, pode pedirme a localización sen problemas por correo electrónico en magago@gmail.com.

19 Comentarios

  1. 29 / Setembro/ 2010

    Por certo, no Coto tamén hai outra cousa moi interesante. Pero esa ímola calar por agora. :-)

  2. Lorena
    30 / Setembro/ 2010

    Para cando a próxima entrega, logo? Estou intrigadísima!!!!

  3. 30 / Setembro/ 2010

    Lorena, este post era o episodio final dos dous que publicamos antonte e onte. ;-)

    Esa “outra cousa” á que me refiro e que non describo, sospeito que tardaremos meeeeeeses en poder entendela. Basicamente, en quince días atopamos en tres xacementos arqueolóxicos distintos e sen escavar, en diferentes partes de Galicia, unha estrutura similar, non documentada bibliograficamente. Así que o máis prudente é agardar e ver se tamén localizamos esa “cousa” en máis sitios ou se é unha consecuencia do Mal das Pías™. ;-)

  4. reflexf4
    30 / Setembro/ 2010

    Dame a impresión, que o mal das pias, e mais
    contaxioso que a gripè aviar…..:-)
    Esperamos ansiosos que transcurran, esos meses vindeiros
    pra descubrirnos que topachedes na moreira…
    Saudos.

  5. siso
    30 / Setembro/ 2010

    Noraboa polo achádego! Paréceme fascinante!

  6. 1 / Outubro/ 2010

    Certamente, o mal das pías existe. Pero neste caso, eu tamén estaría moi mosqueado. sería mágoa que o lume levara por diante algún epígrafe.
    Tamén no recinto do Facho de Donón hai pías, moi perto da parte máis alta do castro, case no seu centro. Seguramente son naturais, pero sendo como é ese castro un santuario de primeira división, é moi doado cair na tentación de pensar que algo hai.

  7. 1 / Outubro/ 2010

    Esperemos que non pasara. No interior da croa sabemos que había, cando menos, o gravado dun cervo, moi machacado, e sería mesmo moi interesante saber se estaba no contexto próximo á área delimitada pola pía e os petóns. Nós fartámonos de buscalo pero nada, aínda non o localizamos. Agardo que non o machacara o lume (se alguén o ve aló, que avise da súa ubicación exacta).

    Como digo, o que me pareceu máis interesante non só é a pedra, desprazada do seu lugar orixinal, senón o feito de estar nunha plataforma claramente individualizada do resto do recinto e as súas dúas murallas. É dicir, a pedra para min está claramente traballada e tocada, pero o máis destacable, desde o punto de vista arqueoloxico, é o feito que está construída sobre un pequeno terraplén deimitado con muros. Ao carón da pedra hai, tamén, unha estraña estrutura circular (pódese ver na última foto, á esquerda da pía), e moi pequena. Non sabemos se é orixinal ou produto da remoción de terra que presumiblemente realizou nesa área o padre Romero ou calquera inspirado despois de ver a un xesuita mandando cavar aí e atender a ver que saía.

    Quero dicir, que hai moita antropización ao redor do pedrolo.

  8. Pancho - Lapatianco
    1 / Outubro/ 2010

    Algúns de nos coido que nos pasamos ca vacina anti “Mal das Pías”, e dubidamos moito. Pero o das fotos é bastante claro que está traballado por algún canteiro(s). Outra cousa é de época eran os callos que tería(n) nas mans.

    Pero o da antropización das mesmas é evidente e totalmente vivo.

    O pasado sábado, con Artabris e outras amigas arqueólogas, fixemos unha nova xuntanza “xantanza” arqueolóxica para visitar o castro de Nostián e algún petroglifo que por alí hai. A verdade que impresiona ver o castro e os penedos xusto na raia entre Coruña e Arteixo, e a escasos 100-200 metros desa xigantesca factoría que é a refinería de Repsol (que vela de noite cas súas luces e lembrar a película de Blade Runner é todo un).

    Pois por alí había un home non moi maior (60-65) que nos contou que no curuto dun dos montes xusto por riba do castro hai dúas pias xuntas. A unha chámanlle (ou chamaban porque agora está todo a toxo) os pés do Demo e ó outro os pés do Señor ou de Deus (que feble é a memoria …). E conta que cando neno ía lindar as vacas e mandábanlle, na pía “do Demo”, botarlle merda. E por contra, deixar sempre limpa a pía “do Señor”.

    Memoria viva a escasos 150 metros no monte por riba do castro de Nostián e a maior industria da cidade.

    Saúdos.

  9. artabris
    1 / Outubro/ 2010

    Magago, a min cas pías pásame outro tanto! porque a ver, penedos, xuntiños, de composición similar… por que unhas teñen pías e outras non??? eh?! por que? pero a que tratas aquí! é a repanocha! se iso non é “algo” antrópico, vamos! que…

    A Pancho-Lapantiaco, teño que facer unha pequeniña corrección, porque o informante dixo “a pegada/patada do demo” e a “pegada/patada de deus” a máis de “o forno do demo” e claro está, “o forno de deus” que haberá que ir ver un día! case envexo o incendio que despexou o castro este!

  10. Pancho - Lapatianco
    1 / Outubro/ 2010

    Qué flebleza de memoria a miña. Pero esto evidencia o devalar dos contos, historias e tradicións e como van mudando e adaptándose ó longo dos tempos ás realidades cotiáns.

    Se xa me trabuco nunha semana por usar só a miña memoria, e non lapis e papel (ou as máis modernas grabadoras de voz e imaxe), canto non cambian cos séculos.

    E estas historias e usos dos fornos ¿non serán unha reminiscencia das que tiñan os castrexos? ¿ou poden ser “novas” por ruptura da transmisión oral nalgún momento?.

    Ummm.

  11. 1 / Outubro/ 2010

    Ai o tema dos “fornos”! Non é un tema doado e tampouco menor, e non controlo eu o abondo del para meterme. Pero seguro que estabas pensando, cando escribías iso, no forno de Santa Mariña de Augas Santas.

    Por certo que por memoria asociativa lembro varios casos nos que os microtopónimos “fornos” (referiríanse moitas veces a antigas explotacións de carbón natural?), está vinculado aos microtopónimos “inferniño”. O do inferniño é algo que tamén me mosquea moito.

  12. 1 / Outubro/ 2010

    Por certo, curiosísimas esas pías preto de Nostián e o ritual asociado a elas. Xa contaredes se nalgún momento aquelo se limpa e se poden ver!

  13. Xacobe
    1 / Outubro/ 2010

    Parabéns polo descubrimento señor Gago!
    :)

  14. 1 / Outubro/ 2010

    Ai, descubrir non creo que descubriramos nada, aínda que si facelo visible novamente, claro: ten en conta que foi o Padre Romero, no ano 22, a primeira persoa que escribiu sobre a cuestión e que intuíu que aquelo podía ser algo “raro”. O máis importante, con todo, é o diálogo entre tempos e coñecementos. O fascinante da arqueoloxía non é só descubrir, senón atopar o camiño que seguiron as ideas culturais ao longo do tempo: dialogar con outras persoas que observaron o mesmo xacemento que ti e contrastar os coñecementos. En Galicia, seguir ese camiño pode levarte nalgúns xacementos a viaxes a través de séculos, mentalidades e intereses. Non é só o xacemento, senón a forma na que se interpretou.

    É magnífico observar este lugar, moi pouco inalterado polo tempo, en dúas olladas en tempos distintos, cen anos despois. Amoreira posiblemente cambiou pouco nese tempo, se cadra os muros fóronse algo máis abaixo (no texto do Padre Romero parece que os muros das casas de arriba estaban máis altos), pero debe seguir esencialmente igual. O curioso do texto de Romero é que el non interpretaba o lugar como “castro”. Hoxe para nós, pola contra, é un castro, con certa claridade.

    Iso pensamos, porque ao mellor tamén estamos confundidos nisto, ou non é un castro no sentido convencional. ;-)

  15. 2 / Outubro/ 2010

    Ben; falemos de conservación…

    Que é o mellor que lle pode pasar a ese achádego? Amosarllo ás autoridades? Agardar que medre a vexetación? ??

  16. 2 / Outubro/ 2010

    Dígoche, ao meu ver, cal debera ser o procedemento ideal:

    a) Unha vez rematado o incendio, os técnicos deberan ter acudido ao castro para realizar unha inspección dos danos causados polo lume no sitio arqueolóxico, que está inventariado e protexido e elaborar un documento sobre as medidas a adoptar para frenar outros danos derivados da perda de vexetación e de rexeneración do espazo. O outro día, o Presidente do Goberno, Feijóo, foi facerse a foto a esta zona para demostrar que se rexeneraban os montes. Pero esquenceuse pasar polo elemento máis valioso de toda a área: este estraño asentamento da prehistoria.

    b) Un técnico en arqueoloxía algo espabilado podería aproveitar para chamar a atención sobre a atipicidade dalgúns elementos deste castro, como é o caso desta plataforma coa pía, facer unha sondaxe avaliativa e en función dos resultados realizar unha excavación de urxencia na área un pouco máis grande (o número de metros cadrados totais é moi reducido), cubrindo o total da zona acoutada ao redor da pía. En 15-20 días de campaña o asunto está feito. Que non apareceu nada relevante? Cando menos seguro que se pode datar a cronoloxía do lugar, que para min aínda non está nada clara. Que está relevante? Búscase quen o poida financiar e continúase no verán, xa nas zonas menos febles e delicadas. O Coto da Moreira pode ser o punto final do Roteiro das Mámoas que anda a promover o concello de Boiro, que completaría así cun espazo espectacular e cun custe económico moi reducido un importante itinerario turístico. Como digo, nas proximidades hai un petróglifo totalmente atípico, posiblemente o máis alto de toda a provincia da Coruña. Non tardarei en sacarlle unhas fotos. A zona ten un potencial enorme.

    Pero sospeito, Manuel, que todo isto non vai ocorrer, a toxeira cubrirá de novo o Coto por 30 ou 40 anos ata que se volva queimar. Por iso é importante deixar constancia de todo isto de xeito público, para que se saiba que é o que fixo cadaquén. Eu, que me dedico a divulgar, fixen o que debía.

  17. rosinha
    8 / Outubro/ 2010

    Puf! Levas unha vida de película!

  18. 8 / Outubro/ 2010

    Máis ben tento ver a vida como unha película. ;)

  19. karl
    11 / Decembro/ 2012

    Vendo o outro día a Amoreira desde abaixo,lembrei deste post. Síntoo por algúns investigadores pacifistas, pero me parece me se alguén instala algo neste escarpado esporón rochoso, é para ter un control sobre o val, sen esquecer as Chans próximas (onde está o gando). É dificilmente inimaxinable que unha construción alí non tivese unha función defensiva/de vixilancia, de dominio. Bob, tamén é posible que buscaran pisos con vistas á ría, pero carallo, que frío!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *