Última actualización o 29 / Setembro/ 2010
Os incendios do verán só teñen de bo unha cousa. Ao final da estación, os afeccionados á arqueoloxía intercambiamos chamadas e correos dando conta dos castros, dólmenes ou petróglifos que ficaron abertos e visibles polo lume e as lapas que limparon a atroz broza de toxo, silveira e xesta que devora e envolve o 70% do patrimonio arqueolóxico do país (estimación optimista). É un pouco voitreo pero é o que hai.
Ao ir á Pobra do Caramiñal pola autovía do Barbanza, ao entrar no val de Cures -despois da saída de Boiro-, os ollos sempre se me van para a miña serra do Barbanza. O espectáculo, tralo verán, é miserable. Unha formidable estensión de ladeiras arrasadas polo lume. Rutinariamente, cun ollo na estrada e outro no monte, recoñezo visualmente os xacementos arqueolóxicos, importantes, que están nestas ladeiras. O Castelo de Vitres, do que xa falei aquí, e do Coto da Amoreira, un importante recinto castrexo pendurado dos Chans do Barbanza. O Coto foi agredido por unha pista forestal o ano pasado: eu presentara unha denuncia na Garda Civil que a Benemérita nunca se dignou contestarme nin informar -vaia servizos que temos, así queren que haxa colaboración cidadá. O Coto, observei desde o coche, tamén está queimado. Unha excitación entroume polo corpo. Nunca vira ese lugar claramente: durante os máis de quince anos que levo visitándoo, sempre o topei cheo de xestas que superaban a miña altura. E sempre me entrou a carraxe: o lugar, desde o punto de vista arqueolóxico, tiña algo especial.
Díxenllo a Xosé Gago. Marqueille a localización no Google Earth. El achegouse un domingo pola mañá e explorou o lugar. Cando saía de aló, chamoume. Na voz -supoño que estaba aínda gabeando polas pedras- percibínlle certa excitación.
-Está limpo polo lume -informoume.
-¿E que? -apremieille.
-Si, acabo de saír de alí. Hai moito cachote, si…e algo máis.
-¿Que máis?
-Um…non cho digo.
-¿Como?
-Mellor que o vexas por ti mesmo. Sube aquí arriba en canto poidas.
-¿Pero non me dis nada? -insistín á desesperada.
Xosé riuse e resistiu o embite.
-Non. Non tardes en subir. En serio.
Eu sospeitaba o motivo de tanto misterio. No ano 1922, no Boletín da Real Academia Galega, un xesuita, o Padre Celestino García Romero, publicou un texto singular. Chamábase Un templo primitivo en el Coto da Amoreira. Lembreino. Aquí pódese ler o facsímile dixital. Trátase dun texto antolóxico para a arqueoloxía barbanzona, posiblemente unha das primeiras mencións a un xacemento da Idade do Ferro na comarca, cando aínda non estaba clara, ou o Padre García non a tiña clara, a noción de castro. Eu non coñecía a ninguén que contrastara o que se contaba naquel texto do ano 22 coa realidade, e cunha ollada 90 anos posterior. O xacemento sempre estivera encerrado nun tremendo e impenetrable mato. Ata a chamada de Xosé.
Por suposto, tardei ben pouco en subir ao Coto da Amoeira, e en toparme de fuciños co que Xosé se calara. Pero iso volo contarei mañá. :-)

Nota: Os que xa o sabedes non me vaiades de sabidillos e non me fagades spoiler. Aviso. :P
Que interesante!
Xa esta tardando!!!!!!
Que misterio!!!
Devezo por que o desveles.
;)
Xacobe, xa o contei:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/09/29/coto-da-amoreira-o-lume-que-nos-desvela-un-misterio/
;)