O concello de Palas de Rei ‘fusílame’ contido sobre o Castelo de Pambre
Mira que desde decembro de 2003 Sole e máis eu temos publicado inxentes cantidades de contido en Capítulo Cero. Fotografías, textos, vídeos e outros materiais. Desde o principio, tamén, Capítulo Cero está dispoñible baixo unha licenza Creative Commons: cremos na filosofía da distribución sinxela e aberta do contido. Calquera, se non ten ánimo de lucro, pode copiar e republicar o contido noutros lugares simplemente mantendo a integridade do contido, citando a autoría. E xa está.
En todos estes anos nunca tiven nin o máis mínimo problema por esta cuestión. Creo que o feito de estar publicado o contido en galego foi tamén unha protección ante moito pirata dos contidos que construía sitios automatizados da nada a partir do RSS dos outros -un problema clásico para os blogs gastronómicos- coa esperanza de que lle caeran clicks do Google Adsense do céo. Ao estar en galego, non lles valía para os sitios en castelán. E, ao fin e ao cabo, os blogs en galego coñecémonos case todos, a ver quen vai andar piratando. Sole si tivo algún pequeno problema con algunha foto, pero nada importante.
É dicir, en sete anos practicamente todas as persoas que colleron contido de Capítulo Cero fixérono cumprindo escrupulosamente as condicións. Unidades didácticas, revistas veciñais, blogs, televisións culturais sen ánimo de lucro. A aquelas entidades con ánimo de lucro (medios, empresas, editoriais, adegas, revistas, restaurantes, etc.) que quixeron publicar algo meu puntualmente, eu lles permitín republicar o material sen custe algún. A maiores, quen tiña cultura de Internet, ligaba directamente tamén ao contido en Capítulo Cero. O acordo beneficia a todos. Por iso eu son un gran defensor de Creative Commons.
Pero tiñan que chegar as institucións públicas.
Un bo amigo con mellor memoria envioume esta foto hoxe:

Trátase do panel de interpretación que está á porta do Castelo de Pambre, recén aberto ao público mercé a un acordo coa orde relixiosa que é a propietaria actual do inmoble. Á dereita aparece este infográfico, sen acreditar.

Quedei pampo. No 2006 publiquei un post chamado No interior do Castelo de Pambre. Grazas ao caseiro do castelo, puidemos entrar no inmoble e fotografalo con detemento. Ata hai uns meses, a colección fotográfica que publicamos de Pambre foi a única referencia do interior deste lugar emblemático que había en Internet, un contido moi demandado polos usuarios. Hoxe, despois de abrirse o castelo, segue a ser o pool de fotografías máis detallado que hai na rede sobre o interior desta icona do noso mundo medieval. Canda a ela, fixen un pequeno gráfico 3D en Sketchup que pretendía traducir a volumes tridimensionais o que eu vin dentro do castelo, iso que tanta xente se preguntaba. No post adxuntei varias capturas do infográfico. Entre elas esta, que vese que lle gustou moito ao responsable de deseñar os contidos do panel de interpretación :

Cabreeime moito. Pero non porque non tiveran a decencia de citar a fonte orixinal (que tamén, porque alguén cobrou por deseñar ese cartel e seguramente o incrustou alí pensando «voy a meter un 3D para quedar bien»), senón sobre todo pola trapallería do asunto: o trapallismo é un clásico municipal galego. O que eu fixen en 3D foi un boceto, un rascuño. O mesmo que fas nunha servilleta pero en 3D, para amosarvos o que estaba prohibido ver dun xeito rápido e visual. Ten a finalidade que ten: explicar o visto, nada máis. Non é un modelo nin detallado nin preciso, carece das proporcións axeitadas, de detalles significativos e propón interpretacións que hai que verificar máis en detalle sobre o terreo. Non pode figurar nun panel interpretativo.
O que amosa isto é o desleixo do deseñador dos contidos dese panel, ao que lle dá igual o que alí se meta ou se poña e quen o fixera. De feito, se mirades o croquis que aparece ao carón do infográfico no panel, hai numerosas variantes con respecto ao meu modelo. Normal: o meu modelo non pretendía ser exacto. E iso era evidente. Pero non para o concello de Palas de Rei.
















alomenos trocalle a perpectiva! (e unha brincadeira de deseñador;)
Non, agora en serio…
O mínimo unha mención e un pidir un permiso pra reproducir… coma pertencente o gremio de «deseñadoresdepaneisinformativosedemáis» seméllame un desleixo cara ó traballo de outro…
Tamén é moi triste que o concello non doase información, estudos e planos pra un traballo máis en profundidade (en 3D refírome)…
Representativo destes tempos que corren; pouca investigación e creatividade, moito «Cámbiale un par de detalles y no te comas el coco»
Por suposto, de patexar toxos nen falar!:)
Un saúdo.
Alucinante, algúns non teñen vergoña nin a coñecen. Que rigor!
Querido Manuel, normalmente non vale a pena , pero eu reclámaballe e poñíaos en evidencia
Xa sabemos que non consola, pero nós ata vimos párrafos enteiros publicados en Certo -dos de elaboración propia- en mocións de políticos presentadas no Parlamento!
Entendemos o teu cabreo: o Sketchup parece que non, pero tíraste tempo para facer algo. E que logo outro veña e…
En canto ao trapallismo como clásico municipal galego… Se lestes a bitácora Arqueoneixón hoxe, aí tes outro caso en Boiro ben clariño!
Un traballo sobre o castelo de Pambre!! o soño de calquer… mesmo sen medios haberia pra rachar con todo! qué magoa! que falla de ambición e imaxinación!
mas isso terá-o feito umha empresa, nom? Ou foi o concelho directamente? Eu pedia-lhe responsabilidades…
Si, a miña idea é falar co concelleiro de cultura de Palas -non sei quen é- para trasladarlle as miñas queixas, así como remitir un correo formal ao alcalde. Insisto, non tanto porque se apropiaran do traballo dun senón pola desfachatez de ter tan pouco coidado á hora de representar cun rascuño aproximado o castelo que ten enfronte. Dáme igual que fose unha empresa: quen asina o cartel é o concello de Palas de Rei. El é o responsable desta cuestión.
Sei ben que non vai valer para nada se non inicio un proceso xudicial, pero as cousas quedan escritas.
Outra mostra máis da mediocridade dos que xestionan a cultura neste país, e dos enchufados que contratan para este tipo de traballos.
Apertas,
Cástor
Vaya morro!!!!
En fin: a ver que se pode esperar dos que non teñen por que saber…
Mal de moitos…
Hoxe, tomando o café, vin que publicaron na edición en papel de «A Nosa Terra» unha imaxe da miña autoría. As veces é sorprendente a vida que teñen as imaxes…
Enténdote moi ben, Manuel. A min pasoume o mesmo: noutro concello da provincia de Lugo fusiláronme texto e ata fotografías dun libro, para poñelas nun panel informativo como o que sae nas fotos. Así, a cañón, sen importar nin quen o fixo nin en que contexto. No panel, nin unha soa referencia (seguramente, tampouco saben o que é iso) ao autor; agora ben, na parte inferior, logos de concello, deputación, inludes, xunta, fundación comarcal, unión europea… A cal deles pido contas?
O que non entendo é como nos asombramos de tanto chafallada. Porque a ver en que cabeza colle que un poida ser aquí alcalde ou concelleiro sen ningún tipo de esixencia dunha formación mínima ou específica que o prepare e o acredite como apto para o cargo. O 95% dos políticos cobran por cousas que non saben facer. E así nos vai…
Falei co concello de Palas hoxe á mañá. Os carteis son da Deputación (parece ser) pero o infográfico 3D tamén aparecía no folleto que dá o concello aos visitantes de Pambre. Pediron desculpas e comprométense a retirar os folletos, o cal agradezo. Faltan os paneis. Na Deputación non din contactado aínda cos responsables, pero o luns falarei con eles.
Como quero deixar claro, o problema non é que apareza o meu nome ou non: é o prexuízo indirecto cara min. Cando a xente busca o castelo en internet, ese post meu é o primeiro que aparece, porque está moi vinculado desde outros blogs e sitios web. Non quero que os visitantes de Pambre pensen que fun eu quen fixen eses paneis informativos, e que me esforcei tan pouco. O gráfico non estaba para meter nun panel.
justo é isso: mas que questom de nomes, é questom de responsabilidades. cadaquém deve responder por aquilo que faz, nem mais nem menos, e nom pringar/luzir-se com cousas que nom faz ou permanecer alheio a cousas que sim acomete.
Isto merece figurar coas traducións «robóticas» ao inglés dos paneis informativos do casco histórico de Betanzos. ;-) (De risa era o que reproducía unha fotografía da Casa Gótica en pé fronte ao solar baleiro onde se erguía ata que o propio dono a derrubou… ese cartel xa o quitaron).
Vaia!!!.
Agora decateime de onde raio vira eu antes ese boceto!!.
Fai un mes, cando visitei o Castelo por dentro, e vin este 3D nos folletos que repartían soábame tanto que non atinei a ubicar o momento e lugar.
Xa sabes como ven sendo a Administración…
Xa que Fraga fala de traducións robóticas, velaquí outra mostra de «trapallismo autonómico» (que non ten maior rango, pero se cadra máis desvergoña):
http://www.xornal.com/artigo/2010/07/17/politica/desvan-monjes-calle/2010071622034002999.html
Arrapiñar! Todo un clásico! No meu caso, a mín empregaronme algunha foto para os cursos de verán dalgunha Universidade galega fai uns anos. Logo de chamar e falar con xan e perican, botaronlle a culpa ó becario! Eso que eu só queria que se lle puxera por baixo a miña autoria, nin máis nin menos!
É inconcebible que a unha empresa lle paguen 140.000 euros por facer 13 carteis e tres pantallas táctiles e sexan tan TAN TAN INCOMPETENTES que nin sequera sexan capaces de facer un traballo sen piratear a ninguén.
No cartel dos petroglifos do Farelo hai fotos miñas, coa miña autorización. Pero isto non teu nome, bueno, si o ten chámanse INECO.
Mamaiña… só hai que ver a páxina, semella unha seita de maos deseñadores…
Se fose un traballo feito polo «sobriño» de alguén co seu PC pra arrapañar uns euros… pero 140.000 euros por 13 paneis e unhas pantallas tactis!.
Ademáis da falta de profesionalidade, cheira a prevaricación.
E aínda teñen os ovos (iso queda claro, mirade a web) de ofertar un banco de imaxes!!
E namentres algúns sen traballo…
A ver… eu sinxelamente poríame en contacto co concello e os amenazaba coa SGAE, soio mencionala seguro se acollonaban, xa que de seguro o cartel sae co seu membrete e por tanto os responsables son eles.
Pero se isto non funcionaba eu o teño claro, eu ia cunha chave inglesa e desmontaba ditos carteis, a ver se os volvian a meter………..
[...] de Capítulo Cero, no que Manuel Gago se laiaba, porque no propio Castelo, nun panel infográfico, fusiláranlle sen citalo unha planta que el mesmo recoñecía como hipotética, acientífica e feita ás présas para ilustrar unha entrada do blog. O problema xa non é o plaxio [...]